A Real Academia Galega organiza, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, a II Xornada de Onomástica Galega, que se centrará nos aspectos legais, sociais e lingüísticos dos nomes e apelidos galegos. A xornada terá lugar o 30 de setembro de 2017 no Museo de Pontevedra. A entrada é libre ata completar aforo.
20/09/2017. CURSOS E CONGRESOS
15/09/2017. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo convoca o curso Achégate ao galego, nivel 2, dirixido a todas aquelas persoas, de dentro ou fóra de Galicia, que posúan uns coñecementos xerais do idioma e queiran mellorar a súa competencia lingüística no uso do galego estándar. O curso desenvolverase durante os meses de outubro e novembro de 2017. As persoas interesadas en asistir deben enviar os seus datos (nome completo e teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org, indicando no asunto da mensaxe “curso galego nivel 2”. Podes ampliar información sobre esta nova premendo aquí.
15/09/2017. EMPREGO
O Concello da Pobra do Caramiñal convoca un proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego de técnico/a de normalización lingüística, en réxime de persoal laboral temporal. O sistema de selección será o de concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Grao en Lingua Galega ou calquera outra licenciatura, sempre que acredite o Celga 5. O prazo para a presentación de solicitudes é de dez días naturais, contados desde o seguinte ao da publicación desta convocatoria.
12/09/2017. CURSOS E CONGRESOS
O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada “Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade”, onde se analizará o papel que xoga a etiquetaxe dos produtos nas estratexias de creación e posta en valor de marcas, así como a presenza do galego (ou outras linguas minoritarias) nos ámbitos do comercio e a industria. A xornada terá lugar o 26 de setembro de 2017, na sede do CCG, en Santiago de Compostela. A matrícula é gratuíta e as prazas (limitadas a 100 persoas) cubriranse por orde de inscrición.
06/09/2017. CURSOS E CONGRESOS
Os vindeiros días 20, 21 e 22 de setembro de 2017 terá lugar en Bilbao e Donostia a oitava edición do Congreso Internacional sobre Pequenas Cinematografías, que organiza anualmente a Universidade do País Vasco UPV/EHU. Nesta edición, cuxo programa leva por título "Diversidade nos cines glocais: linguaxe, cultura, identidade", encargarase de impartir o relatorio inaugural Margarita Ledo Andión, que ofrecerá unha mostra do Novo Cinema Galego e reflexionará sobre o papel das linguas minorizadas no cinema. Podes obter máis información sobre esta nova no web da RAG.
05/09/2017. DINAMIZACIóN
Comeza o novo curso escolar e a comunidade educativa xa ten ao seu dispor os modelos do calendario escolar en lingua galega para o curso 2017-2018. No web da CGENDL están accesibles para descarga, en formato PDF e Excel, as versións anual e mensuais do calendario. Tamén se ofrecen modelos para elaborar a temporalización anual nos diferentes niveis educativos.
31/08/2017. DINAMIZACIóN
Todas as familias que desexen comunicarse por escrito en galego coa escola infantil dos seus fillos e fillas teñen ao seu dispor un novo modelo de axenda infantil, que poden consultar na rede e descargar de balde grazas á iniciativa de Sonia Díaz, Antía Paz e Gerardo Uz. Cada familia poderá imprimir esta axenda (elaborada cunha licenza Creative Commons CC-BY-SA) e deseñar a súa propia capa cunha ilustración personalizada, ou se o prefire, optar por algunha das catro propostas de capa que tamén están accesibles en Internet, autoría de Gerardo Uz (un dos promotores da iniciativa) e da ilustradora Sabela González.
29/08/2017. DINAMIZACIóN
O vindeiro 9 de novembro terá lugar na Sala Capitol de Santiago de Compostela unha nova edición do LGx15. A comisión organizadora convida a todas as persoas interesadas a presentar a súa propia autocandidatura para participar no evento. Para facelo, só é preciso enviar antes do 17 de setembro ao correo info@ctnl.gal un documento cos teus datos persoais e mais unha explicación das ideas e argumentos que queres difundir para o futuro da lingua. Entre todas as candidaturas recibidas, a comisión organizadora escollerá un mínimo de dúas, que se incorporarán ao programa do LGx15 2017. Para obter máis información dos trámites de inscrición, preme aquí.
