A Real Academia Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e a Deputación Provincial da Coruña, organiza a vixésimo novena edición destes cursos estivais, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 1 e 22 de xullo de 2016. Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e superior) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de se familiarizar coa lingua, a literatura e a realidade sociocultural galegas. O prazo de inscrición remata o 1 de abril de 2016. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e matrícula, preme aquí.
08/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
07/03/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación da Coruña publica, no BOP do 7 de marzo de 2016, a resolución da convocatoria de subvencións a concellos e entidades locais da provincia da Coruña para a creación, mantemento e reforzo dos servizos de normalización lingüística durante o ano 2016. A partir desta publicación, os solicitantes teñen un prazo de 10 días hábiles para aceptar ou renunciar a estas axudas. Para consultar o texto completo da resolución, preme aquí.
03/03/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Enfermaría da USC, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC, convoca o I Concurso de subtitulación de vídeos TED de Ciencias da Saúde ao galego. Os obxectivos son estimular o uso do galego na área de ciencias da saúde e fomentar a existencia de recursos divulgativos en galego en novos soportes. O concurso inclúe dúas convocatorias, unha dirixida a membros da comunidade universitaria da USC (modalidade A) e outra destinada ao público xeral (modalidade B). Os membros da USC que participen terán a posibilidade de asistir a un obradoiro de formación. O premio está dotado de 250 euros (para a modalidade A) e 150 euros (para a modalidade B), ademais dun diploma honorífico. O prazo para facer a tradución e subtitulación dos vídeos remata o 17 de abril de 2016.
03/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública organiza dous cursos de linguaxe xurídica galega (nivel superior), un deles destinado ao persoal da Administración de xustiza que presta servizos fóra de Galicia e outro dirixido ao persoal da Administración de xustiza, ou colectivos afíns, que presta os seus servizos en Galicia. En ambos os dous casos, o prazo de presentación de solicitudes é de dez días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación das respectivas convocatorias (curso para persoal que traballa fóra de Galicia e curso para persoal que traballa en Galicia).
03/03/2016. DINAMIZACIóN
A Fundación Antonio Fraguas convoca a décima edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, dirixo á comunidade educativa, que ten como obxectivo o desenvolvemento dun programa de investigación no ámbito do patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico do contorno máis próximo dos centros educativos de Galicia. Establécense dúas modalidades, ensino primario e secundario, e outorgaranse dous premios de 7000 euros para cada proxecto gañador. O prazo para enviar as candidaturas remata o 31 de maio de 2016.
02/03/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Humanidades da USC, co apoio do seu Servizo de Normalización Lingüística, convoca o I Concurso de microrrelatos a través de Facebook. Os obxectivos do certame son fomentar os dotes literarios do alumnado da USC e promover o uso do galego como vehículo para a creatividade, co apoio das novas tecnoloxías. Pode participar no certame todo o alumnado da USC que sexa seareiro do Facebook da Facultade de Humanidades mediante a opción “Gústame”. Os textos deben ser orixinais, estar escritos en galego, ter unha extensión máxima de 100 palabras e xirar arredor do feito de contar. O prazo para presentar os traballos remata o 1 de abril de 2016.
01/03/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca actividades formativas para o persoal que presta servizos nas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia e institucións públicas autonómicas. Entre a formación programada, convócanse os seguintes cursos con contidos lingüísticos: “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública” e “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para mellorala”. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
26/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, que celebrara a súa terceira edición os días 5, 6 e 7 de maio en Carballo, convoca o Premio a proxecto de webserie en galego. O premio, dotado de 1.500 euros, debe destinarse á produción de, como mínimo, tres capítulos do proxecto da webserie premiada, que debe estar rodada en versión orixinal en galego. O prazo para enviar os proxectos remata o 11 de abril de 2016. Para consultar as bases do premio, preme aquí.
