Juan Montes
Lugo, 13/ 4/1840 - Lugo, 24/6/1899Autoría: Ilduara Vicente Franqueira
Compositor insigne da música profana e de salón na Galicia do século XIX
Juan Hermenegildo Montes Capón naceu na Rúa Nova da cidade de Lugo o 13 de abril de 1840. Os seus pais, Félix e Juana tiveron, ademais de Juan, outros tres fillos: José, Rosalía e Juana. Tras o pasamento de Félix Montes en 1850, a situación económica da familia minguou notablemente, o que fixo que Juan Montes ingresara como alumno interno no Seminario Diocesano de San Lourenzo aos dez anos de idade.
Sendo Juan Montes seminarista acadou as máis altas cualificacións en materias de teoloxía e, ao mesmo tempo e de forma autodidacta, desenvolveu os seus coñecementos musicais, especialmente de solfexo, harmonía, canto gregoriano, dirección coral e piano. Con tan só trece anos foi o encargado de dirixir un pequeno coro de seminaristas por orde do vicerreitor García Gil, o que supuxo para Montes o comezo dunha actividade incesante na música, compoñendo desde entón as súas primeiras obras: Glosa al Santísimo Sacramento, Salve Regina, Gozos a San Lorenzo, Salutaris Hostia, Veni, Creator, entre outras.
En paralelo á súa actividade compositiva, realizou estudos de piano e órgano que puideron ser reforzados coa chegada a Lugo de Isidoro Blanco como primeiro organista da Catedral. Por isto, aos vintedous anos intentou acceder á praza de organista na Catedral de Mondoñedo pero, debido á súa corta idade, non cumpría os requisitos esixidos na oposición.
As desamortizacións e o Concordato da Igrexa-Estado de 1851 levaron a unha mala situación económica o Seminario, cuestión que supuxo unha diminución de financiamento e ensinanza nas capelas de música. Esta situación condicionaría a profesionalización de Juan Montes no eido musical: mentres a Igrexa sufría este revés, a sociedade burguesa que comezaba a emerxer converteríase no grupo social de referencia e a cultura foi altamente apoiada coa creación de novos espazos como sociedades recreativas, cafés-concerto e salóns, onde a música tería un papel fundamental. Deste xeito, en 1862 Montes xa conseguira o seu carné de socio do Círculo das Artes, condición indispensable para poder tocar nos seráns programados nesta sociedade.
En 1862, no curso previo a abandonar a súa carreira eclesiástica, substituíu definitivamente a Isidoro Blanco como pianista oficial do Círculo das Artes. Neste momento os xéneros musicais predominantes comezaban a ser a ópera italiana e a zarzuela, polo que moitas das obras tocadas por Montes no Círculo serían adaptacións para piano de números de ópera, arranxos de obras clásicas ou pezas bailables de salón como mazurcas, polcas ou valses, que se intercalarían co novo pensamento musical ligado ás recentes orientacións rexionalistas, interpretando formas típicas do folclore galego seguindo as fórmulas da música academicista. Aínda así, a concepción dos serán musicais de Montes
diferían das da sociedade, tendo recibido queixas pola non adecuación das obras executadas e tras as cales acabou por deixar dito posto de traballo
A actividade profesional de Juan Montes seguiría de forma incesante tanto no referente á composición coma na labor docente no Seminario ou en clases particulares. Ademais de continuar colaborando puntualmente co Círculo das Artes, foi o encargado de dirixir a Banda Municipal de Lugo desde o ano da súa formación en 1876 ata 1884, cando decide abandonala por razóns económicas.
Por outro lado, en 1879 funda o Orfeón Lucense (a partir de 1887 nomeado Orfeón Gallego), cumprindo así o soño de Isidoro Blanco de crear unha institución musical destas características. A súa sede e local de ensai o situouse no Casino de Caballeros, sociedade da que Montes formou parte como pianista desde 1880 ata 1893. Con esta formación, para a que compuxo todas as súas corais profanas, o insigne músico lucense conseguiu innumerables triunfos, non só en Galicia senón tamén no resto de España, onde participou en numerosos certames. Durante este período de efervescencia da súa actividade tanto no ámbito profano coma relixioso, tamén creou o Sexteto Montes, pequena agrupación camerística que estivo en activo durante aproximadamente trinta anos e coa que interpretou e arranxou diversas obras (sinfonías, fantasías ou zarzuelas) de diferentes autores europeos.
