Novas da lingua

Rexistros2941 a 2970 de 4427
30/04/2015. DINAMIZACIóN

Paseos polo Vigo literario

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega presentan a actividade “Paseos polo Vigo literario”, que consistirá no desenvolvemento de tres roteiros guiados polos escritores/as Pedro Feijoo (9 de maio), María Reimóndez (16 de maio) e Francisco Castro (23 de maio). As persoas interesadas poden inscribirse enviando os seus datos (nome, apelidos e teléfono) ao correo electrónico: actividades.snl@vigo.org. Podes obter máis información premendo aquí.
30/04/2015. DINAMIZACIóN

Queremos Galego Marín organiza un concurso de vídeo pola lingua

A asociación Queremos Galego Marín organiza o I Concurso de vídeo con móbil pola lingua. Os vídeos presentados deben ter unha extensión máxima de 3 minutos e a temática ten que xirar arredor da importancia do uso do galego. Outorgaranse tres premios, de 100 euros, 75 euros e 50 euros respectivamente, ademais dun lote de libros para cada un. Os participantes teñen de prazo para presentar as gravacións ata o 15 de xuño.
30/04/2015. CURSOS E CONGRESOS

Curso de linguaxe administrativa para o persoal da Administración local de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra convoca cursos de formación para o seu persoal e mais para o dos concellos da provincia adheridos ao Plan agrupado de formación. Entre os cursos ofertados está o de “Lingua galega en documentos administrativos”. O prazo de presentación de solicitudes remata o 20 de maio de 2015. Para consultar o texto completo da convocatoria, preme aquí.
29/04/2015. DINAMIZACIóN

Encontro didáctico en Salvaterra para analizar o uso do galego

O alumnado de 3º da ESO do IES de Salvaterra e do CPI de Mondariz reúnense hoxe, 29 de abril, en Salvaterra para participar nun encontro sociolingüístico que terá como actividade principal a elaboración dun traballo sociolingüístico sobre o uso do galego no sector servizos. O programa inclúe tamén un obradoiro de hip hop con García MC. Esta iniciativa, que lle dá continuidade ao traballo desenvolvido por ambos centros o ano anterior, está promovida polos respectivos equipos de dinamización lingüística, en colaboración coas bibliotecas e os departamentos de Lingua Galega e Matemáticas. Para ampliar esta información, preme aquí.
29/04/2015. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia inaugura unha exposición sobre Filgueira Valverde

A Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela acolleu onte, 28 de abril de 2015 , a inauguración da exposición “Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia”, que percorrerá 13 concellos galegos ata final de ano para conmemorar o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2015. Ademais, elaborouse unha versión ampliada desta exposición, que pode visitarse de xeito permanente ata o 24 de maio na sede do Museo de Pontevedra. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
28/04/2015. AXUDAS E PREMIOS

Subvencións ás entidades locais para a promoción do galego

A Secretaría Xeral de Política Lingüística convoca subvencións destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística nas entidades locais, así como ao desenvolvemento de proxectos de dinamización lingüística. Poderán acollerse a estas axudas os concellos ou agrupacións de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes. O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
28/04/2015. DINAMIZACIóN

Feiraco súmase á conmemoración das Letras Galegas

A empresa Feiraco súmase un ano máis á conmemoración do Día das Letras Galegas, dedicado nesta edición a Filgueira Valverde, coa edición especial dun millón de envases conmemorativos, ilustrados cunha caricatura do autor homenaxeado. Os cartóns incluirán tamén un código QR que permitirá descargar o artigo “O galego verdadeiro” (II Adral). No marco desta mesma campaña, Feiraco convoca, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a cuarta edición do seu Certame de Microrrelatos, convidando aos usuarios/as da rede social Facebook a participar cun texto orixinal e inédito en lingua galega dun máximo de 500 caracteres.
27/04/2015. DINAMIZACIóN

Novos materiais didácticos para apoiar a transmisión interxeracional

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e A Mesa pola Normalización Lingüística presentan a obra
O abecedario”, a primeira dunha colección didáctica de 20 títulos deseñados para apoiar a transmisión interxeracional da lingua galega. Con este primeiro volume, que vén acompañado dunha lámina e un vídeo con música, os máis pequenos poderán aprender o abecedario galego apoiándose en ilustracións. Para ampliar a nova, preme aquí.
24/04/2015. INVESTIGACIóN

A debate en Vigo o concepto de neofalante

O Rede Europea sobre os Neofalantes, grupo de investigación sobre o multilingüismo en Europa financiado pola Unión Europea, está a celebrar en Vigo o encontro “Os neofalantes nunha Europa multilingüe: oportunidades e desafíos”. O acto, que está a ter lugar estes días 23 e 24 de abril, reúne a máis de 50 estudosos/as que están a analizar o concepto de “neofalante” desde tres ópticas diferentes: as minorías étnicas, as migracións e a mobilidade laboral transnacional. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
24/04/2015. DINAMIZACIóN

