A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan as VI Xornadas "Educación e Linguas en Galicia. 10 anos do Decreto do Plurilingüismo", que terán lugar os días 7 e 8 de novembro de 2019 na Facultade de Ciencias da Educación da USC. Os obxectivos son coñecer o alcance e implementación deste decreto nos centros educativos, valorar a consecución das competencias lingüísticas por parte do alumnado e reflexionar sobre a capacitación lingüística dos futuros profesionais do ensino. O prazo para formalizar a inscrición remata o 5 de novembro de 2019.
14/10/2019. CURSOS E CONGRESOS
14/10/2019. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presenta a obra Termos esencias de logopedia e audioloxía galego – español – inglés, autoría de Ana Isabel Codesido García e Xusto A. Rodríguez Río. Trátase dun glosario trilingüe que compila os nomes de arredor de 1000 conceptos do ámbito da logopedia e a audioloxía (trastornos de voz, da linguaxe, da fala e da audición; instrumentos para o seu diagnóstico e terapias que se lle aplican). O obxectivo da publicación é que os estudosos e profesionais destas áreas teñan ao seu dispor ferramentas terminolóxicas que lles faciliten a elaboración dos seus traballos ou o exercicio da súa profesión en lingua galega. Para ampliar información, preme aquí.
14/10/2019. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística e o Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames presentan a segunda edición do premio Lingua e Empresa do Concello de Ames, co obxectivo de promover o galego na actividade económica e premiar o compromiso coa nosa lingua das empresas que teñen a súa sede social ou un centro de actividade neste municipio. O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros, ademais dunha campaña de difusión da empresa gañadora na Radio Municipal de Ames. O prazo de presentación de candidaturas rematará o 30 de outubro de 2019. Para ampliar información, preme aquí.
11/10/2019. DINAMIZACIóN
O sábado 9 de novembro, ás 18:00 h, terá lugar no Auditorio Constante Liste (A Ramallosa, Teo) unha nova edición do LGx15, un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, no que a través de charlas breves, diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír na conciencia e nas actitudes lingüísticas dos falantes, e polo tanto, no futuro do galego. Nesta edición participarán Alba Mancebo, Dhaunae De Vir, Suso López, Emilio del Río, Xoana, Alba Rodríguez Carrera, Roberto Rivas e Rosa Aneiros. A presentación e a actuación musical correrá a cargo de Carlos Meixide e Tomás Lijó, “Os da Ría”. As entradas poden adquirirse de forma anticipada en Internet, en A Reixa Tenda en Santiago de Compostela e na Librería d´Ana en Teo (6 euros), ou o mesmo día na billeteira (10 euros).
11/10/2019. CURSOS E CONGRESOS
O grupo de investigación GRADES da Universidade de Vigo organiza o Simposio internacional “De neofalante potencial a falante activa dunha lingua minorizada”, no que se debaterá sobre o rol do neofalante como suxeito crucial no presente e no futuro das linguas minorizadas. As sesións terán lugar os días 17 e 18 de outubro de 2019 na Universidade de Vigo. Para coñecer o programa completo do simposio ou obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
10/10/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza o simposio “Lingua, patrimonio e coñecemento tradicional”, co obxectivo de poñer en valor o noso patrimonio inmaterial e subliñar a necesidade da súa recollida, protección e desenvolvemento, con especial atención ao patrimonio da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. As sesións desenvolveranse os días 5, 6 e 7 de novembro de 2019 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. Esta actividade forma parte da oferta formativa do CAFI para o curso académico 2019/2020. O profesorado que desexe asistir ao simposio ten de prazo para formalizar a súa inscrición ata o 21 de outubro. O resto dos asistentes poden inscribirse ata o 27 de outubro. Podes ampliar información premendo aquí.
03/10/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Sindical Galega de Guionistas convoca a primeira edición do Premio AGAG de guión en galego para longametraxe, dirixido a autores/as maiores de idade, de calquera nacionalidade, que residan no territorio español. Os guións deben estar redactados en lingua galega e estar destinados a longametraxes de ficción. A temática é libre, mais valorarase que a acción transcorra en Galicia. O premio ten unha dotación económica de 2.500 euros. O prazo de presentación de guións remata o 1 de decembro de 2019. Podes consultar as bases completas do premio premendo aquí.
30/09/2019. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en diferentes proxectos de investigación. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha para o proxecto “Variación e cambio nos dominios galego e portugués no século XX: análise da fala rural a partir de materiais xeolingüísticos”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de nove meses, cunha xornada laboral a tempo parcial (25 horas semanais). O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de outubro de 2019. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
27/09/2019. INVESTIGACIóN
O Instituto Galego de Estatística (IGE) presenta os datos sobre coñecemento e uso do galego extraídos da Enquisa estrutural a fogares de 2018. En termos xerais, non se perciben nestes últimos cinco anos grandes mudanzas, con respecto á Enquisa de 2013. O 30,57% da poboación de Galicia afirma falar sempre en galego (0,63 puntos menos ca en 2013), un 21,72% afirma falar máis galego que castelán (1,43 puntos máis ca en 2013), un 23,32% afirma falar máis castelán que galego (1,06 puntos máis ca en 2013) e un 24, 40% afirma falar sempre en castelán (1,85 puntos menos ca en 2013). Mantéñense tamén as grandes desigualdades de usos segundo a idade da poboación, resultando especialmente preocupante na franxa de entre 5 e 14 anos, onde só o 26,12% da poboación fala “só galego” ou “máis galego que castelán”. No web do IGE podes acceder á totalidade dos datos de xeito detallado ou, se o prefires, á versión resumida.