26/02/2016. DINAMIZACIóN
A Comisión Cultural Martín Sarmiento convoca as VIII Xornadas Martín Sarmiento, que terán lugar o vindeiro 9 de marzo de 2016 en Vilafranca do Bierzo co lema “A diversidade lingüística, garantía da riqueza patrimonial”. Os obxectivos das xornadas son poñer en común diversas experiencias escolares, debater sobre a situación da lingua galega no Bierzo e redactar un catálogo de propostas para promover o seu uso. Para coñecer o programa concreto destas xornadas, preme aquí.
26/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica a convocatoria de axudas para o libro galego, tanto no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego como á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
24/02/2016. DINAMIZACIóN
Institucións, entidades culturais e centros de ensino do país conmemoran hoxe o Día de Rosalía de Castro, escritora determinante na reivindicación e prestixio do galego no século XIX, cuxa obra e mensaxe continúa vixente entre as novas xeracións e soportes de comunicación. A Asociación de Escritores en Lingua Galega, entidade promotora desta conmemoración, organizou o seu acto central de homenaxe o pasado domingo, 21 de febreiro, no Panteón de Galegos Ilustres, onde tivo lugar unha lectura pública da obra de Rosalía de Castro. Pola súa parte, a comunidade educativa está a participar hoxe difundindo de xeito masivo e simultáneo nas redes sociais un verso de Rosalía coa etiqueta #mobilizarosalía. A cidadanía no seu conxunto está tamén convocada a festexar esta data participando nos diversos actos que se están a desenvolver estes días ao longo do país.
22/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra publica as bases de subvencións para a promoción do uso do galego nos concellos e outras entidades locais da provincia de Pontevedra. O obxecto da convocatoria é a creación ou mantemento de servizos de normalización lingüística (SNL), así como o desenvolvemento de programas de dinamización do galego. Poden optar a estas axudas os concellos, as agrupacións de concellos ou as entidades locais menores da provincia, ata un máximo de 50.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes remata o 15 de abril de 2016. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
22/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Deputación de Pontevedra convoca axudas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro co obxectivo de promover o desenvolvemento de actividades culturais enmarcadas dentro do “Ano Castelao”, así como a realización de iniciativas que fomenten o uso do galego no conxunto da sociedade. O prazo de presentación de solicitudes remata o 23 de marzo de 2016. Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
22/02/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca a décimo terceira edición do Certame Literario Concello de Ames, que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega. O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, dependendo da idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.
O prazo de presentación de orixinais remata o 4 abril de 2016.
O prazo de presentación de orixinais remata o 4 abril de 2016.
19/02/2016. DINAMIZACIóN
Irina Bokova, directora xeral da UNESCO, fixo pública a súa mensaxe institucional con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, que se celebra o 21 de febreiro de cada ano, desde que así o aprobou a UNESCO en 1999. Este ano o lema da celebración é “Educación de calidade, lingua(s) de instrución e resultados da aprendizaxe”, salientado a importancia das linguas maternas para a educación de calidade e a preservación da diversidade lingüística á hora de avanzar na aplicación da nova Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.
19/02/2016. DINAMIZACIóN
Bota a andar a quinta edición de FalaRedes, programa que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística co obxectivo de ampliar a oferta de lecer en galego nos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística. Nesta edición, o programa inaugúrase coa actividade “Todo me fala de ti”, unha homenaxe musical a Manuel María (autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas), dirixida ao público infantil maior de 5 anos e ás súas familias. O programa FalaRedes 2016 irase completando con outras actividades ao longo do ano, das que se dará conta no Portal da Lingua Galega.
19/02/2016. EMPREGO
A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas de colaboración coa Área de Normalización Lingüística desta universidade. Os/as aspirantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega, Grao en Estudos de Galego e Español (itinerario lingua galega e española/lingua e literatura galega) ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2015/2016 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación. O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 29 de febreiro de 2016, ás 14:00 h.
17/02/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza, no marco do programa Apego, unha nova actividade para dinamizar o uso do galego na primeira infancia. Nesta ocasión trátase dun obradoiro de recursos en galego para as familias, no que se facilitará información sobre materiais e estratexias para cantar, contar e xogar en galego con nenas e nenos de 0 a 6 anos. As sesións terán lugar os días 21 de febreiro de 2016 (ás 12:00 h, na Casa da Cultura de Redondela) e 20 de marzo de 2016 (ás 12:00 h, no Multiúsos do Piñeiral do Crego, en Chapela). A actividade é de balde mais cómpre inscrición previa no correo “normalizacion@redondela.es”. Para ampliar a nova, preme aquí.