29/08/2017. EMPREGO
O Concello da Laracha publica as bases para a contratación urxente dun/dunha técnico/a de normalización lingüística. O contrato, de carácter temporal, rematará o vindeiro 15 de outubro de 2017. O sistema de selección será o de concurso. Os/as aspirantes deben estar en posesión do grao en Lingua e Literatura Galegas, grao en Estudos de Galego e Español, grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, as licenciaturas equivalentes aos ditos graos ou outras titulacións superiores da área de Humanidades ou de Ciencias Xurídicas e Sociais, sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de agosto de 2017. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
28/08/2017. CURSOS E CONGRESOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega (Celga), que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2017/2018. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia (excepto o persoal docente e sanitario). Aos cursos preparatorios dos CELGA poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas. O prazo para presentar as solicitudes abranguerá desde o 1 ata o 10 de setembro de 2017, para os cursos do primeiro cuadrimestre e desde o 2 ata o 11 de xaneiro de 2018, para os cursos do segundo cuadrimestre. Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí.
02/08/2017. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de oito bolsas de formación vinculadas á actividade do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Etiquetador/Lematizador do galego actual (1 bolsa), Corpus documentale latinum Gallaeciae (1 bolsa), Bibliografía Informatizada da lingua galega (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Informes de literatura (1 bolsa), Recuperación de textos literarios e xornalísticos galegos (1 bolsa), Lírica profana galego-portuguesa (1 bolsa) e Dimensións da identidade colectiva de Galicia (1 bolsa). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
02/08/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso do galego. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación ou mantemento dun servizo de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.
01/08/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Parlamento de Galicia e o Foro Enrique Peinador convocan conxuntamente a XXIV edición dos Premios de Publicidade en Galego. Con eles recoñecerase o labor realizado a prol da normalización lingüística por parte de empresas e entidades que se publicitan nos medios de comunicación.
Estes galardóns, outorgados ata o momento polo Consello Asesor de RTVE en Galicia e da RTVG, organízanse en catro categorías: radio, televisión, internet e prensa escrita. O prazo de inscrición está aberto ata o 2 de outubro de 2017. Accede ás bases premendo aquí.
Estes galardóns, outorgados ata o momento polo Consello Asesor de RTVE en Galicia e da RTVG, organízanse en catro categorías: radio, televisión, internet e prensa escrita. O prazo de inscrición está aberto ata o 2 de outubro de 2017. Accede ás bases premendo aquí.
31/07/2017. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do I Premio “Luís Porteiro Garea” recoñeceu, de modo unánime, ao catedrático de Química Inorgánica Manuel Bermejo Patiño, polo seu labor, desde os anos sesenta, de defensa e promoción do galego na docencia e na divulgación científica.
A Universidade de Santiago de Compostela crea o galardón, que ten carácter de distinción, para recoñecer publicamente o traballo de persoas ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. Podes ampliar esta información premendo aquí.
A Universidade de Santiago de Compostela crea o galardón, que ten carácter de distinción, para recoñecer publicamente o traballo de persoas ou colectivos a prol do uso do galego na universidade. Podes ampliar esta información premendo aquí.
27/07/2017. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta a segunda edición do programa “A rúa é nosa! Compostela Territorio Xogantín”, unha iniciativa deseñada para crear espazos de socialización en galego a través do xogo. O programa, dirixido a nenas e nenos de entre 6 a 10 anos, desenvolverase entre o 31 de xullo e o 1 de setembro, de 11:30 a 13:30 horas. Para participar, os/as cativos/as só teñen que achegarse ao punto de encontro situado na Praza 8 de Marzo e despois poderán gozar de diferentes actividades lúdicas acompañados por monitores da empresa Xandobela. Podes ampliar información premendo aquí.
