Novas da lingua

Rexistros2341 a 2370 de 4427
02/03/2018. OUTRAS

Quince anos de difusión do galego en Internet

A Galipedia celebra este mes de marzo de 2018 os seus quince anos de difusión en Internet do coñecemento en galego. Desde aquela primeira entrada coa definición lexicográfica do termo “grupo”, editada o 8 de marzo de 2003, centos de persoas contribuíron de xeito desinteresado a que hoxe teñamos ao noso dispor máis de 145.000 entradas sobre todo tipo de temas. Para conmemorar este aniversario, o vindeiro 10 de marzo, a comunidade de administradores e editores realizará en Ourense o “Primeiro wikimaratón do Día Internacional da Muller”, co ánimo de ampliar e mellorar os artigos biográficos de mulleres destacadas. Podes ler unha reportaxe sobre o proxecto no portal Gciencia.
02/03/2018. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Xoán Manuel Pintos 2018

O Concello de Pontevedra deu a coñecer os/as gañadores/as destes galardóns, deseñados para facer un recoñecemento
público ao labor de impulso do uso da lingua galega e, ao mesmo tempo, manter viva a memoria do
xurista e escritor Xoán Manuel Pintos. Nesta edición os/as premiados/as son o Programa Apego, na categoría de “labor desenvolto desde a última edición”; e os profesores de lingua e literatura galegas Vitoria Ogando e Anxo González Guerra, na categoría de “traballo continuado ao longo de toda a traxectoria vital e profesional”. De entre as propostas presentadas pola cidadanía, o xurado acordou premiar a Galipedia, polos seus 15 anos de difusión do coñecemento en galego. O acto de entrega dos galardóns terá lugar o 15 de marzo de 2018, no Pazo de Mugartegui (praza da Pedreira) ás 20:30 horas. Podes ampliar a nova premendo aquí.

01/03/2018. EMPREGO

Bolsas de formación no Parlamento de Galicia

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas de formación práctica, de doce meses de duración, vinculadas ao seu Servizo de Publicacións. Poden optar a estas bolsas as persoas que posúan o grao/licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega, ou o grao/licenciatura en Filoloxía Galega. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG. As bases completas da convocatoria podes consultalas premendo aquí.
26/02/2018. EMPREGO

Bolsas de colaboración na Área de Normalización Lingüística da UVigo

A Universidade de Vigo convoca tres bolsas de formación na súa Área de Normalización Lingüística (ANL) destinadas á formación complementaria do estudantado, que participará nas actividades de dinamización, formación e planificación lingüística que se desenvolven na ANL. Os solicitantes deben ser estudantes do Grao en Estudos de Galego e Español, do Grao en Tradución e Interpretación ou do Grao en Ciencias da Linguaxe e Estudos Literarios no curso 2017/2018, e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación. O prazo de presentación de solicitudes remata o 7 de marzo de 2018. Para obter máis información sobre esta convocatoria, preme aquí.
26/02/2018. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello da Estrada

O Concello da Estrada publica as bases para a contratación temporal dun/dunha técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura/grao en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), ou outras titulacións superiores pertencentes á área de humanidades ou de ciencias xurídicas sociais, sempre que teñan o Celga 5. O prazo para a presentación de solicitudes será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. (modificación das bases)
23/02/2018. INVESTIGACIóN

A RAG lanza unha voz de alarma sobre o futuro do galego

Co gallo da celebración do Día Internacional da Lingua Materna, a Real Academia Galega (RAG) difundiu a publicación Lingua e sociedade en Galicia. Resumo de resultados 1992-2016, que á súa vez é un resumo e actualización dos datos presentados nun traballo anterior elaborado polo Seminario de Sociolingüística da RAG, Lingua e Sociedade. A evolución sociolingüística 1992-2013. O obxectivo do traballo é presentar unha visión panorámica da situación social da lingua galega no período 1992-2016 desde unha perspectiva demolingüística, para identificar as tendencias que marcan a súa evolución. Á vista dos resultados, a RAG lanza unha voz de alarma ante a creba da transmisión interxeracional e as tendencias negativas cara o uso do galego entre as xeracións máis novas. Ao tempo lémbralles, nomeadamente aos responsables políticos en materia de promoción do idioma pero tamén á sociedade no seu conxunto, a necesidade dun compromiso sincero e unha acción eficaz a prol da normalización do galego. Para ampliar a nova, preme aquí.

