Novas da lingua

Rexistros2971 a 3000 de 4427
08/04/2015. CURSOS E CONGRESOS

XXIV Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, foro de referencia para o debate sobre as principais cuestións que afectan á docencia da Lingua e Literatura Galega no ensino. A xornada, dirixida ao colectivo de profesorado non universitario de Galicia, terá lugar o 18 de abril de 2015 no IES As Fontiñas, en Santiago de Compostela. O prazo de matrícula remata o 17 de abril.
08/04/2015. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a promoción do talento audiovisual galego

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca axudas para a creación de obras audiovisuais, en versión orixinal en lingua galega, con decidida vocación artística e cultural. En concreto, subvenciónase a escrita de guións e a realización de curtametraxes a cargo de creadores individuais, así como a realización de longametraxes a cargo de empresas individuais ou produtoras. O prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria.
07/04/2015. CURSOS E CONGRESOS

Formación lingüística para o persoal da Administración local

A Escola Galega de Administración Pública anuncia, no DOG do 7 de abril de 2015, a convocatoria de actividades de formación para o persoal da Administración local da Comunidade Autónoma de Galicia. Entre a oferta formativa inclúense os seguintes cursos de temática lingüística: “Redacción de documentos técnico-xurídicos en galego”, “A calidade da redacción administrativa. Técnicas para mellorala” e “Manual de estilo do DOG e outras publicacións institucionais”. O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
06/04/2015. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de verán de lingua e cultura galegas en Santiago de Compostela

A Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega (USC), a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña organizan unha nova edición destes cursos estivais, dirixidos a persoas de fóra de Galicia, que se desenvolverán entre os días 1 e 24 de xullo de 2015. Os cursos, que se organizan en diferentes niveis (elemental, medio e curso superior de lingüística e de literatura galegas) teñen como principal finalidade ofrecerlle ao alumnado a posibilidade de se familiarizar coa lingua, a literatura e a realidade sociocultural galegas.
O prazo de inscrición remata o 30 de abril de 2015. Para obter máis información sobre os trámites de inscrición e matrícula, preme aquí.
06/04/2015. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito e mais o Servizo de Normalización Lingüística da UDC convocan a sexta edición do Premio Lois Tobío de Investigación Xurídica en Lingua Galega, dirixido ao estudantado da Facultade de Dereito da UDC durante o curso 2014-2015, así como en xeral aos licenciados/as ou gradudados/as en Dereito en calquera universidade galega. Os traballos deberán ser inéditos, estar redactados en lingua galega e versar sobre calquera obxecto susceptible de ser analizado baixo metodoloxía xurídica. O prazo de presentación remata o 19 de outubro de 2015.
31/03/2015. OUTRAS

Edítase o primeiro manual en galego para as oposicións a bombeiro

O secretario xeral de Política Lingüística presentou onte, 30 de marzo, na sede da Academia Galega de Seguridade a obra “O bombeiro galego. Temario e cuestionarios”, autoría do bombeiro Gerardo Fernández Costa. Trátase do primeiro manual en galego para preparar as oposicións a bombeiro, editado en dous volumes por Andavira Editora, onde se desenvolven os temas teóricos recollidos nas últimas bases das oposicións das cidades galegas que contan con servizos públicos de extinción de incendios. Para ampliar esta nova, preme aquí.
30/03/2015. OUTRAS

Leve incremento da edición en galego

O Instituto Nacional de Estatística fixo públicos os datos sobre a produción editorial de libros en 2014. Os datos constatan un leve incremento da edición en galego, tras a drástica caída experimentada en 2013. O número total de títulos (libros e folletos) editados en galego en 2014 é de 860. Así mesmo, traducíronse do galego para outras linguas 17 títulos. En Galicia, en 2014 editáronse 2.295 títulos. Destes, 1.253 editáronse en castelán e 757 en galego. No resto dos casos, trátase de edicións bilingües ou noutros idiomas.
27/03/2015. DINAMIZACIóN

VI Certame de Cinema OUFF Escola

O Concello de Ourense, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, convoca o VI Certame de Cinema OUFF Escola, que se desenvolverá no marco da vixésima edición do Festival de Cine Internacional de Ourense. O obxectivo de Ouff Escola é impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, fomentar a creatividade audiovisual e promover o traballo en equipo. Pode participar no certame o alumnado matriculado en centros públicos e privados de ensino non universitario de Galicia durante o curso 2014-2015, así como aqueles de fóra de Galicia que teñan no seu currículo materias de e en lingua galega. O prazo de inscrición remata o 30 de xuño de 2015.
27/03/2015. INVESTIGACIóN

