Ernestina Elena Otero Sestelo
Redondela, 23/ 10/1890 - Redondela, 13/2/1956Autoría: Olalla Márquez
Directora de escola normal e presidenta do Consello Provincial de Primeiro Ensino
Ernestina Otero Sestelo nace en Redondela en 1890. Dende o principio, a súa traxectoria estudantil e profesional oponse, no que á educación das mulleres se refire, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fillas, nais e esposas.
Ao rematar os estudos primarios na vila natal, cursa a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra (1904-1908), onde obtén a calificación de sobresaliente. Ao ano seguinte decide marchar a Madrid para ampliar horizontes na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio, creada nese mesmo ano co fin de formar o profesorado das escolas normais e o persoal de inspección. Este centro, que destacou enormemente pola súa novidosa metodoloxía e polo seu sistema organizativo, impartía un programa de materias altamente especializado: Pedagoxía Fundamental, Historia da Pedagoxía, Organización Escolar Comparada..., ademais das materias específicas de cada sección e das linguas estranxeiras. Alí, Ernestina toma contacto con xente da Institución Libre de Ensinanza, de ideas progresistas en materia pedagóxica: ensino laico, coeducación... En xullo de 1913 obtén o seu título na sección de Ciencias. A partir de 1915 ocupa a praza de Pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra, da que será directora algún tempo durante a República. Tamén en tempos da República presidirá o Consello Provincial de Primeiro Ensino.
Ernestina exerceu sempre coherente aos seus principios e demostrou unha enorme vontade de renovación, que tratou de transmitir ao seu alumnado. Foi impulsora e activa partícipe de proxectos pedagóxicos ben interesantes. Organizou viaxes culturais a museos, lugares históricos, instalacións industriais e centros de investigación. Puxo en marcha campos agrícolas experimentais, comedores e colonias escolares. Prestou especial atención ao fomento da asistencia á escola, para o que contribuíron en boa medida os roupeiros escolares, que nacen en 1920 de forma experimental co obxectivo de favorecer a asistencia ás aulas, ao tempo que contribuían con roupa e calzado á mellora da situación económica de moitas familias. Tamén atendeu ao estudo das características propias de Galicia, á educación de adultos e ás necesidades particulares das nenas e nenos, así como á reciclaxe do profesorado, sobre todo do rural. Ademais, defendeu a coeducación e os dereitos da muller. En 1933 asinou o Manifesto de Intelectuais a favor do Estatuto de autonomía para Galicia. Só outra muller, María Cruz Pérez, asina o dito documento.
Este proxecto de escola é derrubado co estalido da Guerra Civil e Ernestina, que non renega da súa actuación durante a República, é suspendida de emprego e soldo en novembro do 36, xunto cuns 60 profesionais máis, grupo no que tamén se atopa Castelao. A mesma sorte corren inmediatamente despois as súas irmás Lola e Esperanza, mestras de primeiro ensino. En xuño do 37 é separada definitivamente do servizo académico e dáselle baixa no escalafón. O seu círculo familiar e de amizades é vítima da brutal represión do réxime; ela sobrevive coas aulas particulares, que lle serven, a pesar das constantes multas que se lle impoñen, para manter a súa familia. Durante esta época converte a botica do seu home nun roupeiro, esta vez ao servizo de presas e presos políticos.
Ao rematar a Guerra é revisado o seu expediente, resólvese a anulación da separación definitiva do ensino e é sancionada coa suspensión de emprego e soldo por dous anos, con inhabilitación para cargos directivos e cun desterro á Escola Normal de Ourense, onde exerceu durante dez anos, entre métodos e temarios desenterrados polo franquismo. Continuou coa súa loita fóra das aulas, axudando as orfas/os da guerra e as fillas/os das presas/os.
En 1951 puido regresar a Pontevedra, onde morreu cinco anos despois, aos 65 anos.
Como citar: Márquez, Olalla : Ernestina Elena Otero Sestelo. Publicado o 1/1/2011 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2872. Recuperado o 09/08/2022
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Tríptico da homenaxe A memoria das mulleres. Ernestina Otero Sestelo (1890-1956), Concello de Pontevedra. Concellaría de Patrimonio Histórico (2014)
Ligazóns de interese
“Centenario da profesora Dona Ernestina Otero Sestelo”,
artigo de Xosé Manuel Cid co gallo do centenario do nacemento de Ernestina en Atlántico, nº 68 (8-11-1990).
Fonte:
http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/Na%20Escola/68_Na%20Escola.pdf (data descarga 17-10-2011)
Sinopse biográfica de Ernestina Otero Sestelo en Mulheres
[última consulta: 29/06/2021]
Ernestina Otero Sestelo no web Nomes e voces
[última consulta: 29/06/2021
Ernestina Otero Sestelo no web do gris ao violeta.
[última consulta: 30/06/2021]
Videos
Ernestina Otero Sestelo en Historias de Galicia- Historia de ser muller,
Capítulo X (data consulta 8-11-2009) Fonte. http://www.youtube.com
Procede do Mulleres no Álbum de Galicia
Referencias bibliográficas
- Diéguez Rojo, Mª Xesús [coord.]: Mestras de Redondela. 1900-1945, Asociación de mulleres "Xanela", 1999
- Marco, Aurora: Dicionario de mulleres galegas. (Das orixes a 1975), Promocións Culturais Galegas, 2007, p. 317-318
- Puga, Manuel.: Ernestina Otero Sestelo. Pedagoga, Ediciós do Castro, 1992