Novas da lingua

Rexistros2131 a 2160 de 5280
02/11/2018. DINAMIZACIóN

Programa de divulgación científica en galego nas bibliotecas públicas

As consellerías de Cultura e Educación organizan unha nova edición do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas, co obxectivo de difundir a divulgación científica en galego en todas as bibliotecas públicas e escolares. Igual ca en edicións anteriores, o programa de actividades está acompañado polo manifesto dun científico/a galego/a e nesta edición asínao Luís Navarro, profesor de Bioloxía na Universidade de Vigo e membro do grupo Divulgare. A maiores, tamén se elaborou un sitio web cunha compilación de materiais didácticos en galego de temática científica e mais unha colección de imaxes en Pinterest coas portadas de libros informativos de interese para as bibliotecas escolares.
31/10/2018. LEXISLACIóN

A Mesa transmítelle ao Consello de Europa a vulneración dos dereitos lingüísticos dos/as galegos/as

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta publicamente o Relatorio sobre a aplicación en Galiza da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias (2014-2016), un documento que será tido en conta, xunto coas achegas que formulen outras entidades, para a elaboración do Quinto informe sobre o cumprimento en España da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias, que o Consello de Europa emitirá en 2019. Neste relatorio, tras sinalar os diferentes incumprimentos do articulado da Carta, a Mesa conclúe que “tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal do galego”. Para ampliar esta nova preme aquí. Se o desexas, tamén podes consultar os informes anteriores do Consello de Europa en relación ao cumprimento deste tratado internacional.
31/10/2018. CURSOS E CONGRESOS

O Centro Ramón Piñeiro conmemora os seus 25 anos de investigación lingüística

No marco dos actos de conmemoración do seu 25 aniversario, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades organiza a xornada “O Centro Ramón Piñeiro e a investigación lingüística”, que terá lugar o vindeiro 14 de novembro de 2018 no pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. O obxectivo da xornada é poñer en valor os diferentes proxectos lingüísticos desenvolvidos polo Centro nos seus 25 anos de traxectoria. Podes obter máis información sobre o programa da xornada e os trámites de inscrición premendo aquí.
31/10/2018. DINAMIZACIóN

Concurso-Exposición Letras Galegas 2019

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso-Exposición Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2019, Antón Fraguas Fraguas. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. Outorgarase un premio en metálico de 2.000 euros para cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de xaneiro de 2019. Para obter máis información, preme aquí.
26/10/2018. DINAMIZACIóN

Vinte concellos galegos impulsan a Asemblea de Entidades Locais pola Lingua

Vinte concellos galegos anuncian a futura creación da Asemblea de Entidades Locais pola Lingua. Trátase de entidades locais que xa viñan traballando xuntas en diferentes proxectos de normalización lingüística (como Apego, Youtubeir@s ou Club de debate) e que agora deciden dar un paso máis na formalización deste traballo colaborativo. A asemblea, aínda en proceso de creación, está aberta a novas incorporacións, de feito, os promotores enviarán convite formal a todos os concellos galegos e deputacións para que se sumen ao proxecto. O requisito é desenvolver políticas de normalización lingüística e contar no organigrama cunha unidade técnica para executalas. Podes ampliar información premendo aquí.
26/10/2018. DINAMIZACIóN

Preséntase a programación de outono do programa Vigo Arrólate

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa "Vigo Arrólate", deseñado para fomentar a transmisión do galego no ámbito da familia. O programa, dirixido a bebés e ás súas familias, inclúe contos, música e actividades formativas, que se desenvolverán neste último trimestre do ano 2018. No web do SNL de Vigo podes consultar un adianto da programación de outono, así como unha sinopse das diferentes actividades.
25/10/2018. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego para o persoal da Administración Xeral do Estado

O Instituto Nacional de Administración Pública (INAP) convoca actividades formativas para a aprendizaxe e perfeccionamento do catalán, éuscaro, galego e valenciano, dirixidas aos empregados da Administración Xeral do Estado (funcionarios/as, persoal laboral e estatutario), co ánimo de mellorar a súa competencia lingüística e garantir deste xeito os dereitos lingüísticos da cidadanía. Os cursos realizaranse na modalidade en liña, entre o 14 de xaneiro e o 13 de setembro de 2019. Para participar nos cursos de galego ofértanse 625 prazas. O prazo de inscrición é de 10 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
24/10/2018. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a resolución das axudas concedidas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego. Para consultar a listaxe de beneficiarios/as, preme aquí.
22/10/2018. DINAMIZACIóN

