A Concellería de Cultura do Concello da Coruña, a través do Servizo de Normalización Lingüística, organiza Musicando no Nadal, un programa de concertos en galego para público familiar con nenas e nenos a partir de 4 anos. O programa, que se desenvolverá os días 2, 3 e 4 de xaneiro de 2015 no Forum Metropolitano, contará coas actuacións de Mamá Cabra, Pablo Díaz e Olga Kirk, e Lydia Botana. As persoas interesadas poden recoller as entradas de balde a partir do 22 de decembro no Forum Metropolitano e no Centro Ágora.
18/12/2014. DINAMIZACIóN
16/12/2014. DINAMIZACIóN
O Gabinete de Normalización Lingüística do Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipas de Normalización de Ferrolterra están a desenvolver unha nova edición do ciclo de cine “En galego, de película”, dirixido ao alumnado dos centros de ensino non universitario. A edición deste ano 2014 inaugurouse onte, 15 de decembro, coa proxección do filme “A casa da luz” e continuará hoxe e maña (16 e 17 de decembro) coas proxeccións de “Os mortos van á présa” e “A tropa de trapo na selva do arco da vella”. O obxectivo da iniciativa é familiarizar o alumnado, desde unha perspectiva didáctica, co audiovisual en lingua galega.
16/12/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames organiza o VIII Concurso de cartas de Nadal. Todos os/as nenos/as de Ames que queiran participar neste concurso deben depositar as súas cartas, escritas en galego, nas caixas de correo real distribuídas por diferentes lugares do concello antes do 18 de decembro. Os Reis Magos contestarán todas as cartas recibidas e o 5 de xaneiro, durante a cabalgata real, eles mesmos farán a entrega dos premios. Para ampliar esta información, preme aquí.
16/12/2014. DINAMIZACIóN
A rede de empresas Abertos ao Galego, iniciativa promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística, difunde a cuarta edición do seu catálogo de Nadal, que compila unha selección de servizos e produtos que se ofertan en galego. O obxectivo é achegarlles aos potenciais consumidores ideas de agasallos para esas datas festivas e, ao mesmo tempo, fomentar un consumo responsable que aposte pola calidade, a proximidade e o idioma.
15/12/2014. DINAMIZACIóN
A Secretaría Xeral de Política Lingüística presenta a terceira edición do programa “Nadal en Rede”, que percorrerá máis de 60 concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística co obxectivo de fomentar a galeguización das festas típicas do Nadal. O programa inclúe diferentes actividades lúdicas para os/as máis pequenos/as (música, teatro, visita dos Reis Magos a varios centros escolares…). Así mesmo, a cidadanía ten ao seu dispor na rede unha selección de recursos dixitais, como postais, modelos de carta aos Reis Magos ou unha guía de agasallos en galego. Para obter máis información, preme aquí.
11/12/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Cámara de Comercio e o Concello de Santiago anuncian os galardoados da décimo quinta edición dos Premios Manuel Beiras. Os premiados deste ano foron Conxelados José Bermúdez, na categoría de uso continuado do idioma galego; Promove Consultoría e Formación, na categoría de nova incorporación ao uso do galego; e a Asociación Puntogal, que recibirá unha distinción especial por ser a promotora da candidatura para a consecución deste dominio en Internet para os contidos galegos e en galego. Para ampliar esta información, preme aquí.
10/12/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza o seminario “Estudos Galegos / Estudos Ibéricos Alén das Fronteiras”, que terá lugar os días 17, 18 e 19 de decembro de 2014 na sede do CCG, en Santiago de Compostela. O obxectivo do seminario é reflexionar sobre as modalidades de promoción, difusión e articulación dos Estudos Galegos/Estudos Ibéricos nos ámbitos académicos internacionais. O número de prazas está limitado a 30 persoas. Terán preferencia aquelas persoas relacionadas coa proxección internacional da lingua e cultura galegas.
10/12/2014. DINAMIZACIóN
A Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (FECIMO) organiza, no marco da campaña de Nadal 2014, a xincana infantil “Os caza-palabras”, dirixida a nenas e nenos de entre 4 e 14 anos. Trátase dunha actividade lúdica relacionada coa lingua galega (os participantes terán que “cazar” a palabra escrita correctamente en galego) co obxectivo de que as familias interactúen co tecido empresarial do Morrazo. As probas da xincana realizaranse no interior dos establecementos asociados a FECIMO e os/as gañadores/as recibirán unha tableta (1º premio) ou unha cesta infantil de Nadal (2º premio). Para obter máis información, preme aquí.
