O Consello da Cultura Galega presentou, no marco das actividades previstas para celebrar o Día das Letras Galegas, a reedición facsimilar dunha das obras máis destacadas de Manuel María, Advento. Esta edición conta cun limiar de Ramón Villares e un estudo crítico de Miguel Anxo Fernán Vello. En homenaxe a Manuel María, o CCG organizará tamén o vindeiro 17 de maio o seu tradicional Concerto das Letras, que nesta edición terá lugar no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e contará coa actuación do grupo Milladoiro. Para ampliar esta nova, preme aquí.
21/04/2016. DINAMIZACIóN
21/04/2016. INVESTIGACIóN
Onte, 20 de abril de 2016, tivo lugar a inauguración do II Simposio Norteamericano de Estudos Galegos, que reunirá na Universidade de Michigan-Ann Arbor ata o vindeiro 23 de abril a preto de 200 investigadores e profesores que traballan no campo dos Estudos Galegos desde diferentes aproximacións disciplinares ou multidisciplinares. Coa organización deste evento, a Universidade de Michigan dálle continuidade á primeira edición deste congreso, organizado polo Galician Studies Research Group da Universidade de Wisconsin-Milwaukee en maio de 2014; ambos os dous de importante transcendencia para a internacionalización dos estudos sobre a lingua e cultura galegas.
21/04/2016. DINAMIZACIóN
O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convoca o VII Certame de Cinema OUFF Escola, no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense que se celebrará en 2016. O obxectivo deste certame escolar é impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Pode participar no certame o alumnado matriculado durante o curso 2015-2016 en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. O prazo de inscrición remata o 1 de xullo de 2016.
19/04/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria (corrección de erros).
19/04/2016. INVESTIGACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a obra Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, autoría de Xosé-Henrique Costas González. O manual, editado pola Universidade de Vigo, establece unhas normas para a formación de xentilicios e ofrece a relación de xentilicios das provincias, concellos e comarcas do territorio lingüístico galego. A presentación terá lugar hoxe, 19 de abril, ás 13:00 h, no Salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo.
19/04/2016. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa infantil de actividades que se desenvolverán, no marco do programa Apego, durante os meses de abril, maio e xuño de 2016 en Compostela. O programa inclúe obradoiros, contacontos, teatro e música para os/as máis pequenos/as da casa. Podes consultar a programación trimestral premendo aquí.
18/04/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, cinco cursos de nivel medio de linguaxe administrativa galega dirixidos ao persoal ao servizo das distintas administracións da Comunidade Autónoma de Galicia. Os cursos (catro na modalidade de teleformación e un na modalidade presencial) desenvolveranse ao longo dos meses de maio, xuño e xullo de 2016. O prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria.
13/04/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra presenta o programa de actividades que se van desenvolver, no marco do proxecto Apego, esta primavera en Pontevedra. O programa, destinado a familias con nenos/as de entre 0 a 6 anos, inclúe obradoiros de contos e cantos de berce; encontros pedagóxicos para as familias e unha charla sobre as vantaxes de medrar en galego. As prazas son limitadas. As solicitudes de inscrición deben remitirse ao SNL do Concello de Pontevedra (snl@pontevedra.eu).
13/04/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC convoca a segunda edición do Premio de Radiodramas en galego, que premiará o mellor guión radiofónico dramático en lingua galega. O certame está dirixido ao alumnado da USC, ao alumnado das titulacións de Comunicación Audiovisual de calquera das universidades galegas e aos estudantes das titulacións das escolas oficiais de Imaxe e Son. O prazo para presentar os traballos remata o 12 de outubro de 2016. Podes consultar as bases completas do certame, así como coñecer os radiogramas gañadores da primeira edición, premendo aquí.
12/04/2016. DINAMIZACIóN
A Real Academia Galega presenta o sitio web Primavera das letras, que compila materiais didácticos sobre Manuel María dirixidos á comunidade educativa, ademais de información biográfica e bibliográfica sobre o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. A iniciativa bota a andar con materiais dirixidos principalmente ao alumnado de Infantil e Primaria, aínda que se irá completando con outros recursos útiles para o alumnado de Secundaria. Con este proxecto a RAG responde a unha demanda do sector educativo, que solicita recursos dixitais para traballar na aula os contidos relacionados cos autores/as homenaxeados/as nas Letras Galegas.
06/04/2016. INVESTIGACIóN
A Deputación da Coruña convoca dúas bolsas de investigación na área de planificación sociolingüística da lingua galega, destinadas a persoas con titulación universitaria, residentes na provincia da Coruña, que pretendan facer un traballo de investigación no período 2016-2017. A dotación económica destas bolsas é de 8.000 euros cada unha. O prazo de presentación de solicitudes remata o 8 de abril de 2016, ás 14:00 h. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
06/04/2016. DINAMIZACIóN
Xurdir, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, organiza a III Carreira Camiño das Letras, que vai ter lugar o domingo 15 de maio de 2016 en Santiago de Compostela. O obxectivo da iniciativa é festexar as Letras Galegas e difundir o Camiño de Santiago a través da práctica deportiva. A carreira contará cunha proba absoluta desde A Lavacolla ata o Estadio de San Lázaro e cun circuíto para as categorías de menores, polos arredores do Estadio. O prazo de inscrición remata o 11 de maio, ás 23.59 horas.
