A Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Ferrolterra e o Concello de Ferrol organizan a vixésima sexta edición do festival “A mocidade coa lingua”, unha iniciativa que busca fomentar a creatividade e o uso do galego no ámbito do lecer. Esta edición contará coa colaboración especial do grupo A Banda da Loba, así como as actuacións das formacións estudantís: Coro Solidarium (IES Terra de Trasancos), Irene Beceiro e Manolo Dopico (IES Concepción Arenal), Arredemo, (IES de Fene), Raptios (CPI de Atios de Valdoviño), Carvalho Quartet (IES Carvalho Calero), Pay FUNk-Ta (CPR Tirso) e Indianos (IES Fernando Esquío de Neda). O festival celebrarase o 5 de abril de 2018, a partir das 10:30 h, no Auditorio de Ferrol. Para ampliar a nova, preme aquí.
02/04/2018. DINAMIZACIóN
02/04/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
27/03/2018. DINAMIZACIóN
O Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña, en colaboración co Concello da Guarda, presentan a campaña “O galego, produto estrela”, unha iniciativa deseñada para fomentar e normalizar o uso do galego no comercio e ampliar os seus ámbitos de uso. Os promotores da iniciativa contactaron xa cos representantes das tres principais asociacións de comerciantes do concello (AGUDE, Mercado do Reló e ACIGU) para convidalos a adherirse á campaña. O alumnado axudará na tradución e deseño de carteis e documentación publicitaria que dea visibilidade ao galego como elemento distintivo do comercio local. Así mesmo, tamén se ofrecen a traducir as cartas e menús dos restaurantes a diferentes idiomas. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
27/03/2018. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura. Os obxectivos son ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, así como reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 14 de abril de 2018 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula remata o 12 de abril.
27/03/2018. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta a sétima edición do Galegote Rock, un programa de concertos que ten como obxectivos promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. O Galegote Rock celebrarase entre os días 25 a 28 de abril de 2018 en distintos espazos da cidade. Nesta edición actuarán Eu Son Voodoo, Boyanka Kostova, Monoulious DOP, Son da Rúa, Cinta Adhesiva, Espiño, Esposa, Ataque Escampe, The Lelly Kelly's, Os Amigos dos Músicos e Dakidarría. Podes consultar o programa completo premendo aquí. Tamén podes manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.
27/03/2018. CURSOS E CONGRESOS
Os vindeiros 4, 5 e 12 de maio de 2018 terán lugar en Santiago de Compostela as Xornadas de fraseoloxía multilingüe na aula, unha iniciativa de formación para o profesorado non universitario que quere establecer un espazo de traballo e reflexión conxunta sobre a fraseoloxía, tendo en conta a súa potencialidade didáctica para transmitir ao alumnado as particularidades socioculturais de cada comunidade lingüística. As sesións terán lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía (4 de maio) e no salón de graos do MUPEGA (5 e 12 de maio). O prazo de matrícula remata o 2 de maio.
22/03/2018. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística presenta o informe A situación da lingua galega na programación televisiva infantil, elaborado por esta entidade no mes de febreiro de 2018. O estudo constata que a programación infantil en galego só está presente na segunda canle da Televisión de Galicia (TVG2), cun 41,70% do tempo de emisión nos días laborables e un 24,3% na fin de semana. Se temos en conta o total das canles, a presenza do galego sería dun 4,6% nos días laborables e dun 2,7% nas fins de semana. Para reverter o evidente retroceso do galego na programación televisiva infantil, A Mesa propón unha serie de medias, como crear unha terceira canle na TVG exclusiva para público infantil, garantir a opción de dobraxe ao galego na programación infantil das outras canles, activar as licenzas galegas de TDT existentes ou ampliar a oferta de DVD e outro material audiovisual en galego.
