Novas da lingua

Rexistros2491 a 2520 de 5280
19/01/2017. INVESTIGACIóN

Preséntase “O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza”

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda e Baía Edicións anuncian a presentación pública da obra O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza, autoría de Xosé Manuel Sánchez Rei. O autor compila neste traballo os artigos publicados durante os últimos cinco anos na publicación dixital Terra e Tempo, unidos todos eles a través de tres fíos argumentais: a lingua, a música tradicional e a toponimia. A presentación terá lugar o vindeiro venres, 20 de xaneiro de 2017, ás 20:00 h, na sede da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e, ademais do autor, intervirán Belén López Vázquez, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Xurxo Souto.
18/01/2017. OUTRAS

Accesible en liña o banco de datos terminolóxico TERGAL

O Servizo de Terminoloxía Galega (TERMIGAL), entidade sostida pola Real Academia Galega e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, presenta TERGAL, un banco de datos terminolóxico en galego con equivalencias nas principais linguas estranxeiras, ademais doutras linguas románicas próximas a nós. TERGAL, que foi concibida como ferramenta de orientación para os usuarios/as das linguaxes de especialidade, creouse a partir dun baleirado dos termos incluídos nalgunhas das publicacións de TERMIGAL e conta coa aprobación da Comisión de Validación da Real Academia Galega.
18/01/2017. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2016/2017, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das convocatorias.
18/01/2017. CURSOS E CONGRESOS

Curso de achegamento á lingua galega no Concello de Vigo

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo convoca o curso Achégate ao galego, nivel 1, dirixido a todas as persoas, de dentro ou fóra de Galicia, que partindo duns coñecementos previos básicos, queiran ampliar e perfeccionar a súa competencia lingüística. O curso, de 40 horas de duración, desenvolverase os días 6, 7, 13, 14, 20, 21 de febreiro; 6, 7, 13, 14, 20, 21, 22 de marzo; e 3, 4, 5 de abril de 2017. As persoas interesadas poden inscribirse enviando os seus datos (nome completo, teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org. Podes ampliar información premendo aquí.
18/01/2017. DINAMIZACIóN

A AS-PG convoca o XVII Concurso de Relato Oral “Tíralle da Lingua”

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza o XVII Concurso de Relato Oral “Tíralle da Lingua”, dirixido á comunidade educativa co obxectivo de potenciar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia. O prazo de inscrición remata o vindeiro 19 de abril de 2017. A fase final do concurso celebrarase o 25 de abril no Teatro Principal de Santiago.
12/01/2017. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións da Deputación da Coruña para os servizos de normalización lingüística

Publícase no BOP da provincia o estrato das bases da convocatoria de axudas dirixida a concellos, agrupacións de concellos, mancomunidades e outras entidades locais da Coruña, destinadas á creación, mantemento ou reforzo de servizos de normalización lingüística.
Esta subvención diríxese a concellos de 5000 habitantes ou máis, así como a agrupacións de concellos e mancomunidades que, entre eles, cheguen ao mesmo número mínimo de habitantes.
O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14h do 31 de xaneiro de 2017.
11/01/2017. EMPREGO

O Parlamento de Galicia oferta bolsas de formación

O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de oito bolsas formativas de licenciados/as universitarios/as. Dúas delas requiren que os/as solicitantes posúan o grao ou licenciatura universitaria en Tradución e Interpretación, na que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega, ou a licenciatura en Filoloxía Galega. As persoas seleccionadas desenvolverán, neste caso, as tarefas que encomende o Servizo de Publicacións da institución durante doce meses. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
10/01/2017. DINAMIZACIóN

En galego, sen prexuízos… e con humor

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo estrea 2017 distribuíndo un almanaque polos distintos centros e dependencias universitarios. Trátase dun calendario elaborado pola ANL en colaboración co humorista gráfico Luis Davila, que reflexiona sobre actitudes sociais negativas cara ao galego sen perder o sorriso.
Esta edición, non venal, complétase con outra dixital que podes descargar aquí.
09/01/2017. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a tradución do libro galego 2017

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
30/12/2016. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica, no DOG do 30 de decembro de 2016, a resolución da convocatoria de axudas para as empresas que realicen publicacións
periódicas escritas integramente en galego. Podes consultar o texto completo da resolución, coas entidades beneficiarias, premendo aquí.
28/12/2016. OUTRAS

Irmandade, Palabra do Ano 2016

O Portal das Palabras, proxecto promovido pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié, fixo público o resultado da votación popular para escoller a Palabra do Ano 2016. Irmandade foi a palabra elixida, despois de recibir 623 votos de entre as máis de 2000 persoas que participaron na segunda fase da iniciativa. Con esta elección, a cidadanía que participou na escolla réndelles a súa particular homenaxe ás Irmandades da Fala, no centenario da súa fundación. Para ampliar a nova, preme aquí.
28/12/2016. AXUDAS E PREMIOS

Premios a curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!”