Novo glosario sobre vocabulario básico de dereito mercantil

O Servizo de Normalización Lingüística e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago presentan o glosario Termos esenciais de dereito mercantil, autoría de Miriam Martínez e Xusto Rodríguez. A obra recolle 1218 conceptos en galego xunto coas súas correspondencias en castelán. Trátase do sexto volume da colección de glosarios centrada no vocabulario básico do dereito que edita a USC e que podes consultar no andel de traballos terminolóxicos do seu Servizo de Normalización Lingüística.
26/03/2015. DINAMIZACIóN

O Concello de Santiago premia a publicidade comercial en galego

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o III Concurso de proxectos de publicidade comercial en galego, co obxectivo de fomentar o uso do galego na comunicación comercial, asociar a lingua galega a proxectos de modernización e promover as empresas de ámbito local. Para participar cómpre presentar un proxecto de campaña publicitaria, deseñado para calquera soporte e sistema de distribución, que xogue co léxico da chuvia e que sexa elaborado por un profesional para un negocio concreto do municipio. O prazo de inscrición remata o 30 de maio de 2015 e o/a gañador/a recibirá un premio en metálico de 5 000 euros. Para ampliar esta información, preme aquí.
24/03/2015. DINAMIZACIóN

Doce concellos traballarán pola socialización en galego desde a infancia

Doce concellos galegos comprometéronse onte, 23 de marzo de 2015, en Santiago de Compostela a implementar o programa Apego, un proxecto de transmisión interxeracional do galego deseñado para fornecer recursos e crear espazos de uso que permitan a socialización en galego desde a primeira infancia. No marco desta iniciativa desenvolveranse diferentes accións, como a edición de materiais informativos, a distribución de caixas de recursos (libro de recomendacións, manta-apego, medidor…), a produción dun disco con cancións infantís ou a organización de obradoiros formativos. Os concellos que participarán na iniciativa son A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo. Para ampliar esta nova, preme aquí.
23/03/2015. INVESTIGACIóN

Divulgare aposta polo galego como vehículo de transmisión científica

O grupo Divulgare, do Laboratorio de evolución e ecoloxía da Universidade de Vigo, decidiu apostar polo galego como vehículo de divulgación científica poñendo ao dispor de toda a sociedade a versión no noso idioma dos seus vídeos, recoñecidos con 14 premios internacionais e accesibles a públicos non especializados. O traballo de tradución foi realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, ao abeiro dun convenio que esta universidade asinou coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A maior parte destes vídeos, que teñen como fío argumental o cambio global, están xa dispoñibles na canle de divulgación do grupo Divulgare.
19/03/2015. CURSOS E CONGRESOS

Xornadas de Lexicografía 2015

As tres universidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) organizan as Xornadas de Lexicografía 2015, deseñadas para difundir e avaliar as diferentes ferramentas lexicográficas dispoñibles na actual era dixital. A actividade está especialmente dirixida ao alumnado universitario dos últimos anos de grao e ao persoal en formación, doutorandos e investigadores novos. As sesións desenvolveranse entre os meses de marzo e xuño de 2015 na Facultade de Filoloxía da USC, na Facultade de Filoloxía da UDC e na Casa das Campás da UVigo-Campus de Pontevedra. A inscrición é gratuíta e os prazos varían segundo a sede de celebración.
18/03/2015. DINAMIZACIóN

Conmemórase o aniversario da primeira sentenza en galego

O Concello de Redondela, a Xunta de Galicia e a Irmandade Xurídica Galega celebraron onte, 17 de marzo de 2015, o acto “As raíces da lingua 1228-2015”, para conmemorar o 30 aniversario da primeira sentenza en lingua galega. Con esta celebración, que tivo lugar en Redondela, lembrouse o fito histórico que supuxo que a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, a pedimento do Concello de Redondela, ditara en 1985 a primeira sentenza en galego. No transcurso do acto, os promotores presentaron a “Declaración de Redondela”, asinada por 21 avogados/as da localidade, e o manifesto “Para sermos máis nós”, ao que se adheriron máis de 600 veciños/as comprometidos co uso do galego no ámbito xurídico.
16/03/2015. AXUDAS E PREMIOS

Premios á edición en lingua galega no ano 2014

A Asociación Galega de Editores celebrou o pasado sábado, 14 de marzo de 2015, o acto de entrega dos X Premios Ánxel Casal, que teñen como obxectivo recoñecer o traballo editorial en lingua galega realizado polos seus membros ao longo do ano. A viaxe da Gagarin, de Agustín Fernández Paz (Xerais); O soño galego de Julio Cortázar, de Francisco F. Naval (Ediciones Linteo); Estrela do Norte, de Luís Rei (Kalandraka); Leviatán, de Ramón Trigo (Kalandraka); Escarlatina a cociñeira defunta, de Ledicia Costas (Xerais); As floriñas de S. Francisco, traducido por Dario Xohán Cabana (Alvarellos); As mulleres galegas. Das marchas nómadas ás marchas mundiais das mulleres, de Pepe Carreiro (Baía); a Colección Rescate (Alvarellos), María Reimóndez e as bibliotecas escolares de Galicia foron os autores, obras e entidades galardoadas nas diferentes categorías. Para ampliar esta información, preme aquí.

