Novas da lingua

Rexistros2791 a 2820 de 4427
20/01/2016. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición de publicacións periódicas en galego

A Secretaría Xeral de Medios da Xunta de Galicia publica a convocatoria de subvencións para o ano 2016 destinadas a empresas que editen publicacións periódicas escritas integramente en galego. O prazo de solicitude é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
18/01/2016. DINAMIZACIóN

Novas actividades en Carballo para a socialización da infancia en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo presenta a programación trimestral de actividades de Apego, que se desenvolverán durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo de 2016 co obxectivo de fomentar a socialización da infancia en galego.
O programa, que inclúe un total de 17 iniciativas (espectáculos musicais, teatro, contacontos, charlas informativas, obradoiros…) está dirixido tanto aos máis pequenos/as, como ás súas familias.
15/01/2016. LEXISLACIóN

O concello asturiano da Veiga recoñece o galego como lingua propia

O Concello da Veiga, no territorio estremeiro do Eo-Navia, aprobou no último pleno ordinario do ano 2015 a “Ordenanza municipal pral uso da lengua galego-asturina nel conceyo da Veiga”. Nesta norma recoñécese que a lingua galego-asturiana é, xunto co castelán, a lingua propia do concello da Veiga, da Administración local e das corporacións públicas que dependen dela. Así mesmo, recoñece o dereito da cidadanía a usar o galego-asturiano nas súas relacións e actuacións administrativas co concello e a recibir, na medida do posible, as comunicacións, notificacións e resolucións administrativas en versión bilingüe (castelán e galego-asturiano). A efectos xurídicos, terase por plenamente válido o uso do galego-asturiano nas comunicacións orais e escritas da cidadanía co concello, e o rexistro municipal poderá rexistrar documentos nesta lingua. Para ampliar información sobre a realidade sociolingüística do occidente asturiano, podes consultar o “Informe lingüístico sobre a nosa terra Eo-Navia”, elaborado no 2007 pola Asociación Abertal.
14/01/2016. EMPREGO

Praza de técnico/a de normalización lingüística en Vimianzo

O Concello de Vimianzo publica as bases para a realización dun proceso selectivo destinado á creación dunha bolsa de emprego co obxectivo de seleccionar e contratar, a xornada completa, baixo a modalidade de interino/a, un/unha técnico/a de normalización lingüística que desenvolverá as súas funcións nos concellos de Zas e Vimianzo. O proceso de selección será o de concurso-oposición. Poden participar no proceso aquelas persoas que posúan a licenciatura en Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (sección galego-portugués), o grao en Lingua e Literatura Galegas, ou outras titulacións (grao/licenciatura) sempre que estean en posesión do Celga 5. O prazo para presentar as solicitudes remata o vindeiro luns, 18 de xaneiro de 2016.
14/01/2016. DINAMIZACIóN

Volven os monólogos a Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza unha nova edición de Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para fomentar o uso oral do galego e promover a creación artística na nosa lingua. O festival, que comezou o pasado sábado, 9 de xaneiro de 2016, da man de Federico Pérez, terá continuidade os vindeiros 23 e 30 de xaneiro coas intervencións de Paula Carballeira, Pedro Brandariz, Isabel Risco e Fran Rei. As sesións, recomendadas para maiores de 16 anos, terán lugar ás 20:00 h no Multiusos da Xunqueira (Redondela). Para ampliar a nova, preme aquí.
12/01/2016. OUTRAS

Digalego de balde

Un acordo entre a editorial Ir Indo, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica e a Consellería de Cultura e Educación pon ao dispor da cidadanía Digalego, o dicionario en liña que conta con máis de 65000 entradas en galego coa súa equivalencia en portugués, castelán, inglés, francés, italiano, chinés e alemán. Esta obra lexicográfica, considerada a máis completa en internet, tamén permite consultar conxugacións verbais e formas non admitidas na nosa lingua.
11/01/2016. AXUDAS E PREMIOS

“Quero cantar”, concurso de música en galego para os máis novos

A Deputación da Coruña convoca un concurso musical para premiar solistas ou agrupacións de rapaces de menos de 12 anos. Esta iniciativa xorde coa intención de promocionar e difundir o uso da lingua galega, recoñecendo o valor que achega á normalización lingüística a música infantil actual. Ademais dos premios asignados aos tres primeiros clasificados, as 10 mellores propostas serán incluídas no CD “Quero cantar 16”. O prazo para a presentación de maquetas comeza o próximo 15 de xaneiro e remata o 15 de abril. Para ampliar esta información, preme aquí .
11/01/2016. CURSOS E CONGRESOS

