O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) organiza as Primeiras xornadas de innovación educativa: palavrar a lingua, que terán lugar o sábado 16 de abril de 2016 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela). Os obxectivos da actividade son, entre outros, dar a coñecer experiencias innovadoras no ámbito da normalización lingüística, afondar no papel da escola como suxeito transformador e analizar as posibilidades lingüísticas e pedagóxicas da lusofonía para o traballo docente. A xornada está dirixida ao profesorado dos diferentes niveis educativos (Infantil, Primaria e Secundaria). As prazas cubriranse por orde de solicitude, tendo preferencia as persoas afiliadas ao STEG.
01/04/2016. CURSOS E CONGRESOS
30/03/2016. INVESTIGACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta o manual Na universidade. En galego con seguridade, no que se revisan contidos morfosintácticos e léxico-semánticos da comunicación administrativa. A obra estrutúrase en tres apartados principais: marco lexislativo da lingua galega no ensino superior, interferencias e cuestións lingüísticas fixadas erroneamente na lingua, e proposta de xentilicios en galego. Este novo traballo completa e amplía En galego sen dúbida, elaborado hai dous anos tamén pola Área de Normalización Lingüística e centrado en cuestións ortotipográficas. Ambas as dúas publicacións teñen como obxectivo axudar á comunidade universitaria a desenvolver a súa actividade profesional e académica en galego con fluidez e corrección, tanto na lingua oral como escrita.
30/03/2016. DINAMIZACIóN
A fundación Donostia / San Sebastián 2016 e a asociación Soziolinguistika Klusterra presentan o proxecto HITZARGIAK. Linguas que se iluminan mutuamente. Trátase dun sitio web deseñado para consolidar a rede de contactos das comunidades lingüísticas de Europa e difundir boas prácticas para revitalizar idiomas minorizados. Ata o momento, o comité científico do proxecto Hitzargiak escolleu oito prácticas galegas que consideran que poden ser inspiradoras para outras comunidades lingüísticas. As iniciativas galegas seleccionadas son: Agasallo, Apego, Cantalingua, Club de debate, Como cho digo;-), Gústame o galego, Modelo Burela e Tíralle da lingua.
30/03/2016. DINAMIZACIóN
A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa o Especial Letras Galegas 2016, dedicado a Manuel María. O monográfico compila recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula. Tamén se ofrece información bibliográfica, ligazóns a outros sitios web e unha videoteca con recursos audiovisuais sobre este autor. Trátase dun espazo colaborativo en continua actualización, polo que os centros poden enviar os seus recursos e propostas ao enderezo correo@coordinadoraendl.org.
22/03/2016. DINAMIZACIóN
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego, coa colaboración de concellos e doutras entidades públicas e privadas, presentan unha programación conxunta para a celebración ao longo do 2016 do Ano das Irmandades da Fala. O programa inclúe exposicións, simposios, publicacións e difusión de recursos dixitais, entre outras actividades. Neste mes de marzo están a presentarse as primeiras iniciativas na rede. A Real Academia Galega inaugurou onte, 21 de marzo, unha sección web con materiais dixitalizados relacionados coas Irmandades procedentes dos fondos da Academia. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega presenta hoxe o Álbum das Irmandades da Fala, un espazo web que recollerá as biografías dos seus protagonistas.
22/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan Agrupado de Formación Continua. Entre os cursos ofertados está o de “Lingua galega en documentos administrativos”. O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de abril de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
18/03/2016. OUTRAS
O pasado 23 de novembro de 2015 constituíuse formalmente a Asociación Italiana de Estudos Galegos (AISGAL), que segundo se recolle nos seus estatutos, ten como principais obxectivos a difusión da lingua e da literatura galega, a través da formación, a investigación científica e a instrución. O seu presidente é Attilio Castellucci, profesor da Università degli Studi di Roma La Sapienza (onde tamén existe un Centro de Estudos Galegos desde 1999), mais a intención é traspasar o ámbito académico. De feito, a intención de AISGAL é consolidarse como punto de referencia para os estudos e as iniciativas relacionadas coa lingua galega en toda Italia e converterse en interlocutor preferente coas institucións galegas para a promoción e difusión da nosa cultura.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
Xa está accesible en liña o programa dos XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 14 e 15 de abril de 2016 no Consello da Cultura Galega. A comisión organizadora decidiu afondar na liña temática da edición do ano pasado, polo que o eixo principal destes décimo oitavos encontros serán os comportamentos lingüísticos da mocidade, analizados desde unha perspectiva multidisciplinar. Tamén serán obxecto de reflexión os recursos dixitais xerados para a promoción do galego. Con antelación ás sesións presenciais, haberá ocasión de debater en liña a través dos dous grupos de Facebook que se crearán ao fío destes dous temas propostos. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de solicitude.