05/12/2014. INVESTIGACIóN
O Instituto Galego de Estatística (IGE) presenta os datos da Enquisa de condicións de vida das familias do ano 2013, que se centrou, como xa acontecera no 2003 e 2008, na análise do coñecemento e uso do galego. A enquisa ofrece datos detallados (segundo idade e ámbito social) sobre coñecemento e uso do galego, así como sobre a percepción do idioma na sociedade. En termos xerais, no que respecta ao uso, o 31,20% da poboación declara falar sempre en galego, o 20,29% máis galego ca castelán, o 22,26% máis castelán ca galego, e o 26,25% só castelán. Se comparamos estes datos cos achegados pola enquisa de 2008, obsérvase un descenso de bilingües con predominio do galego e un ascenso de monolingües en castelán.
03/12/2014. DINAMIZACIóN
O Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela convoca unha nova edición do Concurso de cartas de Nadal, para fomentar a creatividade dos máis pequenos/as, promover o uso do galego nas actividades do lecer e contribuír á transmisión interxeracional do patrimonio cultural. Os/as nenos/as teñen de prazo ata o 18 de decembro de 2014 para entregarlle a súa carta a Xián, o Xestor Interestelar de Agasallos do Nadal. Os/as autores/as das tres cartas gañadoras recibirán un premio de carácter cultural.
03/12/2014. DINAMIZACIóN
O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CEIP do Foxo, a Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) e a Asociación Comarcal de Empresarios (ACE) presentan a segunda edición da campaña de etiquetado “Bicos a moreas”. Trátase dunha colección de etiquetas, deseñada polo alumnado do CEIP do Foxo, con debuxos e mensaxes en lingua galega, que se repartirán entre os comerciantes asociados a ACOE e ACE para que adornen os agasallos da campaña de Nadal. O obxectivo da campaña é fomentar o uso do galego no sector económico, promovendo ao mesmo tempo o comercio local.
02/12/2014. OUTRAS
O vindeiro venres inaugúrase no Pazo da Cultura de Pontevedra unha nova edición do Culturgal, a feira das industrias culturais galegas. O Culturgal 2014, que se desenvolverá os días 5, 6 e 7 de decembro, conta cun amplo programa de actividades e espazos de exposición nos que estarán representadas entidades dos diferentes ámbitos do sector cultural galego (música, literatura, lingua, creación audiovisual, artes escénicas, deseño, novas tecnoloxías, etc.). Entre as actividades programadas, destacamos a xornada técnica “Novas ideas na escola: das ferramentas TIC e outras tecnoloxías”, dirixida ao profesorado galego.
27/11/2014. DINAMIZACIóN
O Concello de Silleda, a asociación ECOS, o IES Pintor Colmeiro e os centros de ensino do municipio están a colaborar en diferentes iniciativas destinadas a dinamizar o uso do galego no Nadal, principalmente nos ámbitos educativo e socioeconómico. Con este obxectivo organizan o programa Silledagasalla, que inclúe dous concursos escolares que permitirán seleccionar os lemas e debuxos que os comercios empregarán nos carteis e agasallos. Así mesmo, o Concello de Silleda organiza unha nova edición do Concurso de Escaparates “Nadal en Galego”, deseñado para promover o comercio local e fomentar o galego no sector económico. Neste caso, o alumnado do IES Pintor Colmeiro participará formando parte do xurado.
26/11/2014. EMPREGO
O Parlamento de Galicia anuncia a convocatoria de dúas bolsas, de doce meses de duración, que teñen por obxecto a formación práctica de licenciados/as universitarios/as, desenvolvendo as tarefas que encomende o Servizo de Publicacións desta institución. Poden optar a esta bolsa as persoas que posúan o grao ou licenciatura universitaria en Tradución e Interpretación, na que a lingua de orixe principal da súa combinación lingüística (1ª lingua ou lingua A1) sexa a lingua galega, ou a licenciatura en Filoloxía Galega. O prazo de presentación de solicitudes é de quince días naturais, contados a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Parlamento de Galicia.
25/11/2014. DINAMIZACIóN
A Asociación Ponte… nas Ondas! celebra a duodécima edición da Mostra da Oralidade Galego-Portuguesa, un evento dirixido ao público infantil das dúas beiras do Miño co obxectivo de transmitirlle o seu patrimonio lingüístico común (narración oral, cantos, danzas, música, xogos de lingua, etc.). O acto terá lugar hoxe, 25 de novembro de 2014, ás 11:30 h, no Auditorio Afundación en Vigo.