21/02/2018. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Abegondo

O Concello de Abegondo publica as bases xerais da convocatoria dun proceso selectivo para a cobertura en propiedade dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. O sistema de selección será o de concurso-oposición. O procedemento de selección, os exercicios e a titulación requirida para participar no proceso concretaranse nas bases específicas da convocatoria. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE).
21/02/2018. OUTRAS

Día Internacional da Lingua Materna

Un ano máis, como ben sendo costume desde 1999, A UNESCO conmemora cada 21 de febreiro o Día Internacional da Lingua Materna. Neste día celebramos a riqueza que supón a diversidade lingüística do planeta, con programas e actividades destinadas a preservar este patrimonio e a promover o plurilingüismo. A directora xeral da UNESCO, Audrey Azoulay, fai especial énfase este ano na súa mensaxe institucional na necesidade de políticas lingüísticas que fomenten as linguas maternas e autóctonas, especialmente en países plurilingües. A Unesco tamén pon de relevo a importancia de usar as linguas maternas en Internet, espazo multilingüe por excelencia.
20/02/2018. EMPREGO

Proceso selectivo para cubrir contratacións de profesorado de galego na Universidade de Vigo

A Fundación Universidade de Vigo convoca, polo sistema de acceso libre, un proceso selectivo para constituír unha listaxe de agardas para contratacións temporais de profesorado de galego, co obxectivo de garantir a cobertura de potenciais necesidades do Centro de Linguas desta universidade. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de grao, licenciatura ou equivalente e ter unha experiencia mínima de tres anos na docencia de galego. O proceso selectivo constará de dúas fases: valoración do currículo e entrevista persoal. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 28 de febreiro de 2018. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
19/02/2018. DINAMIZACIóN

24 de febreiro: unha fiestra ao mundo de Rosalía

Un ano máis, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) convida a centros escolares, institucións, asociacións e a cidadanía en xeral a que o vindeiro 24 de febreiro conmemoren o Día de Rosalía de Castro agasallando un libro en galego e unha flor. A maiores, propón que o alumnado de Infantil e Primaria elabore elementos iconográficos de Rosalía e, xunto cos seus versos, os coloquen no interior dos vidros das fiestras. Para maior difusión, a documentación gráfica debe subirse á rede coa etiqueta #AbrideAFiestra. Para o alumnado de Secundaria e Bacharelato proponse a escenificación e gravación de mostras visibilizadoras da obra rosaliana que sigan o fío do lema #AbrideAFiestra, que despois tamén deben subirse á rede con esta mesma etiqueta. O acto central de homenaxe da AELG terá lugar o 24 de febreiro, ás 12:00 h, no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Para ampliar información sobre a iniciativa e coñecer outros actos de homenaxe programados por concellos e institucións, preme aquí.
19/02/2018. CURSOS E CONGRESOS

A Mancomunidade de Ordes organiza un curso preparatorio para o exame do Celga 2

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza un curso de lingua galega preparatorio para presentarse ás probas de obtención do Celga 2. O curso, de 40 horas de duración, terá lugar do 22 de marzo ao 24 de maio, e as sesións desenvolveranse os luns e os xoves de 10:00 a 12:30 horas. O prazo de inscrición remata o 15 de marzo. Para calquera dúbida sobre o programa ou os trámites de inscrición, podes poñerte en contacto co SNL a través do teléfono 981 680 002 (ext. 120) ou o correo electrónico irene.bravo@mancomunidadeordes.gal. Este curso súmase á oferta formativa anunciada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística no DOG do pasado 6 de febreiro.
19/02/2018. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a dinamización lingüística nas entidades locais da provincia de Pontevedra

A Deputación Provincial de Pontevedra publica as bases de subvencións para a dinamización lingüística nos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. O obxecto da convocatoria é a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL), así como o desenvolvemento de programas de dinamización do galego. Poden optar a estas axudas os concellos, as agrupacións de concellos ou as entidades locais menores da provincia, ata un máximo de 50.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes remata o 16 de marzo de 2018. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
16/02/2018. INVESTIGACIóN