16/03/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura 2016, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do noso patrimonio lingüístico. O prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de xuño de 2016.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galega no ensino. Este ano o eixo temático será Manuel María, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 9 de abril de 2016 na Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O prazo de matrícula remata o 4 de abril.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) está a organizar a duodécima edición da súa Xornada Científica, que nesta ocasión terá como tema principal “Terminoloxía e normalización”. As sesións terán lugar os días 9 e 10 de xuño de 2016 en Santiago de Compostela. Realiter está a facer unha chamada de traballos para que todas as persoas que desexen participar nesta xornada poidan presentar a súa proposta de relatorio. As propostas (arredor de 400 palabras), redactadas nalgunha das linguas oficiais da rede, deberán enviarse á Secretaría de Realiter (realiter@unicatt.it) en formato pdf ou doc ata o 15 de marzo de 2016 (prorrogado ata o 31 dese mesmo mes). Para ampliar esta información, preme aquí.
11/03/2016. OUTRAS
A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca probas de avaliación en competencias clave, entre as que se atopa a comunicación en lingua galega, para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o 2 de abril de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
10/03/2016. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a duodécima edición deste premio deseñado para promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e incentivar o seu uso na prensa escrita. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 14 de abril de 2016. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
09/03/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e a Fundación Barrié organizan unha nova edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático. O certame está dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia. Cada participante (ou grupo) debe presentar un vídeo de 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. O prazo para enviar os proxectos remata o 22 de abril de 2016.
08/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña, organiza a vixésimo novena edición destes cursos estivais, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 1 e 22 de xullo de 2016. Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e superior) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de se familiarizar coa lingua, a literatura e a realidade sociocultural galegas. O prazo de inscrición remata o 1 de abril de 2016. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e matrícula, preme aquí.
07/03/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica, no BOP do 7 de marzo de 2016, a resolución da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2016. A partir desta publicación, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para aceptar ou renunciar a estas axudas. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
03/03/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Enfermaría da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o I Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego. Os obxectivos son estimular o uso do galego na área de ciencias da saúde e fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O concurso inclúe dúas convocatorias, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC (modalidade A) e outra destinada ao público xeral (modalidade B). Os membros da USC que participen terán a posibilidade de asistir a un obradoiro de formación. O premio está dotado de 250 euros (para a modalidade A) e 150 euros (para a modalidade B), ademais dun diploma honorífico. O prazo para facer a tradución e subtitulación dos vídeos remata o 17 de abril de 2016.
03/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública organiza dous cursos de linguaxe xurídica galega (nivel superior), un deles destinado ao persoal da Administración de xustiza que presta servizos fóra de Galicia e outro dirixido ao persoal da Administración de xustiza, ou colectivos afíns, que presta os seus servizos en Galicia. En ambos os dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias (curso para persoal que traballa fóra de Galicia e curso para persoal que traballa en Galicia).
03/03/2016. DINAMIZACIóN
A Fundación Antonio Fraguas convoca a décima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, dirixo á comunidade educativa, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa de investigación no ámbito do patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno máis próximo dos centros educativos de Galicia. Establécense dúas modalidades, ensino primario e secundario, e outorgaranse dous premios de 7000 euros para cada proxecto gañador. O prazo para enviar as candidaturas remata o 31 de maio de 2016.
