O Grupo Avolar, de Santiago de Compostela, anuncia unha oferta de emprego para profesores de lingua galega. O obxecto do contrato é impartir un curso de linguaxe administrativa, nivel de iniciación, na área de Santiago de Compostela. Para obter máis información, preme aquí.
23/04/2015. EMPREGO
22/04/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino. Os cinco proxectos seleccionados son os presentados polo CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, o IES Rodeira (Cangas), o IES Perdouro (Burela), o IES Pobra do Caramiñal e os ribeirenses CEIP Plurilingüe de Frións e CEIP Heroínas de Sálvora. Estes centros recibirán 2000 euros para executar os seus proxectos de promoción lingüística. Para ampliar a nova, preme aquí.
21/04/2015. DINAMIZACIóN
A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) presenta a campaña Que se vexa! O galego, co ánimo de contribuír a ofrecer unha imaxe moderna e atractiva do noso idioma en todos os ámbitos sociais, nomeadamente naqueles actos que se celebren para conmemorar o vindeiro Día das Letras Galegas. Con este obxectivo, a CTNL enviou a todos os concellos, institucións, centros de ensino e entidades unha proposta convidándoos a ofrecer esta imaxe moderna do galego nos actos, programas, imaxes, actividades e discursos que organicen arredor do Día das Letras Galegas. Para ampliar esta nova, preme aquí.
21/04/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza unha nova edición do programa de dinamización lingüística Galegote Rock, deseñado para promover os grupos musicais que cantan en galego e fomentar o uso deste idioma nas actividades de lecer da xuventude. Galegote Rock é un programa de concertos que se celebrará os vindeiros días 13, 14, 15 e 16 de maio de 2015 en diferentes bares, salas e prazas públicas de Pontevedra. O programa inclúe as actuacións dos artistas e grupos galegos: Narf, David Regueiro – Swingtet, Querido Extraño, O Xabarín de Bora DJ, Os Amigos dos músicos, Mike Grelo e Curmán, Leo I Arremecághona, Caxade, Superoito e Martelo. Tamén actuarán, como bandas convidadas, os grupos portugueses The Bird Are Indie e A Jigsaw. Para ampliar esta nova, preme aquí.
21/04/2015. DINAMIZACIóN
A Fundación Eduardo Pondal, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Ponteceso, presentou o Festiletras 2015, un amplo programa de actividades que se desenvolverá entre os días 10 e 17 de maio na aldea do Couto, Ponteceso, para conmemorar o vindeiro Día das Letras Galegas. O programa inclúe un roteiro pondaliano, actuacións musicais e teatrais, obradoiros literarios, unha feira de artesanía e degustacións gastronómicas, entre outras actividades. Podes ampliar esta información na páxina de Facebook do Festiletras.
21/04/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Gentalha do Pichel organiza as xornadas Línguas de estado além do estado, unhas xornadas de análise sobre o ensino e a transmisión lingüística fóra das fronteiras. Nas sesións estudaranse os casos do español, o alemán e o italiano nos Estados Unidos e Europa, así como do español e o francés en Puerto Rico e Quebec. Tamén se reflexionará sobre o plurilingüismo en Cataluña e exporanse casos prácticos de implementación de recursos lusófonos na escola. As sesións terán lugar os días 24 e 25 de abril de 2015 no Centro Social A Gentalha do Pichel e Escola A Semente, en Santiago de Compostela.
20/04/2015. DINAMIZACIóN
As entidades organizadoras do Correlingua (Asociación Socio-Pedagóxica Galega; CIG-Ensino; A Mesa pola Normalización Lingüística; os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense; e a Deputación de Lugo) presentaron a décimo quinta edición desta iniciativa lúdico-didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique publicamente o uso do galego. A carreira, que este ano leva por lema “Galego, a nosa creación común”, percorrerá doce localidades galegas entre os días 4 e 15 de maio.
17/04/2015. DINAMIZACIóN
A Concellería de Cultura do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa Ler, contar e gozar coas letras 2015, unha campaña de promoción da lectura e de reforzo do uso do galego que se desenvolverá nos centros socioculturais composteláns nos meses de abril, maio e xuño. O programa inclúe actividades para todos os tipos de público (infantil, adulto, familiar), como obradoiros de escritura creativa, encontros con escritores e editores, ou espectáculos lúdicos (música, teatro de monicreques, contacontos). Para ampliar esta información, preme aquí.
16/04/2015. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o concerto "Lucecús", de Pirilampo, dirixido a familias con nenas e nenos maiores de 3 anos. O obxectivo da iniciativa é fomentar a transmisión lingüística e promover o uso do galego no ámbito do lecer. O concerto celebrarase o sábado 25 de abril, ás 18:00 h, no Fórum Metropolitano da Coruña. A entrada é gratuíta e os convites comezarán a repartirse o vindeiro luns, 20 de abril, na conserxería do Fórum Metropolitano. Para ampliar esta nova, preme aquí.