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan unha nova edición dos Premios a curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!”. A convocatoria, dirixida a todos os centros educativos galegos de infantil e primaria, ten como obxectivo estimular o uso do galego e a creatividade dos máis pequenos/as. Outorgaranse tres premios, segundo o ciclo educativo, e os centros premiados recibirán un lote de libros de OQO, un agasallo da CRTVG e mais unha certificación de Premio de Innovación Educativa. As curtas gañadoras serán emitidas na TVG. O prazo de inscrición remata o 9 de febreiro de 2017.
28/12/2016. AXUDAS E PREMIOS

Convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan os centros de ensino de titularidade pública para que participen en proxectos educativos de innovación en dinamización lingüística durante o curso académico 2016-2017. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse a través do sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 9 de febreiro de 2017. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
26/12/2016. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para obras audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2017 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
22/12/2016. DINAMIZACIóN

De ducia en ducia pola lingua

O Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia presenta o novo produto documental De ducia en ducia pola lingua, unha visita polos seus fondos a través de Pinterest.
21/12/2016. DINAMIZACIóN

Obradoiro de iniciación á curtametraxe en galego

O Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas da Coruña organiza un obradoiro de iniciación á curtamentraxe en galego, no marco do proxecto anual de promoción do Festival CinEOI Coruña 2017, que terá lugar en abril do vindeiro ano. Este obradoiro, de 30 horas de duración, está dirixido a estudantes da EOI da Coruña, ESO, bacharelato e FP dos centros públicos e concertados da cidade da Coruña e será impartido Omar Rabuñal Varela (realizador, guionista e actor). O prazo de inscrición remata o 30 de decembro de 2016. Para ampliar información, preme aquí.
20/12/2016. LEXISLACIóN

Xa podes consultar en galego a versión consolidada de toda a lexislación galega

O Parlamento de Galicia, a Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago de Compostela e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia presentan Lex.gal, unha base de datos en liña coa versión consolidada, actualizada e en galego de toda a lexislación galega. O portal inclúe un buscador a través do que se pode acceder a todas as normas con rango de lei (leis e decretos lexislativos) aprobadas polo Parlamento de Galicia no período 1981-2016, así como aos decretos con contido normativo e ás ordes vixentes de maior relevancia aprobadas polas consellerías.
20/12/2016. DINAMIZACIóN

Abertos ao Galego presenta o seu catálogo de Nadal

A rede de empresas Abertos ao Galego, iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, difunde unha nova edición do seu catálogo de Nadal, que compila unha selección de servizos e produtos que se ofertan en galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
19/12/2016. OUTRAS

Preséntase o Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos

O pasado sábado, 17 de decembro de 2016, tivo lugar en Donostia a presentación pública do Protocolo para a garantía dos dereitos lingüísticos (ou Protocolo Donostia). O proxecto, impulsado de forma conxunta por Kontseilua e a Fundación Donostia 2016, foi elaborado por diferentes axentes sociais de toda Europa implicados na defensa das linguas minorizadas, das minorías e dos dereitos humanos. O documento contén as condicións mínimas necesarias que deben cumprirse para garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía, recollidos na Declaración universal de dereitos lingüísticos (Barcelona, 1996). Podes ampliar esta información premendo aquí.
19/12/2016. OUTRAS

Ciclo de palestras públicas sobre o galego na Coruña

A Asociación Cultural Alexandre Bóveda organiza, coa colaboración do Concello da Coruña, o ciclo de palestras “A lingua galega na Coruña”, que terán lugar os días 19, 20 e 21 de decembro de 2016 na propia sede da asociación. O ciclo inclúe os seguintes relatorios: “O galego na Coruña actual”, impartido por Xosé Ramón Freixeiro Mato; “Aproximación ao galego popular da comarca da Coruña a través do cancioneiro tradicional”, impartido por Ricardo Seixo Fernández; e “Reivindicación identitaria e lingüística na Coruña das Irmandades da Fala”, impartido por Uxío-Breogán Diéguez Cequiel.
16/12/2016. DINAMIZACIóN

Volve un ano máis o Nadal en Rede

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta unha nova edición do programa Nadal en Rede, que percorrerá cincuenta concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística entre o 17 de decembro de 2016 e o 7 de xaneiro de 2017, co obxectivo de crear espazos de uso para o galego nestas datas festivas. O programa inclúe as seguintes actividades: Os Bolechas, Nadal en familia, actividades lúdicas amenizadas polos membros da familia Os Bolechas; O castiñeiro do Apalpador, peza de monicreques da compañía Fantoches Baj; Obradoiro de xogos e xoguetes en galego, que desenvolverá a empresa xogueteira Brazolinda; Nadal de vila en vila, obradoiro musical con Uxía e Santi Cribeiro; e Cantarolas para xente miúda, concerto didáctico da man de Senén Vaamonde e de dous músicos do grupo A Roda.
15/12/2016. DINAMIZACIóN