06/04/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña presenta o Brinca Vai 2.0, un espectáculo musical e audiovisual con Paco Nogueiras e o Sr. Sagüillo, que terá lugar o sábado 23 de abril no Auditorio do Fórum Metropolitano (A Coruña). A actividade, dirixida ao público infantil e xuvenil, está baseada no libro homónimo de Paco Nogueiras, editado por Kalandraka. As entradas teñen un custo de 5 euros (3 entradas, 12 euros con abono familiar) e podes adquirilas en Ticketea. Para ampliar información, preme aquí.
04/04/2016. CURSOS E CONGRESOS
Os departamentos de “Filoloxía Galega” e “Didáctica da Lingua e a Literatura e das Ciencias Sociais”, da Universidade de Santiago de Compostela, organizan as III Xornadas de Lingua e Literatura Galegas no ensino, que terán lugar os días 29 e 30 de abril de 2016 na Facultade de Filoloxía da USC. As xornadas, que están dirixidas principalmente a profesorado de Ensino Secundario da especialidade Lingua galega e Literatura, centraranse nesta edición na didáctica da sociolingüística e mais na análise das actitudes lingüísticas da mocidade, con especial atención no tema da relación entre a variedade estándar e as variedades faladas vernáculas. O prazo de matrícula remata o 22 de abril.
01/04/2016. CURSOS E CONGRESOS
O Centro Interdisciplinar de Documentación Lingüística e Social está a organizar o I Simposio Internacional Linguas e variedades lingüísticas amezadas na Península Ibérica: documentación e revitalización, que vai ter lugar os días 1 e 2 de xullo de 2016 en Alcanena (Portugal). Os eixos temáticos sobre os que xirarán as intervencións son a documentación e a revitalización lingüísticas. A maiores, tentarase establecer as bases para un traballo interdisciplinar entre as artes performativas e a lingüística. O comité organizador convida a investidores/as que traballen no ámbito da diversidade lingüística na Península Ibérica a enviar a súa proposta de comunicación antes do vindeiro 10 de abril. O prazo de inscrición remata o 31 de maio de 2016.
01/04/2016. CURSOS E CONGRESOS
O Instituto da Lingua Galega e o Grupo de investigación Filoloxía e Lingüística Galega (USC) organizan o curso Estatística con R para lingüistas, dirixido a investigadores/as e a alumnado do ámbito dos estudos lingüísticos que estean a realizar traballos de fin de grao, traballos de fin de máster ou a tese e teñan interese en realizar análises estatísticas dos seus datos. O curso desenvolverase en tres sesións, entre o 18 de abril e o 6 de maio de 2016. O prazo de inscrición remata o 8 de abril.
01/04/2016. CURSOS E CONGRESOS
O Sindicato de Traballadoras e Traballadores do Ensino de Galicia (STEG) organiza as Primeiras xornadas de innovación educativa: palavrar a lingua, que terán lugar o sábado 16 de abril de 2016 no Museo do Pobo Galego (Santiago de Compostela). Os obxectivos da actividade son, entre outros, dar a coñecer experiencias innovadoras no ámbito da normalización lingüística, afondar no papel da escola como suxeito transformador e analizar as posibilidades lingüísticas e pedagóxicas da lusofonía para o traballo docente. A xornada está dirixida ao profesorado dos diferentes niveis educativos (Infantil, Primaria e Secundaria). As prazas cubriranse por orde de solicitude, tendo preferencia as persoas afiliadas ao STEG.
30/03/2016. INVESTIGACIóN
A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta o manual Na universidade. En galego con seguridade, no que se revisan contidos morfosintácticos e léxico-semánticos da comunicación administrativa. A obra estrutúrase en tres apartados principais: marco lexislativo da lingua galega no ensino superior, interferencias e cuestións lingüísticas fixadas erroneamente na lingua, e proposta de xentilicios en galego. Este novo traballo completa e amplía En galego sen dúbida, elaborado hai dous anos tamén pola Área de Normalización Lingüística e centrado en cuestións ortotipográficas. Ambas as dúas publicacións teñen como obxectivo axudar á comunidade universitaria a desenvolver a súa actividade profesional e académica en galego con fluidez e corrección, tanto na lingua oral como escrita.
30/03/2016. DINAMIZACIóN
A fundación Donostia / San Sebastián 2016 e a asociación Soziolinguistika Klusterra presentan o proxecto HITZARGIAK. Linguas que se iluminan mutuamente. Trátase dun sitio web deseñado para consolidar a rede de contactos das comunidades lingüísticas de Europa e difundir boas prácticas para revitalizar idiomas minorizados. Ata o momento, o comité científico do proxecto Hitzargiak escolleu oito prácticas galegas que consideran que poden ser inspiradoras para outras comunidades lingüísticas. As iniciativas galegas seleccionadas son: Agasallo, Apego, Cantalingua, Club de debate, Como cho digo;-), Gústame o galego, Modelo Burela e Tíralle da lingua.
