Novas da lingua

Rexistros2341 a 2370 de 5436
21/06/2018. EMPREGO

Praza de técnico/a auxiliar de tradución na Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra publica a convocatoria de varios procesos selectivos para cubrir prazas vacantes no seu cadro de persoal funcionario. Entre as prazas convocadas, inclúese unha de técnica ou técnico auxiliar de tradución, encadrada na escala de Administración especial, subescala técnica, clase técnico auxiliar e integrada no grupo C1, por quenda libre. O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado (BOE). Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
15/06/2018. INVESTIGACIóN

Aumenta o monolingüismo en castelán na poboación máis nova

O Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega presentou en Barcelona, no marco dunhas xornadas organizadas polo Institut d'Estudis Catalans, un primeiro avance dos datos obtidos no proxecto “O galego da mocidade. Quince anos despois”, un estudo que a RAG está a desenvolver, co apoio da Deputación de Pontevedra, para coñecer os usos e actitudes lingüísticas da poboación máis nova. Deste primeiro avance extráense dúas conclusións básicas: por un lado, obsérvase un aumento evidente na tendencia cara ao monolingüismo en castelán na chamada xeración Z (persoas nadas entre 1990 e 1999); e por outro, constátase unha diminución dos prexuízos negativos cara ao idioma galego neste mesmo sector de poboación. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/06/2018. LEXISLACIóN

Redondela conmemora os 35 anos da Lei de normalización lingüística

O Concello de Redondela, pioneiro na galeguización da Administración local, celebra hoxe, 15 de xuño de 2018, un acto institucional para conmemorar o 35 aniversario da Lei de normalización lingüística. No acto, que se celebrará diante da Casa de Cultura ás 12:00 h, participarán Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Javier Bas, alcalde de Redondela; Xosé González, promotor do primeiro SNL municipal; e Xurxo Martínez, técnico de normalización lingüística de Redondela. A homenaxe estará amenizada coa actuación musical de Luís Emilio Batallán.
13/06/2018. DINAMIZACIóN

Cedeira celebra o II Festival de música galego-portuguesa

O Concello de Cedeira organiza a segunda edición do Festival de música galego-portuguesa “Traz outro amigo também”, que se celebrará entre os días 15 e 17 de xuño en Cedeira, co obxectivo de reivindicar o valor da música como arma de transformación social e crear puntos de encontro no ámbito da lusofonía. Ademais das actuacións musicais, no marco deste festival terán lugar unhas xornadas de lingua centradas tamén no ámbito da lusofonía, nas que intervirán os profesores José Luís Fernández (EOI da Coruña), Mauricio Castro (EOI de Ferrol) e Ramón Mariño (USC). Para ampliar esta información, preme aquí.
12/06/2018. INVESTIGACIóN

Preséntase en Numax unha obra sobre o cinena en galego

O Grupo de Estudos Audiovisuais e a Editorial Galaxia presentan a obra Marcas na paisaxe. Para unha historia do cinema en lingua galega, na que oito investigadoras, baixo a coordinación de Margarita Ledo Andión, trazan a relación do cinema galego con outros aspectos socioculturais, como a emigración, a paisaxe ou o idioma. O acto de presentación terá lugar hoxe, 12 de xuño, ás 20:00 h, na librería Numax. Para ampliar esta información, preme aquí.

11/06/2018. INVESTIGACIóN

Charla sobre a revitalización das linguas minorizadas

O vindeiro xoves, 14 de xuño, terá lugar no centro social A Gentalha do Pichel (Santiago de Compostela) unha charla sobre linguas minorizadas e procesos de revitalización. No acto, que terá lugar ás 18:45 h, participarán Bernadette O’Rourke e Alejandro Dayán-Fernández (da Universidade de Heriot-Watt, Escocia), que centrarán a súa exposición na presentación do proxecto interdisciplinar SMILE, que está a investigar diferentes iniciativas de revitalización de linguas minorizadas en Europa.
07/06/2018. INVESTIGACIóN

A Universidade de Vigo presenta unha nova radiografía da súa situación sociolingüística

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta, baixo o título Estudo sociolingüístico sobre o uso do galego na Universidade de Vigo, unha nova análise sobre os usos, a competencia e as actitudes lingüísticas na comunidade universitaria viguesa. Transcorridos vinte anos do primeiro estudo sociolingüístico desta universidade (1997), esta nova achega permítenos actualizar a radiografía e concluír que se constata unha mellora na competencia lingüística tanto do PAS, como do profesorado e o alumnado, mais esta mellora competencial non foi directamente proporcional ao incremento do uso do galego no contexto universitario. Podes consultar o estudo completo premendo aquí.