26/09/2019. OUTRAS
Desde 2001, por iniciativa do Consello de Europa, cada 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, co obxectivo de poñer en valor a diversidade lingüística do continente europeo e fomentar a aprendizaxe de linguas entre a cidadanía. Diferentes institucións e entidades asociativas de toda Europa participan nesta celebración. En Galicia, institucións coma a Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Consello da Cultura Galega, o Parlamento de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Fundación Rosalía de Castro celebrararon conxuntamente esta data no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela, cun recital poético multilingüe no que estudantes Erasmus e peregrinos chegados de toda Europa leron no seu idioma textos de Rosalía de Castro escritos orixinariamente en galego.
20/09/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza o XVIII Concurso de Relato Oral “Tíralle da Lingua”, dirixido á comunidade educativa co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia. O prazo de inscrición remata o vindeiro 19 de novembro de 2019. A fase final do concurso celebrarase o xoves 28 de novembro en Santiago.
20/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo convoca unha nova edición do curso Achégate ao galego!, dirixido a todas aquelas persoas, de dentro e fóra de Galicia, sen apenas coñecementos do idioma, ou cun dominio básico, que queiran ampliar os seus coñecementos lingüísticos. As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2019. As persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición cubrindo o formulario accesible no web do SNL. Para ampliar información sobre as datas de realización e mais o programa do curso, preme aquí.
18/09/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a vixésimo sexta edición dos Premios de Publicidade en Galego. Establécense cinco premios, un por cada unha das seguintes categorías: radio, televisión, Internet, prensa escrita e un extraordinario para proxectos elaborados polo alumnado de centros educativos. O prazo de inscrición e de presentación dos traballos está aberto ata o 18 de outubro de 2019. Para consultar bases completas preme aquí.
18/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela organiza a XII Xornada "Os recursos educativos en galego”, que nesta edición se centrará na educación científica e a conexión coa natureza. O obxectivo é dar a coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega nesta área temática e promover a creación doutros novos adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia. A xornada terá lugar o 8 de outubro de 2019 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Norte). O prazo de matrícula remata o 7 de outubro.
18/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza o Curso de literatura de transmisión oral “Somos herdeiros”, dirixido a persoas maiores de 16 anos. O curso, de 20 horas de duración, está deseñado para difundir e poñer en valor o noso patrimonio oral (cantigas, refráns, lendas, contos...). As sesións terán lugar os martes e xoves do mes de outubro no Auditorio Mar de Vigo, de 18:00 a 20:00 horas. A inscrición é de balde. Para ampliar información preme aquí.
17/09/2019. INVESTIGACIóN
Hoxe, martes 17 de setembro, ás 19:30 h, terá lugar no Mosteiro de Santa María de Montederramo a presentación da obra “Mosteiro de Montederramo. Colección documental e índices”, autoría de Ramón Lorenzo. A obra contén preto de dous mil documentos do período que abrangue entre os anos 1124 e 1560, así como dous longos apéndices con dúas cartas executorias. No acto intervirán Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; Antonio Rodríguez, alcalde do Concello de Montederramo; Xosé Luís Regueira, director do Instituto da Lingua Galega, e Ramón Lorenzo, autor do volume. Podes ampliar información premendo aquí.
17/09/2019. DINAMIZACIóN
O Campus Terra e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentan a cuarta edición de “DivulgaTerra. Petiscos de divulgación científica”, unha iniciativa deseñada para darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polos investigadores/as do Campus Terra e promover a utilización do galego como ferramenta para a comunicación científica. As sesións terán lugar no mes de novembro na Casa do Saber (Vicerreitoría do Campus de Lugo). O prazo de inscrición remata o vindeiro 25 de outubro de 2019.
17/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O SNL da Mancomunidade de Concellos de Ordes organiza sesión formativas para a preparación das probas Celga (niveis 2 e 4) que convocou o pasado 10 de setembro a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Estas sesións terán unha duración de 20 horas e desenvolveranse entre o 8 de outubro e o 7 de novembro. Poden asistir todas as persoas interesadas que estean empadroadas nalgún dos concellos da Mancomunidade nos que o SNL presta o seu servizo (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Tordoia e Trazo). O prazo de inscrición remata o 3 de outubro. Para resolver calquera dúbida ou ampliar información podes contactar co SNL da Mancomunidade.