O galego, un patrimonio que debes deixar en herdanza

Co gallo da celebración o vindeiro 2 de novembro do Día de Defuntos, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL) convida, un ano máis, a todos os concellos galegos a festexar o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, galeguizando as rotulacións dos cemiterios e colocando placas conmemorativas. Os promotores da iniciativa tamén están a difundir nas redes o vídeo “Deixa en herdanza a túa lingua”, para animar a recuperar a antiga tradición das mandas testamentarias. Podes ver algúns exemplos destas mandas no libro “En galego, agora e sempre”, editado pola AFNL en 2008, no que diferentes persoas manifestan as súas últimas vontades con respecto á lingua.
19/10/2018. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre os recursos en galego para a educación musical

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organiza a XI Xornada "Os recursos educativos en galego”, que nesta edición estará centrada na educación musical. O obxectivo é dar a coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega no ámbito da educación musical e promover a creación doutros novos adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia. As sesións desenvolveranse o mércores 21 de novembro de 2018 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación. Para ampliar información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.
19/10/2018. DINAMIZACIóN

Comeza a segunda edición do programa Toponimízate

A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan a segunda edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, que ten como obxectivo preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego. No marco desta iniciativa, entre outubro e decembro de 2018 desenvolveranse unha serie de charlas divulgativas en 15 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia. Nestas charlas, o técnico do Seminario de Onomástica da RAG, Vicente Feijoo, ofrecerá información sobre a orixe e o significado dos topónimos de cada concello. Os asistentes tamén poderán familiarizarse con ferramentas coma o Buscador de topónimos, que permite localizar a microtoponimia recollida ata o momento, ou coa futura aplicación colaborativa “Galicia nomeada”, coa que calquera cidadán poderá xeolocalizar aqueles microtopónimos que aínda non están recollidos. Para obter máis información, preme aquí.


19/10/2018. CURSOS E CONGRESOS

Denver acolle o III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos

Onte, 18 de outubro de 2018, inaugurouse en Denver (Colorado) o III Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, coorganizado pola Regis University, a Metropolitan State University of Denver e o Colorado College. Este simposio, que leva por título “Os estudos galegos rumbo ao oeste. A lingua e a cultura galegas na encrucillada”, reunirá ata o vindeiro día 20 de outubro estudosos norteamericanos, galegos e internacionais para establecer un diálogo interdisciplinar arredor da lingua, literatura, cultura e identidade galegas.
18/10/2018. INVESTIGACIóN

A USC edita un glosario de dereito laboral e da seguridade social

A Comisión de Normalización Lingüística (CNL) da Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC presentan a obra Termos esenciais de dereito laboral e da seguridade social, un glosario trilingüe (galego-español-inglés) no que se compilan máis de 1.000 conceptos do ámbito do dereito do traballo e da seguridade social. Con esta obra péchase a colección de vocabularios básicos do dereito da que tamén forman parte outros títulos relacionados co
dereito constitucional, penal, internacional, civil, administrativo e mercantil.
17/10/2018. OUTRAS

Publícanse as datas de realización das probas Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística anuncia as datas de realización das probas para a obtención dos certificados de lingua galega, niveis Celga 2 e 4, que foron convocadas ao abeiro da resolución publicada no DOG do pasado 14 de setembro. Estas probas realizaranse o 17 de novembro de 2018 (Celga 4) e o 24 de novembro de 2018 (Celga 2).

15/10/2018. DINAMIZACIóN

Volve o LGx15 con novos argumentos para o futuro do galego

O vindeiro 15 de novembro, ás 18:00 h, terá lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela unha nova edición do LGx15, un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, no que a través de charlas breves, diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír na conciencia e nas actitudes lingüísticas dos falantes. Nesta edición, as intervencións correrán a cargo de Ruth Caramés, Xema Varela, Mercé Barrientos, Manolo Maseda, Javier Balea, Inma Gil Rosendo, Eira Losada e Aquel-e. Das presentacións ocuparanse as regueifeiras Alba María e Lupe Blanco. O acto contará tamén coa actuación musical de Brais Morán. As entradas poden adquirirse no web da Sala Capitol ou na Tenda A Reixa.
11/10/2018. CURSOS E CONGRESOS

A Deputación da Coruña organiza as xornadas “Malas linguas”

