O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela está a desenvolver un programa de actividades de dinamización lingüística de carácter lúdico e didáctico que terán lugar ao longo destas semanas festivas de Nadal. O programa, que se inaugurou o pasado 22 de decembro co espectáculo teatral “A miña primeira viaxe”, da compañía Xarope Tulú, terá continuidade o vindeiro domingo, 3 de xaneiro de 2016, co espectáculo de música infantil “Brinca Vai”, de Paco Nogueiras, que se celebrará no Auditorio da Xunqueira ás 18:00 h. No ámbito didáctico, desenvolverase o “Obradoiro de recursos en galego para escolas infantís”, que terá lugar os días 14 e 21 de xaneiro de 2016 na Casa da Cultura de Redondela. Para obter máis información, preme aquí.
28/12/2015. DINAMIZACIóN
21/12/2015. INVESTIGACIóN
A Oficina Quebequesa da Lingua Francesa e a Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) presentan o Vocabulario panlatino de sistemas de transporte intelixentes, unha obra que compila 267 termos relacionados co ámbito dos transportes, coas súas equivalencias en sete linguas (castelán, catalán, galego, francés, inglés, italiano e portugués). No web do Servizo de Normalización Lingüística da USC podes consultar a listaxe de vocabularios, dicionarios e glosarios terminolóxicos galegos.
18/12/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixeron público os galardoados da décimo sexta edición do Premio Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron a cooperativa gráfica Sacaúntos, na categoría de empresas cun uso continuado do galego; a libraría de mulleres Lila de Lilith, na categoría de nova incorporación ao galego; e a empresa tecnolóxica Imaxin Software, que recibe unha mención especial polo seu traballo pioneiro na implementación de ferramentas e software relacionado coa lingua galega. Para ampliar esta información, preme aquí.
17/12/2015. DINAMIZACIóN
A rede de empresas Abertos ao Galego, iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, difunde unha nova edición do seu catálogo de Nadal, que compila unha selección de servizos e produtos que se ofertan en galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
17/12/2015. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a cuarta edición do programa “Nadal en Rede”, que percorrerá trinta concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística entre o 24 de decembro de 2015 e o 4 de xaneiro de 2016, co obxectivo de crear espazos de uso para o galego nestas datas festivas. O programa inclúe tres actividades lúdicas: “A Gramola gominola” (espectáculo de rock infantil en galego), “Cantos contos no Nadal” (espectáculo de contacontos con música) e “ISIstorias de Nadal” (actividade de tradición oral). Así mesmo, a cidadanía ten ao seu dispor en Internet unha selección de recursos dixitais, como postais ou modelos de carta aos Reis Magos.
16/12/2015. OUTRAS
A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a Memoria da Liña do Galego 2015, onde se dá conta dos 157 expedientes de queixa tramitados a través das chamadas e correos recibidos na Liña do Galego. A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido por esta asociación a toda a poboación, que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas. No que respecta á tipoloxía de entidades, o maior número de queixas (un 51%) están dirixidas á administración pública, tanto estatal como autonómica e local. Segundo o motivo, un 33% das queixas refírese á atención oral e escrita; un 17% á sinalización e rotulación incorrecta; e un 14% á toponimia deturpada. Podes ampliar información premendo aquí.
15/12/2015. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, coa colaboración da Televisión de Galicia, a xira de Nadal dos Bolechas, unha iniciativa de dinamización lingüística dirixida ao público infantil e familiar. O espectáculo, que percorrerá a partir do 26 de decembro diferentes localidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística, inclúe obradoiros de debuxo, cine, música, ludoteca e sala de ordenadores. Para ampliar información, preme aquí.