16/02/2016. AXUDAS E PREMIOS
O Concello de Pontevedra e a Rede de Entidades Amigas da Lingua (REAL) fixeron pública a resolución do Premio Xoán Manuel Pintos 2016, deseñado para recoñecer o labor daquelas persoas ou entidades que axudan a impulsar a presenza da lingua na sociedade e ao mesmo tempo manter viva a figura do xurista e escritor Xoán Manuel Pintos. Nesta edición, o xurado decidiu outorgar o premio ao humorista gráfico Luís Davila e mais á compañía Migallas Teatro. O acto público de entrega dos galardóns terá lugar o 26 de febreiro, ás 21:00 h, no Pazo de Mugartegui (Pontevedra). Para ampliar esta nova, preme aquí.
15/02/2016. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organizan unha nova edición de Lingua de namorar, un concurso en liña de mensaxes de amor en lingua galega dirixido a mozos e mozas de 14 a 35 anos. A iniciativa está deseñada para dinamizar o uso do galego nas relacións persoais e nas novas tecnoloxías, nomeadamente en Internet e na mensaxería instantánea. Outorgaranse tres premios tecnolóxicos por cada unha das categorías de idade establecidas. O prazo para enviar as mensaxes remata o 28 de febreiro de 2016.
15/02/2016. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública convoca cursos de formación continua para o persoal da Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre a formación programada, ofértanse os seguintes cursos de contido lingüístico: “Linguaxe administrativa non sexista e imaxe igualitaria na práctica da xestión pública”; “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”; e “Actualización gramatical e ortográfica da lingua galega”. O prazo de presentación de solicitudes será de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
15/02/2016. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago analiza no último número d´O Cartafol os datos sobre usos lingüísticos na actividade docente no curso 2015-2016, obtidos da análise dos plans de ordenación docente (POD) anuais dos departamentos. En termos xerais, impártense en castelán o 75,31% das horas docentes, en galego o 21%, en inglés o 1,90%, en portugués o 0,36% e noutras linguas (francés, italiano, alemán) o 1,44%. Tamén se ofrece información detallada sobre usos lingüísticos segundo o tipo de titulación (grao, mestrado, licenciatura), ou o departamento e a categoría do persoal docente e investigador. Así mesmo, podes consultar a evolución dos usos lingüísticos nos últimos anos.
11/02/2016. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) cumpre neste mes de febreiro de 2016 vinte anos de traballo a prol da normalización do idioma galego. A primeira asemblea da CTNL tivo lugar o 10 de febreiro de 1996 e, desde entón, leva dúas décadas traballando na defensa dos intereses xerais dos traballadores e traballadoras de normalización lingüística, na súa formación continua e, en xeral, na promoción e prestixio da lingua galega. Nos últimos anos acadaron especial éxito e visibilidade social iniciativas súas como Gústame o galego, Agasallo, Como cho digo ;-) ou LGx15. A CTNL, que promoveu hai vinte anos a creación do CDSG, continúa na actualidade a manter un estreito vínculo co centro, formando parte da nosa comisión asesora e colaborando activamente na organización dos Encontros para a Normalización Lingüística.
Se queres ver o vídeo conmemorativo, preme aquí.
Se queres ver o vídeo conmemorativo, preme aquí.
11/02/2016. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración coa Coordinadora de Normalización e Dinamización da Lingua Galega dos institutos de Pontevedra, organiza unha nova edición do programa "Ben veñas, maio". A iniciativa, dirixida ao alumnado de ensino medio do concello, ten como obxectivos fomentar a creatividade en lingua galega e promover o seu uso nas actividades propias da mocidade. O programa inclúe diferentes certames (fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía, teatro e música) e o prazo de presentación dos traballos remata o 15 de abril de 2016. Para obter máis información, preme aquí.
05/02/2016. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan unha nova edición dos premios a curtas de animación en galego “Nós tamén creamos!”.
