Novas da lingua

Rexistros2551 a 2580 de 5280
24/10/2016. AXUDAS E PREMIOS

Concurso-Exposición Letras Galegas 2017

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca unha nova edición do Concurso-Exposición Letras Galegas, dirixido aos centros de ensino público non universitario para a elaboración dunha exposición relacionada coa obra, época e lingua do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017, Carlos Casares Mouriño. O concurso consta de dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. Outorgarase un premio en metálico de 2000 euros para cada categoría. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de xaneiro de 2017. Para obter máis información, preme aquí.
20/10/2016. OUTRAS

O Consello da Cultura Galega presenta os datos da edición en Galicia nos últimos anos

O Consello da Cultura Galega presenta o informe “O libro e a edición en Galicia (2016)”, no que se analiza a situación editorial en Galicia nos últimos anos, partindo dos datos achegados polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, na súa “Estadística de la edición española de libros con ISBN" e na "Panorámica de la edición española de libros”. No que respecta á edición en galego, os datos reflicten un descenso do 43,8% de libros publicados en galego no período 2008-2015, cunha perda de máis de 1000 títulos. A porcentaxe de edición en galego respecto do total de edición en Galicia sitúase entre o 52% e o 67% nos últimos anos. No informe podes consultar máis información, segundo a materia, prezo, formato ou carácter xurídico da entidade editora, así como datos comparativos con outras comunidades autónomas do Estado.
20/10/2016. DINAMIZACIóN

VI Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!!

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido Desata a Lingua!!, co obxectivo de dinamizar o uso oral e escrito do galego entre a mocidade de xeito lúdico e creativo. O certame está dirixido ao alumnado de 2º ciclo da ESO e do Bacharelato dos centros de ensino do Concello de Ames. O prazo de inscrición remata o 28 de outubro de 2016. Todo o alumnado inscrito participará nunha xornada de formación na que se achegarán claves de guionización, locución e interpretación. Outorgaranse tres premios dotados con 200 euros cada un. Para consultar as bases completas, preme aquí.
18/10/2016. DINAMIZACIóN

Concurso #TeñoMonte, para chamar aos montes polo seu nome

A empresa E-Monte Solucións Forestais está a desenvolver a campaña #TeñoMonte, galardoada polo Concello de Santiago cun dos premios do IV Concurso de Publicidade Comercial en Galego. Os obxectivos son dar a coñecer a plataforma de compra/venda de madeira eMonte.es, así como axudar a recuperar a microtoponimia do monte galego. Ademais dos diferentes photocall que están a ter lugar en diferentes espazos de Santiago, onde os propietarios/as dos terreos se retratan xunto aos nomes tradicionais dos seus montes, tamén está aberto o concurso en liña #TeñoMonte. Os propietarios/as que contesten, antes do 25 de outubro, un formulario sobre o topónimo e ubicación do seu monte poderán gañar unha noite para dúas persoas nunha cabana en Serra de Outes. Para ampliar información, preme aquí.
18/10/2016. DINAMIZACIóN

En Cangas, o galego é lingua de lei

A Irmandade Xurídica Galega e o Concello de Cangas organizan o acto Unha lingua de lei, no que se conmemorarán as primeiras sentenzas en lingua galega ditadas nos Xulgados de Cangas polos maxistrados Dalila Dopazo Blanco e Alejandro Couselo Barrio. O acto terá lugar o vindeiro día 26 de outubro, ás 18:00 h, fronte ao edificio dos Xulgados. Ao remate, terá lugar na Casa da Xuventude a sinatura pública, por parte de avogados e procuradores do partidos xudicial, da Declaración a prol da normalización lingüística.
18/10/2016. DINAMIZACIóN

Zas cántalle en galego ao Nadal

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas presenta o concurso PanxoliñaZAS, co obxectivo de promover o uso do galego nos espazos lúdicos e festivos propios do Nadal. A iniciativa está dirixida a toda a veciñanza de Zas e consiste nun concurso de vídeos de panxoliñas e cantos de Aninovo e Reis. O prazo para presentar os vídeos remata o 16 de decembro de 2016. O xurado outorgará premios á mellor presentación, ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición da zona e ao mellor vídeo infantil. Tamén se premiará o vídeo máis popular en Facebook. Para ampliar a nova, preme aquí.
07/10/2016. DINAMIZACIóN

