Novas da lingua

Rexistros2641 a 2670 de 4427
29/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Vigo anima a inmigrantes e emigrantes retornados a achegarse ao galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza a actividade formativa “Achégate ao galego”, un curso básico de galego dirixido á poboación de fóra de Galicia que acaba de chegar a Vigo e quere familiarizarse co noso idioma. O curso ten unha duración de 40 horas e terá lugar os días 17, 18, 24, 25 de outubro; 2, 7, 8, 14, 15, 21, 22, 28, 28 de novembro; 12, 13, 14 decembro de 2016 no Centro Local de Emprego e das Ocupacións de Vigo, en horario de 18:30 a 21:00 h. As persoas interesadas en participar deben enviar os seus datos (nome completo, teléfono) ao correo electrónico actividades.snl@vigo.org.
27/09/2016. INVESTIGACIóN

Créase a Cátedra Galicia-América na Universidad Nacional de San Martín

A Universidad Nacional de San Martín (Arxentina) acaba de crear, no marco do programa Lectura Mundi, a Cátedra Galicia-América, que ten como obxectivos a investigación académica, a difusión da cultura galega e o ensino do noso idioma. Os promotores da iniciativa son Mario Greco, director do programa Lectura Mundi; Micaela Cuesta, investigadora deste mesmo programa; e Manuel Rivas, codirector da Cátedra. O acto de presentación pública tivo lugar onte, 26 de setembro de 2016, na sede da Real Academia Galega. Podes ampliar información premendo aquí.
26/09/2016. DINAMIZACIóN

26 de setembro, Día Europeo das Linguas

O Consello de Europa festexa hoxe, 26 de setembro, o Día Europeo das Linguas, co obxectivo de promover a diversidade lingüística de Europa e fomentar o plurilingüismo entre os seus cidadáns. O Consello de Europa instaurou esta celebración en 2001 e desde entón, os 47 estados membros animan a cidadanía europea a festexar esta riqueza cultural e a participar nalgún dos moitos eventos que se celebran con este motivo.
22/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Para achegarse á lingua a través do mar

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organiza unha nova edición do curso de auga salgada "Chegou o mar á ribeira", que ten como obxectivo achegarse á lingua galega (léxico, fraseoloxía, talasonimia…) empregando como fío condutor a auga salgada. As sesións desenvolverase os días 2, 4, 9, 11, 16, 18, 23, 25, 30 de novembro e 2 de decembro de 2016 na Oficina Municipal de Distrito de Casco Vello (rúa Oliva, 12). A inscrición é de balde e todas as persoas interesadas poden facela enviando os seus datos (nome, apelidos, DNI e teléfono) a actividades.snl@vigo.org.
21/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre a responsabilidade social corporativa en galego

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza a xornada “Responsabilidade social corporativa en galego”, que terá lugar o 18 de outubro de 2016 en Santiago de Compostela. O debate centrarase na responsabilidade social corporativa como instrumento para incorporar valores culturais e lingüísticos á xestión empresarial. A xornada conta coa colaboración da Fundación Galicia Empresa e da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Podes solicitar a inscrición a través do formulario accesible no web do CCG.
20/09/2016. AXUDAS E PREMIOS

Premio da Cultura Galega para a Irmandade Xurídica Galega

O xurado dos Premios da Cultura Galega 2016 fixo públicos os/as oito galardoados/as que son recoñecidos/as este ano polo seu labor no ámbito da creación, conservación e difusión cultural. Na categoría de Lingua, nesta edición outorgóuselle o premio á Irmandade Xurídica Galega, entidade que promove o uso do galego no ámbito xurídico. Nas outras categorías, os galardoados/as son María Xosé Queizán (Letras), Miguel Fernández-Cid (Artes plásticas), Sarabela Teatro (Artes escénicas), Maximino Zumalave (Música), Numax (Audiovisual), o Museo de Pontevedra (Patrimonio cultural), Elena Zernova (Proxección exterior). Para ampliar esta información, preme aquí.
16/09/2016. LEXISLACIóN