07/06/2018. DINAMIZACIóN

Vigo arrola aos cativos/as en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta a iniciativa "Vigo Arrólate", deseñada para fomentar a transmisión do galego no ámbito da familia. O programa, dirixido a bebés, cativas/os de ata 2 anos e as súas familias, inclúe contos, xogos e música, que se desenvolverán do 2 ao 30 de xullo de 2018 na Biblioteca Neira Vilas e na Casa da Xuventude de Vigo. O prazo de inscrición comeza o 19 de xuño, ata esgotar as prazas. Podes consultar o programa completo de actividades premendo aquí.
06/06/2018. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán sobre as estratexias de internacionalización do galego

A Universidade de Santiago de Compostela inclúe na oferta formativa da Universidade de Verán 2018 o curso “Galego, porta aberta para o mundo”, que terá lugar en Santiago de Compostela entre os días 26 a 29 de xuño. O curso, dirixido por Teresa Moure, quere analizar a situación actual do idioma galego, así como as estratexias para a súa internacionalización, ao abeiro do marco normativo que ofrece a Lei 1/2014, máis coñecida como Lei Valentín Paz-Andrade. Para obter máis información sobre os trámites de matrícula, preme aquí.
06/06/2018. LEXISLACIóN

Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística na Administración local

A Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Administración Local e a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua presentaron onte, 5 de xuño de 2018, o Informe sobre a prestación do servizo de normalización lingüística pola Administración local en exercicio de competencia propia. Trátase dun informe xurídico elaborado en resposta ás dúbidas xurdidas nestes últimos tempos en diferentes administracións locais en relación coa súa competencia en materia de normalización lingüística. No documento indícase que as entidades locais galegas comparten coa Xunta de Galicia o mandato legal de promover a normalización da lingua galega, polo tanto, trátase dunha competencia propia tanto da Administración autonómica como da local e o seu exercicio non require da emisión do informe de duplicidade nin sustentabilidade financeira. Podes ampliar esta información no web da CTNL.
05/06/2018. DINAMIZACIóN

Descubre xogando a toponimia de Compostela

O Concello de Santiago de Compostela presenta Atopando Compostela, a versión web dun xogo de taboleiro sobre toponimia que foi creado en 2011 co obxectivo de que o alumnado de secundaria de Santiago coñecese, dun xeito lúdico, o patrimonio toponímico do seu concello. Agora, todas as persoas que o desexen tamén poden descubrir, xogando de xeito individual ou por equipos, a toponimia compostelá. Esta iniciativa será presentada publicamente o vindeiro 15 de xuño, ás 19:00 horas, na Casa das Asociacións de Cornes (Santiago de Compostela). No acto intervirá Xosé Lois Vilar, arqueólogo e membro da Sociedade Galega de Estudos Miñoranos, e a seguir desenvolverase unha partida por equipos. Podes ampliar a nova premendo aquí.
05/06/2018. EMPREGO

Bolsas de formación no Centro Ramón Piñeiro

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica o concurso público de dez bolsas de formación vinculadas á actividade do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Trátase dos seguintes proxectos: Dicionario galego-italiano (1 bolsa), Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Fraseoloxía galega (1 bolsa), Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), Cantigas de Santa María (1 bolsa), Prosa literaria medieval (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala (1 bolsa), Base de datos do ALIR (1 bolsa) e Dicionarios de literatura (1 bolsa). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
01/06/2018. INVESTIGACIóN

O IES Marco do Camballón aposta pola investigación matemática en galego

O Departamento de Matemáticas do IES Marco do Camballón presenta o primeiro número da revista Marco Numérico, onde o alumnado do segundo ciclo da ESO e de Bacharelato terá a oportunidade de publicar os seus traballos de investigación matemática en lingua galega. Este primeiro número recolle diferentes artigos elaborados polo alumnado de 2º de Bacharelato durante o curso 2017-2018 na materia “Métodos Estatísticos e Numéricos”. A publicación, que ten carácter anual, está aberta a incorporar no futuro achegas doutros centros de ensino. Para ampliar esta información, preme aquí.
31/05/2018. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Lois Peña Novo 2018

O xurado dos Premios Lois Peña Novo deu a coñecer os/as gañadores/as da vixésimo cuarta edición destes galardóns, deseñados para animar o proceso de normalización lingüística no eido das administracións públicas, na vida institucional de Galicia e na sociedade en xeral. Nesta edición os/as premiados/as son a escritora María Xosé Queizán, pola súa traxectoria vital de compromiso coa lingua e a cultura galegas; o profesor e académico Manuel González González, polo seu traballo de investigación científica no eido da lingüística galega; e o xurista Xesús Costas Abreu, polo seu compromiso coa defensa do galego no ámbito da Administración local. O acto de entrega dos galardóns terá lugar o 28 de xuño de 2018, ás 19:30 h, no Castelo de Soutomaior.
30/05/2018. CURSOS E CONGRESOS

Curso de verán “Traballando na calidade da lingua”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a décimo cuarta edición deste curso de verán, que nesta ocasión reflexionará sobre a calidade no uso da lingua en diferentes ámbitos sociais. As sesións desenvolveranse os días 18 e 19 de xullo de 2018 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o 15 de xullo. Podes coñecer o programa completo do curso premendo aquí.

30/05/2018. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para o fomento do galego no ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para os proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino non universitario de titularidade pública, para o curso escolar 2017/2018. Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí.
30/05/2018. OUTRAS

Luciano Varela recibe a medalla de ouro da Irmandade Xurídica Galega

A Irmandade Xurídica Galega concedeulle, nun acto celebrado o pasado 26 de maio no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, a medalla de ouro a Luciano Varela, maxistrado do Tribunal Supremo. Así mesmo, o maxistrado foi tamén nomeado Irmandiño de Honra polo seu compromiso co idioma galego no exercicio da súa profesión. A entrega da medalla tivo lugar no marco da celebración da XI Asemblea da Irmandade Xurídica Galega, na que se incorporaron á entidade 21 novos membros.
28/05/2018. DINAMIZACIóN

Os alalás protagonizan a sexta edición de "No bico un cantar"

O Consello da Cultura Galega e a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta de Galicia organizan a sexta edición do certame musical No bico un cantar, co obxectivo de trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia e, ao tempo, axudar a crear un repertorio musical en galego para coros. Nesta ocasión, o alumnado dos conservatorios profesionais e escolas de música de Galicia, acompañados do quinteto de metais Hércules Brass, interpretarán diferentes alalás, un tipo de canto popular con gran presenza na nosa tradición musical. Como xa aconteceu en edicións anteriores, estrearase unha peza encargada expresamente para a ocasión. Este ano será o "Alalá á vella maneira" de Manuel Rivas, con música de Teresa Bretal. O concerto terá lugar 1 de xuño 2018, ás 18:00 h, na Igrexa de San Francisco de Betanzos.
28/05/2018. DINAMIZACIóN

En liña o artigo gañador do XIV Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores

O pasado 24 de maio tivo lugar no Concello de Carballo o acto oficial de entrega do XIV Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores, que nesta edición se lle outorgou a "Alpabardas verdes", de Carlos Lixó, poeta, investigador e profesor de Historia na Universidade de Santiago de Compostela. O premio está dotado con 1.250 euros, ademais da difusión nos nove medios colaboradores coa iniciativa. Xa podes lelo en Internet en El Correo Gallego, La Voz de Galicia, Galicia Confidencial, Praza Pública, Que pasa na Costa e Sermos Galiza.
25/05/2018. DINAMIZACIóN

Nova iniciativa de banda deseñada en lingua galega

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta A viñeta de Schrödinguer, unha nova revista de banda deseñada en lingua galega que nace para darlles visibilidade aos novos/as autores/as galegos de banda deseñada e, ao mesmo tempo, fomentar o consumo deste tipo de produtos culturais na nosa lingua, nomeadamente entre o público adolescente. A revista, dirixida por Kiko da Silva, terá unha periodicidade trimestral e botará a andar cunha tiraxe de 1.500 exemplares. O primeiro número chegará ás librarías en xullo de 2018 pero, se o desexas, podes subscribirte desde o web da Mesa. Para ampliar información, preme aquí.

25/05/2018. EMPREGO

Convocatoria de dúas bolsas e dúas prazas en centros de estudos galegos no exterior

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia publica as convocatorias públicas para cubrir dúas prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades de Oxford e o País Vasco e mais dúas bolsas de formación nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas das universidades de París e São Paulo. En ambas as dúas convocatorias, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
21/05/2018. OUTRAS

Dous novos xornais en galego para a provincia de Lugo

Este mes das Letras Galegas está a ser frutífero para o xornalismo dixital en galego. Se hai uns días dabamos a nova do nacemento de dous novos xornais no noso idioma (Adiante.gal e Xornal de Vigo), hoxe informamos doutras dúas iniciativas xornalísticas en galego para a provincia de Lugo. Trátase de LugoXornal, un espazo para a información da contorna de Lugo e O Bierzo, e mais Xornal da Mariña, unha nova iniciativa dixital que, que como xa viña facendo Crónica3, informaranos en galego da realidade da Mariña luguesa.

