Novas da lingua

Rexistros2401 a 2430 de 4427
08/11/2017. DINAMIZACIóN

Nova edición do Club de Debate

Xa está en marcha unha nova edición do Club de Debate, un proxecto colaborativo promovido polos servizos de normalización lingüística de diferentes concellos galegos, que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios nas fases de zona e o equipo que gañe a fase final será premiado cunha viaxe en grupo. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2017.
08/11/2017. EMPREGO

Contratos de investigación no Instituto da Lingua Galega

A Universidade de Santiago de Compostela anuncia a convocatoria pública de contratación de persoal para colaborar en actividades de investigación mediante contrato de obra ou servizo determinado. Seleccionarase persoal para os seguintes proxectos do Instituto da Lingua Galega: “Arquivo do Galego Oral (AGO)” e “Léxico patrimonial (Galicia-Portugal-Brasil)”. Os aspirantes deben posuír a Licenciatura ou Grao en Filoloxía Galega / Lingua e Literatura Galegas. Para a primeira praza (AGO) tamén deben estar matriculados/as nun programa de doutoramento na USC. O prazo de presentación de solicitudes remata o 13 de novembro de 2017. Para ampliar información, preme aquí.

06/11/2017. CURSOS E CONGRESOS

Simposio internacional “E irei madr’a Vigo”

Con motivo da estadía en Vigo do Pergamiño Vindel, o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo organiza o Simposio internacional E irei madr’a Vigo, que terá lugar os días 23 e 24 de novembro de 2017 no auditorio do Edificio Cambón (Vigo). Ao longo das xornadas haberá dúas conferencias plenarias e varias comunicacións científicas, nas que se analizará o Pergamiño Vindel desde diferentes perspectivas: a histórica, a musicolóxica, a literaria, a lingüística e a grafolóxica. A entrada é libre ata completar a capacidade do auditorio. Podes coñecer o programa completo do simposio premendo aquí.

06/11/2017. DINAMIZACIóN

Concurso de vídeos para achegar a xente nova ao mundo trobadoresco

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Secretaría Xeral de Cultura convocan o Certame Vindevídeos, coa finalidade de que a xente nova e mais a sociedade en xeral poidan achegarse á cultura trobadoresca a través de producións en soporte audiovisual. O certame establece dúas categorías de participación, unha destinada a alumnado de infantil e primaria; e outra para alumnado de educación secundaria, ensinanzas especiais de grao medio, ensinanzas de adultos e ensinanzas de réxime xeral cursadas fóra de Galicia. O prazo para enviar os vídeos remata o 11 de decembro de 2017.
03/11/2017. AXUDAS E PREMIOS

Convócase o XVIII Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e mais o Concello de Santiago de Compostela convocan a décimo oitava edición do Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa. O prazo para presentar as candidaturas remata o 11 de decembro de 2017. Para ampliar información, preme aquí.
03/11/2017. DINAMIZACIóN

Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou o manifesto e as actividades do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas – 2017, co obxectivo de difundir a divulgación científica en galego en todas as bibliotecas públicas galegas. O programa inclúe obradoiros científicos, sesións de contos, ciclos de cine e charlas divulgativas, entre outras actividades.
02/11/2017. DINAMIZACIóN

Volve o LGx15 con novas ideas para o futuro da lingua

O vindeiro 9 de novembro, ás 18:00 h, terá lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela unha nova edición do LGx15, un evento organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, no que a través de charlas breves e amenas, diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. O acto será presentado por Vicente Mohedano e contará tamén coa actuación musical de MJ Pérez. A entrada custa 6 euros en venda anticipada e 10 euros o mesmo día na billeteira.
02/11/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios San Martiño de Normalización Lingüística

A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados da vixésimo sétima edición dos Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego. Os premiados nesta edición son a asociación Codeseda Viva, na modalidade “A Estrada e comarca de Tabeirós-Terra de Montes”; a funcionaria Carme Pérez Vaquero, na categoría de “Galicia enteira” e o escritor Mario Franco Rodríguez, na categoría “Toda unha vida”. A entrega dos galardóns será o 14 de novembro ás 20:30 horas no Teatro Principal de A Estrada. Podes ampliar esta nova premendo aquí.