16/04/2015. OUTRAS
A Oficina Quebequesa da Lingua Francesa e a Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) presentan o Vocabulario panlatino do desenvolvemento sustentable, unha obra que compila 292 termos relacionados coa ecoloxía, o medio e o desenvolvemento sustentable, coas súas equivalencias en oito linguas (castelán, catalán, galego, francés, italiano, portugués, romanés e inglés). Das correspondencias en galego ocupouse o Grupo de Investigación en Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (Grupo TALG), da Universidade de Vigo.
16/04/2015. DINAMIZACIóN
Co gallo da conmemoración o vindeiro 23 de abril do Día Mundial do Libro, O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e as bibliotecas públicas do municipio organizan a sétima edición da Semana do libro: a festa das palabras. Trátase dunha campaña de animación á lectura e de difusión das diferentes linguas que se falan na Península Ibérica, que se desenvolverá ao longo deste mes de abril en diferentes espazos públicos do concello. O programa inclúe unha exposición multilingüe de libros, presentacións de publicacións, contacontos para bebés e representacións teatrais para escolares. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/04/2015. DINAMIZACIóN
Os dous equipos de rugby da cidade de Pontevedra, Mareantes e Pontevedra Rugby Club, comezarán a distribuír “O Salmón Oval”, a primeira revista sobre rugby en lingua galega. A publicación, editada por Isaac Xubín, inclúe reportaxes, entrevistas, artigos de opinión e as novas que xeran estes dous equipos da cidade. O principal obxectivo da iniciativa é difundir o rugby e normalizar o uso do galego no ámbito desta disciplina deportiva. Para ampliar esta información, preme aquí.
14/04/2015. CURSOS E CONGRESOS
O Concello de Pontevedra organiza o obradoiro “Recursos da nosa lingua para o tempo libre”, no marco do programa de formación para o emprego xuvenil Pisando Forte 2015. O obradoiro, dirixido a mocidade de 16 a 35 anos, ten como obxectivo fornecer ferramentas que faciliten a creación de espazos de socialización en galego no ámbito do lecer (campamentos, ludotecas, escolas…). Os contidos estruturaranse en diferentes áreas: musical, xogo, expresión oral e escrita, TIC´s, educación ambiental e contidos sociolingüísticos. O prazo de inscrición remata o 15 de abril de 2015.
13/04/2015. DINAMIZACIóN
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC convocan o IV Premio de pezas audiovisuais curtas de comedia "Somos a curta!", que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega nos novos valores do audiovisual galego. O certame está destinado ao alumnado das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia. O xurado outorgará dous premios, de 400 e 200 euros respectivamente, e diploma honorífico. Haberá tamén un premio do público, dotado dun diploma honorífico. O prazo de inscrición remata o 13 de outubro de 2015.
13/04/2015. CURSOS E CONGRESOS
As comisións de normalización lingüística da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan o obradoiro “Mellora o teu discurso oral”, dirixido preferentemente ao alumnado de calquera titulación de grao ou mestrado da USC con nivel de Celga 4 ou equivalente. Tamén poderán participar membros do PDI ou do PAS co mesmo nivel de galego. O obxectivo do obradoiro é fornecer ferramentas para mellorar o discurso oral do alumnado, a través da adquisición de habilidades sociais e comunicativas, así como de competencias discursivas e lingüísticas orais. As sesións terán lugar na Facultade de Filosofía do 20 de abril ao 6 de maio de 2015. O prazo de matrícula está aberto ata o 15 de abril de 2015.
10/04/2015. OUTRAS
Co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas 2015, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a edición facsimilar da obra de Filgueira Valverde “Os nenos”, que inclúe tamén traballos de contextualización literaria e artística. A presentación pública terá lugar hoxe, 10 de abril de 2015, ás 12:00 h, na sede do CCG. No acto intervirán Ramón Villares, presidente do CCG, Fernando Filgueira, presidente da Fundación Filgueira Valverde, e David Pintor, ilustrador.
10/04/2015. INVESTIGACIóN
O vindeiro martes, 14 de abril, ás 20:00 h, terá lugar na Libraría Pedreira, en Santiago de Compostela, a presentación da obra Modelos de lingua e compromiso, coordinada por Xosé Manuel Sánchez Rei e editada por Baía Edicións. Trátase dunha obra colectiva que compila cinco contribucións de Xosé Ramón Freixeiro, Xosé Manuel Sánchez, Laura Tato, Manuel Ferreiro e Goretti Sanmartín, docentes da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. O fío condutor do estudo é a reflexión sobre a vinculación entre o compromiso coa normalización do idioma e a promoción dun modelo de lingua de calidade.
09/04/2015. AXUDAS E PREMIOS
A iniciativa Twitter en galego presenta o concurso Premio á Conta 2015, co obxectivo de premiar o uso do galego por parte das usuarias e usuarios desta rede social. Os usuarios/as teñen de prazo ata o 19 de abril para propoñer aquela conta que consideran merecedora do premio. A conta gañadora darase a coñecer o 7 de maio, coincidindo co IV aniversario da Iniciativa Twitter en galego. O premio, de carácter meritorio, consistirá na entrega dunha figura conmemorativa e mais dun exemplar da obra Atravesar o fantasma, de Carlos Callón. Así mesmo, a conta gañadora gozará durante un ano dun espazo destacado no propio web da iniciativa.