No ámbito eclesiástico, Juan Montes gañou a praza como segundo organista da Catedral de Lugo en 1878 —logo dun intento frustrado anterior— e foi mestre de capela interino ao longo de sete anos. A actividade incesante de Montes no ámbito musical, que axudou á culturización da cidade de Lugo nesta arte, traspasou o seu recoñecemento fóra das murallas da cidade e foi condecorado como Caballero de la Real Orden de Isabel la Católica en 1886, aínda que renunciaría a tal homenaxe ao considerar que só quen loita verdadeiramente pola arte merece un galardón desa categoría.
En 1893 gañou un certame promovido pola sociedade “Aires d’a Miña Terra” na Habana coa composición Fantasía para gran orquestra, que tamén tería posteriormente unha versión para orfeón. Nun dos movementos desta fantasía, Montes incluíu un tema ao que finalmente lle daría protagonismo, converténdose nunha obra independente para voz e piano: a recoñecidísima Negra Sombra, que presentaría a certame en Pontevedra. A composición, con letra extraída dun poema de Rosalía de Castro, foi incluída dentro das Seis baladas galegas do compositor lucense e que foron publicadas por Canuto Berea, con quen Montes tiña unha estreita relación: As lixeiras anduriñas, Doce sono, Negra sombra, Lonxe d’a terriña, Unha noite n’a eira do trigo e O pensar do labrego, foron algunhas das obras máis recoñecidas do músico, compostas seguindo a inspiración dos lieds alemáns e baixo a concepción da música tradicional galega.
Juan Montes desenvolveu tamén un importante labor como folclorista. Se ben é certo que non realizou traballos exhaustivos coma outros estudosos neste ámbito, preocupouse notablemente pola recolleita dalgúns materiais populares. Ademais de facer uso deles nas súas obras —como en Negra Sombra, composta a partir dun alalá procedente da zona do Incio—, cedeu gran parte a importantes estudosos e recompiladores como Felipe Pedrell ou Casto Sampedro, unha colaboración posible grazas á mediación do seu grande amigo, o crítico musical Ramón Arana “Pizzicato”.
Entre os numerosos ensaios, follas de papel pautado e triunfos viviu Juan Montes ata que a súa luz se apagou en plena celebración dos actos solemnes da festividade de San Xoán Bautista, o 24 de xuño de 1899 na súa casa en Lugo, debido a unha hemorraxia cerebral. Nos anos posteriores ao seu pasamento, Montes adquiriu un recoñecemento meritorio —tanto en Galicia coma no mundo da emigración— que faría da súa obra a banda sonora referencial do Rexurdimento musical galego.
BIBLIOGRAFÍA
Varela de Vega, Juan Bautista (1990): Juan Montes, un músico gallego. A Coruña: Deputación.
López Calo, José (2000): «Juan Montes, el hombre, el músico», en Congreso sobre Juan Montes: actas do Congreso. Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Promoción Cultural.
López Calo, José (2001): Juan Montes, seminarista de Lugo. Obras musicales. Lugo: Deputación Provincial.
Trillo, Joám e Villanueva, Carlos (2016): Obras para piano I: Juan Montes Capón. Santiago de Compostela: Agencia Galega das Industrias Culturais, Baiona: Dos Acordes.
Trillo, Joám e Villanueva, Carlos (2017): Obras para piano II: a 4 e 6 mans. Juan Montes Capón. Santiago de Compostela: Agencia Galega das Industrias Culturais, Baiona: Dos Acordes.
Como citar: Vicente Franqueira, Ilduara : Juan Montes. Publicado o 12/4/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2643. Recuperado o 29/03/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Poema «Adiós a Galicia» de Salvador Golpe. Musicado por Juan Montes co título dos primeiros versos: «As lixeiras anduriñas»
Golpe, Salvador: «Adiós a Galicia», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, 213 (20 de abril de 1924), 33.
Fonte: Real Academia Galega / Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/
Carta de Juan Montes dirixida a Canuto Berea
Fonte: Biblioteca Provincial da Coruña. Fondo Canuto Berea
Portada de 6 baladas gallegas, música notada para piano solo
Muiñeira, música notada para piano con letra
Fonte: Biblioteca Nacional de España
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Pedro Echevarría, Negra sombra e a danza prima asturiana
A escolla desta conferencia quere ser unha pequena homenaxe a Pedro Echevarría Bravo (Burgos, 1905 - Madrid, 1990), folclorista que desenvolve en Galicia, entre 1951 e 1960, un intenso traballo de recolleita de preto de 1400 cancións de tradición oral, dentro das Misións Folclóricas que organiza o Instituto Español de Musicoloxía do CSIC. Tamén destaca como director de bandas —entre elas, a Banda Municipal de Santiago de Compostela— e como musicólogo. Nesta conferencia, pronunciada o 26 de xaneiro de 1984 na Aula de Cultura de Caixa Galicia de Ferrol, Echevarría Bravo mostra toda a súa erudición e a súa capacidade como investigador ao sinalar as similitudes que existen na primeira cuarteta de Negra sombra e a danza prima asturiana. Para isto repasa a traxectoria de Juan Montes como compositor, detense en Rosalía de Castro e destaca a influencia que pode ter a súa amizade co compositor ovetense Anselmo González del Valle y González-Carvajal. Na súa investigación axúdase de distintos artigos xornalísticos e el mesmo interpreta os compases para defender este paralelismo.
Escoita a conferencia:
Datos do fondo:
Sinaturas: NCFE_0389
Duración: 1:02:36 min.
Colección Caixa Galicia-Ferrol. Arquivo Sonoro de Galicia. Consello da Cultura Galega
Publicacións de Pedro Echeverría:
Conciertos populares : fiestas patronales, julio 1959
Cancionero de los peregrinos de Santiago
Pedro Echevarría Bravo sinala as similitudes que existen entre a primeira cuarteta de Negra sombra e a danza prima asturiana
Obituario de Juan Montes na portada de Galicia: revista semanal ilustrada da Habana
Fonte: Galiciana
Necrolóxica de Juan Montes publicada en El Regional: diario de Lugo
Fonte: Galiciana
Videos
Negra sombra. Texto: Rosalía de Castro; música: Juan Montes; intérprete: Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra; director: Antonio Iglesias Vilarelle
Negra sombra. Texto: Rosalía de Castro; música: Juan Montes; intérprete: Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra; director: Antonio Iglesias Vilarelle. Regal, 1958 (orixinal) e Ouvirmos, edición 2004
Fonte: Youtube
Poema «Lonxe da Terriña» de Aureliano Pereira, con música de Juan Montes e arranxos de Marta Sancho
«O pensar do labrego», poema de Aureliano Pereira con música de Juan Montes, interpretado polo gurpo Solo Voces de Lugo
Audios
Lonxe da terriña
Negra sombra
Jesús Salvador con acompañamiento de orquesta. Gramófono. 1931.
Orquesta ibérica de Madrid. Odeón. 1930.
Coro de Ruada. Columbia. 1929.
Coro Cántigas da Terra. Director Manuel Fernández Amor. Odeón, 1928. Cara A
Coro Cántigas da Terra. Director Manuel Fernández Amor. Odeón, 1928. Cara B
Emilio Vendrell. Odeón. 1924.
Negra sombra
Lonxe da terriña / letra, A.J. Pereira; música, Xoán Montes; intérprete Faustino Santalices. 1949. Fondo Arquivo Sonoro de Galicia. OO-0229
Artigos Juan Montes
MONTES, J. RODRIGUEZ, X. (3/1979) Quen coma os cans. Nosa Terra, A. (52), 19.
Ver humor gráfico Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;
MONTES, J. RODRIGUEZ, X. (3/1979) Maruxela. Nosa Terra, A. (53), 19.
Ver humor gráfico Fonte da dixitalización: Fundación A Nosa Terra;