Convócanse as probas para obter os certificados Celga

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca as probas do Celga 1, Celga 2, Celga 3 e Celga 4 para o ano 2016. Neste ano, os exames terán lugar entre o 2 e o 10 de abril, en Santiago de Compostela e Ponferrada. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
30/12/2015. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para o fomento do galego nos centros de ensino

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica dúas convocatorias de axudas para a presentación de proxectos de fomento do galego no ámbito do ensino non universitario durante o curso 2015/2016, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. En ambos os casos, o prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das convocatorias.
28/12/2015. AXUDAS E PREMIOS

Axudas á creación de obras audiovisuais en lingua galega

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para o ano 2016 destinadas á creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita individual de guións en galego, a realización de proxectos de curtametraxes gravadas en versión orixinal galega e a elaboración de proxectos de longametraxes cinematográficas en versión orixinal galega. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
28/12/2015. DINAMIZACIóN

Silleda agasalla en galego no Nadal

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Silleda, en colaboración cos centros educativos e mais o sector do comercio deste municipio, están a desenvolver o programa Silledagasalla, que se desenvolve por segundo ano consecutivo para fomentar o uso do galego no ámbito do comercio. No marco desta iniciativa, o alumnado do concello elaborou, a través dun certame escolar, unha listaxe de lemas en galego para acompañar os agasallos de Nadal, que agora trinta comercios do municipio están a repartir entre a súa clientela convertidos en adhesivos. Para obter máis información, preme aquí.
28/12/2015. DINAMIZACIóN

Actividades para dinamizar o Nadal en galego en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela está a desenvolver un programa de actividades de dinamización lingüística de carácter lúdico e didáctico que terán lugar ao longo destas semanas festivas de Nadal. O programa, que se inaugurou o pasado 22 de decembro co espectáculo teatral “A miña primeira viaxe”, da compañía Xarope Tulú, terá continuidade o vindeiro domingo, 3 de xaneiro de 2016, co espectáculo de música infantil “Brinca Vai”, de Paco Nogueiras, que se celebrará no Auditorio da Xunqueira ás 18:00 h. No ámbito didáctico, desenvolverase o “Obradoiro de recursos en galego para escolas infantís”, que terá lugar os días 14 e 21 de xaneiro de 2016 na Casa da Cultura de Redondela. Para obter máis información, preme aquí.
21/12/2015. INVESTIGACIóN

Vocabulario panlatino de sistemas de transporte intelixentes

A Oficina Quebequesa da Lingua Francesa e a Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) presentan o Vocabulario panlatino de sistemas de transporte intelixentes, unha obra que compila 267 termos relacionados co ámbito dos transportes, coas súas equivalencias en sete linguas (castelán, catalán, galego, francés, inglés, italiano e portugués). No web do Servizo de Normalización Lingüística da USC podes consultar a listaxe de vocabularios, dicionarios e glosarios terminolóxicos galegos.
18/12/2015. AXUDAS E PREMIOS

Resólvese o XVI Premio Manuel Beiras

A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago fixeron público os galardoados da décimo sexta edición do Premio Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron a cooperativa gráfica Sacaúntos, na categoría de empresas cun uso continuado do galego; a libraría de mulleres Lila de Lilith, na categoría de nova incorporación ao galego; e a empresa tecnolóxica Imaxin Software, que recibe unha mención especial polo seu traballo pioneiro na implementación de ferramentas e software relacionado coa lingua galega. Para ampliar esta información, preme aquí.
17/12/2015. DINAMIZACIóN

Abertos ao Galego presenta o seu catálogo de Nadal

A rede de empresas Abertos ao Galego, iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, difunde unha nova edición do seu catálogo de Nadal, que compila unha selección de servizos e produtos que se ofertan en galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
17/12/2015. DINAMIZACIóN

Nova edición do Nadal en Rede

A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a cuarta edición do programa “Nadal en Rede”, que percorrerá trinta concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística entre o 24 de decembro de 2015 e o 4 de xaneiro de 2016, co obxectivo de crear espazos de uso para o galego nestas datas festivas. O programa inclúe tres actividades lúdicas: “A Gramola gominola” (espectáculo de rock infantil en galego), “Cantos contos no Nadal” (espectáculo de contacontos con música) e “ISIstorias de Nadal” (actividade de tradición oral). Así mesmo, a cidadanía ten ao seu dispor en Internet unha selección de recursos dixitais, como postais ou modelos de carta aos Reis Magos.
16/12/2015. OUTRAS