21/03/2018. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a décimo cuarta edición deste premio deseñado para promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e incentivar o seu uso na prensa escrita. Outorgarase un único premio de 1.250 euros, ademais da publicación do artigo gañador nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 20 de abril de 2018. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
21/03/2018. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria do procedemento selectivo para ingreso e acceso ao corpo de profesorado de ensino secundario. Entre as prazas ofertadas inclúense 75 para a especialidade de “Lingua Galega e Literatura”. O proceso de selección será o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
21/03/2018. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e mais a Coordinadora de Equipos de Normalización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, que este ano conmemora o seu 25 aniversario. A iniciativa, dirixida ao alumnado de ensino medio, está deseñada para fomentar o uso do galego nas actividades propias da mocidade. O alumnado ten de prazo ata o 20 de abril para participar en diferentes certames: fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, música e curtametraxes. A maiores, durante os días 9, 10 e 11 de maio celebrarase no Teatro Principal a XXII Semana Teatral, onde se amosará o traballo realizado polos grupos de teatro dos institutos ao longo do curso.
20/03/2018. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago presenta unha colección de vídeos didácticos en galego útiles para a docencia e a divulgación científica, que tamén poden contribuír a crear novas canles de comunicación para o profesorado e alumnado universitario. A colección estréase cunha ducia de vídeos, dunha duración media de entre 8 e 10 minutos, de diferentes áreas de coñecemento (física, bioloxía, dereito, xeografía...) Con este proxecto, que ten carácter aberto e irá medrando con novas pezas audiovisuais, o SNL quere promover a incorporación do galego a novos espazos comunicativos (como a docencia virtual) e fomentar a difusión do coñecemento científico fóra das aulas universitarias. Podes ampliar a nova premendo aquí.
20/03/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2018. A partir do día seguinte á publicación desta resolución, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para comunicar a súa renuncia, se fose o caso, a estas axudas. De non tramitar esta renuncia no citado prazo, enténdese que aceptan a axuda. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
19/03/2018. CURSOS E CONGRESOS
Este ano os Encontros para a Normalización Lingüística chegan á súa vixésima edición e convidámoste a que o celebres con nós participando neste foro de debate e reflexión que terá lugar os días 12 e 13 de abril de 2018 na sede do Consello da Cultura Galega. O eixo temático desta edición está centrado na relación entre lingua e deporte, aínda que tamén haberá un oco no programa para botar a ollada atrás e analizar todos estes anos (1993-2018) de singradura compartida a prol do idioma. A maiores, volveremos destinar un espazo propio á presentación de iniciativas normalizadoras na Artesa 2018, a nosa mostra de recursos. Tamén manteremos un grupo de Facebook, que nos permitirá compartir información e iniciar o debate antes das sesións presenciais. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de inscrición.
19/03/2018. OUTRAS
A Televisión de Galicia estrea hoxe, 19 de marzo, “Morangos com açúcar”, unha serie xuvenil da produtora Casa da Criaçao que se emitiu durante dez anos en Portugal con gran éxito de audiencia. A serie consta de 120 capítulos, que se poderán ver na segunda canle da TVG (tvG2) de luns a venres, ás 19:15 horas. “Morangos com açúcar” emitirase en versión orixinal con subtítulos en galego, converténdose na primeira serie que a Televisión de Galicia emite en portugués.
19/03/2018. INVESTIGACIóN
O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades celebra este ano o seu 25 aniversario e farao cun programa de actos que se van desenvolver entre os meses de marzo e decembro no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela. Hoxe, 19 de marzo, terá lugar ás 12:30 horas a conferencia inaugural, que correrá a cargo de Darío Villanueva, presidente da RAE. O programa de actos completarase cunha exposición e con 4 xornadas académicas, que xirarán arredor da creación do centro, os programas de investigación que desenvolve e o fondo documental que custodia, grazas á doazón de persoeiros como o profesor alemán Jürgen Untermann, e os galegos Aníbal Otero e Elixio Rivas. Para consultar o programa completo, preme aquí.