A Deputación de Lugo regula os seus usos lingüísticos

A Deputación de Lugo publicou no Boletín Oficial da Provincia do pasado 14 de setembro de 2016 o anuncio da aprobación definitiva da Ordenanza de uso da lingua galega na Deputación de Lugo. A ordenanza recolle as accións que a Deputación debe realizar para o impulso social do galego, así coma os criterios lingüísticos que rexerán nas súas comunicacións administrativas. Deste xeito, a Deputación de Lugo súmase á Deputación de Pontevedra, que xa aprobou en 1989 a súa Ordenanza de normalización lingüística. No Kit para a Normalización en Rede podes consultar todas as ordenanzas e regulamentos lingüísticos vixentes actualmente na Administración local.
09/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra organizan a Xornada de Onomástica Galega, que terá lugar o sábado 17 de setembro de 2016, no Museo de Pontevedra. Na xornada presentaranse diferentes experiencias de recolleita de microtoponimia, exporanse os criterios de revisión do actual nomenclátor e darase a coñecer a nova aplicación da recolleita xeorreferenciada. Para consultar o programa completo preme aquí.
09/09/2016. CURSOS E CONGRESOS

Nova edición do obradoiro “En galego, co teu acento”

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza unha nova edición do obradoiro de lingua e cultura galegas “En galego, co teu acento”. O obradoiro está dirixido a inmigrantes, a emigrantes retornados, a persoas procedentes de fóra de Galicia que vivan en Ames e, en xeral, a calquera persoa interesada en achegarse á lingua e á cultura galega. As sesións desenvolveranse nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de outubro, novembro e comezos de decembro. O prazo de inscrición estará aberto ata o 23 de setembro de 2016. Podes ampliar información premendo aquí.
06/09/2016. DINAMIZACIóN

Galicia celebra a diversidade lingüística da Europa atlántica

No marco do programa Donostia Capital Europea da Cultura 2016, os vindeiros días 9, 10 e 11 de setembro celebrarase en Rianxo o Festival Tosta.Trátase dun programa de concertos e encontros culturais, de carácter itinerante, deseñado para promover a diversidade lingüística da Europa atlántica e impulsar a creación artística nas diferentes linguas minorizadas. O evento está promovido desde Galicia pola Mesa pola Normalización Lingüística e a área de Cultura da Deputación da Coruña. Podes obter máis información no web da Mesa ou na propia páxina do festival.
29/08/2016. CURSOS E CONGRESOS

O ensino das linguas minorizadas, a debate en Cambados

O Concello de Cambados, en colaboración coa Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, organiza I Congreso de Normalización Lingüística, que terá lugar o vindeiro sábado, 3 de setembro de 2016, no Auditorio A Xuventude de Cambados. O eixo temático do congreso será o ensino de linguas minorizadas na Sociedade da Información. O prazo de inscrición remata o 30 de agosto. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de matrícula, preme aquí.
29/08/2016. EMPREGO

Convocatoria para a contratación de técnico/a de normalización lingüística en Cedeira

O Concello de Cedeira publica as bases para a formación dunha bolsa de traballo destinada a realizar contratacións laborais temporais ou nomeamentos interinos como técnico/a de normalización lingüística. O sistema de provisión será o concurso-oposición. Os participantes deben estar en posesión do título de Licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués), Grao en Lingua Galega, ou outras titulacións (grao/licenciatura) sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo de solicitudes é de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación no BOP do anuncio da convocatoria.
29/08/2016. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e mais preparatorios para o Celga

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca cursos de linguaxe administrativa galega (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos Celga (niveis 1, 2, 3 e 4), que se impartirán entre setembro de 2016 e maio de 2017 nas escolas oficiais de idiomas de Galicia. Os prazos de inscrición son: ata o 9 de setembro de 2016 (cursos do primeiro cuadrimestre), e do 12 de decembro de 2016 ata o 2 de xaneiro de 2017 (cursos do segundo cuadrimestre). Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
29/08/2016. OUTRAS

Convocatoria de probas para obter os certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia convoca as probas para a obtención dos certificados de lingua galega (niveis Celga 1, 2, 3 e 4) no ano 2016. As probas realizaranse o 5 de novembro (Celga 4), 6 de novembro (Celga 2), 12 de novembro (Celga 3) e 13 de novembro (Celga 1) en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo de presentación de solicitudes remata o 19 de setembro de 2016. Podes obter máis información sobre a convocatoria e os trámites de inscrición premendo aquí.
04/08/2016. EMPREGO

O Concello da Coruña convoca unha praza para técnico/a de normalización lingüística