15/12/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Salnés organiza a vixésimo segunda edición do Certame Gráfico pola Normalización Lingüística, dirixido ao alumnado que cursa estudos durante o curso 2015-2016 nos centros de ensino secundario da comarca do Salnés, incluíndo tamén o IES de Barro. Os traballos poderán ser presentados en calquera forma e tamaño sobre papel ou cartolina e deben incluír un texto orixinal e inédito sobre o seguinte tema: “O galego regresa ao futuro. Outros 100 anos pola lingua”. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de xaneiro de 2016. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
14/12/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora Galega de ENDL presenta unha nova edición do seu espazo web dirixido á comunidade educativa que compila materiais e recursos didácticos relacionados co Nadal. Trátase dunha escolma de recursos elaborados por docentes, equipos de normalización lingüística, centros escolares, artistas e bandas musicais, editoriais, institucións e asociacións, onde podes atopar información de interese relacionada con estas datas festivas, como modelos de cartas e postais, música, propostas de actividades ou unidades didácticas.
14/12/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega “Terras do Umia” organiza o IV Concurso de cancións en galego “Son do Umia”. Cada grupo ou solista pode presentar unha canción (tema propio ou versión), que deberá estar en galego. O certame está dirixido a todos os centros educativos dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas que integran a Coordinadora Comarcal “Terras do Umia”. O prazo de presentación de traballos remata o 15 de abril de 2016. Para ampliar información, preme aquí.
07/12/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No Nadal… un conto”, que se desenvolverá entre o 18 de decembro de 2015 e o 5 de xaneiro de 2016 en diferentes lugares do concello. A iniciativa, que ten como obxectivo crear espazos de lecer en galego para o público familiar e infantil, inclúe contadas, monicreques, cancións, xogos e espectáculos variados. Para consultar o programa completo de actividades, preme aquí.
04/12/2015. OUTRAS
O Portal das Palabras (proxecto da Real Academia Galega e da Fundación Barrié) organiza a iniciativa Palabra do Ano, co obxectivo de que a sociedade tome conciencia de que o idioma nos representa como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente o ano que remata. Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas durante as dúas primeiras semanas de decembro. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase unha votación para seleccionar a palabra favorita, que se converterá na Palabra do ano 2015.
04/12/2015. DINAMIZACIóN
Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Santiago e Teo presentan o Concurso de Cartas de Nadal, que este ano como novidade organizan conxuntamente os tres concellos co lema "Este Nadal...cultívao a diario", en alusión ao idioma galego. Os/as nenos/as poden escribir a súa carta en galego aos Reis Magos, ao Apalpador ou a Papá Noel e depositala nos colexios (ata o 17 de decembro) ou nos locais municipais (ata o 4 de xaneiro). As cartas en galego que leven os datos completos recibirán unha resposta nas súas casas. Ademais, os autores das cartas máis interesantes e creativas, recibirán un premio. Para ampliar información, preme aquí.
04/12/2015. INVESTIGACIóN
O vindeiro 10 de decembro de 2015, ás 19 h, terá lugar na Facultade de Filoloxía da USC a presentación das publicacións “O galego (im)possivel. Ainda mais”, de Valentim R. Fagim; e “A normalização linguística, uma ilusão necessária”, de Mário Herrero. As obras están editadas por Através Editora, marca editorial da Associaçom Galega da Língua (AGAL). No acto intervirán Teresa Moure e os dous autores, Mário Herrero e Valentim Fagim.
04/12/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas presenta o concurso de Nadal PanxoliñaZAS, co obxectivo de promover o uso do galego nos espazos lúdicos e festivos propios do Nadal. A iniciativa está dirixida a toda a veciñanza de Zas e consiste nun concurso de vídeos de panxoliñas, vilancicos tradicionais e cantos de Aninovo e Reis. O prazo para presentar os vídeos remata o 23 de decembro de 2015. O xurado outorgará diferentes premios (á mellor presentación, ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición da zona e ao mellor vídeo infantil). Tamén se entregará un premio ao vídeo máis popular en Facebook.