26/07/2017. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica as bases da convocatoria pública para cubrir unha praza no lectorado de lingua, literatura e cultura galegas da Universidade de Kiel (Alemaña). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/07/2017. INVESTIGACIóN
O Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades presentaron publicamente a versión definitiva do sintetizador de voz CoToVía, un sistema de conversión automática texto-voz que permite converter un texto escrito en galego nunha cadea oral. Esta ferramenta está agora ao dispor de toda a comunidade como Creative Commons, cunha licenza GPL 3.0+, polo que calquera empresa ou particular poderá empregala libremente. O enderezo para a descarga é "ftp.net-snmp.org". Podes ampliar esta información premendo aquí.
17/07/2017. INVESTIGACIóN
Xosé A. Fernández Salgado, profesor da Universidade de Vigo, acaba de publicar o libro Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, que recolle a edición e estudo dun novo texto en galego do século XVIII do que se descoñecía a súa existencia, atopado polo propio autor nos fondos da Fundación Penzol. Trátase dun manuscrito inédito, elaborado arredor da década de 1770, que contén cincuenta décimas dirixidas contra o Cura de Fruíme, e que destaca por estar escrito integramente en galego, pola súa calidade poética e polo seu rexistro lingüístico culto, características que ata o momento non se consideraban propias dos textos galegos desa época. A publicación inclúe dúas edicións do manuscrito, unha case paleográfica e outra co texto actualizado graficamente, co obxectivo de facilitar a súa difusión entre o público non especializado. Podes obter máis datos sobre esta nova no Diario da Universidade de Vigo.
17/07/2017. DINAMIZACIóN
O Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentaron o pasado venres, 14 de xullo, no Pazo de San Roque (Santiago de Compostela), unha selección de productos etiquetados en galego. A iniciativa enmárcase na campaña a prol do consumo responsable e solidario que estas entidades promoven desde o ano 2013. No acto participaron representantes das seguintes empresas: Vermú Petroni, Leitenoso, Cooperativas Lácteas Unidas (Clun), Adega Terra de Asorei, Licores Os Mallos, Amorodos (conservas vexetais), Cooperativa A Capela, Lácteos Hoxe, Cooperativa Amarelante, Bodegas Coto Redondo, Embutidos Lalinenses e Sociedade Cooperativa Agraria Condado-Paradanta. Para ampliar a nova preme aquí.
17/07/2017. EMPREGO
O portal de emprego Infojobs publica a oferta para seleccionar un/unha profesor/a de Lingua Galega para impartir docencia en ESO e Bacharelato nun colexio concertado de Vigo. Os/as aspirantes deben posuír a licenciatura en Filoloxía Galega e o máster universitario en Profesorado de ESO e Bacharelato, ademais de experiencia docente. Podes ampliar información sobre esta oferta aquí.
12/07/2017. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do VIII Premio Rosalía de Castro de Lingua, que promove a Deputación da Coruña co obxectivo de recoñecer o labor de dignificación do noso patrimonio lingüístico, deu a coñecer os galardoados desta oitava edición. Nesta ocasión os premiados foron a Asociación Sociopedagóxica Galega (ASPG), pola súa longa traxectoria a prol da normalización do idioma galego, e o proxecto Apego, representado pola CTNL, pola súa promoción do uso do galego nun sector de poboación tan decisivo como é o da infancia. Podes ampliar información premendo aquí.
11/07/2017. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza unha xincana lingüística, dirixida a nenas e nenos de 6 a 12 anos, que se desenvolverá nos meses de xullo e agosto de 2017. O obxectivo é crear espazos de uso para o galego no ámbito do lecer, promovendo a comunicación oral e difundindo, de forma lúdica, vocabulario relacionado coas actividades deportivas. O obradoiro desenvolverase ao longo do período estival nos diferentes concellos que conforman a mancomunidade.
