Anne MacSwiney
Londres, 1876 - Cork, Irlanda, 1954Autoría: Patricia Arias Chachero
Comprometida mestra e loitadora nacionalista irlandesa
Pese ao que proclaman as «Primeiras verbas» que inauguran a revista Nós a respecto de que os colaboradores podían ser
o que lles pete, o certo é que foron ben poucas as mulleres que escribiron na senlleira publicación; de entre máis de 200 sinaturas, tan só oito. Delas, sen dúbida, a máis descoñecida nas nosas letras é Annie MacSwiney que o 5 de decembro de 1921, no oitavo número de Nós, asina «Notas da vida de Terencio Mac Swiney», dedicado ao seu irmán, alcalde de Cork polo Sinn Féin, morto en prisión tras unha longa folga de fame coa que procuraba reivindicar os seus ideais e os de milleiros de irlandeses.
Como ela mesma conta no texto, ambos pertencían a unha familia fidalga, fondamente católica e de procedencia norueguesa que se instalara en Irlanda no século XIV. Os seus pais eran Mary Ann Wilkinson, de orixe inglesa pero con fortes conviccións irlandesas, e John MacSwiney, quen cando naceron os seus fillos maiores era mestre de escola en Londres, onde seguramente coñeceu a súa esposa. O matrimonio tivo un total de nove fillos, dos que dous morreron sendo nenos; sobreviviron Terence, Peter, Séan, Katherine, Mary e mais a propia Anne, que se criaría en Cork. De alí era orixinario o seu pai, e alí se instalou a familia cando el decidiu comezar a fabricar e vender tabaco por xunto e polo miúdo. Vivían nunha casa en North Main Street, unha das principais rúas da cidade, e no baixo do inmoble tiñan instalado o comercio familiar. Cando o negocio fracasou, o pai marchou a Australia, onde morreu en 1895, deixando unha muller prematuramente viúva ao coidado dunha extensa familia.
Anne MacSwiney lembra neste esbozo biográfico publicado en Nós como desde pequenos ela e os seus irmáns estudaron e aprenderon a historia e a literatura irlandesa, e como os domingos pola mañá recitaban ante o pai os poemas sobre Irlanda que aprenderan ao longo da semana. Anne estudou no Newman College, onde se graduou en Ciencias. Posteriormente matriculouse na Universtity College, en Dublín, onde se fixo amiga da sufraxista Hanna Sheehy Skeffington. Rematados os estudos instalouse en Ventnor, na illa de Wight, onde deu aulas de inglés a estudantes alemás e holandeses.
Por volta de 1914 regresou a Cork e fundou con Alice Cashel e a súa irmá Mary unha sucursal de Cumann na mBan, organización paramilitar de mulleres republicanas irlandesas. O 4 de setembro de 1916, despois de que Mary perdese o seu traballo como mestra cando foi arrestada despois do Levantamento de Pascua, ela e Anne inauguraron en Cork a Scoil Íte, unha escola secundaria creada a imitación de St. Enda’s School que fora fundada en Dublín en 1908 por Patrick Pearse. Neste centro, as irmás MacSwiney preocupáronse de que o estudantado coñecese a súa cultura e o ideario nacionalista. Ambas deron aulas en irlandés e prestaron especial atención ás artes e á dramaturxia. Anne MacSwiney exerceu a docencia nesta escola ata a súa morte. O centro pecharía pouco despois do seu pasamento.