A oferta desta praza, de funcionario/a interino/a, ten por obxecto reforzar o Servizo de Normalización Lingüística do concello, en consoancia coa resolución das subvencións a entidades locais da Deputación da Coruña para o mantemento de servizos deste tipo durante 2016. O sistema de cobertura é de concurso-oposición e o prazo de presentación de instancias remata o día 16 de agosto. Podes consultar as bases aquí.
03/08/2016. EMPREGO

Oferta de emprego como técnico/a de normalización lingüística no Concello do Grove

O Concello do Grove publica as bases para a realización dun proceso selectivo destinado á creación dunha bolsa xeral de emprego na que se recolle un posto de persoal laboral temporal para técnico/a de normalización lingüística do concello. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles desde a publicación das bases reguladoras no BOP de Pontevedra. Podes consultalas aquí.
29/07/2016. DINAMIZACIóN

Vigo enche de contos o verán

O Centro de Interpretación da Oralidade e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organizan unha nova edición do programa “No verán… un conto”, co obxectivo de difundir o patrimonio oral da comunidade a través de actividades lúdicas. O programa, dirixido ao público familiar e infantil, inclúe contos, monicreques, xogos e música. As actividades comezaron o pasado 6 de xullo e terán continuidade ata o 2 de setembro. No web do SNL do Concello de Vigo podes consultar o programa completo (coas datas e lugares de realización), así como a explicación das diferentes actividades.
29/07/2016. DINAMIZACIóN

Obradoiro de divulgación do patrimonio e a toponimia en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística e a Concellaría de Cultura do Concello de Redondela organizan o obradoiro Coñecendo Redondela, unha iniciativa de divulgación do patrimonio arquitectónico e a microtoponimia dirixida a nenas e nenos de 6 a 12 anos. O obradoiro desenvolverase no multiúsos da Xunqueira os días 6, 7 e 8 de setembro de 2016. A inscrición é de balde e o prazo remata o 1 de setembro. Podes obter máis información premendo aquí.
28/07/2016. DINAMIZACIóN

As rúas de Compostela volverán ser un campo de xogo infantil

O Departamento de Lingua do Concello de Santiago presenta o programa “Despois de merendar… a rúa é nosa!”, unha iniciativa deseñada co obxectivo de crear espazos de socialización en galego a través do xogo. O programa, dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos, desenvolverase durante o mes de agosto (de luns a venres, agás festivos). Os cativos/as só teñen que achegarse ao mercado de abastos ás 18:30 h e poderán participar durante dúas horas en diferentes actividades lúdicas organizadas nas rúas da cidade. Para obter máis información preme aquí.
27/07/2016. OUTRAS

Preséntase a aplicación móbil do tradutor Gaio

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Secretaría Xeral de Política Lingüística presentan a aplicación para dispositivos móbiles do sistema de tradución Gaio. A aplicación, dispoñible de balde para os sistemas operativos IOS e Android, permite a tradución de textos entre os idiomas galego, castelán, inglés, portugués, francés e catalán. O tradutor Gaio, concibido nos seus inicios como un sistema de tradución interno para a Administración autonómica, desde setembro de 2015 está tamén a disposición de toda a cidadanía no Portal da Lingua. Para ampliar esta información, preme aquí.
26/07/2016. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística no Concello de Nigrán

O Concello de Nigrán convoca o proceso selectivo para a cobertura dunha praza de técnico/a de normalización lingüística. Os/as aspirantes deben estar en posesión da licenciatura en Filoloxía Galega, Galego-Portuguesa ou Hispánica (subsección galego-portugués); ou do grao en Estudos de Galego e Español ou en Lingua e Literatura Galega. O proceso selectivo será o de concurso-oposición e o prazo para presentar as solicitudes remata o 3 de agosto de 2016. Podes consultar as bases da convocatoria no sitio web do Concello de Nigrán.
26/07/2016. DINAMIZACIóN

A Administración local aposta polo consumo responsable en galego

O Foro Enrique Peinador e a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (IRGADE) convocou, o pasado sábado 24 de xullo no Hostal dos Reis Católicos, os concellos galegos (nomeadamente os das grandes cidades e comarcas de influencia) para asinar a Carta do Consumo Responsable e Solidario. O obxectivo da iniciativa é amosar publicamente o compromiso das empresas coa etiquetaxe dos seus produtos en lingua galega, así coma o apoio da cidadanía coas empresas que apostan polo noso idioma. No acto do pasado sábado asinaron publicamente este documento catorce empresas e mais os concellos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense, Lugo, Ferrol e Oroso. No web Galeguizar Galicia podes manterte ao día da actividade do Foro Enrique Peinador e mais da IRGADE a prol da galeguización do sector socioeconómico.
21/07/2016. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia fai pública a resolución da convocatoria de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso do galego. No texto da resolución podes consultar a listaxe de concellos que, ben de xeito individual ou agrupado, recibirán axuda económica para a creación ou mantemento dun servizo de normalización lingüística, así como para o desenvolvemento de programas de dinamización da lingua.
20/07/2016. CURSOS E CONGRESOS