Estudo sobre os aspectos legais e lingüísticos da onomástica persoal

A Real Academia Galega presenta a publicación Estudos de Onomástica Galega II. Os nomes e os apelidos: aspectos legais, sociais e lingüísticos. A obra recolle os sete traballos presentados na II Xornada de Onomástica Galega, que se desenvolveu o pasado mes de setembro de 2017 no Museo de Pontevedra e estivo centrada nos aspectos xurídicos, sociais, administrativos e lingüísticos dos nosos nomes e apelidos. Así, nesta obra trátanse temas como os aspectos legais da onomástica persoal no Rexistro Civil, o grao de conservación ou deturpación no corpus moderno, as estratexias para a difusión das formas estandarizadas ou o uso da onomástica galega na ficción literaria e audiovisual.
16/02/2018. DINAMIZACIóN

A Deputación da Coruña anima os concellos a levar a lingua a escena

A Rede Cultural da Deputación da Coruña inclúe este ano entre as propostas do seu circuíto cultural o programa Lingua a escena!, un repertorio de trece espectáculos de música e artes escénicas que teñen como fío condutor a dinamización do uso do noso idioma. Os concellos teñen de prazo ata o vindeiro 20 de febreiro de 2018 para solicitar, vía telemática, algunha das diferentes propostas ofertadas, seguindo o procedemento e normas de contratación recollidas nas bases da Rede Cultural 2018. Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
15/02/2018. DINAMIZACIóN

III Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca o III Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego, coa finalidade de contribuír á creación de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O certame inclúe dúas modalidades, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Os participantes deben realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se lles fornecerán. O premio está dotado con 250 euros para a modalidade A e 150 euros para a modalidade B, ademais dun diploma honorífico. O prazo para presentar os vídeos remata o 7 de abril de 2018.
15/02/2018. DINAMIZACIóN

Volven as Sesións Destelo con máis música en galego

Mañá venres, 16 de febreiro, comeza a segunda tempada das Sesións Destelo, un proxecto cultural en Internet que ten como obxectivo dar a coñecer bandas e solistas que fan música en galego. Tal e como xa se fixo na primeira tempada, cada dúas semanas iranse subindo á rede novos vídeos con propostas musicais en galego variadas, interpretadas en lugares nos que non é habitual ter música en directo. Esta segunda tempada estrearase cun vídeo musical da cantautora MJ Pérez, que presentará o seu novo traballo Casandra. Para saber máis deste proxecto, preme aquí.
15/02/2018. INVESTIGACIóN

Preséntase o Dicionario enciclopédico de termos escénicos

O Consello da Cultura Galega presentou o Dicionario enciclopédico de termos escénicos, un recurso terminolóxico de referencia no sector das artes escénicas, deseñado para contribuír á normalización da lingua galega neste ámbito. O dicionario, autoría de Inma López Silva, Roberto Pascual e Diego Valeiras, conta cun total de 300 entradas, que inclúen descricións, gráficos e fotografías fornecidas polas propias compañías do sector escénico. O proxecto nace con vocación de continuidade, polo que os seus responsables anuncian que este número inicial de entradas irá medrando co paso do tempo.
09/02/2018. OUTRAS

A Mesa presenta o informe anual de actividade da Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o seu informe anual da Liña do Galego, un servizo gratuíto que atende consultas sobre dereitos lingüísticos, tramita queixas sobre a súa vulneración e recolle parabéns para as entidades que os respectan. Segundo os datos recollidos neste último informe, ao longo do ano 2017 tramitáronse 289 expedientes de queixas, atendéronse 20 consultas e recibíronse 54 parabéns. Igual que acontecía en anos anteriores, os tres principais motivos das queixas foron a exclusión e discriminación do galego (38%), a deturpación da toponimia (28%) e a negativa a prestar atención oral e escrita no noso idioma (14%). No que respecta á tipoloxía de entidades implicadas, o 56% das queixas van dirixidas a administracións e institucións públicas, o 31% a empresas de servizos, o 10% a institucións privadas e o 3% a empresas de telefonía.
06/02/2018. CURSOS E CONGRESOS

Cursos preparatorios para obter os certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia anuncia a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios das probas para obter os certificados Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4. Estes cursos poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos ou por aquelas que os fagan no ano 2018. O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
06/02/2018. CURSOS E CONGRESOS

