O Concello de Cerdedo-Cotobade, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, presenta “Follas ao aire”, un proxecto de dinamización lingüística para fomentar a lectura en galego. A iniciativa consiste na creación de dez puntos de lectura ao aire libre en diferentes localizacións do municipio. Nestes puntos de lectura, que contan co seu respectivo banco e unha urna selada para gardar os libros, pódense consultar 20 obras en lingua galega (10 destinadas ao público adulto e outras 10 de temática infantil) de diferentes autores/as galegos/as. Para ampliar a información, preme aquí.
02/12/2016. DINAMIZACIóN
02/12/2016. DINAMIZACIóN
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Silleda, en colaboración cos centros educativos e mais o sector do comercio deste municipio, están a desenvolver unha nova edición do programa Silledagasalla, que por terceiro ano consecutivo quere fomentar o uso do galego no ámbito do comercio. No marco desta iniciativa, o alumnado elaborou os lemas en galego que posteriormente os comercios do municipio poderán repartir entre a súa clientela convertidos en adhesivos para acompañar os agasallos de Nadal.
01/12/2016. DINAMIZACIóN
O Portal das Palabras organiza unha nova edición da iniciativa Palabra do ano, co obxectivo de que a sociedade tome conciencia de que o idioma nos representa como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente o ano que remata. Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas durante as dúas primeiras semanas de decembro. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase unha votación para seleccionar a palabra favorita, que se converterá na Palabra do ano 2016.
29/11/2016. DINAMIZACIóN
Os servizos de normalización lingüística de once concellos galegos, xunto coas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, presentan o proxecto Youtubeir@s, un concurso de creación de vídeos que nace co obxectivo de incrementar o uso do galego na canle Youtube. O concurso, dirixido a persoas maiores de 14 anos, ten dúas categorías: “Vídeo-Facermos”, para vídeo-titoriais en galego nos que se amosen saberes e procesos de elaboración, e “Vídeo-Opinarmos”, para vídeos en galego nos que se expoñan opinións ou valoracións sobre un tema. O prazo de inscrición remata o 28 de abril de 2017. Outorgarase un premio de 1.000 euros por cada categoría, ademais de catro mencións honoríficas, que recibirán 500 euros cada unha. Podes consultar as bases completas do concurso premendo aquí.
28/11/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición da iniciativa “Un trasno no barrio”, unha xincana lingüística que nesta ocasión se desenvolverá entre o 1 e o 28 de decembro de 2016 polos comercios do barrio vigués das Travesas. O xogo, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, consistirá en resolver os enigmas seguindo as pistas que se atopan nos establecementos participantes, ata completar todas as respostas. As papeletas coas respostas deben entregarse na sede da Asociación de Comerciantes e Empresarios das Travesas. Entre as papeletas entregadas sortearase unha tableta.
23/11/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación entregou, o pasado 9 de novembro, os premios do II Concurso de radiodramas en galego e mais dos V Premios de pezas audiovisuais curtas de comedia, dous certames dirixidos á comunidade universitaria para fomentar a creatividade en galego. Xa podes consultar en Internet todos os traballos premiados. Os radiodramas gañadores foron “Co mozo do corazón”, de Antonio Mosquera; e “Peido”, de Margarita Rodríguez. No caso das curtas, foron galardoadas “Nada peor”, de Sara Fernández; “1000 maneiras de espichala”, de Antía Otero; e “Non é país para mocosos”, de Juan Manuel Sánchez.
23/11/2016. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a décima edición da Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza. A xornada terá lugar o vindeiro 29 de novembro de 2016, ás 19:00 h, no salón de actos do Colexio de Avogados compostelán. A matrícula é de balde.
21/11/2016. CURSOS E CONGRESOS
Unesco Etxea e a Fundación Donostia/San Sebastián 2016 organizan o Foro Europeo da Diversidade Lingüística, un encontro que terá lugar en Donostia-San Sebastián os días 15 e 16 de decembro de 2016. No foro participarán axentes e entidades da sociedade civil, a investigación e a cultura a nivel europeo, así como organismos gubernamentais, co obxectivo de reflexionar sobre o desenvolvemento das linguas minorizadas de Europa. Ao día seguinte, o 17 de decembro, presentarase oficialmente, tamén en Donostia, o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos.