Dirixidas principalmente ás persoas que traballan no ámbito da normalización lingüística e das políticas públicas, as xornadas Malas Linguas centraranse en deseñar estratexias para activar os/as falantes do século XXI. O programa estrutúrase en catro sesións, que se celebrarán entre outubro de 2018 e abril de 2019. A primeira sesión terá lugar o vindeiro 23 de outubro no Pazo de Mariñán (Bergondo) e xirará arredor da lingua, o discurso e as políticas públicas. Nas seguintes, os fíos condutores serán a transmisión familiar do idioma (29 de novembro de 2018), a transmisión en contextos externos ao ámbito familiar (1 de marzo de 2019), e a lingua e os xéneros (19 de abril de 2019).
03/10/2018. CURSOS E CONGRESOS

III Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega organiza, coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, a terceira edición da Xornada de Onomástica Galega, que nesta ocasión se centrará nos alcumes. A xornada terá lugar o 20 de outubro de 2018 no Museo de Pontevedra. A entrada é libre ata completar aforo. Para ampliar información, preme aquí.
03/10/2018. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o II Premio Luís Porteiro Garea

A Universidade de Santiago de Compostela convoca o II Premio Luís Porteiro Garea, co obxectivo de recoñecer publicamente o traballo de persoas, entidades ou colectivos que traballan a prol do uso do galego na universidade, e ao mesmo tempo, homenaxear a figura deste profesor de Dereito Civil que pronunciou en 1915 a primeira lección en galego no ámbito universitario. O premio ten carácter de distinción pública e consistirá nun elemento simbólico de tipo artístico. O prazo para presentar as candidaturas remata o 15 de novembro de 2018.
03/10/2018. CURSOS E CONGRESOS

Simposio sobre as variedades lingüísticas da Península Ibérica


O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o simposio “Variedades lingüísticas en contacto na Península Ibérica”, onde se abordarán desde diferentes perspectivas (social, lingüística, etnográfica, histórica, etc.) as situacións de contacto entre as diferentes linguas que conviven na península. As sesións desenvolveranse os días 12, 13 e 14 de novembro de 2018 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o 10 de novembro ás 12:00 horas.
02/10/2018. OUTRAS

Leve incremento do número de libros editados en galego

O Ministerio de Cultura e Deporte presenta os datos da Panorámica da edición española de libros do ano 2017. No que respecta aos libros publicados en galego, os datos constatan un aumento do 6,4% (1.288 títulos en 2017 fronte aos 1.211 títulos en 2016), reverténdose así o descenso continuado que se viña producindo desde 2014. No que respecta aos títulos traducidos ao galego, os números non son tan favorables (42 títulos en 2017 fronte aos 54 títulos en 2016), constatándose un descenso dun 22,2%, máis acentuado incluso ca en anos anteriores. No referido á edición no conxunto do Estado, os libros editados en galego supoñen un 1,5% do total. Se o desexas, no web do Ministerio podes acceder aos cadros evolutivos do período 2013-2017. Tamén podes consultar o resumo dos datos facilitado polo Ministerio.
02/10/2018. AXUDAS E PREMIOS

A AGPTI convoca o Premio Xela Arias

Co gallo do Día Internacional da Tradución, que se celebra cada 30 de setembro, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI) convoca o Premio Xela Arias, para homenaxear a figura de Xela Arias e reivindicar o idioma galego como lingua de traballo no ámbito da tradución. O premio está dirixido a unha empresa, entidade ou persoa que destaque pola promoción da tradución ou interpretación cara ou desde o galego. As candidaturas poden enviarse ao correo electrónico info@agpti.org ata o día 18 de outubro.

01/10/2018. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra resolve as axudas para a dinamización do galego

A Deputación de Pontevedra publica a listaxe de entidades beneficiarias da liña de axudas a entidades culturais sen fin de lucro da provincia de Pontevedra, para desenvolver actividades de promoción do galego durante o ano 2018. Segundo as bases da convocatoria, as accións subvencionables eran: certames literarios e xornalísticos; creación audiovisual e literaria; feiras/eventos de promoción da creación en galego; estudos de sociolingüística; xornadas e publicacións sobre recuperación da toponimia; iniciativas de dinamización comercial en galego; iniciativas de conmemoración do Día das Letras Galegas, ou recoñecementos a persoas e colectivos que aposten polo galego. Para ampliar información, preme aquí.
01/10/2018. INVESTIGACIóN

