A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas de colaboración coa Área de Normalización Lingüística desta universidade. Os/as aspirantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega, Grao en Estudos de Galego e Español (itinerario lingua galega e española/lingua e literatura galega) ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2015/2016 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 29 de febreiro de 2016, ás 14:00 h.
19/02/2016. EMPREGO
17/02/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza, no marco do programa Apego, unha nova actividade para dinamizar o uso do galego na primeira infancia. Nesta ocasión trátase dun obradoiro de recursos en galego para as familias, no que se facilitará información sobre materiais e estratexias para cantar, contar e xogar en galego con nenas e nenos de 0 a 6 anos. As sesións terán lugar os días 21 de febreiro de 2016 (ás 12:00 h, na Casa da Cultura de Redondela) e 20 de marzo de 2016 (ás 12:00 h, no Multiúsos do Piñeiral do Crego, en Chapela). A actividade é de balde mais cómpre inscrición previa no correo “normalizacion@redondela.es”. Para ampliar a nova, preme aquí.
16/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) fixeron pública a resolución do Premio Xoán Manuel Pintos 2016, deseñado para recoñecer o labor daquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza da lingua na sociedade e ao mesmo tempo manter viva a figura do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos. Nesta edición, o xurado decidiu outorgar o premio ao humorista gráfico Luís Davila e mais á compañía Migallas Teatro. O acto público de entrega dos galardóns terá lugar o 26 de febreiro, ás 21:00 h, no Pazo de Mugartegui (Pontevedra). Para ampliar esta nova, preme aquí.
15/02/2016. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organizan unha nova edición de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. Outorgaranse tres premios tecnolóxicos por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 28 de febreiro de 2016.
15/02/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de formación continua para o persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre a formación programada, ofértanse os seguintes cursos de contido lingüístico: “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública”; “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”; e “Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega”. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/02/2016. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago analiza no último número d´O Cartafol os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2015-2016, obtidos da análise dos plans de ordenación docente (POD) anuais dos departamentos. En termos xerais, impártense en castelán o 75,31% das horas docentes, en galego o 21%, en inglés o 1,90%, en portugués o 0,36% e noutras linguas (francés, italiano, alemán) o 1,44%. Tamén se ofrece información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.
11/02/2016. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) cumpre neste mes de febreiro de 2016 vinte anos de traballo a prol da normalización do idioma galego. A primeira asemblea da CTNL tivo lugar o 10 de febreiro de 1996 e, desde entón, leva dúas décadas traballando na defensa dos intereses xerais dos traballadores e traballadoras de normalización lingüística, na súa formación continua e, en xeral, na promoción e prestixio da lingua galega. Nos últimos anos acadaron especial éxito e visibilidade social iniciativas súas como Gústame o galego, Agasallo, Como cho digo ;-) ou LGx15. A CTNL, que promoveu hai vinte anos a creación do CDSG, continúa na actualidade a manter un estreito vínculo co centro, formando parte da nosa comisión asesora e colaborando activamente na organización dos Encontros para a Normalización Lingüística.
Se queres ver o vídeo conmemorativo, preme aquí.
Se queres ver o vídeo conmemorativo, preme aquí.
11/02/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración coa Coordinadora de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos institutos de Pontevedra, organiza unha nova edición do programa "Ben veñas, maio". A iniciativa, dirixida ao alumnado de ensino medio do concello, ten como obxectivos fomentar a creatividade en lingua galega e promover o seu uso nas actividades propias da mocidade. O programa inclúe diferentes certames (fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, teatro e música) e o prazo de presentación dos traballos remata o 15 de abril de 2016. Para obter máis información, preme aquí.
05/02/2016. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan unha nova edición dos premios a curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!”.
A convocatoria, dirixida a todos os centros educativos galegos de infantil e primaria, ten como obxectivos promover unha imaxe positiva da lingua galega e estimular o seu uso en novos ámbitos e formatos. Outorgaranse tres premios, segundo o ciclo educativo, e os centros premiados recibirán un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da TVG e mais un diploma acreditativo expedido pola SXPL. As curtas gañadoras serán emitidas na TVG. O prazo para enviar os traballos remata o 30 de abril de 2016.
A convocatoria, dirixida a todos os centros educativos galegos de infantil e primaria, ten como obxectivos promover unha imaxe positiva da lingua galega e estimular o seu uso en novos ámbitos e formatos. Outorgaranse tres premios, segundo o ciclo educativo, e os centros premiados recibirán un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da TVG e mais un diploma acreditativo expedido pola SXPL. As curtas gañadoras serán emitidas na TVG. O prazo para enviar os traballos remata o 30 de abril de 2016.
04/02/2016. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela presenta o Vocabulario de criminoloxía (galego-español-inglés), coordinado por Xusto Rodríguez Río, técnico do SNL, e os profesores Gumersindo Guinarte e Fernando Vázquez-Portomeñe, do Instituto de Criminoloxía da USC. A obra compila 1.880 conceptos básicos dos diversos ámbitos das ciencias criminolóxicas, xunto coas súas denominacións en galego, español e inglés. Este traballo súmase á colección de vocabularios e glosarios especializados que a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC vén elaborando desde o ano 1993.