02/11/2017. CURSOS E CONGRESOS

III Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino

Os departamentos de Filoloxía Galega e Didácticas Aplicadas da Universidade de Santiago de Compostela organizan as III Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino, que nesta edición levan por título “Ensinar galego desde o multilingüismo e a variedade. Enfoques e experiencias”. As xornadas, destinadas preferentemente a profesorado de Ensino Secundario da especialidade de Lingua Galega e Literatura, teñen como obxectivo ofrecer unha oportunidade para a reflexión sobre algúns aspectos da situación sociolingüística e do marco legal educativo que teñen un impacto directo na docencia do galego. As sesións terán lugar os días 17 e 18 de novembro de 2017. Para obter máis información sobre o programa das xornadas e mais os trámites de inscrición, preme aquí.
31/10/2017. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Bacelos de Prata

A Asociación Álvaro das Casas fixo públicos os galardoados da undécima edición dos Premios Bacelos de Prata, pensados para recoñecer o labor de empresas que apostan polo galego como marca de calidade na etiquetaxe dos seus produtos. As empresas galardoadas nesta edición foron a queixería lalinense Hoxe e a adega O Alborexar, ubicada en Castrelo de Miño. A entrega dos premios celebrarase o vindeiro 18 de novembro no Pazo dos Ulloa, en Esposende, Ribadavia.
30/10/2017. CURSOS E CONGRESOS

XVIII Xornadas de expresión oral “Tíralle da Lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XVIII Xornadas de expresión oral “Tíralle da Lingua”, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse o 18 de novembro de 2017 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula (que debe realizarse a través do web da AS-PG) remata o 16 de novembro.
30/10/2017. DINAMIZACIóN

Concurso-Exposición Letras Galegas 2018

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso-Exposición Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018, María Victoria Moreno Márquez, e/ou a situación sociolingüística da etapa histórica na que viviu. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. Outorgarase un premio en metálico de 2000 euros para cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de xaneiro de 2018. Para obter máis información, preme aquí.
24/10/2017. CURSOS E CONGRESOS

Simposio sobre a escrita en galego na Idade Moderna

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o simposio “Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna”, no que se analizará a produción escrita en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII. As sesións desenvolveranse os días 20, 21 e 22 de novembro de 2017 no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da USC. O prazo de inscrición remata o día 20 de novembro ás 12.00 horas.

24/10/2017. CURSOS E CONGRESOS

Ciclo de conferencias para achegarnos á realidade do Pergamiño Vindel

Con motivo da estadía do Pergamiño Vindel en Vigo, o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo organiza Os xoves do Vindel, un ciclo de seis relatorios nos que se tratarán aspectos da realidade socio-cultural, a literatura, a lingua e a música da Idade Media. O ciclo, que comezou o pasado 19 de outubro, continuará en vindeiros xoves ata o mes de febreiro de 2018, no auditorio do Edificio Cambón (rúa da Palma, 4 - Vigo). A entrada é gratuíta ata completar o aforo.
20/10/2017. DINAMIZACIóN

VIII Día da Ciencia en Galego

A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) convida a toda a comunidade educativa a conmemorar, o vindeiro 4 de novembro, o VIII Día da Ciencia en Galego, que neste ano 2017 está dedicado ás viaxes científicas. Os científicos homenaxeados nesta edición son Charles Darwin, que coas súas viaxes a bordo do Beagle mudou a maneira de pensar sobre a orixe e a evolución das especies; e Domingo Fontán, científico galego que elaborou con métodos modernos, matemáticos e exactos o primeiro mapa actual de Galicia. No web de Igaciencia podes coñecer diferentes propostas didácticas para conmemorar este día.
19/10/2017. CURSOS E CONGRESOS

Acollemento lingüístico e cultural no Concello de Carballo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo organiza unha nova edición do Obradoiro para o acollemento lingüístico e cultural, destinado a persoas nacidas fóra de Galicia, coa finalidade de proporcionarlles un primeiro contacto coa lingua e cultura galegas, facilitándolles deste xeito a súa inserción laboral e social. As sesións desenvolveranse entre o 2 de novembro e o 21 de decembro de 2017. A inscrición é gratuíta e o prazo está aberto ata o 30 de outubro. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
19/10/2017. CURSOS E CONGRESOS

X Xornada "Os recursos educativos en galego: a educación de adultos"

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago organiza a X Xornada "Os recursos educativos en galego: A educación de adultos". O obxectivo é dar a coñecer os recursos educativos existentes en lingua galega para a educación de adultos e promover a creación doutros novos adaptados ás necesidades contextuais e lingüísticas de Galicia. O prazo de inscrición estará aberto dende o día 21 de outubro ata o 20 de novembro de 2017. Para ampliar información, preme aquí.

17/10/2017. CURSOS E CONGRESOS

Curso de acollemento lingüístico na Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística e a Unidade de Asesoramento de Migracións (UAMI) do Concello da Coruña organizan un curso de acollemento lingüístico dirixido a persoas inmigrantes e emigrantes retornadas, que se desenvolverá entre os días 6 e 17 de novembro de 2017. O obxectivo é facilitarlles a integración na sociedade galega, achegándolles información histórica e sociocultural de Galicia e axudándolles a adquirir unha competencia básica no idioma galego. O prazo de inscrición remata o 6 de novembro de 2017. Para obter máis información preme aquí.
11/10/2017. INVESTIGACIóN

Conversa con Klaus Bochmann no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega organiza o encontro Conversas con... Klaus Bochmann arredor da “Hexemonía lingüística e os donos da linguaxe”, que terá lugar o vindeiro martes, 17 de outubro, ás 18:30 horas, no Consello da Cultura Galega. Klaus Bochmann é profesor da Universidade de Leipzig, estudoso da sociolingüística das linguas romances, con especial atención ao estudo lingüístico dos textos políticos, e especialista nos idiomas romanés e moldavo. Para obter máis información do encontro, así como dos trámites de inscrición, preme aquí.
11/10/2017. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Outes

O Concello de Outes publica as bases para a contratación temporal dun/dunha técnico/a de normalización lingüística. O contrato rematará o vindeiro 31 de decembro de 2017. O sistema de selección será o de concurso. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galega-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), do Grao en Lingua Galega, ou calquera outra licenciatura/grao sempre que dispoña do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes é de oito días hábiles, contados a partir da publicación do anuncio da convocatoria. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
09/10/2017. CURSOS E CONGRESOS

Aprendendo galego a través da auga

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dous cursos formativos deseñados para ampliar o coñecemento da lingua galega (léxico, fraseoloxía, toponimia...) empregando como fío condutor a auga. No Curso de auga salgada “Chegou o mar á ribeira” o alumnado achegarase ao noso patrimonio lingüístico a partir do coñecemento do medio mariño, mentres que no Curso de auga doce o fío condutor para aprender galego será a relación de Vigo cos ríos, muíños, bosques de ribeira... Os cursos desenvolveranse durante os meses de outubro e novembro de 2017 na oficina municipal de Distrito de Bouzas-Casa Patín. Para saber máis sobre os horarios ou os trámites de inscrición, preme aquí.
05/10/2017. AXUDAS E PREMIOS

Premio a proxectos de webseries en galego

O Festival Carballo Interplay, que celebrara a súa quinta edición entre os días 5 e 7 de abril de 2018 en Carballo, convoca o Premio a proxectos de webseries en galego, que ten como obxectivo o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en Internet. O premio, dotado de 1.500 euros, debe destinarse á produción de, como mínimo, tres vídeos do proxecto de webserie premiado. O prazo para enviar os proxectos remata o 18 de marzo de 2018.
29/09/2017. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Cultura Galega para o proxecto Apego

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2017 fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio ao proxecto Apego, un programa colectivo deseñado para promover a transmisión do galego como lingua inicial e fomentar a socialización neste idioma entre os nenos e nenas de 0 a 6 anos. Nas outras categorías, os galardoados/as son Xohana Torres (Letras), Berta Álvarez Cáccamo (Artes plásticas), Mabel Rivera (Artes escénicas), Uxía Senlle (Música), Oliver Laxe (Audiovisual), Fundación Rosalía de Castro (Patrimonio cultural) e Cristina Pato (Proxección exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
28/09/2017. CURSOS E CONGRESOS