Anne MacSwiney seguiu de cerca o compromiso político de seu irmán Terence, detido por primeira vez o 13 de xaneiro de 1913. En marzo de 1918, en Dublín, volvérono deter e metérono preso nos cárceres de Dundalk e Belfast. Cando cumpriu a condena, en setembro dese mesmo ano, foi detido de novo na porta da cadea, sen acusacións nin probas. Liberado en marzo de 1919, a súa dona, Muriel Murphy e as súas irmás, Annie e Mary, denunciaron publicamente o acoso ao que estaba sendo sometido. O 12 de agosto de 1920, foi detido unha vez máis, esta vez no Concello onde era alcalde. No mesmo momento da súa detención, declarou que se unía á folga de fame que os membros do IRA no cárcere de Cork comezaran o día anterior. Nesta ocasión Terence MacSwiney foi trasladado a Brixton, en Londres, xulgado nun consello de guerra onde o declararon culpable de sedición e o condenaron a dous anos de prisión. Sean, Anne e Mary acompañárono. No tempo que pasou entre a súa detención e a súa morte, Anne escribiu un diario relatando os últimos días do seu irmán. O 19 de outubro, anotou que se enfadara moito cando o oficial médico da prisión, propuxera que bebese un pouco de zume de limón para evitar o escorbuto. Á mañá seguinte, Anne, consciente de que a saúde do seu irmán se deterioraba con rapidez, escoitou como Terence lle dicía:
Son un soldado que morre pola República de Irlanda e quero que o afirmes. Annie repetiu as palabras, levantou a cruz do seu rosario, bicouno e deullo a bicar a Terence. Ese mesmo día, o alcalde de Cork comezou a delirar e o médico da prisión anuncioulle á familia que tiña intención de alimentalo, ameazándoos se tentaban detelo.
O 21 de outubro, Anne deixou dito que cando unha enfermeira lle daba ao seu irmán, que estaba inconsciente, dúas culleradas de caldo de carne, el comezou a berrar moi enfadado e axitado. Ese mesmo día obrigárono a tomar un pouco de brandy e leite, pero comezou a vomitar e a súa irmá deixou constancia escrita da crueldade do que estaban vivindo. Ao día seguinte cando Anne, Mary e a esposa de Terence, Muriel, chegaron á prisión, non lles permitiron entrar. Muriel non estaba ben e marchou, mais as irmás permaneceron na porta do cárcere todo o día. Pola noite quedou Séan, a quen lle comunicaron, ás catro da mañá, a morte de Terence. Sean pediu utilizar o teléfono para chamar ás súas irmás pero denegáronllo. Terence MacSwiney, alcalde de Cork e oficial ao mando da Brigada número 1 do IRA de Cork, mártir do ideario nacionalista dos irlandeses e irmán na loita dos galeguistas do grupo Nós, faleceu o día 74 da súa folga de fame.
Sorprende a rapidez dos homes de Nós ao recoller a noticia e publicar o texto de Anne; téñase en conta que pasaran apenas nove días desde a morte de Terence MacSwiney. Conservamos unha carta de Vicente Risco a Losada Diéguez, sen data pero sen dúbida redactada neses momentos, onde este lle di
De Madrid, os irlandeses mandáronnos unhas notas biograficas do héroe feitas pola súa propia irmá Mary Mac Swiney, qu´estou traducindo do inglés. Curiosamente, cita como autora do texto a Mary e non a Anne que é quen finalmente o asina. Risco engade:
Piden 100nºs polo menos para mandar a Irlanda, do que se deduce que o artigo da irmá do alcalde irlandés foi a causante dunha das máis fecundas vendas de exemplares da revista.
Tras o pasamento do seu irmán, Anne foi candidata do Sinn Féin ao Parlamento de Irlanda do Sur nas eleccións de 1921. En 1922 detiveron a Mary, firme defensora do movemento independentista, e en sinal de protesta e no mesmo momento de ingresar no cárcere declarouse en folga de fame, como antano fixera seu irmán. Anne apoiou a Mary desde a porta da prisión declarando que ela tampouco comería ata que a súa irmá fose liberada. A folga de fame de Mary e Anne durou 24 días.
Anne MacSwiney, que adoitaba utilizar o diminutivo Annie, tamén asinaría coa forma irlandesa do seu nome, Eithne Nic Suibhne, tal e como fixo en The Story of Toirdhbhealach Mac Suibhne, folleto biográfico sobre o seu irmán Terence publicado en 1930 por Cumann na mBan.
Como citar: Arias Chachero, Patricia : Anne MacSwiney. Publicado o 23/3/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=27509. Recuperado o 20/04/2024
DOCUMENTACIÓN DE
Artigo de Anne MacSwiney no monográfico da revista Nós dedicado a Irlanda.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Páxina de Mundo gráfico dedicada á morte, tras unha longa folga de fame, de Terence MacSwiney, alcalde de Cork e irmán de Anne. Fonte: BNE (http://www.bne.es/es/Catalogos/HemerotecaDigital/)
«Nosoutras», artigo de Patricia Chachero sobre as colaboradoras da revista Nós, publicado no n.º 87 de Luzes
Ligazóns de interese
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal