Andrés Gaos
A Coruña, 31/ 3/1874 - Mar del Plata, 13/3/1959Autoría: Julio Andrade
Un creador de paisaxes musicais que se inspira nas melodías populares
Chega a Bos Aires en 1895, e o ano seguiente establécese en Montevideo, onde casa coa violinista América Montenegro.En 1898, regresan a Bos Aires. Viaxan a Europa durante varios anos para dar numerosos concertos. Camille Saint-Saëns elixe a Gaos como solista do seu concerto N° 3 para violín y orquesta. En 1919 Gaos casa coa súa alumna Luisa Guillochon (1899-1982). En 1925, trasládase ó sudoeste de Francia coa familia e dende allí partirá en xiras durante os 8 anos ininterrumpidos da súa residencia en Europa. En 1933 regresa definitivamente a Bos Aires e abandona ós 59 anos a actividad concertística. En 1956 trasládase a Mar del Plata, onde falece en 1959
Aires Gallegos, suite para piano, está dedicada ó compositor arxentino Julián Aguirre e foi composta en 1905. Globalmente considerada, esta partitura é unha obra moi notable. Gaos apóiase en temas populares galegos, algúns dos cales foron empregados por outros compositores (Veiga, Salgado, Chané); pero o violinista coruñés relabóraos con elegancia e sabiduría revestíndoos dunha roupaxe harmónica interesante, ainda que sen desnaturalizar a esencia, o aroma da fermosa música do pobo galego. Son coma paisaxes musicais á acuarela.
A suite componse de nove pezas de diversa inspiración e contido. Aquí escóllense as pezas número 4, Lento, e número 5, Allegretto, que me agradan de xeito especial. A primeira porque é de inspiración nórdica e recorda ó seu admirado Grieg; hai incluso harmonías que o compositor noruego aprobaría sen dúbida algunha. A peza número 5 encántame polo seu carácter amable, non exento dunha dozura melancólica: iso que se soe denominar “sorrir entre bágoas”, e que xa definiu o noso marabilloso poeta medieval, Airas Nunes, cando describe á namorada, que ten saudade do amigo ausente, dicindo: e chorava e estaba cantando.
O crítico Ramiro Cartelle analiza así estas dúas pezas: O Lento iníciase e remata cun tema de alalá, harmonizado estrictamente “a capella”. Distribución en A-B-A do período principal: A é outro alalá de máis sinuosa melodía, moi lírico; unha derivación do mesmo veríase en B, con pases de oitava a oitava no seu remate. O Allegretto ten varios deseños temáticos de muiñeira e algún de romance, áxiles e alegres, dispostos en dúas frases paralelas de dous compases cada unha. Tres períodos -o motivo romancesco é o central-. O último, co primeiro tema, e del derivada unha sentida coda –Più lento-, remansada en acordes.
Máis información: Fundación Andrés Gaos
Como citar: Andrade, Julio : Andrés Gaos. Publicado o 13/5/2011 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=1566. Recuperado o 29/05/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Libreto do disco de Andrés Gaos. Obras para violín e piano
O presente disco está integrado por gravacións históricas do compositor, violinista, director e docente galego Andrés Gaos Berea (A Coruña, 1874 – Mar del Plata, 1959). As fontes destes rexistros son varios discos e bobinas que, xunto con outros importantes materiais, foron doados polo seu fillo menor á Universidade de Santiago de Compostela en maio do 2017. A xenerosa entrega do Fondo de quen é considerado un dos músicos galegos de máis proxección foi un acto de gran relevancia, motivo polo cal a Universidade compostelá, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e outras institucións, celebrou en 2019 o «Ano Gaos» coa realización de concertos, edicións, exposicións, charlas e un documental. Rematado o «Ano Gaos», o Consello da Cultura Galega e o grupo de investigación Organistrum da USC queren pórlle o ramo coa edición deste CD en que se inclúen 14 números con obra de Andrés Gaos: a de piano interpretada polo propio autor e a de violín (a excepción da Sonata op. 37) polo seu alumno Víctor Hormaechea.
(...)O Consello da Cultura Galega e o grupo de Investigación Organistrum da Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentan este libreto que contextualiza e explica o disco.
Edita: Consello da Cultura Galega.
Contén:
- Texto de Montserrat Capelán
- Bibliografía
- Créditos completos
Depósito legal: C 313-2020 Anotado na fonte como def e como v5
Videos
A. Amoedo: Andrés Gaos interpretándose a si mesmo
Edita: Consello da Cultura Galega; Colaboran: Afundación, Amigos da Ópera de Santiago, Concello da Coruña, Concello de Santiago, Corporación de Radio e Televisión de Galicia, Deputación da Coruña, Organistrum Grupo de Investigación, Ministerio de Economía e Competitividade, Real Filharmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Galicia, Universidade de Santiago de Compostela, Xunta de Galicia; Gravacións orixinais inéditas: Fondo Andrés Gaos, Biblioteca América-Universidade de Santiago de Compostela; Restauración dixital e masterización: Isaac D. Raimundo (INET-Universidade Nova de Lisboa); Dirixe: Montserrat Capelán; Produce: aCentral Folque
Audios
Gaos
Andrés Gaos 01: «Muiñeira». Hispánicas
Andrés Gaos 09: «Alalá». Nuevos aires gallegos
Libros do ccg sobre Andrés Gaos
Andrés Gaos.
2020 | Andrés Gaos, Música. Composición. Andrés Gaos, Música. Interpretación.
Obras para piano e violín e piano. Gravacións históricas
A música galega na emigración.
2009 | Rodrigo Romaní, Coordinación.
IV Encontro O Son da Memoria, 17 e 18 de febreiro de 2005