02/03/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Humanidades da USC, co apoio do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca o I Concurso de microrrelatos a través de Facebook. Os obxectivos do certame son fomentar os dotes literarios do alumnado da USC e promover o uso do galego como vehículo para a creatividade, co apoio das novas tecnoloxías. Pode participar no certame todo o alumnado da USC que sexa seareiro do Facebook da Facultade de Humanidades mediante a opción “Gústame”. Os textos deben ser orixinais, estar escritos en galego, ter unha extensión máxima de 100 palabras e xirar arredor do feito de contar. O prazo para presentar os traballos remata o 1 de abril de 2016.
01/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca actividades formativas para o persoal que presta servizos nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia e institucións públicas autonómicas. Entre a formación programada, convócanse os seguintes cursos con contidos lingüísticos: “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública” e “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para mellorala”. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que celebrara a súa terceira edición os días 5, 6 e 7 de maio en Carballo, convoca o Premio a proxecto de webserie en galego. O premio, dotado de 1.500 euros, debe destinarse á produción de, como mínimo, tres capítulos do proxecto da webserie premiada, que debe estar rodada en versión orixinal en galego. O prazo para enviar os proxectos remata o 11 de abril de 2016. Para consultar as bases do premio, preme aquí.
26/02/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión Cultural Martín Sarmiento convoca as VIII Xornadas Martín Sarmiento, que terán lugar o vindeiro 9 de marzo de 2016 en Vilafranca do Bierzo co lema “A diversidade lingüística, garantía da riqueza patrimonial”. Os obxectivos das xornadas son poñer en común diversas experiencias escolares, debater sobre a situación da lingua galega no Bierzo e redactar un catálogo de propostas para promover o seu uso. Para coñecer o programa concreto destas xornadas, preme aquí.
26/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
24/02/2016. DINAMIZACIóN
Institucións, entidades culturais e centros de ensino do país conmemoran hoxe o Día de Rosalía de Castro, escritora determinante na reivindicación e prestixio do galego no século XIX, cuxa obra e mensaxe continúa vixente entre as novas xeracións e soportes de comunicación. A Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade promotora desta conmemoración, organizou o seu acto central de homenaxe o pasado domingo, 21 de febreiro, no Panteón de Galegos Ilustres, onde tivo lugar unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro. Pola súa parte, a comunidade educativa está a participar hoxe difundindo de xeito masivo e simultáneo nas redes sociais un verso de Rosalía coa etiqueta #mobilizarosalía. A cidadanía no seu conxunto está tamén convocada a festexar esta data participando nos diversos actos que se están a desenvolver estes días ao longo do país.
22/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra publica as bases de subvencións para a promoción do uso do galego nos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. O obxecto da convocatoria é a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL), así como o desenvolvemento de programas de dinamización do galego. Poden optar a estas axudas os concellos, as agrupacións de concellos ou as entidades locais menores da provincia, ata un máximo de 50.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de abril de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
22/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra convoca axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de promover o desenvolvemento de actividades culturais enmarcadas dentro do “Ano Castelao”, así como a realización de iniciativas que fomenten o uso do galego no conxunto da sociedade. O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de marzo de 2016. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
22/02/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a décimo terceira edición do Certame Literario Concello de Ames, que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega. O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, dependendo da idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.
O prazo de presentación de orixinais remata o 4 abril de 2016.
O prazo de presentación de orixinais remata o 4 abril de 2016.
19/02/2016. DINAMIZACIóN
Irina Bokova, directora xeral da UNESCO, fixo pública a súa mensaxe institucional con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, que se celebra o 21 de febreiro de cada ano, desde que así o aprobou a UNESCO en 1999. Este ano o lema da celebración é “Educación de calidade, lingua(s) de instrución e resultados da aprendizaxe”, salientado a importancia das linguas maternas para a educación de calidade e a preservación da diversidade lingüística á hora de avanzar na aplicación da nova Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.
19/02/2016. DINAMIZACIóN
Bota a andar a quinta edición de FalaRedes, programa que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxectivo de ampliar a oferta de lecer en galego nos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. Nesta edición, o programa inaugúrase coa actividade “Todo me fala de ti”, unha homenaxe musical a Manuel María (autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas), dirixida ao público infantil maior de 5 anos e ás súas familias. O programa FalaRedes 2016 irase completando con outras actividades ao longo do ano, das que se dará conta no Portal da Lingua Galega.