03/12/2015. OUTRAS
Mañá venres inaugúrase no Pazo da Cultura de Pontevedra unha nova edición do Culturgal, a feira das industrias culturais galegas. O Culturgal 2015, que se desenvolverá os días 4, 5 e 6 de decembro, conta cun amplo programa de actividades e espazos de exposición nos que estarán representadas entidades dos diferentes ámbitos do sector cultural galego (música, literatura, lingua, creación audiovisual, artes escénicas, deseño, novas tecnoloxías, etc.). Entre as actividades programadas, destacamos a xornada para o profesorado, que xirará arredor da promoción da lectura e da difusión de experiencias e recursos didácticos en galego.
01/12/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Asociación de Comerciantes e Empresarios do Calvario (ACECA) organizan a iniciativa “Un trasno no barrio”, unha xincana lingüística que se desenvolverá entre o 1 e o 18 de decembro de 2015 polos comercios do barrio vigués do Calvario. O xogo, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, consistirá en resolver os enigmas seguindo as pistas que se atopan nos establecementos participantes, ata completar todas as respostas. As papeletas coas respostas deben entregarse na ACECA. Entre as papeletas ben cubertas sortearase unha tableta. Para ampliar información, preme aquí.
26/11/2015. INVESTIGACIóN
A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o "Informe sobre a lingua galega na Educación infantil de 3 a 6 anos no curso 2015/16", un estudo que esta entidade elabora periodicamente para analizar os usos lingüísticos nos centros de educación infantil das sete cidades galegas. En xeral, segundo os datos recollidos no estudo, dos 269 centros consultados (públicos e privados), o 39,41% declara empregar o castelán en exclusiva e o 36,43% declara empregalo de xeito maioritario, o que sumaría un 75,84% de centros onde o galego ou ben non ten presenza ou a ten de xeito minoritario. Do resto, un 18,96% dos centros afirma empregar os dous idiomas oficiais (castelán e galego) equitativamente e só un 5,20% declara que usa maioritariamente o galego.
24/11/2015. INVESTIGACIóN
O grupo de investigación Bitraga, adscrito á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, presenta a monografía Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Hacia un cambio de paradigma en la traducción literaria gallega, editada en 2015 pola editorial Peter Lang. Trátase dunha obra colectiva que compila dez traballos nos que se analizan, entre outros aspectos, o fenómeno da tradución no ámbito literario, as iniciativas institucionais de apoio á tradución, a literatura importada a Galicia desde os anos 80 do século XX e a importancia cuantitativa e cualitativa que tiveron estes intercambios literarios na fase de consolidación da literatura galega contemporánea.
20/11/2015. INVESTIGACIóN
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) presenta o estudo “Servizos de atención ao consumidor dos grupos de distribución”, no que avalía a calidade da atención ao consumidor a través dos servizos telemáticos dos nove grupos de distribución que están asentados en Galicia. O informe dedica un capítulo a aspectos lingüísticos, no que avalía en que grao se respecta o dereito dos consumidores/as a comunicarse en galego cos operadores/as (amparado pola Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias). A UCGAL conclúe que este dereito concúlcase sistematicamente. En xeral, dos nove grupos de distribución, só dous (Froiz e Gadis) obterían neste punto unha nota superior ao aprobado. Podes ampliar información premendo aquí.
19/11/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Asociación Duos Pontes organiza un Obradoiro de regueifas, dirixido a persoas maiores de 12 anos, no que se ensinará a regueifar con exercicios de improvisación e enxeño. A actividade terá lugar o sábado 28 de novembro de 2015, de 16.30 h a 20.30 h, no Pazo da Cultura de Pontevedra. As prazas son limitadas. As persoas interesadas deben enviar a súa solicitude ao enderezo electrónico snl@pontevedra.eu.