18/11/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza dous obradoiros didácticos destinados a difundir a toponimia e mais os nomes da flora e fauna da contorna. No obradoiro Topo que?, os/as rapaces/zas de entre 10 e 13 anos poderán familiarizarse, de xeito lúdico, co concepto de toponimia e coñecer o significado dos topónimos máis frecuentes da súa contorna. Para os/as nenos/as de 5 a 10 anos deseñouse o obradoiro de creación plástica Ríos e bosques que falan, onde terán oportunidade de descubrir os nomes das plantas e animais máis comúns nos ríos e bosques galegos. As prazas estarán dispoñibles ata completar o aforamento do lugar da actividade.
18/11/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Asociación Cultural O Brado, da Estrada, fixo públicos os galardoados dos XXVI Premios San Martiño de Normalización Lingüística, convocados anualmente para premiar a persoas e colectivos que destacan polo seu labor de promoción do idioma galego. Os premiados nesta edición son o párroco Jesús Mayo Brenlla, na categoría “A Estrada e Comarca de Tabeirós-Terra de Montes”; a Compañía Viravolta Títeres, na categoría “Galicia enteira”; e o escritor Salvador García-Bodaño, na categoría “Toda unha vida”. Os galardóns serán entregados nun acto público que terá lugar o 1 de decembro no Teatro Principal da Estrada.
15/11/2016. DINAMIZACIóN
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Bueu presenta “O galego. A lingua do padal”, un proxecto que desenvolve en colaboración coa Deputación de Pontevedra e mais a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros. A iniciativa consistirá no desenvolvemento dunha mesa redonda sobre a etiquetaxe en galego, na que catro empresas (Embutidos Lalinense, Vermú Petroni, Queixos Hoxe e Adega Sameirás) falarán sobre a importancia do idioma como marca de calidade para a comercialización dos seus produtos. O evento inclúe unha mostra de degustación e terá lugar o vindeiro sábado, 19 de novembro de 2016, ás 12:00 h, na carpa da Praza Massó. Para ampliar esta nova, preme aquí.
14/11/2016. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP López Ferreiro (Santiago de Compostela) convoca o XIII Concurso de Redacción Histórica "Falemos da Nosa Historia", dirixido aos escolares da Comunidade Autónoma de Galicia que ao longo do curso escolar 2016- 2017 cursen estudos de 5º e 6º curso de Educación Primaria ou 1º ciclo da ESO. O obxectivo é reflexionar sobre a nosa historia a partir de ditos, refráns, modismos ou lendas. O tema desta edición é “María Soliña”. O prazo de presentación dos traballos é do 1 ao 28 de febreiro de 2017. Para consultar as bases completas do concurso preme aquí.
14/11/2016. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do XIII Premio Luísa Villalta a Iniciativas Normalizadoras decidiu, por unanimidade, conceder este premio na modalidade de “Premio a unha idea para a promoción do galego” ao traballo presentado baixo o lema Que o verso baixe á rúa. O traballo é da autoría de Patricia Carballal Miñán, Estefanía Castro, María Montserrat Muriano Rodríguez, Iria Sobrino e Roberto Suárez Brandariz, da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Os/as gañadores/as recibirán 800 euros. Así mesmo, o xurado decidiu deixar deserto o premio na modalidade “Deseño dunha campaña normalizadora”.
09/11/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación da USC organiza a IX Xornada "Recursos educativos en galego”, que terá lugar os días 16 e 17 de novembro de 2016 no Salón de Actos da Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida). A xornada, que nesta edición se centrará na educación de adultos, está destinada aos membros da comunidade educativa (alumnado, profesorado e PAS) das universidades galegas interesados en coñecer novas estratexias e recursos didácticos en galego. O prazo de inscrición remata o 13 de novembro.
08/11/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega organiza o Simposio Manuel María, para profundar na vida e obra do autor ao que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas. As sesións, nas que participarán máis dunha vintena de persoas expertas na obra de Manuel María, terán lugar os días 22, 23 e 24 de novembro de 2016 na sede da Real Academia Galega. Podes ampliar información premendo aquí.