13/03/2015. DINAMIZACIóN

Novo ciclo de cinema en Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza un novo ciclo de cinema en galego, coa finalidade de difundir a creatividade audiovisual en lingua galega e fomentar a creación de espazos de lecer no noso idioma. Os filmes que se proxectarán son “A tropa de trapo na selva do arco da vella” (15 de marzo, ás 18:00 h) e “Os fenómenos” (20 de marzo, ás 20:00 h). As proxeccións terán lugar no Auditorio da Xunqueira, en Redondela. Para obter máis información, preme aquí.
12/03/2015. DINAMIZACIóN

II Concurso de vídeo-creación para centros de ensino

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza o II Concurso de vídeo-creación para centros de ensino, co obxectivo de fomentar o uso do galego na comunidade educativa e na súa contorna. Poderán participar todos os centros de ensino non universitario de Galicia. A temática dos audiovisuais será a promoción do uso do galego. Outorgarase un premio de 400 euros para o/a gañador/a de cada unha das categorías (infantil, primaria, secundaria obrigatoria, secundaria postobrigatoria e premio do público). O prazo para a entrega dos traballos remata o 2 de maio de 2015.
11/03/2015. DINAMIZACIóN

XII Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames convoca unha nova edición deste certame literario que ten como principal obxectivo promover os novos valores da literatura en lingua galega. O certame conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas estableceranse tres categorías, segundo a idade dos participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega. O prazo de presentación de orixinais remata o 11 de abril de 2015. Para consultar as bases completas da convocatoria, preme aquí.
11/03/2015. AXUDAS E PREMIOS

VI Premio “Rosalía de Castro” de Lingua e Cultura 2015

A Unidade Técnica de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca o VI Premio Rosalía de Castro de Lingua e Cultura 2015, que ten como principais obxectivos manter viva a figura de Rosalía de Castro e recoñecer aquelas iniciativas, persoas ou entidades que traballan a prol da promoción social e dignificación do idioma galego. O prazo para a presentación de candidaturas remata o 30 de abril de 2015.
10/03/2015. AXUDAS E PREMIOS

XI Premio a artigos xornalísticos normalizadores

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo convoca a undécima edición deste premio que ten como obxectivo principal promover a reflexión sobre a situación social da lingua galega e crear espazos nos xornais para fomentar o seu uso e prestixio. Outorgarase un único premio de 1000 euros, ademais da publicación do artigo gañador nos nove medios de comunicación que colaboran coa iniciativa. O prazo de presentación dos artigos, que deben ser inéditos, remata o 15 de abril de 2015. Se desexa consultar as bases, prema aquí.
09/03/2015. DINAMIZACIóN

VI Certame de Microrrelato en Galego “EOI de Pontevedra”

O Equipo de Dinamización da Lingua da Escola Oficial de Idiomas de Pontevedra, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, convoca o VI Certame de Microrrelato en Galego “EOI de Pontevedra”. Os participantes deberán crear un texto literario dun máximo de 150 palabras no momento, a partir da inspiración que lles suxiran tres palabras escollidas ao chou no mesmo intre de realizar a proba, de dúas horas de duración. O certame celebrarase mañá, 10 de marzo de 2015, ás 19:00 h, de xeito simultáneo no salón de actos da EOI de Pontevedra e nos centros da Estrada e de Lalín.
06/03/2015. DINAMIZACIóN

A Mesa propón seis medidas urxentes para normalizar o galego

A Mesa pola Normalización Lingüística presenta un documento con seis medidas urxentes para a normalización da lingua galega centradas nos ámbitos dos medios de comunicación públicos (de Galicia e Portugal), do ensino, da administración, dos transportes públicos e das subvencións. Con este documento a Mesa fai un chamamento ao conxunto da sociedade galega e a todas as organizacións sociais, sindicais e políticas para que aposten decididamente polo uso da lingua galega. Así mesmo, os dirixentes da Mesa solicitarán unha reunión co presidente do Goberno galego para presentarlle estas medidas e debater posibles vías de implementación.
04/03/2015. DINAMIZACIóN

A mocidade pontevedresa volve darlle a benvida a maio

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra e a Coordinadora de Equipos de Normalización da Lingua Galega dos IES e CIFP de Pontevedra organizan unha nova edición do programa Ben veñas, maio, dirixido ao alumnado de ensino medio do concello. A iniciativa, que inclúe diferentes certames (fotografía, banda deseñada, narración curta, poesía e música) e unha mostra de teatro, está deseñada para fomentar o uso do galego nas actividades propias da mocidade, así como incentivar a reflexión sobre a situación actual do idioma. O prazo de presentación dos traballos remata o 10 de abril de 2015.
03/03/2015. DINAMIZACIóN