A Mesa presenta a memoria das queixas recibidas na Liña do Galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta a Memoria da Liña do Galego 2015, onde se dá conta dos 157 expedientes de queixa tramitados a través das chamadas e correos recibidos na Liña do Galego. A Liña do Galego é un servizo gratuíto ofrecido por esta asociación a toda a poboación, que atende consultas sobre dereitos lingüísticos e tramita queixas. No que respecta á tipoloxía de entidades, o maior número de queixas (un 51%) están dirixidas á administración pública, tanto estatal como autonómica e local. Segundo o motivo, un 33% das queixas refírese á atención oral e escrita; un 17% á sinalización e rotulación incorrecta; e un 14% á toponimia deturpada. Podes ampliar información premendo aquí.
15/12/2015. DINAMIZACIóN

Os Bolechas van de xira no Nadal

A Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza, coa colaboración da Televisión de Galicia, a xira de Nadal dos Bolechas, unha iniciativa de dinamización lingüística dirixida ao público infantil e familiar. O espectáculo, que percorrerá a partir do 26 de decembro diferentes localidades adscritas á Rede de Dinamización Lingüística, inclúe obradoiros de debuxo, cine, música, ludoteca e sala de ordenadores. Para ampliar información, preme aquí.
15/12/2015. DINAMIZACIóN

XXII Certame Gráfico pola Normalización Lingüística

A Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística do Salnés organiza a vixésimo segunda edición do Certame Gráfico pola Normalización Lingüística, dirixido ao alumnado que cursa estudos durante o curso 2015-2016 nos centros de ensino secundario da comarca do Salnés, incluíndo tamén o IES de Barro. Os traballos poderán ser presentados en calquera forma e tamaño sobre papel ou cartolina e deben incluír un texto orixinal e inédito sobre o seguinte tema: “O galego regresa ao futuro. Outros 100 anos pola lingua”. O prazo de presentación dos traballos remata o 22 de xaneiro de 2016. Podes consultar as bases completas da convocatoria premendo aquí.
14/12/2015. DINAMIZACIóN

Escolma de recursos didácticos para o Nadal

A Coordinadora Galega de ENDL presenta unha nova edición do seu espazo web dirixido á comunidade educativa que compila materiais e recursos didácticos relacionados co Nadal. Trátase dunha escolma de recursos elaborados por docentes, equipos de normalización lingüística, centros escolares, artistas e bandas musicais, editoriais, institucións e asociacións, onde podes atopar información de interese relacionada con estas datas festivas, como modelos de cartas e postais, música, propostas de actividades ou unidades didácticas.
14/12/2015. AXUDAS E PREMIOS

Concurso de cancións en galego “Son do Umia”

A Coordinadora Comarcal de Equipos de Dinamización da Lingua Galega “Terras do Umia” organiza o IV Concurso de cancións en galego “Son do Umia”. Cada grupo ou solista pode presentar unha canción (tema propio ou versión), que deberá estar en galego. O certame está dirixido a todos os centros educativos dos concellos de Barro, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Portas que integran a Coordinadora Comarcal “Terras do Umia”. O prazo de presentación de traballos remata o 15 de abril de 2016. Para ampliar información, preme aquí.
07/12/2015. DINAMIZACIóN

Vigo enche de contos o Nadal

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo presenta unha nova edición do programa “No Nadal… un conto”, que se desenvolverá entre o 18 de decembro de 2015 e o 5 de xaneiro de 2016 en diferentes lugares do concello. A iniciativa, que ten como obxectivo crear espazos de lecer en galego para o público familiar e infantil, inclúe contadas, monicreques, cancións, xogos e espectáculos variados. Para consultar o programa completo de actividades, preme aquí.
04/12/2015. OUTRAS

O Portal das Palabras convídate a escoller a favorita do 2015

O Portal das Palabras (proxecto da Real Academia Galega e da Fundación Barrié) organiza a iniciativa Palabra do Ano, co obxectivo de que a sociedade tome conciencia de que o idioma nos representa como pobo e a través das súas palabras podemos definir colectiva e simbolicamente o ano que remata. Todas as persoas interesadas poden enviar as súas propostas durante as dúas primeiras semanas de decembro. Tras seleccionar os termos máis populares e de maior carga semántica, abrirase unha votación para seleccionar a palabra favorita, que se converterá na Palabra do ano 2015.
04/12/2015. DINAMIZACIóN