O Papagaio fala en galego para a xente miúda

Edicións Moito Conto presenta O Papagaio, un novo xornal en galego dirixido a nenas e nenos de primaria e secundaria, con seccións sobre ciencia, ecoloxía, arte, historia, banda deseñada e actualidade. Ademais das seccións fixas, tamén se ofrece a posibilidade de que participen os propios centros de ensino. O xornal, que se publica en papel, terá unha periodicidade mensual. O primeiro número está accesible de balde en Internet. Se queres subscribirte, atoparás toda a información que precisas no web da editorial Moito Conto.
07/10/2016. INVESTIGACIóN

Nova Escola Galega publica un monográfico sobre o galego na educación infantil

Nova Escola Galega presentou publicamente onte, 6 de outubro de 2016, na sede da Real Academia Galega o número 65 da Revista Galega de Educación, dedicado na súa totalidade a reflexionar sobre a lingua galega na educación infantil. O monográfico inclúe textos de estudosos/as no campo da sociolingüística, así como achegas de técnicos/as e educadores/as que contan a súa experiencia nos eidos da docencia ou a dinamización lingüística dirixida á poboación infantil. Se o desexas, podes consultar o monográfico completo nos fondos do CDSG. Para acceder a un resumo, preme aquí.
06/10/2016. DINAMIZACIóN

Petiscos de divulgación científica en galego

Co gallo do Día da Ciencia en Galego 2016, o Campus Terra e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentan DivulgaTerra, un evento de divulgación científica deseñado para darlle visibilidade ao traballo desenvolvido polos novos investigadores/as e promover a utilización do galego como ferramenta para a comunicación científica. A iniciativa consistirá nunha sesión de presentacións divulgativas de 10 minutos de duración, que terá lugar o 9 de novembro de 2016, a partir das 16 horas, na Escola Politécnica Superior do Campus Terra. Poden participar todos os novos investigadores e investigadoras do Campus Terra que queiran expoñer publicamente en galego o seu traballo de investigación. Tamén se pode participar a través de pósters. Previamente, o Servizo de Normalización Lingüística impartirá o luns 24 de outubro unha sesión formativa gratuíta.
06/10/2016. CURSOS E CONGRESOS

O Simposio ILG 2016 centrarase nas relacións entre antroponimia e lexicografía

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela organiza, coa colaboración do Consello da Cultura Galega, o Simposio ILG 2016: Antroponimia e lexicografía, que xirará arredor de dous eixes temáticos principais: o tratamento lexicográfico común da antroponimia, sobre o que reflexionarán diferentes autores de dicionarios europeos de nomes ou apelidos; e a situación específica dos nomes e apelidos galegos. As sesións terán lugar os días 24, 25 e 26 de outubro de 2016 na Facultade de Filoloxía da USC. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.

06/10/2016. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre o plurilingüismo no Estado español

A Gentalha do Pichel organiza as xornadas Plurilingüismo espanhol: um pesadelo de estado, que terá lugar os vindeiros días 14 e 15 de outubro de 2016 no local social da Gentalha do Pichel, en Santiago de Compostela. Trátase da quinta edición destas xornadas de análise para o ensino popular, que nesta ocasión terá como eixe temático o plurilingüismo no Estado español. Ao longo das xornadas trataranse temas coma os mecanismos ideolóxicos da substitución lingüística, o marco normativo no ámbito da educación en sociedades plurilingües, o multilingüismo nunha futura Cataluña independente ou a situación de linguas minorizadas coma o aragonés e o árabe de Ceuta.
03/10/2016. CURSOS E CONGRESOS

Nova edición do obradoiro de pensamento creativo

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua convoca a segunda edición do Obradoiro de pensamento creativo baseado no método CPS (Creative Problem Solving). Os obxectivos deste curso son proporcionar formación avanzada en materia de creatividade, adquirir dinámicas que incrementen a motivación e a capacidade de mobilización do equipo e aprender a implementar accións que activen a creatividade de terceiras persoas, dirixíndoa a proxectos de promoción do galego. O obradoiro está dirixido a técnicos/as de normalización lingüística, a membros dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino e a persoas interesadas en xeral. As sesións desenvolveranse os días 9 e 10 de novembro de 2016 na Nave de Vidán (Santiago de Compostela). Podes realizar a túa inscrición desde o 5 ao 25 de outubro de 2016.
30/09/2016. DINAMIZACIóN