A convocatoria, dirixida a todos os centros educativos galegos de infantil e primaria, ten como obxectivos promover unha imaxe positiva da lingua galega e estimular o seu uso en novos ámbitos e formatos. Outorgaranse tres premios, segundo o ciclo educativo, e os centros premiados recibirán un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da TVG e mais un diploma acreditativo expedido pola SXPL. As curtas gañadoras serán emitidas na TVG. O prazo para enviar os traballos remata o 30 de abril de 2016.
A convocatoria, dirixida a todos os centros educativos galegos de infantil e primaria, ten como obxectivos promover unha imaxe positiva da lingua galega e estimular o seu uso en novos ámbitos e formatos. Outorgaranse tres premios, segundo o ciclo educativo, e os centros premiados recibirán un lote de libros de OQOeditora, un agasallo da TVG e mais un diploma acreditativo expedido pola SXPL. As curtas gañadoras serán emitidas na TVG. O prazo para enviar os traballos remata o 30 de abril de 2016.
04/02/2016. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade de Santiago de Compostela presenta o Vocabulario de criminoloxía (galego-español-inglés), coordinado por Xusto Rodríguez Río, técnico do SNL, e os profesores Gumersindo Guinarte e Fernando Vázquez-Portomeñe, do Instituto de Criminoloxía da USC. A obra compila 1.880 conceptos básicos dos diversos ámbitos das ciencias criminolóxicas, xunto coas súas denominacións en galego, español e inglés. Este traballo súmase á colección de vocabularios e glosarios especializados que a Área de Terminoloxía do Servizo de Normalización Lingüística da USC vén elaborando desde o ano 1993.
04/02/2016. DINAMIZACIóN
Co gallo da conmemoración, este ano 2016, do centenario das Irmandades da Fala, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda presentan o Almanaque das Irmandades da Fala. Trátase dunha ferramenta en liña que compila biografías de persoas e efemérides relacionadas tanto cos protagonistas das Irmandades como cos seus sucesores. O Almanaque está concibido como unha ferramenta colaborativa, polo que os seus promotores convidan aos usuarios/as que o desexen a enviar as súas achegas a través do formulario web que aparece na marxe dereita da páxina.
03/02/2016. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa, por terceiro ano consecutivo, unha nova edición do Proxecto Dragal, que están a desenvolver os equipos de dinamización lingüística de seis centros de ensino galegos. O Proxecto Dragal é unha iniciativa multimedia e multidisciplinar que ten como obxectivo promover a lectura, a creación e a investigación en galego coas tecnoloxías da información e da comunicación, baseándose na triloxía homónima de Elena Gallego Abad. Ao longo do curso, o web do proxecto irase completando con xogos relacionados coa temática da triloxía, propostas de traballo e materiais producidos polo alumnado participante.
01/02/2016. DINAMIZACIóN
Os servizos de normalización lingüística de once concellos galegos presentan a quinta edición do Club de Debate, unha iniciativa que ten como obxectivo a dinamización lingüística e cultural no ámbito educativo, fomentando a fluidez comunicativa en galego, o pensamento crítico e o respecto pola diversidade de opinións. Nesta quinta edición participarán máis de trescentos cincuenta escolares de entre 3º da ESO e 1º de Bacharelato ou ciclos formativos, pertencentes a vinte e dous centros de ensino. A fase final do certame terá lugar o 30 de abril no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde os oitos equipos que se clasifiquen nas diferentes fases de zona debaterán sobre o tema “En galego hai un mundo de cousas boas”. Podes ampliar esta información premendo aquí.
27/01/2016. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa convocan premios para o desenvolvemento de proxectos de innovación en dinamización lingüística en centros educativos públicos. Entre os proxectos presentados seleccionaranse cinco, considerados como excelentes, que recibirán unha dotación económica de 2000 euros. As experiencias e os materiais didácticos producidos difundiranse a través do sitio web da SXPL. O prazo de presentación de solicitudes remata o 12 de febreiro de 2016. Para consultar a documentación relacionada con esta convocatoria, preme aquí.