Ames, Santiago e Teo organizan conxuntamente o Concurso de Cartas de Nadal

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Santiago e Teo presentan o Concurso de Cartas de Nadal, que este ano como novidade organizan conxuntamente os tres concellos co lema "Este Nadal...cultívao a diario", en alusión ao idioma galego. Os/as nenos/as poden escribir a súa carta en galego aos Reis Magos, ao Apalpador ou a Papá Noel e depositala nos colexios (ata o 17 de decembro) ou nos locais municipais (ata o 4 de xaneiro). As cartas en galego que leven os datos completos recibirán unha resposta nas súas casas. Ademais, os autores das cartas máis interesantes e creativas, recibirán un premio. Para ampliar información, preme aquí.
04/12/2015. INVESTIGACIóN

Através Editora presenta dous novos estudos sobre o idioma

O vindeiro 10 de decembro de 2015, ás 19 h, terá lugar na Facultade de Filoloxía da USC a presentación das publicacións “O galego (im)possivel. Ainda mais”, de Valentim R. Fagim; e “A normalização linguística, uma ilusão necessária”, de Mário Herrero. As obras están editadas por Através Editora, marca editorial da Associaçom Galega da Língua (AGAL). No acto intervirán Teresa Moure e os dous autores, Mário Herrero e Valentim Fagim.
04/12/2015. DINAMIZACIóN

PanxoliñaZAS, para conservar a tradición e promover o galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Zas presenta o concurso de Nadal PanxoliñaZAS, co obxectivo de promover o uso do galego nos espazos lúdicos e festivos propios do Nadal. A iniciativa está dirixida a toda a veciñanza de Zas e consiste nun concurso de vídeos de panxoliñas, vilancicos tradicionais e cantos de Aninovo e Reis. O prazo para presentar os vídeos remata o 23 de decembro de 2015. O xurado outorgará diferentes premios (á mellor presentación, ao vídeo que conte con máis fidelidade á tradición da zona e ao mellor vídeo infantil). Tamén se entregará un premio ao vídeo máis popular en Facebook.
03/12/2015. OUTRAS

Comeza o Culturgal 2015

Mañá venres inaugúrase no Pazo da Cultura de Pontevedra unha nova edición do Culturgal, a feira das industrias culturais galegas. O Culturgal 2015, que se desenvolverá os días 4, 5 e 6 de decembro, conta cun amplo programa de actividades e espazos de exposición nos que estarán representadas entidades dos diferentes ámbitos do sector cultural galego (música, literatura, lingua, creación audiovisual, artes escénicas, deseño, novas tecnoloxías, etc.). Entre as actividades programadas, destacamos a xornada para o profesorado, que xirará arredor da promoción da lectura e da difusión de experiencias e recursos didácticos en galego.
01/12/2015. DINAMIZACIóN

Xincana lingüística no barrio vigués do Calvario

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Asociación de Comerciantes e Empresarios do Calvario (ACECA) organizan a iniciativa “Un trasno no barrio”, unha xincana lingüística que se desenvolverá entre o 1 e o 18 de decembro de 2015 polos comercios do barrio vigués do Calvario. O xogo, dirixido a nenas e nenos de entre 6 e 12 anos, consistirá en resolver os enigmas seguindo as pistas que se atopan nos establecementos participantes, ata completar todas as respostas. As papeletas coas respostas deben entregarse na ACECA. Entre as papeletas ben cubertas sortearase unha tableta. Para ampliar información, preme aquí.
26/11/2015. INVESTIGACIóN

A Mesa constata que o castelán segue a ser o idioma maioritario no ensino infantil das cidades

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou o "Informe sobre a lingua galega na Educación infantil de 3 a 6 anos no curso 2015/16", un estudo que esta entidade elabora periodicamente para analizar os usos lingüísticos nos centros de educación infantil das sete cidades galegas. En xeral, segundo os datos recollidos no estudo, dos 269 centros consultados (públicos e privados), o 39,41% declara empregar o castelán en exclusiva e o 36,43% declara empregalo de xeito maioritario, o que sumaría un 75,84% de centros onde o galego ou ben non ten presenza ou a ten de xeito minoritario. Do resto, un 18,96% dos centros afirma empregar os dous idiomas oficiais (castelán e galego) equitativamente e só un 5,20% declara que usa maioritariamente o galego.
24/11/2015. INVESTIGACIóN

O grupo Bitraga analiza a influencia da tradución na literatura galega

O grupo de investigación Bitraga, adscrito á Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, presenta a monografía Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Hacia un cambio de paradigma en la traducción literaria gallega, editada en 2015 pola editorial Peter Lang. Trátase dunha obra colectiva que compila dez traballos nos que se analizan, entre outros aspectos, o fenómeno da tradución no ámbito literario, as iniciativas institucionais de apoio á tradución, a literatura importada a Galicia desde os anos 80 do século XX e a importancia cuantitativa e cualitativa que tiveron estes intercambios literarios na fase de consolidación da literatura galega contemporánea.