Reflexións para mellorar a planificación lingüística no sector socioeconómico

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) fai públicas as conclusións do XII Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en Lingua", que tivo lugar os pasados días 6 e 7 de xullo de 2016, organizado pola Universidade da Coruña coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Concello de Carballo e a CTNL. Nesta edición o curso centrouse no ámbito socioeconómico e o documento de conclusións recolle 17 reflexións destinadas a mellorar a planificación lingüística neste sector.
20/07/2016. INVESTIGACIóN

Bolsa de colaboración no Instituto da Lingua Galega

O Ministerio de Educación, Cultura e Deporte publicou a convocatoria de bolsas de colaboración de estudantes en departamentos universitarios para o curso académico 2016-2017. Nesta convocatoria o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago ten asignada unha bolsa. As bolsas están dirixidas ao alumnado do último curso de estudos de grao, licenciatura, enxeñería ou arquitectura e alumnos de primeiro curso de Máster universitario oficial. O prazo de solicitude remata o 15 de setembro de 2016. Podes consultar un resumo da convocatoria elaborado pola USC premendo aquí.
18/07/2016. DINAMIZACIóN

“Galicia Culturea” promove a cultura e o lecer en galego este verán

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza o programa “Galicia Culturea”, que levará este verán un amplo abano de propostas culturais e de lecer a máis de 160 concellos. O programa inclúe tres propostas deseñadas para a ocasión pola Rede de Dinamización Lingüística, como son “Contos vellos para rapaces novos” (contacontos inspirado na obra homónima de Xosé Neira Vilas), “O zapateiro e o raposo” (iniciativa de promoción da oraliade) e “Palabras máxicas” (actividade de maxia). Para obter máis información, preme aquí.
18/07/2016. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua

O xurado do Premio Rosalía de Castro da Deputación da Coruña fixo público os/as gañadores/as da sétima edición deste premio, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do noso idioma. Os galardoados/as nesta edición son o escritor Xabier P. Docampo, ao que se lle recoñece a súa traxectoria literaria e o seu compromiso e implicación coa normalización lingüística, así como as entidades Escola de Ensino Galego Semente e A. C. Correlingua, que reciben o premio ex aequo na categoría de iniciativas dirixidas ao ámbito infantil e xuvenil. Para ampliar esta nova, preme aquí.
15/07/2016. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan agrupado de formación continua. O programa formativo inclúe os seguintes cursos de contidos lingüísticos: “A linguaxe administrativa non sexista e a imaxe igualitaria na práctica da xestión pública”, “Redacción de documentos técnico-xurídicos en lingua galega” e “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para adquirila”. O prazo para presentar a solicitude remata o 2 de setembro de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria preme aquí.
15/07/2016. AXUDAS E PREMIOS

A Deputación de Pontevedra resolve as axudas para a promoción do galego

A Deputación de Pontevedra publica, no BOP do 15 de xullo de 2016, os datos relativos ás subvencións concedidas para a promoción do uso do galego nos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. Podes consultar a listaxe de entidades subvencionadas, así como as contías e o obxecto das axudas, premendo aquí.
13/07/2016. DINAMIZACIóN

Xincanas e xogos para achegar o galego ao lecer dos máis pequenos

O Servizo de Normalización Lingüística da Mancomunidade de Ordes organiza un obradoiro lúdico de lingua galega que se impartirá nos diferentes concellos que conforman a mancomunidade ao longo destes meses de verán (xullo e agosto). A iniciativa, dirixida a nenas e nenos dos primeiros cursos de Primaria, ten como obxectivo fomentar o uso do galego nos espazos de lecer. O obradoiro está deseñado cun formato similar ao dunha xincana lingüística e componse de tres probas lúdicas: unha carreira de remudas, un bingo e un xogo de palabras encadeadas. Podes ampliar a información premendo aquí.