CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega presentaron publicamente o Correlingua 2017, que este ano ten como lema “En galego, sen cancelas”. No acto de presentación tamén se entregaron os premios dos diferentes certames vinculados á iniciativa. O Correlingua é unha actividade lúdica e didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique publicamente o uso do galego. A carreira comezará o vindeiro 2 de maio en Monforte de Lemos e percorrerá 12 localidades galegas ata rematar na Estrada o 16 de maio.
19/04/2017. DINAMIZACIóN
17/04/2017. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria do procedemento selectivo para ingreso e acceso ao corpo de profesorado de ensino secundario. Entre as prazas ofertadas inclúense 50 para a especialidade de “Lingua Galega e Literatura”. O proceso de selección será o de concurso-oposición. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día 18 de abril e rematará o 9 de maio de 2017. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
12/04/2017. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza, en colaboración con Pontevedra ao Vivo, a sexta edición do Galegote Rock, un programa de concertos que ten como obxectivos promover os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. O Galegote Rock celebrarase os días 27, 28 e 29 de abril de 2017 en distintos espazos do centro histórico da cidade. Nesta edición actuarán Oh Ayatollah, Lamprea Explosiva, Miguel Alberte, Eu Son Vodoo, O Fillo do Fiusa DJ, Dani Moure, Eladio y los seres queridos, Mike Grelo e Curmán, Güintervan, Malandrómeda, Atrás Tigre, Chicharrón e Terbutalina. A programación musical combinarase con actividades infantís e mais a presentación dunha cervexa de edición especial para o festival. Podes manterte ao día das últimas novidades a través do Facebook da iniciativa.
12/04/2017. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galega no ensino. Os obxectivos desta edición son achegar información sobre Carlos Casares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, reflexionar sobre a situación sociolingüística de Galicia, dar a coñecer a obra da escritora Eli Ríos e difundir recursos didácticos de referencia para o ensino en galego. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 6 de maio de 2017 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula remata o 5 de maio.
11/04/2017. INVESTIGACIóN
O Consello da Cultura Galega publica o informe Prácticas e actitudes lingüísticas da mocidade en Galicia, elaborado co obxectivo de estudar as causas que explican a disociación existente na mocidade entre unhas actitudes positivas cara á lingua galega e un nivel de uso decrecente. En termos xerais, malia a existencia deste patrón maioritario de valoración positiva cara ao galego, os datos tamén confirman que continúan a manterse prexuízos cara á variedade estándar, que o discurso da “liberdade” e da “imposición” está estendido entre os/as mozos/as e que a súa visión do futuro do idioma é pesimista.
11/04/2017. DINAMIZACIóN
Xurdir, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a IV Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o domingo 14 de maio de 2017 en Santiago de Compostela. O obxectivo da iniciativa é festexar as Letras Galegas e difundir o Camiño de Santiago a través da práctica deportiva. A carreira contará cunha proba absoluta desde as inmediacións do Pico Sacro ata a Cidade da Cultura e cun circuíto para as categorías de menores, que se realizará na Cidade da Cultura. O prazo de inscrición remata o 10 de maio, ás 23.59 horas.
11/04/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica, no BOP do 10 de abril de 2017, a resolución definitiva da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2017. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
10/04/2017. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública publica dúas convocatorias de cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior), unha destinada ao persoal da Administración de Xustiza que presta servizos fóra de Galicia e outra destinada ao persoal da Administración de Xustiza que prestan servizos en Galicia. En ambos os dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é de cinco días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias (curso para persoal que traballa fóra de Galicia e cursos para persoal que traballa en Galicia).
10/04/2017. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de linguaxe administrativa galega, niveis medio e superior, nas modalidades de teleformación e presencial. Os cursos van dirixidos aos empregados públicos e ás empregadas públicas destinados na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
04/04/2017. OUTRAS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2017. As probas realizaranse o 10 de xuño (Celga 4), 11 de xuño (Celga 2), 17 de xuño (Celga 3) e 18 de xuño (Celga 1) en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
03/04/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación Provincial de Pontevedra convoca subvencións destinadas a entidades culturais sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra que desenvolvan actividades de dinamización lingüística entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2017, co obxectivo de fomentar o uso e o prestixio do galego no conxunto da sociedade. O prazo para a presentación de solicitudes empezará o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP de Pontevedra e rematará o 25 de abril de 2017. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
31/03/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con UNINOVA, convoca o XVI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC, co obxectivo de impulsar a creación de empresas innovadoras promovidas pola comunidade universitaria da USC, así como a innovación empresarial e a xeración de emprego. O concurso conta con diferentes modalidades, entre as que se inclúe o “Premio á promoción da lingua galega”, dotado con 1.000 euros, que se outorgará ao proxecto ou empresa que teña un maior interese ou vínculo co galego. O prazo de presentación de proxectos está aberto ata o 9 de maio de 2017.