16/03/2018. DINAMIZACIóN
Co gallo da conmemoración do 35 aniversario da aprobación da Lei de normalización lingüística, a Irmandade Xurídica Galega (IXUGA), entidade formada por máis de 220 xuristas, está a organizar diferentes actos conmemorativos das primeiras sentenzas ditadas en lingua galega. En concreto hoxe, 16 de marzo, terá lugar en Cambados un acto de descuberta dunha placa conmemorativa das primeiras sentenzas ditadas en galego polos maxistrados D. Edgar Fernández Closs, Dª Carme Pose Amado e D. Xoán Manuel Hermo Costoya nos xulgados do Partido Xudicial de Cambados. O acto celebrarase ás 12:30 horas no Edificio dos Xulgados de Cambados, na rúa Emilia Pardo Bazán.
16/03/2018. EMPREGO
O Concello da Estrada publica, no BOP de Pontevedra do 15 de marzo de 2018, unha modificación das bases para a contratación dun técnico/a de normalización lingüística. Tras advertir un erro nas anteriores bases (BOP do 26 de febreiro), modifícase agora a cláusula segunda, referida á modalidade do contrato, que pasa a ser de interinidade. Debido a esta modificación, ábrese un novo prazo para a presentación de instancias, que será de 10 días naturais desde a publicación do anuncio no BOP.
15/03/2018. DINAMIZACIóN
A Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG presentaron a programación conxunta de actividades coa que homenaxearán a María Victoria Moreno, escritora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O programa inclúe exposicións, actividades musicais e audiovisuais, iniciativas de participación social (certames, contacontos, obradoiros...) e propostas variadas para o ámbito educativo. No que respecta ao Consello da Cultura Galega, organizará o seu tradicional Concerto das Letras e editará unha edición facsimilar de Mar adiante, considerada unha das obras pioneiras da literatura infantil galega.
15/03/2018. DINAMIZACIóN
A Asociación Olloboi convoca unha nova edición do Festival Audiovisual Escolar Olloboi, dirixido a alumnado e profesorado de centros escolares de todos os niveis educativos (primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional, universidade, escolas audiovisuais). Poderán presentarse ao certame videocreacións (documental ou ficción) realizadas nos últimos tres anos, dunha duración non superior aos 20 minutos e que estean accesibles en Internet. O prazo para inscribir as propostas remata o 30 de abril. No Encontro Olloboi 2018, que terá lugar o 11 de maio, entregaranse os nove premios do certame, organizados en categorías segundo a idade do alumnado. Neste encontro tamén se desenvolverá un CineForum e mais un roteiro socioaudiovisual por Boiro. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
14/03/2018. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC convoca a sétima edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático. O certame está dirixido ao alumnado das universidades públicas do Estado español, así como a estudantes de 3º e 4º da ESO e Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia e comunidades limítrofes. Para participar cómpre realizar un vídeo de entre 1:30 e 2:30 minutos de duración sobre un tema relacionado coas matemáticas. O xurado outorgará tres premios de 200 euros entre os gañadores das diferentes categorías. Haberá tamén un cuarto premio de 100 euros para o vídeo mellor valorado polos internautas. O prazo para enviar os proxectos remata o 6 de abril de 2018. Podes ampliar información premendo aquí.
13/03/2018. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2018. As probas realizaranse o 26 de maio (Celga 4), o 27 de maio (Celga 2), o 2 de xuño (Celga 3) e o 3 de xuño (Celga 1) en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
[Modificación da convocatoria]
[Modificación da convocatoria]
13/03/2018.
A Real Academia Galega (RAG) presentou, no CEP Marcos da Portela, o proxecto web Primavera das Letras 2018, dedicado a María Victoria Moreno, que este ano será a autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. O web compila materiais lúdicos e didácticos deseñados para o profesorado e o alumnado de infantil e primaria, ademais de información biográfica e bibliográfica sobre a autora. Podes obter máis información premendo aquí.