04/02/2016. DINAMIZACIóN
Co gallo da conmemoración, este ano 2016, do centenario das Irmandades da Fala, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda presentan o Almanaque das Irmandades da Fala. Trátase dunha ferramenta en liña que compila biografías de persoas e efemérides relacionadas tanto cos protagonistas das Irmandades como cos seus sucesores. O Almanaque está concibido como unha ferramenta colaborativa, polo que os seus promotores convidan aos usuarios/as que o desexen a enviar as súas achegas a través do formulario web que aparece na marxe dereita da páxina.
03/02/2016. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa, por terceiro ano consecutivo, unha nova edición do Proxecto Dragal, que están a desenvolver os equipos de dinamización lingüística de seis centros de ensino galegos. O Proxecto Dragal é unha iniciativa multimedia e multidisciplinar que ten como obxectivo promover a lectura, a creación e a investigación en galego coas tecnoloxías da información e da comunicación, baseándose na triloxía homónima de Elena Gallego Abad. Ao longo do curso, o web do proxecto irase completando con xogos relacionados coa temática da triloxía, propostas de traballo e materiais producidos polo alumnado participante.
01/02/2016. DINAMIZACIóN
Os servizos de normalización lingüística de once concellos galegos presentan a quinta edición do Club de Debate, unha iniciativa que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Nesta quinta edición participarán máis de trescentos cincuenta escolares de entre 3º da ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos, pertencentes a vinte e dous centros de ensino. A fase final do certame terá lugar o 30 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde os oitos equipos que se clasifiquen nas diferentes fases de zona debaterán sobre o tema “En galego hai un mundo de cousas boas”. Podes ampliar esta información premendo aquí.
27/01/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros educativos públicos. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse a través do sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de febreiro de 2016. Para consultar a documentación relacionada con esta convocatoria, preme aquí.
22/01/2016. DINAMIZACIóN
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza o XVI Concurso de Relato Oral “Tíralle da Lingua”, dirixido á comunidade educativa co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias. Os participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia. O prazo de inscrición remata o vindeiro 7 de abril de 2016. A fase final do concurso celebrarase o 13 de abril no Teatro Principal de Santiago. Para consultar as bases do certame, preme aquí.
22/01/2016. LEXISLACIóN
O Consello de Europa publica o cuarto Informe de seguimento do cumprimento da Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias, avaliación periódica que elabora o Comité de Expertos para analizar o grao de cumprimento dos compromisos que o Goberno español asumiu ao ratificar este tratado internacional. En xeral, no que respecta ao galego, o informe do Comité de Expertos incide especialmente nos ámbitos do ensino e da xustiza, demandando con urxencia ás autoridades españolas que tomen as medidas precisas para garantir o ensino en galego en todos os niveis educativos, así como o desenvolvemento dos procedementos xudiciais en lingua galega, cando unha das partes o solicite. Así mesmo, recomenda incrementar a presenza do galego nos servizos de saúde e da Administración do Estado en Galicia.
Tendo en conta o exposto no mencionado informe, o Comité de Ministros do Consello de Europa acorda trasladarlle ás autoridades españolas seis recomendacións concretas.
Tendo en conta o exposto no mencionado informe, o Comité de Ministros do Consello de Europa acorda trasladarlle ás autoridades españolas seis recomendacións concretas.
21/01/2016. OUTRAS
A Federación de Gremios de Editores de España presenta o informe “Comercio interior do libro en España 2014”, que anualmente ofrece unha radiografía do sistema editorial privado, tanto no que respecta a cifras de edición como de facturación. O informe presenta os datos segundo diferentes parámetros, entre eles a lingua de edición. En 2014 os editores privados editaron en galego 1.881 títulos (1.332 publicados en Galicia), o que supón un incremento do 7,7% con respecto ao ano 2013, tras varios anos de descenso. No que respecta á facturación, as vendas de libros en galego xeraron 21,05 millóns de euros. O 90,8 % desta facturación repártese en tres materias: Texto non Universitario (58,6%); Literatura Infantil e Xuvenil (20,7%) e Literatura (11,5%).
21/01/2016. DINAMIZACIóN
A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) convida a centros escolares, institucións, asociacións e á cidadanía en xeral a celebrar, o vindeiro 24 de febreiro, o Día de Rosalía de Castro agasallando un libro en galego e unha flor. A maiores, para a comunidade educativa propón dúas accións concretas. Aos centros de educación secundaria e bacharelato proponlles a difusión a través das redes sociais do verso “Trocando en sonrisas / queixiñas e choros” baixo a etiqueta #mobilizarosalía. Nos centros de ensino infantil e primario propón a elaboración e envío dunha postal cunha estrofa de “Alborada” (da obra Cantares Gallegos) e un deseño alusivo ao Día de Rosalía. Para obter máis información sobre esta iniciativa, preme aquí.