A Mesa e a CIG reivindican o uso do galego na atención á cidadanía

A Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG presentan a campaña “Queremos atención en galego. Queremos traballo aquí”, coa que convidan á cidadanía a demandar atención en galego cando empreguen os servizos telefónicos de administracións e empresas. Os promotores da iniciativa reivindican o uso do galego como lingua preferente nos servizos de atención á cidadanía, un feito que consideran que melloraría a imaxe pública das propias empresas e, ao mesmo tempo, favorecería a creación de postos de traballo no país. Para obter máis información, preme aquí.
23/04/2015. CURSOS E CONGRESOS

Curso de lingua e cultura galegas para estranxeiros/as na Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña (UDC), coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o VIII Curso de Verán de Lingua e Cultura Galegas para Persoas Estranxeiras. O curso conta con dous niveis, elemental (A1-A2) e intermedio (B1-B2), e as sesións desenvolveranse entre os días 1 e 24 de xullo de 2015 na Facultade de Filoloxía da UDC. O prazo de inscrición remata o 12 de maio.
23/04/2015. EMPREGO

Oferta de emprego para profesores de galego

O Grupo Avolar, de Santiago de Compostela, anuncia unha oferta de emprego para profesores de lingua galega. O obxecto do contrato é impartir un curso de linguaxe administrativa, nivel de iniciación, na área de Santiago de Compostela. Para obter máis información, preme aquí.
22/04/2015. AXUDAS E PREMIOS

Resólvense as axudas para proxectos de innovación lingüística nos centros de ensino

A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica a resolución das axudas para a realización dos proxectos de innovación en dinamización lingüística nos centros públicos de ensino. Os cinco proxectos seleccionados son os presentados polo CPI Plurilingüe de Navia de Suarna, o IES Rodeira (Cangas), o IES Perdouro (Burela), o IES Pobra do Caramiñal e os ribeirenses CEIP Plurilingüe de Frións e CEIP Heroínas de Sálvora. Estes centros recibirán 2000 euros para executar os seus proxectos de promoción lingüística. Para ampliar a nova, preme aquí.
21/04/2015. DINAMIZACIóN

A CTNL convida a ofrecer unha imaxe atractiva do idioma

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) presenta a campaña Que se vexa! O galego, co ánimo de contribuír a ofrecer unha imaxe moderna e atractiva do noso idioma en todos os ámbitos sociais, nomeadamente naqueles actos que se celebren para conmemorar o vindeiro Día das Letras Galegas. Con este obxectivo, a CTNL enviou a todos os concellos, institucións, centros de ensino e entidades unha proposta convidándoos a ofrecer esta imaxe moderna do galego nos actos, programas, imaxes, actividades e discursos que organicen arredor do Día das Letras Galegas. Para ampliar esta nova, preme aquí.
21/04/2015. DINAMIZACIóN

Volve o Galegote Rock a Pontevedra

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza unha nova edición do programa de dinamización lingüística Galegote Rock, deseñado para promover os grupos musicais que cantan en galego e fomentar o uso deste idioma nas actividades de lecer da xuventude. Galegote Rock é un programa de concertos que se celebrará os vindeiros días 13, 14, 15 e 16 de maio de 2015 en diferentes bares, salas e prazas públicas de Pontevedra. O programa inclúe as actuacións dos artistas e grupos galegos: Narf, David Regueiro – Swingtet, Querido Extraño, O Xabarín de Bora DJ, Os Amigos dos músicos, Mike Grelo e Curmán, Leo I Arremecághona, Caxade, Superoito e Martelo. Tamén actuarán, como bandas convidadas, os grupos portugueses The Bird Are Indie e A Jigsaw. Para ampliar esta nova, preme aquí.
21/04/2015. DINAMIZACIóN

Preséntase o programa do Festiletras 2015

A Fundación Eduardo Pondal, coa colaboración da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña e do Concello de Ponteceso, presentou o Festiletras 2015, un amplo programa de actividades que se desenvolverá entre os días 10 e 17 de maio na aldea do Couto, Ponteceso, para conmemorar o vindeiro Día das Letras Galegas. O programa inclúe un roteiro pondaliano, actuacións musicais e teatrais, obradoiros literarios, unha feira de artesanía e degustacións gastronómicas, entre outras actividades. Podes ampliar esta información na páxina de Facebook do Festiletras.
21/04/2015. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas sobre a transmisión lingüística fóra das fronteiras