09/04/2015. OUTRAS
A Universidade de Santiago de Compostela presenta PreLo, a súa nova plataforma para o préstamo de libros electrónicos. A través deste portal, os membros da USC poderán consultar os libros electrónicos adquiridos por esta universidade, ademais dos que esta reciba pola vía do intercambio científico coas outras universidades españolas que colaboran na iniciativa. O fondo inicial está integrado por 1098 exemplares, 81 deles editados en lingua galega. A lectura pode facerse en liña, dende calquera tipo de ordenador, tableta, teléfonos intelixentes e dispositivos de pantalla con acceso a Internet, ou sen conexión á rede, descargando previamente o libro. Para ampliar información, preme aquí.
08/04/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galega no ensino. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 18 de abril de 2015 no IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela. O prazo de matrícula remata o 17 de abril.
08/04/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para a creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais, así como a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
07/04/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Escola Galega de Administración Pública anuncia, no DOG do 7 de abril de 2015, a convocatoria de actividades de formación para o persoal da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre a oferta formativa inclúense os seguintes cursos de temática lingüística: “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”, “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para mellorala” e “Manual de estilo do DOG e outras publicacións institucionais”. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
06/04/2015. CURSOS E CONGRESOS
A Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega (USC), a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña organizan unha nova edición destes cursos estivais, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 1 e 24 de xullo de 2015. Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de lingüística e de literatura galegas) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de se familiarizar coa lingua, a literatura e a realidade sociocultural galegas.
O prazo de inscrición remata o 30 de abril de 2015. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e matrícula, preme aquí.
O prazo de inscrición remata o 30 de abril de 2015. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e matrícula, preme aquí.
06/04/2015. AXUDAS E PREMIOS
A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan a sexta edición do Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega, dirixido ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC durante o curso 2014-2015, así como en xeral aos licenciados/as ou gradudados/as en Dereito en calquera universidade galega. Os traballos deberán ser inéditos, estar redactados en lingua galega e versar sobre calquera obxecto susceptible de ser analizado baixo metodoloxía xurídica. O prazo de presentación remata o 19 de outubro de 2015.
31/03/2015. OUTRAS
O secretario xeral de Política Lingüística presentou onte, 30 de marzo, na sede da Academia Galega de Seguridade a obra “O bombeiro galego. Temario e cuestionarios”, autoría do bombeiro Gerardo Fernández Costa. Trátase do primeiro manual en galego para preparar as oposicións a bombeiro, editado en dous volumes por Andavira Editora, onde se desenvolven os temas teóricos recollidos nas últimas bases das oposicións das cidades galegas que contan con servizos públicos de extinción de incendios. Para ampliar esta nova, preme aquí.
30/03/2015. OUTRAS
O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos sobre a produción editorial de libros en 2014. Os datos constatan un leve incremento da edición en galego, tras a drástica caída experimentada en 2013. O número total de títulos (libros e folletos) editados en galego en 2014 é de 860. Así mesmo, traducíronse do galego para outras linguas 17 títulos. En Galicia, en 2014 editáronse 2.295 títulos. Destes, 1.253 editáronse en castelán e 757 en galego. No resto dos casos, trátase de edicións bilingües ou noutros idiomas.
27/03/2015. DINAMIZACIóN
O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convoca o VI Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolverá no marco da vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense. O obxectivo de Ouff Escola é impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Pode participar no certame o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2014-2015, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. O prazo de inscrición remata o 30 de xuño de 2015.
27/03/2015. INVESTIGACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago presentan o glosario Termos esenciais de dereito mercantil, autoría de Miriam Martínez e Xusto Rodríguez. A obra recolle 1218 conceptos en galego xunto coas súas correspondencias en castelán. Trátase do sexto volume da colección de glosarios centrada no vocabulario básico do dereito que edita a USC e que podes consultar no andel de traballos terminolóxicos do seu Servizo de Normalización Lingüística.
26/03/2015. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, co obxectivo de fomentar o uso do galego na comunicación comercial, asociar a lingua galega a proxectos de modernización e promover as empresas de ámbito local. Para participar cómpre presentar un proxecto de campaña publicitaria, deseñado para calquera soporte e sistema de distribución, que xogue co léxico da chuvia e que sexa elaborado por un profesional para un negocio concreto do municipio. O prazo de inscrición remata o 30 de maio de 2015 e o/a gañador/a recibirá un premio en metálico de 5 000 euros. Para ampliar esta información, preme aquí.
24/03/2015. DINAMIZACIóN
Doce concellos galegos comprometéronse onte, 23 de marzo de 2015, en Santiago de Compostela a implementar o programa Apego, un proxecto de transmisión interxeracional do galego deseñado para fornecer recursos e crear espazos de uso que permitan a socialización en galego desde a primeira infancia. No marco desta iniciativa desenvolveranse diferentes accións, como a edición de materiais informativos, a distribución de caixas de recursos (libro de recomendacións, manta-apego, medidor…), a produción dun disco con cancións infantís ou a organización de obradoiros formativos. Os concellos que participarán na iniciativa son A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo. Para ampliar esta nova, preme aquí.