Así mesmo, unha delegación galego-portuguesa da Asociación Ponte… nas Ondas! recollerá tamén hoxe en Barcelona o Premio Ondas 2014 á mellor cobertura informativa, un recoñecemento aos vinte anos do seu proxecto de radio escolar.
Así mesmo, unha delegación galego-portuguesa da Asociación Ponte… nas Ondas! recollerá tamén hoxe en Barcelona o Premio Ondas 2014 á mellor cobertura informativa, un recoñecemento aos vinte anos do seu proxecto de radio escolar.
24/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Centro de Estudos da Lingua e Cultura Galegas (CELGA) da Universidade Federal da Bahia organiza o I Encontro Brasileiro de Estudos Galegos, que terá lugar entre o 13 e o 15 de abril de 2015. O obxectivo do encontro é fomentar o diálogo intelectual entre investigadores de diferentes universidades que se dedican aos estudos galegos. A comisión organizadora convida a profesionais, estudantes e interesados/as na lingüística, literatura e cultura galegas a participaren, ben na modalidade de comunicación individual, ben na de presentación de póster. O prazo para enviar os resumos remata o 15 de xaneiro de 2015.
21/11/2014. OUTRAS
O Proxecto Trasno organiza a Trasnada 14, un encontro que terá lugar mañá, 22 de novembro, a partir das 10:30 h, no Centro Social do Gorgullón, en Pontevedra . Trátase dunha xuntanza de debate terminolóxico, na que tamén se ensinará a configurar e preparar un proxecto de tradución de software libre. As sesións serán públicas, polo que ademais dos membros do Proxecto Trasno, tamén poden asistir todas aquelas persoas que queiran iniciarse no traballo de tradución do software libre ao galego.
21/11/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Secretaría Xeral de Medios fai pública, no DOG do 21 de novembro de 2014, a resolución da convocatoria de axudas ás empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego. Para consultar a listaxe de publicacións subvencionadas, preme aquí.
18/11/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración cos equipos de dinamización lingüística de varios centros de ensino do municipio, organiza diferentes actividades de dinamización lingüística dirixidas ao alumnado de primaria. Ao longo desta segunda quincena de novembro, máis de 1000 estudantes de primaria participarán no obradoiro Lingua Forza 3, unha xincana con probas e xogos populares en versión lingüística. Así mesmo, catro centros escolares do norte da cidade asistirán ás xornadas micolóxicas que terán lugar os días 18 e 19 de novembro, co obxectivo de vincular dinamización lingüística e coñecemento do propio contorno.
18/11/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Teo organiza unha nova edición do Concurso de postais de Nadal, co obxectivo de promover a creatividade e o uso do galego entre a poboación máis nova do concello. O concurso, organizado en colaboración cos centros educativos, establece diferentes categorías segundo a idade dos participantes. As postais poden ter unha dimensión máxima de 21x15 centímetros e deben incluír un debuxo relacionado co Nadal e un desexo en lingua galega. O prazo para presentar os traballos remata o 3 de decembro de 2014.
18/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela organiza, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, a oitava edición da Xornada “Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización”, que ten como obxectivo promover a reflexión sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito da xustiza. A xornada terá lugar o vindeiro 25 de novembro de 2014, ás 19:00 h, no salón de actos do colexio de avogados compostelán. A matrícula é de balde. Para acceder á ficha de inscrición, preme aquí.
18/11/2014. DINAMIZACIóN
A Coordinadora Galega de ENDL presenta, un ano máis, un espazo web dirixido á comunidade educativa que compila materiais e recursos didácticos para traballar nas aulas os contidos relacionados co Nadal. Entre outros materiais, facilítanse modelos de cartas e postais, música, propostas de actividades, recursos didácticos e novas de interese relacionadas con estas datas festivas.
18/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Institut Ramon Llul e a Università Ca’ Foscari Venezia organizan a xornada “Linguas comparadas: a didáctica das linguas afíns (catalan-galego-italiano-espanol)”, que terá lugar en Venecia o vindeiro 28 de novembro de 2014. O relatorio sobre a lingua galega correrá a cargo de María Pardo, lectora no Centro de Estudos Galegos da Università degli Studi di Padova.
