O Centro de Interpretación da Oralidade e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organizan unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de difundir o patrimonio oral da comunidade a través de actividades lúdicas. O programa, dirixido ao público familiar e infantil, inclúe contos, monicreques, xogos e música. As actividades comezaron o pasado 6 de xullo e terán continuidade ata o 2 de setembro. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo (coas datas e lugares de realización), así como a explicación das diferentes actividades.
29/07/2016. DINAMIZACIóN
29/07/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura do Concello de Redondela organizan o obradoiro Coñecendo Redondela, unha iniciativa de divulgación do patrimonio arquitectónico e a microtoponimia dirixida a nenas e nenos de 6 a 12 anos. O obradoiro desenvolverase no multiúsos da Xunqueira os días 6, 7 e 8 de setembro de 2016. A inscrición é de balde e o prazo remata o 1 de setembro. Podes obter máis información premendo aquí.
28/07/2016. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua do Concello de Santiago presenta o programa “Despois de merendar… a rúa é nosa!”, unha iniciativa deseñada co obxectivo de crear espazos de socialización en galego a través do xogo. O programa, dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos, desenvolverase durante o mes de agosto (de luns a venres, agás festivos). Os cativos/as só teñen que achegarse ao mercado de abastos ás 18:30 h e poderán participar durante dúas horas en diferentes actividades lúdicas organizadas nas rúas da cidade. Para obter máis información preme aquí.
27/07/2016. OUTRAS
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan a aplicación para dispositivos móbiles do sistema de tradución Gaio. A aplicación, dispoñible de balde para os sistemas operativos IOS e Android, permite a tradución de textos entre os idiomas galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O tradutor Gaio, concibido nos seus inicios como un sistema de tradución interno para a Administración autonómica, desde setembro de 2015 está tamén a disposición de toda a cidadanía no Portal da Lingua. Para ampliar esta información, preme aquí.
26/07/2016. EMPREGO
O Concello de Nigrán convoca o proceso selectivo para a cobertura dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa ou Hispánica (subsección galego-portugués); ou do grao en Estudos de Galego e Español ou en Lingua e Literatura Galega. O proceso selectivo será o de concurso-oposición e o prazo para presentar as solicitudes remata o 3 de agosto de 2016. Podes consultar as bases da convocatoria no sitio web do Concello de Nigrán.
26/07/2016. DINAMIZACIóN
O Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) convocou, o pasado sábado 24 de xullo no Hostal dos Reis Católicos, os concellos galegos (nomeadamente os das grandes cidades e comarcas de influencia) para asinar a Carta do Consumo Responsable e Solidario. O obxectivo da iniciativa é amosar publicamente o compromiso das empresas coa etiquetaxe dos seus produtos en lingua galega, así coma o apoio da cidadanía coas empresas que apostan polo noso idioma. No acto do pasado sábado asinaron publicamente este documento catorce empresas e mais os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol e Oroso. No web Galeguizar Galicia podes manterte ao día da actividade do Foro Enrique Peinador e mais da IRGADE a prol da galeguización do sector socioeconómico.
21/07/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso do galego. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación ou mantemento dun servizo de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.
20/07/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fai públicas as conclusións do XII Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en Lingua", que tivo lugar os pasados días 6 e 7 de xullo de 2016, organizado pola Universidade da Coruña coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello de Carballo e a CTNL. Nesta edición o curso centrouse no ámbito socioeconómico e o documento de conclusións recolle 17 reflexións destinadas a mellorar a planificación lingüística neste sector.
20/07/2016. INVESTIGACIóN
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte publicou a convocatoria de bolsas de colaboración de estudantes en departamentos universitarios para o curso académico 2016-2017. Nesta convocatoria o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago ten asignada unha bolsa. As bolsas están dirixidas ao alumnado do último curso de estudos de grao, licenciatura, enxeñería ou arquitectura e alumnos de primeiro curso de Máster universitario oficial. O prazo de solicitude remata o 15 de setembro de 2016. Podes consultar un resumo da convocatoria elaborado pola USC premendo aquí.
18/07/2016. DINAMIZACIóN
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza o programa “Galicia Culturea”, que levará este verán un amplo abano de propostas culturais e de lecer a máis de 160 concellos. O programa inclúe tres propostas deseñadas para a ocasión pola Rede de Dinamización Lingüística, como son “Contos vellos para rapaces novos” (contacontos inspirado na obra homónima de Xosé Neira Vilas), “O zapateiro e o raposo” (iniciativa de promoción da oraliade) e “Palabras máxicas” (actividade de maxia). Para obter máis información, preme aquí.