19/11/2015. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Santiago e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela convocan o XVI Premio Manuel Beiras, que ten como finalidade recoñecer publicamente o compromiso coa normalización lingüística no sector empresarial. O galardón contempla dúas categorías, unha para as empresas que veñen realizando un uso continuado da lingua galega e outra para as que se incorporaron recentemente ao uso do galego. A maiores, o xurado tamén pode outorgar unha distinción especial a persoas ou entidades que destaquen polo labor a prol da normalización do galego na empresa. O prazo para presentar as candidaturas remata o 9 de decembro de 2015. Para ampliar información, preme aquí.
19/11/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ribeira, en colaboración coa área de Servizos Sociais e os centros educativos do municipio, organizan un programa de dinamización lingüística que se desenvolverá ao longo destes meses de outono. O programa inclúe actividades para o público adulto, como o “Curso de lingua galega para persoas de fóra de Galicia” ou o obradoiro de memoria e literatura oral “As nosas historias 2015. Obradoiro de lingua galega”. Para a comunidade escolar está programada unha visita á biblioteca municipal e mais a proxección da película “Maimiño”.
18/11/2015. DINAMIZACIóN
Xa está en marcha unha nova edición do Club de Debate, un proxecto colaborativo promovido polos servizos de normalización lingüística de diferentes concellos galegos que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Poden participar equipos mixtos de entre 4 e 10 mozos/as de 3º e 4º de ESO, 1º de Bacharelato e ciclos formativos. O equipo que gañe a fase final recibirá de premio unha viaxe multiaventura en grupo. O prazo de inscrición remata o 30 de novembro de 2015. Podes manterte ao día do desenvolvemento desta iniciativa, a través da súa páxina de Facebook.
18/11/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica a convocatoria de subvencións a concellos e outras entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo de servizos de normalización lingüística durante o ano 2016. Poderán participar na convocatoria todos os concellos da provincia da Coruña de 7.000 ou máis habitantes ou agrupacións de concellos limítrofes que, entre eles, cheguen a esa cifra mínima de habitantes. O prazo de presentación de solicitudes remata ás 14:00 h do 18 de decembro de 2015.
18/11/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a novena edición da Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza. A xornada terá lugar o vindeiro 30 de novembro de 2015, ás 19:00 h, no salón de actos do Colexio de Avogados compostelán. A matrícula é de balde. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
18/11/2015. OUTRAS
A Asemblea da Facultade de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela organiza a charla “O galego nos medios de comunicación”, que terá lugar o xoves 19 de novembro de 2015, ás 18:30 h, na Facultade de Xornalismo da USC (Aula 1). O acto contará coa participación de xornalistas de Praza Pública, Sermos Galiza e Diario Liberdade.
13/11/2015. DINAMIZACIóN
As entidades organizadoras do Correlingua (Asociación Socio-Pedagóxica Galega; CIG-Ensino; A Mesa pola Normalización Lingüística e os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense) presentaron a décimo sexta edición desta iniciativa lúdico-didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique publicamente o uso do galego. A carreira, que nesta edición leva por lema “O galego está en nós” (en homenaxe ao poeta Manuel María) percorrerá doce localidades galegas entre os días 2 e 16 de maio de 2016.
11/11/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza o evento LGx15, un proxecto no que oito conferenciantes exporán en quince minutos as súas ideas e reflexións sobre o futuro do idioma. O acto, que estará conducido por María Lado e Lucía Aldao, contará tamén coas actuacións musicais da cantante Alba María e do rapeiro Xenderal. O evento terá lugar o vindeiro 25 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, ás 18.30 horas. A entrada custa 6 euros en venda anticipada e 10 euros o mesmo día en billeteira.
11/11/2015. DINAMIZACIóN
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza por segundo ano consecutivo o programa Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas, que inclúe diferentes actividades (obradoiros científicos, exposicións, charlas divulgativas, etc.) desenvolvidas polas bibliotecas públicas nodais (dependentes da administración autonómica) e mais pola rede de Bibliotecas Escolares de Galicia. No marco deste programa, a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería pon ao dispor da comunidade educativa un repositorio dixital de materiais didácticos para traballar contidos científicos en galego. Para ampliar información, preme aquí.