17/11/2014. INVESTIGACIóN
A Modern Language Association, asociación norteamericana de referencia para investigadores de lingua e literatura, comunicou oficialmente que acaba de aprobar a creación do “Galician Language, Literature and Culture Forum”, unha sección permanente e un grupo de debate sobre lingua, literatura e cultura galegas. Os promotores da iniciativa consideran que a introdución dos estudos galegos no seo desta prestixiosa asociación americana, con arredor de 28 000 membros en máis de 100 países, suporá un importante pulo na proxección internacional do noso idioma.
17/11/2014. DINAMIZACIóN
O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela organiza unha nova edición de Lareta, Festival de Monólogos de Redondela, unha actividade deseñada para fomentar o uso oral do galego e promover a creación artística na nosa lingua. O festival terá lugar os sábados 15 e 29 de novembro e 6, 13 e 20 de decembro de 2014 no Auditorio do Piñeiral do Crego (Chapela). O programa inclúe as actuacións de Carlos Meixide, Avelino González, Soledad Felloza, Marián Bañobre e Celso Sanmartín.
14/11/2014. AXUDAS E PREMIOS
A Mesa pola Normalización Lingüística acordou entregarlle o III Premio Abertos ao Galego á cooperativa Erica Mel, de Arzúa, pioneira no seu sector na etiquetaxe en lingua galega. Así mesmo, o xurado recoñece cunha mención especial a Radio Fene, emisora municipal que cumpre 30 anos. A entrega dos premios será o 19 de decembro, ás 19:00 h, no Museo Provincial de Lugo. O acto será presentado pola actriz Iria Sobrado e contará coa actuación musical de Caxade. Para ampliar esta información, preme aquí.
14/11/2014. DINAMIZACIóN
A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza a exposición “Bravú XX. Tanta paixón quen poderá detela!”, co obxectivo de conmemorar os 20 anos do nacemento do bravú, un movemento musical que naceu en Galicia cun claro compromiso co galego en clave de creatividade. A exposición estará aberta desde o 18 de novembro ata o 7 de decembro de 2014 no Pazo da Cultura. No acto de inauguración, que terá lugar o vindeiro luns 17 de novembro, ás 20:00 h, participarán Xurxo Souto e Pinto de Herbón.
A cidade da Coruña tamén celebrará os 20 anos do bravú cun amplo programa de actividades que se desenvolverán na semana do 17 ao 20 de novembro.
A cidade da Coruña tamén celebrará os 20 anos do bravú cun amplo programa de actividades que se desenvolverán na semana do 17 ao 20 de novembro.
12/11/2014. DINAMIZACIóN
O Departamento de Galego e o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela organiza a mesa redonda “Os medios, enteiros en galego”, co obxectivo de reflexionar sobre a situación actual dos medios de comunicación galegos e os usos lingüísticos neste sector. Na mesa participarán Olalla Rodil (Sermos Galiza), Xurxo Salgado (Galicia Confidencial), Ubaldo Cerqueiro (Que pasa na Costa), Raul Rios (Novas da Galiza) e Aurélio Lopes (moderador, Irmandade TV). O acto terá lugar o xoves 13 de novembro de 2014, ás 18:30 h, no salón de actos da EOI de Santiago. Para obter máis información, preme aquí.
11/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza as XV Xornadas de expresión oral “Tíralle da Lingua”, dirixidas ao profesorado co obxectivo de transmitirlles a importancia do factor oral na recuperación da lingua e proporcionarlles técnicas para traballar a oralidade na aula. As sesións desenvolveranse ao longo do vindeiro día 22 de novembro de 2014 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). O prazo de matrícula (que debe realizarse a través do web da AS-PG) remata o vindeiro 20 de novembro.
Ademais destas xornadas, dirixidas ao profesorado, o proxecto “Tíralle da Lingua” consta tamén dun concurso de relato oral, dirixido ao alumnado, cunha fase final que se celebra no mes de maio en Santiago de Compostela.
Ademais destas xornadas, dirixidas ao profesorado, o proxecto “Tíralle da Lingua” consta tamén dun concurso de relato oral, dirixido ao alumnado, cunha fase final que se celebra no mes de maio en Santiago de Compostela.
11/11/2014. CURSOS E CONGRESOS
O Servizo de Asesoramento Lingüístico do Colexio de Avogados de Santiago, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o Curso de oratoria: habilidades comunicativas en lingua galega. A actividade, dirixida aos profesionais da avogacía, ten como obxectivo adquirir as competencias básicas para desenvolver con éxito os actos comunicativos do ámbito profesional. As sesións terán lugar entre os días 17 e 21 de novembro de 2014 no salón de actos do ICA de Santiago. Para obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición, preme aquí.