Novo estudo sobre a toponimia da parroquia viguesa de Comesaña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presentan un novo volume da colección Toponimia do Val do Fragoso, nesta ocasión dedicado á parroquia de Comesaña. A presentación terá lugar o vindeiro venres día 5 de outubro, ás 20:00 h, no local da SVCD Nautilius. No acto intervirá o autor do libro, Anxo Rodríguez Lemos, xunto con representantes da Comunidade de Montes de Comesaña, da SVCD Nautilius, da Universidade de Vigo e do Concello de Vigo. Podes consultar en liña os outros estudos desta colección (sobre a toponimia de Lavadores, Beade, Coia, Freixeiro e Sárdoma), no web do SNL do Concello de Vigo.
27/09/2018. CURSOS E CONGRESOS

O CCG debaterá sobre o estado actual das tecnoloxías lingüísticas

A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega organiza a xornada As tecnoloxías da lingua, unha oportunidade para a sociedade galega, que terá lugar o vindeiro 16 de outubro de 2018 en Santiago de Compostela. As xornadas centraranse no papel que poden xogar as tecnoloxías lingüísticas como ferramentas facilitadoras para a comunicación entre persoas, con especial interese en dous campos concretos: o da transcrición automática de voz a texto e o da tecnoloxía do procesado de linguaxe natural. A inscrición é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
27/09/2018. INVESTIGACIóN

Un estudo confirma o retroceso do galego no periurbano de Galicia

O CEIP Agro do Muíño, a Real Academia Galega e o Concello de Ames presentaron o estudo A lingua no CEIP Agro do Muíño, unha análise sociolingüística de toda a comunidade educativa (familias, alumnado e profesorado) deste centro amesán que servirá como punto de partida para a elaboración do seu plan de normalización lingüística. Os datos obtidos neste centro educativo constatan o desprazamento do galego polo castelán que, en termos xerais, está a acontecer en todo o territorio periurbano galego. De feito, neste CEIP en concreto detéctase un maior grao de substitución ca no resto da Comarca de Santiago, incluída a propia cidade de Santiago de Compostela. O estudo, un dos máis exhaustivos realizados nun centro escolar, remata cunha listaxe de propostas de actuación para reverter esta situación, que se desenvolverán con máis detalle no futuro plan de normalización.

26/09/2018. DINAMIZACIóN

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

Un ano máis, desde que se instaurou esta celebración en 2001, os 47 estados que compoñen o Consello de Europa animan a cidadanía europea a festexar o 26 de setembro como Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns. Convidámoste a que visites o sitio web que desenvolveu co motivo desta data o Consello de Europa, onde atoparás máis información sobre esta celebración e sobre a riqueza cultural que supón o multilingüismo europeo.
25/09/2018. AXUDAS E PREMIOS

Antón Santamarina recibe o Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua

O xurado dos Premios da Cultura Galega fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano 2018 polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio a Antón Santamarina, lingüista, catedrático de Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega. Nas restantes categorías, os galardoados/as son Xosé María Álvarez Cáccamo (Letras), Luz Darriba (Artes Plásticas), Festival Internacional Outono de Teatro-FIOT (Artes Escénicas), A Roda (Música), Festival de Cans (Audiovisual), O Sorriso de Daniel (Patrimonio Cultural) e Ramón Villares (Proxección Exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
14/09/2018. OUTRAS

Probas para obter os certificados de lingua galega (Celga)

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca unha segunda convocatoria de probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 2 e 4) para este ano 2018. As probas realizaranse entre a segunda quincena de novembro e a primeira fin de semana de decembro de 2018 en Santiago de Compostela e Ponferrada (a data concreta publicarase no DOG). O prazo de presentación de solicitudes será de 20 día naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
14/09/2018. CURSOS E CONGRESOS

Curso en vigo para iniciarse na aprendizaxe do galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo convoca unha nova edición do curso Achégate ao galego, nivel básico, dirixido a todas aquelas persoas, de dentro e fóra de Galicia, sen apenas coñecementos do idioma. O curso desenvolverase durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2018. As persoas interesadas en asistir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo actividades.snl@vigo.org, indicando no asunto da mensaxe “curso galego nivel básico”. Para ampliar información sobre as datas de realización e mais o programa do curso, preme aquí.
13/09/2018. DINAMIZACIóN

Toda a información sobre videoxogos, agora tamén en galego

O xornalista pontevedrés Carlos Pereiro é o promotor da Revista Morcego, un proxecto xornalístico en galego especializado no mundo dos videoxogos. A revista, accesible en liña, ofrece análises, reportaxes, artigos de opinión e novas de actualidade relacionadas co tema dos videoxogos, un produto cultural moi demandado entre a mocidade, polo que é de especial relevancia que este tipo de contidos estean tamén accesibles na nosa lingua.