Vigo convoca unha nova edición do Curso de auga doce

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do Curso de auga doce, deseñados para ampliar o coñecemento da lingua galega (léxico, fraseoloxía, toponimia...) empregando como fío condutor a auga, en concreto, a relación de Vigo cos ríos, muíños e bosques de ribeira. As sesións desenvolveranse durante os meses de febreiro e marzo de 2018 na oficina municipal de Distrito de Bouzas-Casa Patín. Para obter máis información sobre os horarios e os trámites de inscrición, preme aquí.
02/02/2018. DINAMIZACIóN

O amor en galego ten premio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo presenta a campaña "qrtm8" (forma acurtada de escribir nas redes sociais “quérote moito”), coincidindo coa conmemoración do 2 de febreiro, Día da Candeloria (no que segundo a nosa tradición popular casaban os paxariños) e mais do vindeiro 14 de febreiro, Día dos Namorados. A campaña está especialmente dirixida á mocidade, para convidala a que visibilice o seu amor en galego nas redes sociais, a través dun concurso en Instagram. Os participantes terán que subir unha foto cunha frase de amor en galego orixinal e suxestiva, que inclúa as etiquetas #qrtm8 e #Carballo. O prazo para participar remata o vindeiro 14 de febreiro. Á campaña sumáronse tamén 50 comercios de Carballo, que difundirán a iniciativa nos seus establecementos a través de paneis e adhesivos. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
02/02/2018. AXUDAS E PREMIOS

Nova edición do Premio Xoán Manuel Pintos

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, coa colaboración da Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL), presenta unha nova edición do Premio Xoán Manuel Pintos, que ten como obxectivos recoñecer o compromiso co idioma galego de diferentes persoas, empresas ou colectivos, así como contribuír a manter viva a memoria do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos. Este ano, como novidade, a cidadanía, as entidades ou os colectivos que o desexen, poderán enviar ata o vindeiro 14 de febreiro as súas propias candidaturas. Ademais das dúas modalidades das anteriores edicións (promoción do galego nos dous últimos anos e uso continuado durante toda a traxectoria profesional/vital), o xurado outorgará un terceiro premio entre as propostas recibidas a través da páxina web da iniciativa.
01/02/2018. DINAMIZACIóN

Instáurase o 7 de febreiro como o Día dos Medios en Galego

Co gallo da celebración, o vindeiro 7 de febreiro, do aniversario de O Tío Marcos d´A Portela, a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) promove a celebración anual nesta data do Día dos Medios en Galego. O Tío Marcos d´A Portela, publicación promovida por Valentín Lamas Carvajal, saíu por primeira vez á rúa o 7 de febreiro de 1876, converténdose na primeira publicación de carácter xornalístico redactada integramente en lingua galega. A AMEGA quere con esta celebración visibilizar os medios de comunicación que apostan polo galego e axudar a concienciar a poboación da importancia de normalizar o uso do noso idioma no ámbito xornalístico e adiovisual. Os actos centrais desta celebración terán lugar este ano en Fene, o vindeiro sábado 3 de febreiro.
30/01/2018. DINAMIZACIóN

Campaña para recuperar os nomes tradicionais dos días da semana

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Associaçom Galega da Língua (AGAL), xunto coa Fundación Vía Galego, presentan a campaña “Nós feiramos de segunda a sexta”, deseñada para promover os nomes tradicionais dos días da semana (domingo, segunda feira, terza feira, cuarta feira, quinta feira, sexta feira e sábado). A iniciativa, dirixida especialmente ao público infantil e mais aos medios informativos dixitais, será presentada oficialmente o vindeiro 19 de febreiro, nunha rolda de prensa en Santiago de Compostela. Para a súa difusión deseñouse diferente material gráfico, como chapas, manteis de mesa infantís e mais un calendario. Tamén está accesible xa na rede o videoclip da campaña, da banda de música infantil Mamá Cabra. Para ampliar esta información, preme aquí.
26/01/2018. DINAMIZACIóN