A Gentalha do Pichel organiza as xornadas Línguas de estado além do estado, unhas xornadas de análise sobre o ensino e a transmisión lingüística fóra das fronteiras. Nas sesións estudaranse os casos do español, o alemán e o italiano nos Estados Unidos e Europa, así como do español e o francés en Puerto Rico e Quebec. Tamén se reflexionará sobre o plurilingüismo en Cataluña e exporanse casos prácticos de implementación de recursos lusófonos na escola. As sesións terán lugar os días 24 e 25 de abril de 2015 no Centro Social A Gentalha do Pichel e Escola A Semente, en Santiago de Compostela.
20/04/2015. DINAMIZACIóN

Preséntase unha nova edición do Correlingua

As entidades organizadoras do Correlingua (Asociación Socio-Pedagóxica Galega; CIG-Ensino; A Mesa pola Normalización Lingüística; os concellos de Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense; e a Deputación de Lugo) presentaron a décimo quinta edición desta iniciativa lúdico-didáctica deseñada para que o alumnado de todos os ciclos educativos reivindique publicamente o uso do galego. A carreira, que este ano leva por lema “Galego, a nosa creación común”, percorrerá doce localidades galegas entre os días 4 e 15 de maio.

17/04/2015. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago anima aos composteláns a gozar coas letras

A Concellería de Cultura do Concello de Santiago de Compostela presenta o programa Ler, contar e gozar coas letras 2015, unha campaña de promoción da lectura e de reforzo do uso do galego que se desenvolverá nos centros socioculturais composteláns nos meses de abril, maio e xuño. O programa inclúe actividades para todos os tipos de público (infantil, adulto, familiar), como obradoiros de escritura creativa, encontros con escritores e editores, ou espectáculos lúdicos (música, teatro de monicreques, contacontos). Para ampliar esta información, preme aquí.
16/04/2015. DINAMIZACIóN

Lecer en galego para os máis pequenos da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza o concerto "Lucecús", de Pirilampo, dirixido a familias con nenas e nenos maiores de 3 anos. O obxectivo da iniciativa é fomentar a transmisión lingüística e promover o uso do galego no ámbito do lecer. O concerto celebrarase o sábado 25 de abril, ás 18:00 h, no Fórum Metropolitano da Coruña. A entrada é gratuíta e os convites comezarán a repartirse o vindeiro luns, 20 de abril, na conserxería do Fórum Metropolitano. Para ampliar esta nova, preme aquí.
16/04/2015. OUTRAS

Vocabulario panlatino do desenvolvemento sustentable

A Oficina Quebequesa da Lingua Francesa e a Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) presentan o Vocabulario panlatino do desenvolvemento sustentable, unha obra que compila 292 termos relacionados coa ecoloxía, o medio e o desenvolvemento sustentable, coas súas equivalencias en oito linguas (castelán, catalán, galego, francés, italiano, portugués, romanés e inglés). Das correspondencias en galego ocupouse o Grupo de Investigación en Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega (Grupo TALG), da Universidade de Vigo.
16/04/2015. DINAMIZACIóN

VII Semana do libro en Redondela

Co gallo da conmemoración o vindeiro 23 de abril do Día Mundial do Libro, O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e as bibliotecas públicas do municipio organizan a sétima edición da Semana do libro: a festa das palabras. Trátase dunha campaña de animación á lectura e de difusión das diferentes linguas que se falan na Península Ibérica, que se desenvolverá ao longo deste mes de abril en diferentes espazos públicos do concello. O programa inclúe unha exposición multilingüe de libros, presentacións de publicacións, contacontos para bebés e representacións teatrais para escolares. Para ampliar esta información, preme aquí.
15/04/2015. DINAMIZACIóN

Preséntase a primeira revista sobre rugby en galego

Os dous equipos de rugby da cidade de Pontevedra, Mareantes e Pontevedra Rugby Club, comezarán a distribuír “O Salmón Oval”, a primeira revista sobre rugby en lingua galega. A publicación, editada por Isaac Xubín, inclúe reportaxes, entrevistas, artigos de opinión e as novas que xeran estes dous equipos da cidade. O principal obxectivo da iniciativa é difundir o rugby e normalizar o uso do galego no ámbito desta disciplina deportiva. Para ampliar esta información, preme aquí.
14/04/2015. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro de recursos lingüísticos para o tempo libre

O Concello de Pontevedra organiza o obradoiro “Recursos da nosa lingua para o tempo libre”, no marco do programa de formación para o emprego xuvenil Pisando Forte 2015. O obradoiro, dirixido a mocidade de 16 a 35 anos, ten como obxectivo fornecer ferramentas que faciliten a creación de espazos de socialización en galego no ámbito do lecer (campamentos, ludotecas, escolas…). Os contidos estruturaranse en diferentes áreas: musical, xogo, expresión oral e escrita, TIC´s, educación ambiental e contidos sociolingüísticos. O prazo de inscrición remata o 15 de abril de 2015.
13/04/2015. DINAMIZACIóN

A USC convoca a cuarta edición do concurso “Somos a curta!”