08/11/2016. DINAMIZACIóN
O Clube da Lingua do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces convoca a terceira edición do concurso de fotografías de tattoos "Galiza, à flor da pel", co obxectivo de darlles visibilidade ao idioma e identidade galega dentro da cultura da tatuaxe. O certame ten dúas categorías, unha para fotografías de tatuaxes con palabras en galego e outra, para fotografías de tatuaxes con iconografía ou simboloxía de temática galega. O prazo para enviar as fotografías remata o 1 de maio de 2017.
07/11/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XVII Xornadas de expresión oral “Tíralle da Lingua”, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse o 26 de novembro de 2016 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula (que debe realizarse a través do web da AS-PG) remata o vindeiro 24 de novembro. O proxecto “Tíralle da Lingua” consta tamén dun concurso de relato oral, dirixido ao alumnado, cunha fase final que se celebrará a finais de abril de 2017 en Santiago de Compostela.
04/11/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo Municipal de Educación do Concello da Coruña organiza o V Certame de Monólogos Cómicos en Lingua Galega 2016, dirixido ao alumnado de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos de FP do concello. A finalidade da iniciativa é potenciar a competencia oral en galego, así como a creatividade e a naturalidade no seu uso. O prazo de inscrición para o alumnado remata o 30 de novembro de 2016. O acto público de interpretación dos monólogos terá lugar o 15 de decembro de 2016 no teatro Rosalía de Castro. O alumnado participante que o desexe tamén poderá asistir, o 19 de novembro, ao obradoiro de interpretación Conecta!, impartido polo actor e docente Ramiro Neira.
04/11/2016. OUTRAS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, coa colaboración da Área de Normalización Lingüística, organiza o relatorio “Lingua e xénero”, que será impartido por Goretti Sanmartín Rei. O acto terá lugar o vindeiro mércores, 9 de novembro, ás 13:00 h, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e Tradución.
04/11/2016. DINAMIZACIóN
A Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) conmemora hoxe, 4 de novembro, o VII Día da Ciencia en Galego, que nesta edición estará dedicado á Bioloxía. Este ano os científicos homenaxeados son Gregor Mendel, descubridor das leis que rexen a herdanza xenética, e Cruz Galléstegui Unamuno, introdutor da xenética en España. A Xunta de Galicia tamén celebrará esta data cun acto de homenaxe a Cruz Galléstigui, que terá lugar hoxe, 4 de novembro, ás 12:30 h, no Parlamento de Galicia.
02/11/2016. DINAMIZACIóN
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan o XVII Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo seu labor a prol da normalización do galego na empresa. O premio, que ten carácter de distinción pública, materialízase nun elemento simbólico de carácter artístico. Para obter máis información, preme aquí.
02/11/2016. OUTRAS
O Consello da Cultura Galega (CCG) ingresou onte, 1 de novembro de 2016, na Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) en calidade de observador consultivo. O CCG xa iniciara os trámites para incorporarse á CPLP en 2010, co ánimo de servir de ligazón permanente entre a CPLP e a cultura e lingua galegas. A CPLP é un foro multilateral de cooperación no que participan os estados que teñen o portugués como lingua oficial, así como outras institucións vinculadas á lusofonía que comparten intereses económicos, sociais e culturais. Podes ampliar a nova premendo aquí.
31/10/2016. INVESTIGACIóN
Neste segundo semestre de 2016, a Universidade Federal do Paraná (UFPR), a máis antiga de Brasil, incluíu na súa oferta educativa a materia optativa de Introdução à Língua e à Cultura Galegas, que está sendo impartida polo profesor de Letras Francisco Calvo del Olmo. A oferta tivo unha boa acollida e as vinte prazas ofertadas este ano foron xa ocupadas por alumnado de deferentes graos. Con esta nova incorporación da UFPR á rede de Estudos Galegos no Brasil, xa son cinco as universidades brasileiras que inclúen o estudo da lingua galega na súa oferta académica. No blog Quilombo Noroeste podes obter información detallada sobre a introdución dos estudos galegos na UFPR.