12/03/2018. EMPREGO
A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en actividades de investigación mediante contrato de obra ou servizo determinado. Entre as prazas ofertadas anúnciase unha para o proxecto “Contacto e cambio lingüístico en galego”, que se está a desenvolver no Instituto da Lingua Galega. A forma de provisión é o concurso de méritos. A duración do contrato será de catro meses, cunha xornada laboral a tempo parcial (30 horas semanais). O prazo de presentación de solicitudes remata o 18 de marzo de 2018. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
12/03/2018. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago e a Deputación da Coruña, organiza a XXXI edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas, dirixidos preferentemente a alumnado e profesorado universitario vinculado aos centros de estudos galegos do exterior, aínda que tamén están abertos a calquera persoa maior de idade de fóra de Galicia interesada no noso idioma. Os cursos, que se desenvolverán entre os días 2 e 24 de xullo de 2018, contan con diferentes niveis (elemental, medio e superior). O prazo de inscrición remata o 6 de abril de 2018. Para ampliar información sobre o programa e os trámites de matrícula, preme aquí.
12/03/2018. AXUDAS E PREMIOS
No marco das X Xornadas Martín Sarmiento, que tiveron lugar o pasado 9 de marzo en Vilafranca do Bierzo, presentouse o I Premio Morales para a Promoción da Lingua Galega no Bierzo, promovido por Edicións Positivas, o Grupo As Médulas para a Lingua e Cultura Galegas do Bierzo, A Xunta de Galicia, a Junta de Castilla y León, o Consejo Comarcal de El Bierzo, O Instituto de Estudios Bercianos e a Real Academia Galega. O premio, dirixido ao alumnado do “Programa de Promoción da Lingua Galega no Bierzo” e ao público adulto en xeral, conta con diferentes categorías segundo a idade dos participantes, que deben elaborar unha ilustración ou creación literaria a partir do poema Os Magostos, de Antonio Fernández Morales. O prazo para a presentación de traballos remata o 21 de xuño de 2018. As obras premiadas serán recollidas nunha publicación especial e o acto de entrega dos premios terá lugar o 20 de outubro nas Médulas.
09/03/2018. AXUDAS E PREMIOS
A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca o IX Premio “Rosalía de Castro” de Lingua 2018, que ten como obxectivo recoñecer o traballo de persoas, colectivos, asociacións ou entidades que destaquen polo seu compromiso coa promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico. Establécense dúas categorías, unha para recoñecer o labor de promoción da lingua galega de persoas, colectivos ou asociacións, e outra para premiar o traballo específico cos sectores da infancia e a mocidade. A dotación económica do premio é de 3.000 euros para cada unha das categorías. O prazo de presentación das candidaturas remata o 30 de xuño.
07/03/2018. INVESTIGACIóN
A Fundación Antonio Fraguas Fraguas, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o XI Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas, un programa de investigación sobre o patrimonio lingüístico e cultural galego dirixido á comunidade educativa. Establécense dúas modalidades, ensino primario e secundario, e outorgaranse dous premios de 7000 euros para cada proxecto gañador, que deberán materializarse durante o vindeiro curso escolar 2018-2019. O prazo para participar estará aberto ata o 31 de maio de 2018.
06/03/2018. OUTRAS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago publica no último número d´O Cartafol dixital os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2017-2018. En termos xerais, impártese en castelán o 74,93% das horas docentes, en galego o 23,09%, e noutras linguas (inglés, portugués…) o 1,98%. No mesmo número ofrécese información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, tamén podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.
05/03/2018. EMPREGO
O Concello de Santa Comba anuncia a contratación temporal de persoal docente para impartir diferentes cursos formativos, entre os que se atopa o de “Especialidade competencia comunicación en lingua galega nivel 2”. As bases que rexerán o proceso selectivo están dispoñibles na Secretaría do Concello de Santa Comba. Os/as aspirantes teñen de prazo para presentar as súas solicitudes 5 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación do anuncio.
05/03/2018. EMPREGO
O Concello de Outes publica as bases para a contratación temporal dun técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao sempre que dispoña do Celga 5. A duración do contrato será ata o 31 de decembro de 2018. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 14 de marzo. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.