17/09/2019. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do II Premio “Luís Porteiro Garea” acordou entregar o galardón desta segunda edición ao catedrático emérito de Dereito Mercantil Xosé Antón Gómez Segade, polo seu compromiso coa lingua galega nas súas facetas de investigador e transmisor do coñecemento do dereito. A Universidade de Santiago de Compostela outorga este premio, que ten carácter de distinción, para recoñecer publicamente o traballo de persoas ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. Podes ampliar esta información premendo aquí.
13/09/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) anuncia o acto de entrega dos Premios Mil Primaveras 2019, promovidos por esta mesma entidade co obxectivo de recoñecer e difundir iniciativas, campañas ou proxectos destinados ao fomento do galego e ao incremento do seu uso e prestixio. Os seis proxectos escollidos polo xurado recibirán como galardón unha peza artística de barro de Buño acabado en esmaltes cerámicos, autoría de Nahuel Pérez. O acto, que estará conducido polos regueifeiros Lupe Blanco e Luís O Caruncho, terá lugar o vindeiro 21 de setembro, ás 11:30 h, na Sala de Congresos do Pazo da Cultura de Pontevedra. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. Para ampliar información preme aquí.
10/09/2019. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2 e 4). As probas realizaranse na segunda quincena de novembro de 2019 en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
06/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organizan as I Xornadas de toponimia no ensino, dirixidas ao profesorado dos centros de ensino de Ames. O obxectivo é que os docentes poidan empregar o patrimonio toponímico como ferramenta pedagóxica e como recurso para a normalización lingüística. As sesións desenvolveranse durante os días 18, 19 e 30 de setembro de 2019 no Pazo da Peregrina (Bertamiráns). O prazo de inscrición remata o vindeiro 11 de setembro. Para coñecer o programa completo e o procedemento da inscrición, preme
aquí.
aquí.
04/09/2019. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición dos Obradoiros de Lingua e Cultura “En galego, co teu acento!”. Os obradoiros están dirixidos preferentemente a persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames e, en xeral, a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galegas. As sesións desenvolveranse nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de outubro e novembro. O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de setembro de 2019. Podes ampliar información premendo aquí.
28/08/2019. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega organiza, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, a cuarta edición da Xornada de Onomástica Galega, que terá lugar o 19 de outubro de 2019 no Museo de Pontevedra. A xornada, coordinada por Ana Boullón e Luz Méndez, centrarase nesta ocasión nos nomes das rúas. A entrada é libre ata completar aforo. O prazo de inscrición remata o 15 de outubro. Para ampliar información, preme aquí.
26/08/2019. CURSOS E CONGRESOS
A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2019/2020. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o 2 ata o 11 de setembro de 2019, para os cursos do primeiro cuadrimestre, e desde o 30 de decembro de 2019 ata o 10 de xaneiro de 2020, para os cursos do segundo cuadrimestre. Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
06/08/2019. AXUDAS E PREMIOS
A CTNL publica a documentación asociada ás iniciativas merecedoras de recoñecemento na primeira edición dos Premios Mil Primaveras. Para a concesión dos premios, establecéronse as seguintes categorías: proxecto novo; proxecto estabilizado; mellor comunicación e impacto; máis innovador; fomento do galego na infancia e/ou mocidade e fomento do galego nun ámbito sectorial. Accede a toda a información detallada no seu web.
31/07/2019. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Igualdade presentan este novo proxecto que combina a dinamización lingüística coa sensibilización fronte á violencia de xénero. Nós Contra a Violencia ofrece recursos e actividades, aptos para todos os públicos, que irán aumentando ao longo do ano. O programa vaise desenvolver a través dos concellos integrantes da Rede de Dinamización Lingüistica.
23/07/2019. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado presentan a oitava edición do programa O galego campa, deseñado para favorecer o uso do galego nos campamentos de verán da Xunta de Galicia e facilitarlle ao monitorado formación e recursos en lingua galega. A maiores, este ano desenvolverase tamén a dinámica "Canto te quero: conversas en grupo para falar de amor", co obxectivo de introducir entre a mocidade a reflexión sobre a igualdade entre homes e mulleres, a educación para a paz e a prevención da violencia de xénero. O programa desenvolverase en 22 campamentos entre o 20 de xullo e o 8 de agosto de 2019. Para obter máis información sobre a iniciativa ou acceder ao repositorio de materiais didácticos, preme aquí.
17/07/2019.
A revista dixital de sociedade Vinte presenta unha breve peza documental de 15 minutos de duración sobre os usos lingüísticos da xente nova. En Vinte falando diferentes persoas pertencentes ao “universo Vinte” (deseño, edición, música, audiovisual, xornalismo, deporte...) reflexionan sobre os seus usos lingüísticos persoais, así como sobre a situación do idioma galego nos seus lugares de residencia e nos sectores profesionais nos que traballan.
17/07/2019. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura e Turismo publica a resolución da convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Para coñecer a listaxe de beneficiarios, preme aquí.