31/03/2017. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza un obradoiro de improvisación oral en verso (regueifa), destinado a docentes de Educación Primaria e Secundaria. O obxectivo é ensinarlles aos docentes da área de Lingua Galega a arte da regueifa para que eles poidan transmitirlla ao seu alumnado, usándoa como recurso lúdico e didáctico de fomento do uso oral do galego. O obradoiro será impartido por Kike Estévez, Josinho da Teixeira e Luís “O Caruncho”. As sesións terán lugar no Centro Cívico do Casco Vello de Vigo nos días 24, 25 e 27 de abril; e 2 e 4 de maio de 2017. Para ampliar información, preme aquí.
30/03/2017. OUTRAS
Xa está na rúa o primeiro número de Ouve! Fanzine de música en galego, unha publicación trimestral en papel, gratuíta e editada en lingua galega. Trátase dun proxecto de difusión da música, dos artistas e dos eventos culturais que se fan en Galicia no noso idioma. Neste primeiro número, que tamén podes consultar en liña, atoparás reportaxes sobre festivais, recensións sobre novidades musicais, entrevistas e novas sobre a actualidade cultural galega. A publicación en papel distribuirase en festivais, locais sociais e centros culturais do país.
30/03/2017. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela convoca o certame de regueifas en vídeo "Enreguéifate", co obxectivo de promover este tipo de improvisación oral en lingua galega. O certame establece dúas categorías de participación, unha aberta a todas as persoas interesadas e outra destinada a alumnado de ensino non universitario. Para participar cómpre realizar vídeos cun mínimo de 2 persoas regueifando, de temática libre e nos que se empregue a lingua galega. A duración das pezas non debe superar os 3 minutos. O prazo de participación estará aberto desde o 1 ao 30 de abril de 2017. Podes ampliar información premendo aquí.
29/03/2017. OUTRAS
O Pleno da Real Academia Galega reuniuse onte, 28 de marzo de 2017, en sesión extraordinaria e apoiou, co voto maioritario dos seus membros, a candidatura de Víctor Fernández Freixanes á Presidencia da institución. Da comisión executiva tamén formarán parte os académicos Henrique Monteagudo (secretario), Andrés Torres Queiruga (vicesecretario), Marilar Aleixandre (tesoureira) e Fina Casalderrey (arquiveira-bibliotecaria). Podes ampliar información premendo aquí.
27/03/2017. EMPREGO
A Deputación Provincial da Coruña publica a convocatoria de bolsas de investigación para o ano 2017, entre as que se inclúen dúas bolsas para investigar na área de planificación sociolingüística da lingua galega. A convocatoria está dirixida a persoas con titulación universitaria que residan en calquera concello da provincia da Coruña. O prazo de presentación de solicitudes remata o 27 de abril de 2017, ás 14:00 h. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí. (Modificación do prazo)
24/03/2017. CURSOS E CONGRESOS
Xa podes consultar o programa dos XIX Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 20 e 21 de abril de 2017 no Consello da Cultura Galega. O eixo temático desta edición centrarase nos dereitos lingüísticos, tentando animar a reflexión sobre a garantía do seu exercicio e da súa aplicación. A maiores, os Encontros volverán destinar este ano un espazo propio á presentación e difusión de iniciativas e experiencias normalizadoras, tanto no programa presencial (Crear contextos) coma na Artesa 2017, a nosa mostra de recursos. Tamén manteremos un grupo de Facebook, que nos permitirá compartir información e iniciar o debate antes das sesións presenciais. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de inscrición.
24/03/2017. INVESTIGACIóN
Hoxe, 24 de marzo de 2017, ás 19:00 h, terá lugar no Salón do Libro de Pontevedra (Pazo da Cultura) a presentación da obra Sacar a lingua é de mala educación. Oportunidades do multilingüismo na infancia e na idade adulta, de Manuel Núñez Singala, editada por Galaxia. O autor ofrece neste libro argumentos e estratexias para aproveitar as posibilidades que brinda a vida nunha comunidade bilingüe que está inserida nunha Europa multilingüe e nun mundo rico e diverso idiomaticamente.
24/03/2017. OUTRAS
A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca probas de avaliación en competencias clave, entre as que se atopa a comunicación en lingua galega, para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o 24 de marzo de 2017. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
23/03/2017. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo convoca o curso Achégate ao galego, nivel 0, dirixido a persoas de fóra de Galicia que non teñen coñecemento ningún do idioma e que procuran formación para se iniciar na lingua galega. O curso, de 40 horas de duración, desenvolverase os días 24, 25 de abril; 2, 8, 9, 15, 16, 22, 23, 29, 30 de maio; e 5, 6, 12, 13, 14 de xuño de 2017. As persoas interesadas poden inscribirse enviando os seus datos (nome completo, teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org. Podes ampliar información premendo aquí.