20/01/2016. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal está a organizar a cuarta edición do proxecto 21 días co galego, que ten como obxectivos principais perfeccionar a competencia en galego do alumnado e promover a reflexión individual sobre os seus propios usos lingüísticos. A iniciativa, que xurdiu en 2013, desenvolverase este ano dentro do marco da aprendizaxe por proxectos, onde o traballo é realizado polo alumnado de primeiro de bacharelato. Podes manterte ao día do desenvolvemento da campaña a través do seu blog.
20/01/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2016 destinadas a empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego. O prazo de solicitude é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/01/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo presenta a programación trimestral de actividades de Apego, que se desenvolverán durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2016 co obxectivo de fomentar a socialización da infancia en galego.
O programa, que inclúe un total de 17 iniciativas (espectáculos musicais, teatro, contacontos, charlas informativas, obradoiros…) está dirixido tanto aos máis pequenos/as, como ás súas familias.
O programa, que inclúe un total de 17 iniciativas (espectáculos musicais, teatro, contacontos, charlas informativas, obradoiros…) está dirixido tanto aos máis pequenos/as, como ás súas familias.
15/01/2016. LEXISLACIóN
O Concello da Veiga, no territorio estremeiro do Eo-Navia, aprobou no último pleno ordinario do ano 2015 a “Ordenanza municipal pral uso da lengua galego-asturina nel conceyo da Veiga”. Nesta norma recoñécese que a lingua galego-asturiana é, xunto co castelán, a lingua propia do concello da Veiga, da Administración local e das corporacións públicas que dependen dela. Así mesmo, recoñece o dereito da cidadanía a usar o galego-asturiano nas súas relacións e actuacións administrativas co concello e a recibir, na medida do posible, as comunicacións, notificacións e resolucións administrativas en versión bilingüe (castelán e galego-asturiano). A efectos xurídicos, terase por plenamente válido o uso do galego-asturiano nas comunicacións orais e escritas da cidadanía co concello, e o rexistro municipal poderá rexistrar documentos nesta lingua. Para ampliar información sobre a realidade sociolingüística do occidente asturiano, podes consultar o “Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia”, elaborado no 2007 pola Asociación Abertal.
14/01/2016. EMPREGO
O Concello de Vimianzo publica as bases para a realización dun proceso selectivo destinado á creación dunha bolsa de emprego co obxectivo de seleccionar e contratar, a xornada completa, baixo a modalidade de interino/a, un/unha técnico/a de normalización lingüística que desenvolverá as súas funcións nos concellos de Zas e Vimianzo. O proceso de selección será o de concurso-oposición. Poden participar no proceso aquelas persoas que posúan a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), o grao en Lingua e Literatura Galegas, ou outras titulacións (grao/licenciatura) sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro luns, 18 de xaneiro de 2016.
14/01/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza unha nova edición de Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para fomentar o uso oral do galego e promover a creación artística na nosa lingua. O festival, que comezou o pasado sábado, 9 de xaneiro de 2016, da man de Federico Pérez, terá continuidade os vindeiros 23 e 30 de xaneiro coas intervencións de Paula Carballeira, Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei. As sesións, recomendadas para maiores de 16 anos, terán lugar ás 20:00 h no Multiusos da Xunqueira (Redondela). Para ampliar a nova, preme aquí.
12/01/2016. OUTRAS
Un acordo entre a editorial Ir Indo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a Consellería de Cultura e Educación pon ao dispor da cidadanía Digalego, o dicionario en liña que conta con máis de 65000 entradas en galego coa súa equivalencia en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán. Esta obra lexicográfica, considerada a máis completa en internet, tamén permite consultar conxugacións verbais e formas non admitidas na nosa lingua.
11/01/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña convoca un concurso musical para premiar solistas ou agrupacións de rapaces de menos de 12 anos. Esta iniciativa xorde coa intención de promocionar e difundir o uso da lingua galega, recoñecendo o valor que achega á normalización lingüística a música infantil actual. Ademais dos premios asignados aos tres primeiros clasificados, as 10 mellores propostas serán incluídas no CD “Quero cantar 16”. O prazo para a presentación de maquetas comeza o próximo 15 de xaneiro e remata o 15 de abril. Para ampliar esta información, preme aquí .
11/01/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 para o ano 2016. Neste ano, os exames terán lugar entre o 2 e o 10 de abril, en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
30/12/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2015/2016, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das convocatorias.
28/12/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2016 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
28/12/2015. DINAMIZACIóN
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Silleda, en colaboración cos centros educativos e mais o sector do comercio deste municipio, están a desenvolver o programa Silledagasalla, que se desenvolve por segundo ano consecutivo para fomentar o uso do galego no ámbito do comercio. No marco desta iniciativa, o alumnado do concello elaborou, a través dun certame escolar, unha listaxe de lemas en galego para acompañar os agasallos de Nadal, que agora trinta comercios do municipio están a repartir entre a súa clientela convertidos en adhesivos. Para obter máis información, preme aquí.