18/07/2016. AXUDAS E PREMIOS
O xurado do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña fixo público os/as gañadores/as da sétima edición deste premio, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do noso idioma. Os galardoados/as nesta edición son o escritor Xabier P. Docampo, ao que se lle recoñece a súa traxectoria literaria e o seu compromiso e implicación coa normalización lingüística, así como as entidades Escola de Ensino Galego Semente e A. C. Correlingua, que reciben o premio ex aequo na categoría de iniciativas dirixidas ao ámbito infantil e xuvenil. Para ampliar esta nova, preme aquí.
15/07/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan agrupado de formación continua. O programa formativo inclúe os seguintes cursos de contidos lingüísticos: “A linguaxe administrativa non sexista e a imaxe igualitaria na práctica da xestión pública”, “Redacción de documentos técnico-xurídicos en lingua galega” e “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para adquirila”. O prazo para presentar a solicitude remata o 2 de setembro de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
15/07/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 15 de xullo de 2016, os datos relativos ás subvencións concedidas para a promoción do uso do galego nos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. Podes consultar a listaxe de entidades subvencionadas, así como as contías e o obxecto das axudas, premendo aquí.
13/07/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza un obradoiro lúdico de lingua galega que se impartirá nos diferentes concellos que conforman a mancomunidade ao longo destes meses de verán (xullo e agosto). A iniciativa, dirixida a nenas e nenos dos primeiros cursos de Primaria, ten como obxectivo fomentar o uso do galego nos espazos de lecer. O obradoiro está deseñado cun formato similar ao dunha xincana lingüística e componse de tres probas lúdicas: unha carreira de remudas, un bingo e un xogo de palabras encadeadas. Podes ampliar a información premendo aquí.
11/07/2016. OUTRAS
O Plenario da Real Academia Galega (RAG) acordou, na sesión ordinaria do pasado sábado, 9 de xullo de 2016, que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2017 será Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002), narrador, ensaísta, articulista de prensa, editor e dinamizador cultural. Como escritor abrangueu diferentes xéneros: narrativa, ensaio, teatro e xornalismo. Como intelectual comprometido coa normalización da cultura e lingua galegas, participou na elaboración da Lei de Normalización Lingüística (1983), foi director da editorial Galaxia (1986-2002) e da revista Grial (1988-2002) e tamén presidente do Consello da Cultura Galega (1996-2002). Para ampliar esta nova, preme aquí.
08/07/2016. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Ferrol publica as bases da vixésimo primeira edición deste certame de carácter bianual que ten como obxectivo promover a creación literaria e a investigación lingüística. O certame ten dúas modalidades: o “Premio de investigación lingüística ou ensaio” e o “Premio de creación literaria (narración curta)”. O xurado outorgará un premio de 3.700 euros para o/a gañador/a de cada unha das modalidades. O prazo para entregar os orixinais remata o 15 de setembro de 2016.
08/07/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica, no DOG do 8 de xullo de 2016, a resolución da convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. Para coñecer a listaxe de beneficiarios, preme aquí.
07/07/2016. DINAMIZACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a aplicación móbil A Liña do Galego, co ánimo de proporcionarlle á cidadanía unha nova canle de comunicación a través da que poidan transmitir tanto parabéns, cando queiran recoñecer o labor de quen usa o galego con normalidade, como queixas, cando sintan que os seus dereitos lingüísticos están sendo agredidos. A aplicación, que pode descargarse de balde, está accesible tanto para IOS como para Android. Podes ampliar esta información premendo aquí.
07/07/2016. INVESTIGACIóN
A Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares organiza a décima edición deste certame que ten por obxecto fomentar a investigación en lingua galega sobre o antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares (concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo). Os traballos debe ser orixinais e inéditos, estar redactados en galego e ter unha extensión mínima de 100 folios. A temática debe cinguirse aos ámbitos lingüístico, histórico, artístico, arqueolóxico, antropolóxico, etnográfico e folclórico. O gañador/a recibirá un premio de 3.000 euros. O prazo de presentación remata o 2 de novembro de 2016. Para consultar as bases preme aquí.
06/07/2016. DINAMIZACIóN
O Departamento de Turismo e Normalización Lingüística do Concello de Arteixo presenta a cuarta edición da iniciativa “Xantar Arteixo”, que consiste na distribución entre os establecementos hostaleiros do municipio de 15.000 manteis individuais elaborados en colaboración co alumnado do IES Manuel Murguía. Os manteis levan impreso un mapa do concello con microtoponimia do litoral, así como unha listaxe de entrantes, peixe e marisco, carnes, verduras e sobremesa nos idiomas galego, castelán e inglés. Noutras edicións anteriores da campaña, tamén se distribuíron estes mesmos carteis, pousavasos con microtoponimia local e gardacubertos con relatos literarios impresos.