En liña os vídeos da última edición do LGx15

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua subiu á súa canle de Youtube os vídeos das intervencións da última edición do LGx15, un proxecto de dinamización lingüística no que, a través de charlas breves e amenas, se transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. Se non puideches asistir ao acto que tivo lugar o pasado 9 de novembro en Santiago de Compostela, agora podes consultar en liña os vídeos dos/as participantes desta última edición: Alonso Caxade; estudantes do Club de Debate de Negreira; Cecilia Fernández; Nuria Espasandín; Patricia Buxán e Miguel Braña; Iria Veiga; José Antonio Rubal e Pedro Brandariz. Na mesma canle, podes ver tamén unha das actuacións musicais de MJ Pérez.
26/01/2018. OUTRAS

Xa podes consultar o novo Boletín de Sumarios do CDSG

Xa está accesible en liña o noso Boletín de Sumarios 2017, produto documental que inclúe os 39 números de publicacións periódicas, correspondentes a 21 títulos diferentes, que ingresaron na hemeroteca do CDSG ao longo do ano 2017. No caso de publicacións en papel, ofrécense, mediante ligazóns, os seus sumarios. Estas revistas pódense consultar en sala ou levar en préstamo naqueles casos en que dispoñamos de máis dun exemplar. No caso das dixitais, desde este boletín pode accederse directamente aos números completos. Para consultar a nosa colección completa de seriadas, preme aquí.
25/01/2018. DINAMIZACIóN

Preséntase a segunda edición do programa Enreguéifate

Os concellos de Ames, Carballo, Santiago de Compostela e Teo organizan a segunda edición do proxecto Enreguéifate, deseñado para difundir a improvisación oral en verso e en galego. No marco deste proxecto desenvolveranse catro accións, o certame de regueifas en vídeo e o festival Regueifesta (que xa se desenvolveron na primeira edición que organizou o Concello de Santiago), así como unha xornada conxunta de formación para docentes e varias xornadas formativas para o alumnado dos catro concellos organizadores (que se engaden como novidade nesta segunda edición). Tanto as bases do certame, que será convocado en breve, como a información sobre as diferentes accións vinculadas ao proxecto poderás atopala no sitio web da iniciativa.
25/01/2018. OUTRAS

Informe sobre o cumprimento das garantías lingüísticas nos concellos de Pontevedra

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Deputación de Pontevedra presentaron, no marco da III Xornada de Normalización Lingüística que organiza a propia Deputación, as conclusións da Auditoría lingüística dos concellos de Pontevedra. Trátase dun informe elaborado pola Mesa, a pedimento da Deputación de Pontevedra, no que se examina o grao de cumprimento das garantías lingüísticas nos concellos da provincia, avaliando cuestións como os idiomas empregados en diferentes servizos á cidadanía (comunicación web, uso das redes sociais, atención telefónica, banca electrónica...), ou a existencia de servizos de normalización lingüística municipais. Malia que en termos xerais se constata un avance na normalización do galego nestes concellos, nas conclusións do informe saliéntanse carencias nos apartados de perfil do contratante, transparencia e banca electrónica, onde se continúa a empregar en exclusiva o castelán. Outro dato preocupante é que só 12 dos 61 concellos avaliados contaban en febreiro de 2017 (data da recollida de datos) cun servizo de normalización lingüística.
24/01/2018. OUTRAS

Corenta anos de pensamento cristián en galego

Encrucillada, a primeira revista de pensamento cristián da Transición escrita en galego, celebra os seus 40 anos editando a monografía As Letras Galegas na Encrucillada, unha publicación en dous tomos nos que se recollen os artigos publicados desde 1977 sobre destacados autores/as da nosa literatura, reservando un destes tomos para aqueles aos que se lles dedicou o Día das Letras Galegas. O acto público de presentación da monografía tivo lugar o pasado 19 de xaneiro na sede da Real Academia Galega.
24/01/2018. CURSOS E CONGRESOS

Curso de achegamento ao galego no Concello de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo convoca o curso Achégate ao galego, nivel básico, dirixido a todas aquelas persoas, de dentro e fóra de Galicia, sen apenas coñecementos do idioma. O curso desenvolverase durante os meses de febreiro, marzo e abril de 2018. As persoas interesadas en asistir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org, indicando no asunto da mensaxe “curso galego nivel básico”. Para ampliar información sobre as datas de realización e mais o programa do curso, preme aquí.