XIX Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso

O Centro Veciñal e Cultural de Valadares e a Asociación ORAL de Galicia organizan o XIX Certame Internacional de Improvisación Oral en Verso, que terá lugar os domingos 18 e 25 de decembro de 2016, ás 18:30 h, no CVC de Valadares (Vigo). Ao longo destas dúas sesións haberá diferentes actuacións de desafío, improvisación e enxeño, con participantes de Galicia, Cantabria e Portugal. O 25 de decembro terá lugar tamén a presentación da obra Repente galego, unha monografía sobre a improvisación oral galega, autoría de Ramon Pinheiro Almuinha.
15/12/2016. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense os Premios Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago de Compostela fixeron público os galardoados da décimo sétima edición dos Premios Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron o estudo de interiorismo Nanube, na categoría de empresas que veñen realizando un uso continuado do idioma galego; a empresa Miranda Priestly, editora da revista Coralia, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; e a editorial Alvarellos, que recibiu unha mención especial pola súa contribución á cultura galega durante case catro décadas. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/12/2016. DINAMIZACIóN

O Concello de Vigo organiza un Nadal de conto para os/as máis pequenos/as

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No Nadal… un conto”, que se desenvolverá entre o 17 de decembro de 2016 e o 4 de xaneiro de 2017 en diferentes lugares do concello. A iniciativa, que ten como obxectivo crear espazos de lecer en galego para o público familiar e infantil, inclúe contadas, monicreques, cancións, xogos e espectáculos variados. Como novidade, neste edición organizáronse tamén actividades para bebés e as súas familias.
13/12/2016. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Abegondo

O Concello de Abegondo convoca o proceso selectivo para a contratación laboral temporal dun técnico/a de normalización lingüística. Os/as aspirantes deben estar en posesión, como mínimo, da licenciatura en Filoloxía Galega. O proceso selectivo será mediante o sistema de concurso e o prazo para presentar as solicitudes é de 8 días naturais a partir da publicación do anuncio no BOP. Podes consultar as bases da convocatoria premendo aquí.
12/12/2016. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Rianxo

O Concello de Rianxo convoca o proceso selectivo para a contratación laboral temporal dun técnico/a de normalización lingüística. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa ou Hispánica (subsección galego-portugués); do grao en Lingua Galega ou de calquera outra licenciatura, sempre que dispoña do Celga 5. O proceso selectivo será o de concurso-oposición e o prazo para presentar as solicitudes remata o 16 de decembro de 2016. Podes consultar toda a información relacionada con esta convocatoria, premendo aquí.
09/12/2016. DINAMIZACIóN

Música e versos póñenlle o ramo ao ano de Manuel María

A Casa-Museo Manuel María organiza o concerto A música amorosa das palabras, co que quere poñerlle o ramo a este ano de homenaxe á figura de Manuel María, autor homenaxeado pola Real Academia Galega no Día das Letras Galegas 2016. O acto terá lugar o xoves 15 de decembro de 2016, ás 20 horas, no Teatro Colón da Coruña, onde Uxía, Xabier Díaz e Guillerme Fernández serán os encargados de poñer o acompañamento musical aos versos de Manuel María. A entrada é de balde até completar o aforo.
09/12/2016. DINAMIZACIóN

Nenas e nenos de Ames, Santiago e Teo contan e cantan o Nadal

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Santiago e Teo presentan, de forma conxunta por segundo ano consecutivo, a iniciativa Conto, canto o Nadal, para convidar os/as nenos/as a que empreguen o galego nas cartas que envíen aos magos e inclúan nelas contos, cantos, xogos, receitas ou tradicións relacionadas co Nadal que lles transmitan os maiores da súa contorna. Todos os/as nenos/as que participen recibirán unha carta resposta cun pequeno agasallo. A maiores, as seis cartas máis interesantes e creativas recibirán un premio. O prazo para enviar as cartas remata o 3 de xaneiro de 2017. Para ampliar a nova, preme aquí.
09/12/2016. DINAMIZACIóN

O alumnado universitario reflexiona en Compostela sobre o idioma

Erguer - Estudantes da Galiza organiza unhas xornadas de lingua que terán lugar os vindeiros días 13, 14 e 15 de decembro de 2016 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Ao longo destes tres días analizaranse, entre outros temas, as consecuencias para o idioma galego da aplicación da LOMCE, o papel das institucións na normalización lingüística ou as alternativas existentes á norma oficial, principalmente no eido da edición. As xornadas clausuraranse cunha festa (recital, Galeoke e petiscos) no Centro Social A Gentalha do Pichel. Podes consultar o programa completo premendo aquí.
07/12/2016. INVESTIGACIóN

Nace Cumieira, nova publicación para a investigación lingüística

O Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo presenta o primeiro número da revista Cumieira. Cadernos de investigación da Nova Filoloxía Galega, que nace co obxectivo de dar a coñecer os traballos científicos do alumnado, tanto de grao como de mestrado, no ámbito dos estudos lingüísticos e literarios en galego. O primeiro volume, editado polo profesor Xosé A. Fernández Salgado, recolle os traballos de sete investigadoras novas sobre diferentes temas lingüísticos e literarios. Desde o departamento animan o alumnado a participar nos vindeiros números enviando as súas investigacións, que deben ter forma de artigo académico, non exceder as 10.000 palabras e estar centradas nos estudos lingüísticos e literarios galegos, ou doutras linguas sempre que teña relevancia para o estudo do galego. Para ampliar a nova, preme aquí.