01/07/2016. OUTRAS
A Real Sociedad Española de Química facilita no seu sitio web a versión en galego da “Guía breve para a Nomenclatura en Química Inorgánica”, traducida e adaptada por Ana M. González Noya e Manuel R. Bermejo, profesores do Departamento de Química Inorgánica da Facultade de Química da USC. Trátase da versión galega das normas oficiais da IUPAC (International Union of Pure and Applied Chemistry), un documento que proporciona un esquema das regras de nomenclatura esenciais para elaborar nomes e fórmulas de compostos inorgánicos, de compostos de coordinación e de compostos organometálicos.
30/06/2016. OUTRAS
O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte presenta os datos referidos ao ano 2015 da Estatística da Edición Española de Libros con ISBN. No que respecta aos libros editados en galego, os datos constatan un descenso do 3% en número de títulos (1.394 libros editados en 2015 fronte aos 1.439 editados en 2014). No referido ao conxunto do Estado, os libros editados en galego supoñen un 1,8% do total. Se o desexas, tamén podes consultar a nota co resumo dos datos facilitada polo Ministerio.
22/06/2016. DINAMIZACIóN
Xa están dispoñibles en Internet os 31 vídeos subtitulados ao galego que se presentaron ao concurso #TEDSaúde, que convocou o pasado mes de marzo a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Enfermaría da USC. O vídeos gañadores foron “Videoxogos e cerebro”, tradución de Socorro Rodríguez, na modalidade A (membros da comunidade universitaria da USC); e “A linguaxe corporal determina quen somos”, tradución de Ana Rozados, na modalidade B (público xeral). Podes ver todos os vídeos presentados no web do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
22/06/2016. EMPREGO
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de nove bolsas de formación en diferentes proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Trátase en concreto dos seguintes proxectos: Bibliografía da literatura galega (1 bolsa), Fraseoloxía galega (1 bolsa), Corpus de referencia do galego actual (1 bolsa), Cantigas de Santa María (1 bolsa), Prosa literaria medieval (1 bolsa), Terminoloxía científico-técnica (1 bolsa), Recursos para o desenvolvemento das tecnoloxías da fala (1 bolsa), Dicionarios de literatura (1 bolsa) e Base de datos do ALIR (1 bolsa). O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
21/06/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a resolución das axudas para os proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de dinamización lingüística dos centros de ensino privados, para o curso escolar 2015/2016. No DOG do 21 de xuño de 2016 podes consultar a listaxe de centros beneficiarios (centros da Coruña, centros de Lugo, centros de Ourense, centros de Pontevedra).
16/06/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a convocatoria de cursos de lingua galega preparatorios para obter os certificados de lingua galega Celga 2, Celga 3 e Celga 4. Estes cursos poden ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou por aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria. O prazo para a presentación das solicitudes será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/06/2016. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña, en colaboración co Concello de Carballo, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o XII Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en lingua", que nesta edición se centrará na análise do uso e prestixio do galego no sector empresarial. As sesións desenvolveranse os días 6 e 7 de xullo de 2016 no Fórum Carballo. O prazo de matrícula remata o 30 de xuño.
09/06/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) e o Centro de Información á Muller (CIM) da Mancomunidade de Ordes, en colaboración co Gabinete de Prensa, organizan a iniciativa “Con A de comarca”, coa que queren recoñecer o labor das mulleres da comarca no ámbito das letras. No marco da iniciativa, varias escritoras da comarca serán entrevistadas por profesionais de recoñecida traxectoria no eido do xornalismo para reflexionar sobre a súa creación artística. As conversas difundiranse na páxina de Facebook da iniciativa. Podes ampliar a información premendo aquí.
08/06/2016. EMPREGO
O Concello de Muros convoca un proceso selectivo para a provisión, mediante contratación laboral temporal, dun contrato de interinidade dun/ha normalizador/a lingüístico/a para o Servizo de Normalización Lingüística do concello. O sistema de selección será o concurso-oposición. Os/as aspirantes deben estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou equivalente. O prazo de presentación de instancias remata o 17 de xuño de 2016. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
07/06/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, en colaboración coa Radio Municipal de Redondela, organiza o I Concurso de teatro radiofónico escolar destinado a alumnado de 3º ciclo de primaria e ESO. As pezas radiofónicas, que foron gravadas durante estes dous últimos cursos, serán emitidas en Radio Redondela entre o 2 e o 17 de xuño no programa “A Estación”. O prazo de votacións será entre o 18 e o 27 de xuño a través do teléfono 986 400106 (de 8:00 a 15:00 h) ou do correo electrónico "radioredondela@hotmail.com". Outorgaranse dous premios, un á mellor dramatización radiofónica e outro á calidade lingüística. Os gañadores gozarán dunha visita guiada ao Museo Meirande e dunha viaxe en barco á Illa de San Simón. Para ampliar información, preme aquí.