Curso básico de lingua galega na Mancomunidade de Ordes

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza un curso básico de lingua galega, dirixido principalmente a persoas de fóra de Galicia interesadas en adquirir as competencias básicas no idioma galego. As sesións desenvolveranse entre o 17 de outubro e o 7 de decembro 2017, os martes e os xoves, en horario de 10:00 h a 12:30 h. As persoas interesadas teñen de prazo ata o 11 de outubro para presentar a súa solicitude. Para acceder á información completa da convocatoria, preme aquí.
26/09/2017. OUTRAS

26 de setembro: Día Europeo das Linguas

Desde 2001, por iniciativa do Consello de Europa, cada ano o día 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, co obxectivo de poñer en valor a diversidade lingüística do continente europeo e fomentar a aprendizaxe de linguas entre a cidadanía. En Galicia diferentes entidades organizan tamén actos co gallo desta celebración. Por citar un par de exemplos, a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia organiza hoxe un concerto multilingüe a cargo de Rosa Cedrón e Emilio Rúa na Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. Así mesmo, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Deputación da Coruña conmemoran este día presentado, ás 20 h, no Teatro Colón da Coruña o documental Tosta e o libro Unha guía imperfecta.
25/09/2017. OUTRAS

O Pergamiño Vindel volve a Galicia

O pasado venres, 22 de setembro de 2017, tivo lugar en Nova York a cerimonia oficial de entrega, en calidade de préstamo temporal, do Pergamiño Vindel por parte da Morgan Library & Museum, actual propietaria do pergamiño, á Universidade de Vigo. O Pergamiño Vindel, que recolle as sete cantigas de amor medievais (seis delas con notación musical) do trobador Martin Codax, será o protagonista da exposición Un tesouro en sete cantigas, que se inaugurará no Museo do Mar de Galicia o vindeiro 10 de outubro. En paralelo á exposición, desenvolveranse diferentes actividades de divulgación, entre as que destaca a celebración do simposio internacional E irei, madr´a Vigo, organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo. Para ampliar esta nova, preme aquí.
22/09/2017. DINAMIZACIóN

Rianxo promove o galego no sector comercial e hostaleiro

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Rianxo presenta a campaña En Rianxo, ao noso xeito, que ten como obxectivo promover o uso do galego como lingua vehicular e maioritaria nos establecementos comerciais e hostaleiros de Rianxo. A iniciativa, que se desenvolverá en colaboración coa Asociación Rianxeira de Empresarios, inclúe diferentes accións, como a creación dun espazo web con recursos de utilidade, a organización de cursos de formación para o persoal dos establecementos adheridos, ou a difusión de panos de mesa co lema da campaña, entre outras. Podes obter máis información no web do SNL do Concello de Rianxo.
22/09/2017. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de deseño e maquetación de materiais para a normalización lingüística

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o Obradoiro de deseño e maquetación de materiais básicos para a normalización lingüística, deseñado para que o alumnado aprenda a crear e maquetar material gráfico básico para difundir actividades e mensaxes no ámbito da normalización lingüística. O curso, de 16 horas (12 presenciais e 4 a distancia), desenvolverase na Aula de Informática de Docencia da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. As sesións presenciais terán lugar os días 26 e 27 de outubro de 2017. O prazo de inscrición comeza o 26 de setembro e estará aberto ata o 15 de outubro. Podes ampliar información premendo aquí.
20/09/2017. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de conversa en galego

A Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña oferta, no marco do programa Falamos 2017, cursos de conversa en galego dirixidos a adultos con coñecementos básicos do idioma que queiran perfeccionar a súa competencia oral. Organizaranse dous niveis, segundo os coñecementos previos do alumnado. As sesións desenvolveranse desde outubro de 2017 a xaneiro de 2018. As persoas interesadas en asistir deben achegarse á Sección Infantil e Xuvenil da Biblioteca o vindeiro 29 de setembro, ás 16:30 h, para reservar a súa praza. Para obter máis información, preme aquí.
20/09/2017. DINAMIZACIóN

Coñecendo a microtoponimia redondelá

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellería de Cultura do Concello de Redondela organizan os obradoiros didácticos Coñecendo Redondela, deseñados para que os nenos e nenas de entre 6 e 12 anos se acheguen ao patrimonio arquitectónico e toponímico do concello. Os obradoiros desenvolveranse os días 25, 26 e 27 de setembro de 2017. A inscrición é de balde e o prazo para formalizala remata o 21 de setembro. Para ampliar esta nova, preme aquí.