10/07/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para os proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino non universitario de titularidade privada, para o curso escolar 2016/2017. Podes consultar a listaxe de centros beneficiarios premendo aquí: centros da provincia da Coruña, centros de Lugo, centros de Ourense e centros de Pontevedra.
10/07/2017. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Santiago e a União das Cidades Capitais de Língua Portuguesa (UCCLA) organizan conxuntamente a xornada A lingua como oportunidade, que terá lugar hoxe, 10 de xullo de 2017, no edificio Cersia de Santiago de Compostela. O obxectivo da xornada é analizar a importancia da lingua e as vantaxes da proximidade entre o portugués e o galego en sectores como a economía e o turismo. O Concello de Santiago adheriuse á UCCLA como membro observador en novembro de 2016, converténdose deste xeito na única cidade do Estado español que forma parte deste organismo internacional. Podes ampliar información premendo aquí.
05/07/2017. EMPREGO
O Concello de Vigo publica as bases reitoras e mais a convocatoria do proceso selectivo para a formación dunha bolsa de emprego que permita os nomeamentos interinos como técnico/a medio de normalización lingüística (A2). O sistema de selección será o de oposición libre. Os/as aspirantes deben estar en posesión ou en condición de obter o título de Grao en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), Lingua e Literatura Galegas ou equivalentes sempre que tamén se posúa o certificado de lingua galega do nivel 5. O prazo para presentar as solicitudes é de 20 días naturais contados dende o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
27/06/2017. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cursos de linguaxe administrativa galega, niveis medio e superior, na modalidade de teleformación. Os cursos van dirixidos ao persoal de administración e servizos (PAS) das universidades galegas, aos empregados/as públicos/as que presten servizos nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia e aos empregados/as públicos/as das entidades locais de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
26/06/2017. EMPREGO
A Deputación de Ourense publica, no BOP do 24 de xuño de 2017, a convocatoria para a contratación laboral temporal polo procedemento especial de urxencia dun/dunha tradutor/a de galego para o Gabinete de Galego. A duración do contrato será de tres meses. O sistema de selección é o de concurso. Os interesados/as deben estar en posesión da titulación de grao en filoloxía galega ou equivalente. O prazo de presentación de instancias é de 5 días naturais contados desde o seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP.
26/06/2017. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de fomentar o uso do galego no ámbito do lecer. O programa, dirixido ao público infantil, familiar e adulto, inclúe contos, monicreques, obradoiros, xogos tradicionais, música, etc. As actividades comezan o 7 de xullo e rematan o 1 de setembro. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo de actividades (coas datas e lugares de realización), así como unha sinopse das mesmas.
21/06/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, en colaboración co Concello da Estrada e a Deputación de Pontevedra, convocan a vixésimo segunda edición deste premio, que se outorgará ao mellor traballo ou serie de traballos xornalísticos (ata un máximo de cinco), publicados en lingua galega en calquera dos medios de comunicación escritos. Poden optar ao premio, cuxa dotación económica é de 1000 euros, os traballos publicados ata o 31 de agosto de 2017. O prazo de recepción remata o 6 de setembro. Podes consultar as bases premendo aquí.
20/06/2017. AXUDAS E PREMIOS
Igaciencia, entidade que traballa a prol da introdución do galego na ciencia, fixo entrega dos galardóns do III Premio Inventa en Galego, unha iniciativa que promove esta entidade co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. A través deste proxecto, propónselles aos centros educativos que elaboren unha app Android na linguaxe de programación de App Inventor, co obxectivo de axudarlle ao alumnado a desenvolver o pensamento computacional e, ao mesmo tempo, contribuír á creación de aplicacións en galego. Nesta edición, o primeiro premio foi para a aplicación “BiciCoruña”, elaborada polo alumnado de 2º de Bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal, da Coruña. O IES de Culleredo tamén recibiu o segundo premio por un conxunto de sete aplicacións. Podes consultar a listaxe dos proxectos finalistas e gañadores no web de Igaciencia.