30/03/2016. DINAMIZACIóN
A Coordinadora Galega de ENDL pon á disposición da comunidade educativa o Especial Letras Galegas 2016, dedicado a Manuel María. O monográfico compila recursos didácticos de diversa tipoloxía pensados tanto para traballar en liña como na aula. Tamén se ofrece información bibliográfica, ligazóns a outros sitios web e unha videoteca con recursos audiovisuais sobre este autor. Trátase dun espazo colaborativo en continua actualización, polo que os centros poden enviar os seus recursos e propostas ao enderezo correo@coordinadoraendl.org.
22/03/2016. DINAMIZACIóN
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega e o Museo do Pobo Galego, coa colaboración de concellos e doutras entidades públicas e privadas, presentan unha programación conxunta para a celebración ao longo do 2016 do Ano das Irmandades da Fala. O programa inclúe exposicións, simposios, publicacións e difusión de recursos dixitais, entre outras actividades. Neste mes de marzo están a presentarse as primeiras iniciativas na rede. A Real Academia Galega inaugurou onte, 21 de marzo, unha sección web con materiais dixitalizados relacionados coas Irmandades procedentes dos fondos da Academia. Pola súa parte, o Consello da Cultura Galega presenta hoxe o Álbum das Irmandades da Fala, un espazo web que recollerá as biografías dos seus protagonistas.
22/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan Agrupado de Formación Continua. Entre os cursos ofertados está o de “Lingua galega en documentos administrativos”. O prazo de presentación de solicitudes remata o 1 de abril de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
18/03/2016. OUTRAS
O pasado 23 de novembro de 2015 constituíuse formalmente a Asociación Italiana de Estudos Galegos (AISGAL), que segundo se recolle nos seus estatutos, ten como principais obxectivos a difusión da lingua e da literatura galega, a través da formación, a investigación científica e a instrución. O seu presidente é Attilio Castellucci, profesor da Università degli Studi di Roma La Sapienza (onde tamén existe un Centro de Estudos Galegos desde 1999), mais a intención é traspasar o ámbito académico. De feito, a intención de AISGAL é consolidarse como punto de referencia para os estudos e as iniciativas relacionadas coa lingua galega en toda Italia e converterse en interlocutor preferente coas institucións galegas para a promoción e difusión da nosa cultura.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
Xa está accesible en liña o programa dos XVIII Encontros para a Normalización Lingüística, que terán lugar os días 14 e 15 de abril de 2016 no Consello da Cultura Galega. A comisión organizadora decidiu afondar na liña temática da edición do ano pasado, polo que o eixo principal destes décimo oitavos encontros serán os comportamentos lingüísticos da mocidade, analizados desde unha perspectiva multidisciplinar. Tamén serán obxecto de reflexión os recursos dixitais xerados para a promoción do galego. Con antelación ás sesións presenciais, haberá ocasión de debater en liña a través dos dous grupos de Facebook que se crearán ao fío destes dous temas propostos. A inscrición realizarase exclusivamente a través do formulario habilitado para este efecto e as prazas cubriranse por estrita orde de solicitude.
16/03/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca o VII Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura 2016, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do noso patrimonio lingüístico. O prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de xuño de 2016.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galega no ensino. Este ano o eixo temático será Manuel María, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 9 de abril de 2016 na Casa Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O prazo de matrícula remata o 4 de abril.
16/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) está a organizar a duodécima edición da súa Xornada Científica, que nesta ocasión terá como tema principal “Terminoloxía e normalización”. As sesións terán lugar os días 9 e 10 de xuño de 2016 en Santiago de Compostela. Realiter está a facer unha chamada de traballos para que todas as persoas que desexen participar nesta xornada poidan presentar a súa proposta de relatorio. As propostas (arredor de 400 palabras), redactadas nalgunha das linguas oficiais da rede, deberán enviarse á Secretaría de Realiter (realiter@unicatt.it) en formato pdf ou doc ata o 15 de marzo de 2016 (prorrogado ata o 31 dese mesmo mes). Para ampliar esta información, preme aquí.
11/03/2016. OUTRAS
A Consellería de Economía, Emprego e Industria convoca probas de avaliación en competencias clave, entre as que se atopa a comunicación en lingua galega, para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3 de cualificación. As persoas interesadas en participar nestas probas teñen de prazo para presentar as solicitudes ata o 2 de abril de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
10/03/2016. AXUDAS E PREMIOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a duodécima edición deste premio deseñado para promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e incentivar o seu uso na prensa escrita. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 14 de abril de 2016. Podes consultar as bases completas do certame premendo aquí.
09/03/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas da USC e a Fundación Barrié organizan unha nova edición do concurso Explícoche matemáticas 2.0, co obxectivo de promover o uso do galego como medio de transmisión do coñecemento matemático. O certame está dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia. Cada participante (ou grupo) debe presentar un vídeo de 2 minutos de duración sobre un tema relacionado coas Matemáticas. O prazo para enviar os proxectos remata o 22 de abril de 2016.