Once novos concellos súmanse ao apego pola lingua

Os once concellos galegos que se adheriron ao proxecto Apego a pasada primavera (sumándose aos doce que botaron a andar a iniciativa en 2015) comezan agora a desenvolver as diferentes actividades que se organizan no marco deste programa, deseñado para fornecer recursos e crear espazos de uso que permitan a socialización en galego desde a primeira infancia. Como novidade, nesta segunda fase están a elaborarse tamén diferentes materiais audiovisuais para a difusión nas redes, como por exemplo os dous vídeos que se distribúen estes días a través de youtube, “Apego, pola vida e pola lingua” e “Únete ao Apego, pola lingua”. Podes ampliar esta información premendo aquí.
29/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Charla na Coruña sobre a transmisión lingüística

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza a charla-obradoiro “Os/as nenos/as e a lingua, unha oportunidade”, dirixida tanto ás familias como a outras persoas interesadas (formadoras/es, monitoras/es etc.). Na charla intervirá Manuel Núñez Singala, director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, que falará da oportunidade da transmisión lingüística. A inscrición é de balde. O acto terá lugar o 15 de outubro de 2016, ás 12:00 h, no Centro Ágora. Para obter máis información, preme aquí.
29/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Vigo anima a inmigrantes e emigrantes retornados a achegarse ao galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza a actividade formativa “Achégate ao galego”, un curso básico de galego dirixido á poboación de fóra de Galicia que acaba de chegar a Vigo e quere familiarizarse co noso idioma. O curso ten unha duración de 40 horas e terá lugar os días 17, 18, 24, 25 de outubro; 2, 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28, 28 de novembro; 12, 13, 14 decembro de 2016 no Centro Local de Emprego e das Ocupacións de Vigo, en horario de 18:30 a 21:00 h. As persoas interesadas en participar deben enviar os seus datos (nome completo, teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org.
27/09/2016. INVESTIGACIóN

Créase a Cátedra Galicia-América na Universidad Nacional de San Martín

A Universidad Nacional de San Martín (Arxentina) acaba de crear, no marco do programa Lectura Mundi, a Cátedra Galicia-América, que ten como obxectivos a investigación académica, a difusión da cultura galega e o ensino do noso idioma. Os promotores da iniciativa son Mario Greco, director do programa Lectura Mundi; Micaela Cuesta, investigadora deste mesmo programa; e Manuel Rivas, codirector da Cátedra. O acto de presentación pública tivo lugar onte, 26 de setembro de 2016, na sede da Real Academia Galega. Podes ampliar información premendo aquí.
26/09/2016. DINAMIZACIóN

26 de setembro, Día Europeo das Linguas

O Consello de Europa festexa hoxe, 26 de setembro, o Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns. O Consello de Europa instaurou esta celebración en 2001 e desde entón, os 47 estados membros animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
22/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Para achegarse á lingua a través do mar

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do curso de auga salgada "Chegou o mar á ribeira", que ten como obxectivo achegarse á lingua galega (léxico, fraseoloxía, talasonimia…) empregando como fío condutor a auga salgada. As sesións desenvolverase os días 2, 4, 9, 11, 16, 18, 23, 25, 30 de novembro e 2 de decembro de 2016 na Oficina Municipal de Distrito de Casco Vello (rúa Oliva, 12). A inscrición é de balde e todas as persoas interesadas poden facela enviando os seus datos (nome, apelidos, DNI e teléfono) a actividades.snl@vigo.org.
21/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre a responsabilidade social corporativa en galego

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada “Responsabilidade social corporativa en galego”, que terá lugar o 18 de outubro de 2016 en Santiago de Compostela. O debate centrarase na responsabilidade social corporativa como instrumento para incorporar valores culturais e lingüísticos á xestión empresarial. A xornada conta coa colaboración da Fundación Galicia Empresa e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Podes solicitar a inscrición a través do formulario accesible no web do CCG.
20/09/2016. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Cultura Galega para a Irmandade Xurídica Galega

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2016 fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio á Irmandade Xurídica Galega, entidade que promove o uso do galego no ámbito xurídico. Nas outras categorías, os galardoados/as son María Xosé Queizán (Letras), Miguel Fernández-Cid (Artes plásticas), Sarabela Teatro (Artes escénicas), Maximino Zumalave (Música), Numax (Audiovisual), o Museo de Pontevedra (Patrimonio cultural), Elena Zernova (Proxección exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
16/09/2016. LEXISLACIóN