I Concurso de bandas en galego, Novo Cruceiro Rock

A Asociación Cultural Novo Cruceiro, de Vila de Cruces, organiza o I Concurso de bandas en galego, Novo Cruceiro Rock, co obxectivo de darlles visibilidade ás bandas de rock que fan música en galego. As bandas interesadas deben presentar, antes do 31 de marzo de 2015, tres temas orixinais cantados en galego. Ademais dun premio en metálico de 300 euros, a gañadora na fase final actuará como banda convidada no festival Novo Cruceiro Rock, que se celebrará o 7 de Agosto de 2015 en Vila de Cruces. Podes obter máis información, na páxina de Facebook da iniciativa.
02/03/2015. DINAMIZACIóN

Xogos con música para fomentar o lecer en galego

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña organiza “Son xogos, xogos sons”, dirixido a nenas e nenos de entre 4 e 9 anos. Trátase dun concerto obradoiro de xogos e bailes tradicionais, acompañados das melodías de Pablo Díaz e Olga Kirk, co obxectivo de promover a transmisión xeracional do noso patrimonio cultural e lingüístico e fomentar a creación de espazos de lecer en galego. Organizaranse dúas edicións, a primeira o vindeiro sábado, 7 de marzo, e unha segunda o sábado 9 de maio, ás 12.00 h, no Centro Ágora. Para obter máis información, preme aquí.
26/02/2015. DINAMIZACIóN

A mocidade da Pobra do Caramiñal pasa outros 21 días co galego

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega e mais o Departamento de Lingua Galega do IES da Pobra do Caramiñal organizan a terceira edición da campaña de dinamización lingüística 21 días co galego, que ten como obxectivos perfeccionar a competencia lingüística do alumnado e promover a reflexión individual sobre os propios usos lingüísticos. A iniciativa, que se desenvolverá entre os días 23 febreiro e 15 de marzo, centrarase nesta ocasión na presenza do galego na rede. Podes manterte ao día do desenvolvemento da campaña a través do seu blog.
24/02/2015. DINAMIZACIóN

Google agasalla a Rosalía cun “doodle” polo seu aniversario

O coñecido buscador de Internet Google dedícalle hoxe, 24 de febreiro de 2015, o seu “doodle” (imaxe coa que o buscador decora as letras do seu logo) a Rosalía de Castro, con motivo do 178 aniversario do nacemento da autora. Así mesmo, a cidadanía no seu conxunto e, nomeadamente, o ámbito cultural galego están tamén a festexar esta data participando nos diferentes actos que, a proposta da Asociación de Escritores en Lingua Galega, se están a celebrar ao longo do país.
24/02/2015. DINAMIZACIóN

Preséntase o programa oficial para festexar as Letras Galegas 2015

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou a programación oficial que promove a Xunta de Galicia para conmemorar o Día das Letras Galegas 2015, que a Real Academia Galega acordou dedicar ao escritor e intelectual pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. O programa inclúe edicións conmemorativas, traducións, exposicións, concertos musicais e propostas de dinamización lingüística nos centros de ensino, entre outras actividades. Ademais da Xunta de Galicia, colaboran no programa a Deputación de Pontevedra, a Real Academia Galega, a Fundación Filgueira Valverde, o Consello da Cultura Galega, a CRTVG e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Podes ampliar esta nova premendo aquí.
24/02/2015. DINAMIZACIóN

O Conto viaxeiro volve a Santiago

O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago organiza unha nova edición do Conto viaxeiro, dirixido ao alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de educación primaria do concello. A actividade consiste na creación colectiva dun conto, co obxectivo de achegar os escolares á lingua galega e á literatura oral e escrita a través da creatividade. Todas as fotografías, os debuxos, o conto ilustrado e o vídeo-conto publicaranse no blog da actividade. Os centros interesados en participar deben enviar a ficha de inscrición antes do vindeiro 3 de marzo de 2015. Para ampliar esta nova, preme aquí.
23/02/2015. EMPREGO

Bolsas de colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo

A Universidade de Vigo convoca dúas bolsas de formación na súa Área de Normalización Lingüística (ANL) destinadas á formación complementaria do estudantado, participando nas actividades que se desenvolven na ANL. Os solicitantes deben ser estudantes de Filoloxía Galega, Grao en Estudos de Galego e Español (itinerario lingua galega e española/lingua e literatura galega) ou de Tradución e Interpretación (Lingua A: Galego) da Universidade de Vigo no curso 2014/2015 e ter cursado polo menos a metade dos créditos da titulación.
O prazo de presentación de solicitudes remata o vindeiro 13 de marzo de 2015, ás 14:00 h.