20/03/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2017 destinadas a empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente en galego. O prazo de solicitude é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
17/03/2017. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Farmacia da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o II Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego, coa finalidade de estimular o uso do galego na área de ciencias da saúde e fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O certame inclúe dúas modalidades, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC que non pertenzan á comunidade TED (modalidade A) e outra destinada a membros da comunidade TED (modalidade B). Os participantes deben realizar a tradución ao galego e a subtitulación dun vídeo TED da área de saúde segundo as instrucións que se lles fornecerán. O premio está dotado con 250 euros para a modalidade A e 150 euros para a modalidade B, ademais dun diploma honorífico. O prazo para presentar os vídeos remata o 30 de abril de 2017.
15/03/2017. INVESTIGACIóN
A editorial Xerais presenta “Básicos Ciencia”, unha nova colección que nace para contribuír á divulgación científica e, ao mesmo tempo, normalizar o uso do noso idioma neste ámbito. O proxecto inaugúrase con tres títulos: Historia do ADN, 40 anos de revolución biotecnolóxica, de Daniel Soutullo; O universo matemático. Das ideas e das técnicas, de Antón Labranha; e Terra. Ciencias, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño. A colección irase completando no futuro con outras obras que, igual ca estas tres primeiras, terán como finalidade a divulgación da ciencia, contada por científicos/as galegos/as en idioma galego. Para ampliar a nova, preme aquí.
14/03/2017. DINAMIZACIóN
O Servizo de Dinamización Lingüística de Escolas Católicas Galicia, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza a conferencia “A toponimia como ferramenta normalizadora da nosa lingua nos centros de ensino. O patrimonio inmaterial vencellado ás TIC”, dirixida principalmente a docentes e, en xeral, a todas as persoas interesadas no estudo do noso idioma. A conferencia, impartida por Vicente Feijoo (responsable de Toponimia no Seminario de Onomástica da Real Academia Galega), terá lugar o vindeiro 16 de marzo en Ourense (Liceo de Ourense) e o 17 de marzo en Santiago de Compostela (Cidade da Cultura), en horario de 18:00 a 20:00 h. O acceso é libre ata completar aforo.
14/03/2017. EMPREGO
A Deputación Provincial de Pontevedra convoca 200 bolsas de prácticas laborais destinadas a persoas con titulación universitaria ou de ciclos formativos de grao superior de formación profesional, sen experiencia laboral previa no ámbito da súa titulación académica, coa finalidade de completar a súa formación. Entre estas bolsas, convócanse dúas para persoas que posúan a Licenciatura en Filoloxía Galega ou o Grao en Lingua e Literatura Galegas, que desenvolverán as súas tarefas no Departamento de Servizos Lingüísticos da Deputación de Pontevedra. As bolsas terán unha duración de 6 meses, prorrogables por outros 6. O prazo de presentación de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/03/2017. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica, no BOP do 13 de marzo de 2017, a resolución provisional das subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2017. A partir do día seguinte á publicación desta resolución, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para comunicar a súa renuncia, se fose o caso, a estas axudas. De non tramitar esta renuncia no citado prazo, enténdese que aceptan a axuda. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
10/03/2017. INVESTIGACIóN
A Real Academia Galega e a Asociación Galega de Onomástica presentarán hoxe a obra Toponimia de Agolada, o primeiro volume da colección “Terra nomeada”, coa que se pretende achegarlle á cidadanía, de xeito científico e divulgativo, o seu patrimonio toponímico. Neste primeiro volume explícase a orixe e evolución dos topónimos das 24 parroquias e 163 lugares do concello pontevedrés de Agolada. O acto público de presentación terá lugar hoxe, 10 de marzo, ás 19 horas, na Casa Museo dos Pendellos de Agolada. A colección irase completando con outros volumes nos que se explicarán os nomes de todas as entidades de poboación dos concellos de Galicia, así como dos seus principais montes e ríos. Para ampliar información, preme aquí.
10/03/2017. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia botou a andar a sexta edición do programa FalaRedes, que este ano se inaugura coa actividade A galiña azul, unha adaptación teatral do libro de relatos homónimo escrito por Carlos Casares, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2017. O espectáculo, destinado a público de 6 a 10 anos e ás súas familias, contén cinco historias nas que se transmiten mensaxes de defensa da diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. A actividade percorrerá 21 concellos galegos durante os meses de marzo e abril. O programa FalaRedes 2017, deseñado para fomentar a oferta de lecer en galego nos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística, irase completando con outras actividades ao longo do ano, das que se dará conta no Portal da Lingua Galega.
08/03/2017. OUTRAS
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 publica a versión en galego do manual Recomendacións para a Resucitación 2015 do Consello Europeo de Resucitación (ERC). A tradución ao galego deste manual, autorizada polo Consello Español de Resucitación Cardiopulmonar (CERCP), foi elaborada por Marcos Gabriel García López, médico residente no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); e Rosalía Ferreiro García, licenciada en Filoloxía Galega e Filoloxía Románica, coa supervisión da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