16/05/2018. DINAMIZACIóN

Festexamos as nosas Letras compartindo orgullo polo galego

Coincidindo coa celebración das Letras Galegas, o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia convídate a ver, e compartir nas redes sociais, a colección de vídeos O deporte galego fala galego, que agora podes atopar agrupados nunha mesma sección web. Trátase dunha serie de pezas audiovisuais, elaboradas no marco dos XX Encontros para a Normalización Lingüística, nas que dezaoito deportistas galegos/as de elite reflexionan sobre a súa práctica lingüística, ao tempo que transmiten o seu orgullo como falantes de galego.
16/05/2018. DINAMIZACIóN

IX Certame de Cinema OUFF Escola

O Concello de Ourense e o Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convocan o IX Certame de Cinema OUFF Escola. O obxectivo deste certame escolar é impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Poderá participar o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2017-2018, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. Os participantes deben elaborar curtametraxes en lingua galega de ata 20 minutos de duración. O prazo de inscrición remata o 2 de xullo de 2018. Para consultar as bases do certame, preme aquí.
16/05/2018. DINAMIZACIóN

Dispoñible en liña o catálogo de textos galegos da Idade Moderna

O Instituto da Lingua Galega presenta o repositorio Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna, que recolle toda a produción escrita en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII. Ademais da reprodución facsimilar dos textos incluídos neste catálogo, ofrécese tamén unha transcrición paleográfica e outra interpretativa. A maiores, todos os textos están lematizados e conteñen anotación morfosintáctica, o que enriquece as diferentes opcións de busca. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
15/05/2018. DINAMIZACIóN

O carro do supermercado tamén se enche con letras

As empresas alimentarias Velgasa-Eroski e Gadis súmanse outro ano máis á conmemoración do Día das Letras Galegas, no marco das súas actividades de responsabilidade social empresarial. Gadis homenaxea a María Victoria Moreno cun concurso nas redes sociais e a distribución de máis de dous millóns de bolsas cun fragmento de Diario da luz e a sombra e 50.000 marcapáxinas cun dos poemas de Elexías de luz. Tamén repartirá entre a clientela 30.000 exemplares de Papá Bolechas doa sangue, para o público infantil. Pola súa parte, Velgasa-Eroski, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, distribuirá na súa rede de supermercados en Galicia medio milleiro de carteis e dous millóns de bolsas conmemorativas da autora homenaxeada.
15/05/2018. DINAMIZACIóN

A RAG celebra en Pontevedra o acto central das Letras Galegas

O vindeiro 17 de maio, Día das Letras Galegas, a Real Academia Galega celebrará unha sesión extraordinaria e pública dedicada a María Victoria Moreno. No acto, que terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra ás 12:30 h, intervirán os/as académicos/as Marilar Aleixandre, Fina Casalderrey e Xesús Alonso Montero, así coma o presidente da institución, Víctor F. Freixanes, que será o encargado de pechar a sesión. Para coñecer máis sobre a escritora homenaxeada, preme aquí.
14/05/2018. DINAMIZACIóN

V Carreira Camiño das Letras


Xurdir, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a V Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o domingo 17 de maio de 2018 en Santiago de Compostela. O obxectivo da iniciativa é festexar as Letras Galegas e difundir o Camiño de Santiago a través da práctica deportiva. A carreira contará cunha proba absoluta desde o Pico Sacro ata a Cidade da Cultura e cun circuíto para as categorías de menores, que se realizará nos exteriores da Cidade da Cultura. O prazo de inscrición remata o 14 de maio, ás 23.59 horas.
14/05/2018. DINAMIZACIóN

Licenza libre para usar o galego sen límites

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo presenta a campaña En galego, ti tes a licenza!, coa que nos convida a usar o galego libremente en todos os ámbitos sociais, xa que o noso idioma é Creative Commons. Para o desenvolvemento da campaña elaborouse un vídeo promocional e deseñáronse diferentes carteis (que se están a distribuír nas rúas e nas redes sociais), nos que os propios habitantes de Carballo participan con frases de apoio ao uso do galego sen restricións. Podes ampliar esta información, premendo aquí.

11/05/2018. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.