A Deputación de Lugo regula os seus usos lingüísticos

A Deputación de Lugo publicou no Boletín Oficial da Provincia do pasado 14 de setembro de 2016 o anuncio da aprobación definitiva da Ordenanza de uso da lingua galega na Deputación de Lugo. A ordenanza recolle as accións que a Deputación debe realizar para o impulso social do galego, así coma os criterios lingüísticos que rexerán nas súas comunicacións administrativas. Deste xeito, a Deputación de Lugo súmase á Deputación de Pontevedra, que xa aprobou en 1989 a súa Ordenanza de normalización lingüística. No Kit para a Normalización en Rede podes consultar todas as ordenanzas e regulamentos lingüísticos vixentes actualmente na Administración local.
09/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra organizan a Xornada de Onomástica Galega, que terá lugar o sábado 17 de setembro de 2016, no Museo de Pontevedra. Na xornada presentaranse diferentes experiencias de recolleita de microtoponimia, exporanse os criterios de revisión do actual nomenclátor e darase a coñecer a nova aplicación da recolleita xeorreferenciada. Para consultar o programa completo preme aquí.
09/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Nova edición do obradoiro “En galego, co teu acento”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición do obradoiro de lingua e cultura galegas “En galego, co teu acento”. O obradoiro está dirixido a inmigrantes, a emigrantes retornados, a persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames e, en xeral, a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galega. As sesións desenvolveranse nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de outubro, novembro e comezos de decembro. O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de setembro de 2016. Podes ampliar información premendo aquí.
06/09/2016. DINAMIZACIóN

Galicia celebra a diversidade lingüística da Europa atlántica

No marco do programa Donostia Capital Europea da Cultura 2016, os vindeiros días 9, 10 e 11 de setembro celebrarase en Rianxo o Festival Tosta.Trátase dun programa de concertos e encontros culturais, de carácter itinerante, deseñado para promover a diversidade lingüística da Europa atlántica e impulsar a creación artística nas diferentes linguas minorizadas. O evento está promovido desde Galicia pola Mesa pola Normalización Lingüística e a área de Cultura da Deputación da Coruña. Podes obter máis información no web da Mesa ou na propia páxina do festival.
29/08/2016. CURSOS E CONGRESOS

O ensino das linguas minorizadas, a debate en Cambados

O Concello de Cambados, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, organiza I Congreso de Normalización Lingüística, que terá lugar o vindeiro sábado, 3 de setembro de 2016, no Auditorio A Xuventude de Cambados. O eixo temático do congreso será o ensino de linguas minorizadas na Sociedade da Información. O prazo de inscrición remata o 30 de agosto. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de matrícula, preme aquí.
29/08/2016. EMPREGO

Convocatoria para a contratación de técnico/a de normalización lingüística en Cedeira

O Concello de Cedeira publica as bases para a formación dunha bolsa de traballo destinada a realizar contratacións laborais temporais ou nomeamentos interinos como técnico/a de normalización lingüística. O sistema de provisión será o concurso-oposición. Os participantes deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Grao en Lingua Galega, ou outras titulacións (grao/licenciatura) sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación no BOP do anuncio da convocatoria.
29/08/2016. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e mais preparatorios para o Celga

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos Celga (niveis 1, 2, 3 e 4), que se impartirán entre setembro de 2016 e maio de 2017 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia. Os prazos de inscrición son: ata o 9 de setembro de 2016 (cursos do primeiro cuadrimestre), e do 12 de decembro de 2016 ata o 2 de xaneiro de 2017 (cursos do segundo cuadrimestre). Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
29/08/2016. OUTRAS

Convocatoria de probas para obter os certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2016. As probas realizaranse o 5 de novembro (Celga 4), 6 de novembro (Celga 2), 12 de novembro (Celga 3) e 13 de novembro (Celga 1) en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de setembro de 2016. Podes obter máis información sobre a convocatoria e os trámites de inscrición premendo aquí.
04/08/2016. EMPREGO

O Concello da Coruña convoca unha praza para técnico/a de normalización lingüística

A oferta desta praza, de funcionario/a interino/a, ten por obxecto reforzar o Servizo de Normalización Lingüística do concello, en consoancia coa resolución das subvencións a entidades locais da Deputación da Coruña para o mantemento de servizos deste tipo durante 2016. O sistema de cobertura é de concurso-oposición e o prazo de presentación de instancias remata o día 16 de agosto. Podes consultar as bases aquí.
03/08/2016. EMPREGO

Oferta de emprego como técnico/a de normalización lingüística no Concello do Grove

O Concello do Grove publica as bases para a realización dun proceso selectivo destinado á creación dunha bolsa xeral de emprego na que se recolle un posto de persoal laboral temporal para técnico/a de normalización lingüística do concello. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde a publicación das bases reguladoras no BOP de Pontevedra. Podes consultalas aquí.