31/10/2016. DINAMIZACIóN
O Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta o programa “O galego é un mundo”, que desenvolverá en colaboración cos equipos de dinamización lingüística de 12 centros de ensino secundario. O proxecto consistirá nunha serie de relatorios interactivos, impartidos polo sociolingüista bengalí Anik Nandi, nos que se fará unha análise contrastiva entre a realidade sociolingüística de Galicia e a da India. O obxectivo é que o alumnado tome consciencia da diversidade lingüística do planeta, axudando así a erradicar os prexuízos existentes na actualidade cara ao galego. Para ampliar esta información, preme aquí.
28/10/2016. DINAMIZACIóN
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou o manifesto e as actividades do programa Novembro, mes da ciencia en galego nas bibliotecas – 2016, co obxectivo de difundir a divulgación científica en galego en todas as bibliotecas públicas galegas. O programa inclúe obradoiros científicos, exposicións, mostras bibliográficas e charlas divulgativas, entre outras actividades. No marco deste programa, a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería pon ao dispor da comunidade educativa un repositorio dixital de materiais didácticos para traballar contidos científicos en galego. Para ampliar información, preme aquí.
27/10/2016. DINAMIZACIóN
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística convida, un ano máis, a todos os concellos galegos a festexar o vindeiro 29 de outubro o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia, galeguizando as rotulacións dos cemiterios e colocando unha placa que diga: "Na memoria de todos os que xacen aquí, porque grazas a eles Galicia segue a ter cultura e lingua de seu". Os asistentes a estes actos conmemorativos terán a ocasión de asinar as Actas de Vontades, onde poden facer constar o seu desexo a que todo o relativo ao seu pasamento se realice en galego. No libro “En galego, agora e sempre”, editado en 2008 pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, podes ler unha selección de mandas testamentarias nas que diferentes persoas manifestan as súas últimas vontades con respecto á lingua. Podes ampliar a información premendo aquí.
25/10/2016. DINAMIZACIóN
Xa está en marcha unha nova edición do Club de Debate, un proxecto colaborativo, promovido polos servizos de normalización lingüística de diferentes concellos galegos, que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. Haberá diferentes premios nas fases de zona e o equipo que gañe a fase final será premiado cunha viaxe en grupo. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2016.
25/10/2016. OUTRAS
O Consello Directivo en funcións da Coordinadora Galega de ENDL anuncia que na asemblea extraordinaria do pasado 23 de setembro de 2016 decidiuse non continuar coa actividade da Coordinadora, ao non presentarse candidaturas dispostas a asumir a dirección. A Coordinadora Galega de ENDL naceu en abril de 2009 co obxectivo de coordinar as actividades e experiencias dos equipos de toda Galicia, así como dar voz pública aos ENDL que traballan nos centros de ensino. Nestes sete anos de intensa actividade, a CGENL converteuse nun dos referentes en Galicia da normalización do galego no ensino, chegando a ser galardoada con diferentes premios (Premio Mestre Mateo 2010, Premio Roberto Vidal Bolaño 2011, Premio Xoán Manuel Pintos 2011 e Premio da Cultura Galega 2015). O seu sitio web tamén é un referente para os profesionais da educación, grazas ao repositorio de recursos didácticos que ofrece e que estará accesible ata decembro de 2017.
25/10/2016. OUTRAS
A Real Academia Galega organiza, no marco do ciclo de mesas de debate No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, o encontro Lingua e ideas lingüísticas, que terá lugar mañá, 26 de outubro, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. O acto estará moderado polo presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e nel intervirán os académicos Henrique Monteagudo, Rosario Álvarez e Antón Santamarina. Para ampliar información, preme aquí.
24/10/2016. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza a segunda edición do evento LGx15, un proxecto no que, a través de charlas breves e amenas, diferentes participantes transmiten argumentos e experiencias para influír no futuro do galego. O acto, que será presentado polos regueifeiros Josiho da Teixeira e Luis o Caruncho, contará tamén coa actuación musical de Poetarras. O evento terá lugar o vindeiro 24 de novembro de 2016, na Sala Capitol de Santiago de Compostela, ás 18:00 horas. A entrada custa 6 euros en venda anticipada e 10 euros o mesmo día na billeteira.