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Comunicación e o Servizo de Normalización Lingüística da USC convocan o IV Premio de pezas audiovisuais curtas de comedia "Somos a curta!", que ten como obxectivo promover o uso da lingua galega nos novos valores do audiovisual galego. O certame está destinado ao alumnado das universidades galegas, das titulacións impartidas nas escolas oficiais de Imaxe e Son ou da titulación de bacharelato artístico de calquera dos institutos de educación secundaria de Galicia. O xurado outorgará dous premios, de 400 e 200 euros respectivamente, e diploma honorífico. Haberá tamén un premio do público, dotado dun diploma honorífico. O prazo de inscrición remata o 13 de outubro de 2015.
13/04/2015. CURSOS E CONGRESOS

Obradoiro para mellorar o discurso oral do alumnado da USC

As comisións de normalización lingüística da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, organizan o obradoiro “Mellora o teu discurso oral”, dirixido preferentemente ao alumnado de calquera titulación de grao ou mestrado da USC con nivel de Celga 4 ou equivalente. Tamén poderán participar membros do PDI ou do PAS co mesmo nivel de galego. O obxectivo do obradoiro é fornecer ferramentas para mellorar o discurso oral do alumnado, a través da adquisición de habilidades sociais e comunicativas, así como de competencias discursivas e lingüísticas orais. As sesións terán lugar na Facultade de Filosofía do 20 de abril ao 6 de maio de 2015. O prazo de matrícula está aberto ata o 15 de abril de 2015.
10/04/2015. OUTRAS

O CCG presenta o facsímile da obra “Os nenos”, de Filgueira Valverde

Co gallo da celebración do vindeiro Día das Letras Galegas 2015, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a edición facsimilar da obra de Filgueira Valverde “Os nenos”, que inclúe tamén traballos de contextualización literaria e artística. A presentación pública terá lugar hoxe, 10 de abril de 2015, ás 12:00 h, na sede do CCG. No acto intervirán Ramón Villares, presidente do CCG, Fernando Filgueira, presidente da Fundación Filgueira Valverde, e David Pintor, ilustrador.
10/04/2015. INVESTIGACIóN

Preséntase en Santiago a obra “Modelos de lingua e compromiso”

O vindeiro martes, 14 de abril, ás 20:00 h, terá lugar na Libraría Pedreira, en Santiago de Compostela, a presentación da obra Modelos de lingua e compromiso, coordinada por Xosé Manuel Sánchez Rei e editada por Baía Edicións. Trátase dunha obra colectiva que compila cinco contribucións de Xosé Ramón Freixeiro, Xosé Manuel Sánchez, Laura Tato, Manuel Ferreiro e Goretti Sanmartín, docentes da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. O fío condutor do estudo é a reflexión sobre a vinculación entre o compromiso coa normalización do idioma e a promoción dun modelo de lingua de calidade.
09/04/2015. AXUDAS E PREMIOS

Premio ao uso do galego en Twitter

A iniciativa Twitter en galego presenta o concurso Premio á Conta 2015, co obxectivo de premiar o uso do galego por parte das usuarias e usuarios desta rede social. Os usuarios/as teñen de prazo ata o 19 de abril para propoñer aquela conta que consideran merecedora do premio. A conta gañadora darase a coñecer o 7 de maio, coincidindo co IV aniversario da Iniciativa Twitter en galego. O premio, de carácter meritorio, consistirá na entrega dunha figura conmemorativa e mais dun exemplar da obra Atravesar o fantasma, de Carlos Callón. Así mesmo, a conta gañadora gozará durante un ano dun espazo destacado no propio web da iniciativa.
09/04/2015. OUTRAS

PreLo, nova plataforma para o préstamo de libros electrónicos

A Universidade de Santiago de Compostela presenta PreLo, a súa nova plataforma para o préstamo de libros electrónicos. A través deste portal, os membros da USC poderán consultar os libros electrónicos adquiridos por esta universidade, ademais dos que esta reciba pola vía do intercambio científico coas outras universidades españolas que colaboran na iniciativa. O fondo inicial está integrado por 1098 exemplares, 81 deles editados en lingua galega. A lectura pode facerse en liña, dende calquera tipo de ordenador, tableta, teléfonos intelixentes e dispositivos de pantalla con acceso a Internet, ou sen conexión á rede, descargando previamente o libro. Para ampliar información, preme aquí.