Federico Mediante
Abres (A Veiga, Asturias), 11/ 7/1888 - Madrid, 25/4/1951Autoría: Ana Rosa Martínez Loredo
Prolífico escritor de novelas populares, foi coñecido como o Salgari español
Federico Mediante Noceda naceu na parroquia asturiana de Abres, moi preto da fronteira con Galicia. As intensas relacións entre a veciñanza de ambas as dúas beiras do río Eo fixeron que na súa vida se sentise un galego máis, tal como recoñecía nun dos artigos que escribiu para a revista Eco de Galicia da Habana titulado «¡Madre Galicia!», onde afirma sentirse orgulloso de ser galego e que remata así: Alguien me hablaba una vez del honor. (…) Yo tengo aún un poquito: ¡El honor de haber nacido gallego!
.
O pouco que se coñece da súa nenez, é o relatado por el mesmo nunha reportaxe que o periodista José Altabella lle realizou cando xa era un escritor consagrado e na que foi nomeado como “o Salgari español”. O seu pai, Manuel Mediante, era mestre e o seu avó materno, Benito Noceda, fora capitán dun barco de vela que facía rutas entre Ribadeo e Castropol, partindo da ría de Ribadeo ata Avilés, Luarca e Xixón. O neno Federico acompañábao nestas viaxes en numerosas ocasións e de aí naceu o seu amor por Galicia. Anos máis tarde, na década de 1920, un dos seus irmáns, José, estableceuse en Ribadeo e foi propietario dun bar que levaba o seu nome e que Federico visitaría en numerosas ocasións.
Talvez impulsado polo mesmo espírito viaxeiro e aventureiro do avó, en 1902, con apenas catorce anos cumpridos, cruzou o Atlántico e instalouse na República Arxentina. Na capital traballou de mozo nun café e de rotulador de carteis para comercios; máis tarde foi temoneiro no vapor Diciembre. En 1907 regresou a España e ingresou como voluntario no rexemento de infantería do Príncipe en Oviedo, co que participou na guerra de Melilla. Alí foi tomado prisioneiro en Mezquita de Ibrahim. Unha vez rescatado, e para recuperar forzas, retornou á súa aldea natal onde traballou no campo e tamén ampliou os seus estudos, sempre coa ansia de viaxar e percorrer mundo, porque, tal e como el mesmo relata nunha entrevista: El terruño me ahoga
.
Marcha de novo á Arxentina en 1914 e colabora como xornalista en diversos periódicos, como El Argentino de Mercedes (Bos Aires) ou El Comercio, da provincia de Santa Fe, diario no que chega a ser xefe de redacción. En 1918 fundou o xornal La Tarde na cidade de Corrientes. Alí ocupábase de todos os traballos para sacar o diario adiante, incluso percorría dacabalo as explotacións gandeiras na procupra de anuncios para o periódico. Na década seguinte colaborou con varios xornais da colectividade galega emigrada como Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, do que chegou a ser correspondente; Heraldo de Galicia da Habana ou Correo de Galicia de Bos Aires. Tamén publicou artigos en xornais galegos como El Compostelano e El Regional de Lugo.
Home inquedo e polifacético, foi tamén actor nunha compañía teatral coa que percorreu non só gran parte da Arxentina, senón tamén Bolivia, Perú e Chile. Cando se disolveu esta compañía, continuou a viaxar ata dar cun curmán propietario dunha facenda á beira do río Pilcomayo, límite natural entre Arxentina e Paraguai. Alí aprendeu os labores que desempeñan os gauchos: cazou animais, traballou a terra, coidou o gando, coñeceu a música tradicional e as loitas de galos. Segundo as súas palabras: Ante tan soberbios paisajes naturales, se despertó mi vocación novelística
.
En 1921 volveu instalarse en Mercedes onde coñeceu a Horentina Acosta Waytorn, a súa futura esposa. Nesta cidade publicou Flores de Sombras, o seu primeiro libro de poesía. Continuou exercendo como actor, oficio que o fascinaba, na compañía Greco-Beroldo, onde se especializou na montaxe de espectáculos de variedades, sainetes, dramas e comedias. Esta compañía estaba dirixida polo actor Arturo Greco, grazas a quen Federico coñecería ao máis tarde famoso actor e dramaturgo Alberto Vacarezza. Tivo unha moi boa relación de amizade con este escritor, letrista de tangos e poeta arxentino, grande expoñente do sainete porteño, que foi amigo e colaborador de Carlos Gardel.
O matrimonio formado por Federico e Horentina, “Tina”, viaxou en 1926 a España para que ela coñecese o seu país. Nesta viaxe gastaron todos os aforros, polo que Federico se viu na obriga de buscar un emprego e respondeu a un anuncio no que se solicitaba un lector para o cine San Miguel de Madrid. A súa experiencia como actor e a súa vida aventureira facilitáronlle o desempeño deste traballo, converténdose nun popular explicador
cinematográfico, tal como acredita Fernando Méndez-Leite na súa obra sobre o cine español na que explica en que consistía tal oficio: las anécdotas suelen hablar de un explicador que debía tener voz potente que dominara sobre todos los ruidos de la sala, y un verbeo fácil que le permitiera no solo realizar un discurso atractivo, sino también reaccionar y responder ante los comentarios que le dirigía el público, con el que en ocasiones se establecía un juego de réplicas y contrarréplicas. Las escasas historias generales del cine español suelen hacerse eco de dos explicadores que llegaron a ser muy conocidos en Madrid: Tomás Borrás y Federico Mediante Noceda
.
Republicano e sindicalista, o estoupido da Guerra Civil sorprendeuno en Ribadeo onde residía o seu irmán José. Alí tivo que vivir durante todo o conflito bélico, pois non puido regresar a Madrid por medo ás represalias pola súa defensa da República. A súa muller quedara soa no seu piso da rúa Malasaña en Madrid. Comezou así unha etapa escura e triste para transitar, lonxe da súa amada, con quen solo podía comunicarse a través de pequenas frases gracias á Cruz Vermella. Durante ese tempo escribiu Versos de la ausencia a mi querida esposa, que redactou nunha máquina de escribir prestada na libraría Cervantes de Ribadeo. Para sobrevivir comezou a escribir os relatos das súas viaxes e foi así como publicou o seu primeiro libro de aventuras titulado A orillas del Pilcomayo; tamén traballou para o xornal Las Riberas del Eo. Ao final da guerra, grazas á carta de recomendación do seu director, puido regresar a Madrid xunto á súa muller.
Durante a súa estancia en Ribadeo coñeceu a unha nai solteira que non se podía facer cargo da súa filla de seis anos, M.ª de la Concepción Loredo Peña, e o matrimonio decidiu acollela como filla de crianza e adoptala. Así formaron unha familia.
En Madrid retomou o seu traballo no Cine de la Flor, sen esquecer a súa actividade literaria. Gustáballe escribir de noite, cando volvía do cine; deixaba o texto á vista de Horentina, para que á mañá seguinte o puidese ler e —de ser necesario— facer correccións. Nese momento eran moi populares as novelas de aventuras e policiais inglesas, das había unha gran demanda entre o público. A pedimento das editoriais coas que traballou (Editorial Rollán, Iris, Cisne ou Argos) adoptou diferentes alcumes para as súas novelas: H. A. Waytorn (como homenaxe á súa muller), Fred Baxter, Norman Lincoln, Walter Brown, Hendrix Keyne, Spencer Scott, J. Medhel, Bill O'Hara, Boris King, King Drake ou Warner Williams. Visitando o catálogo da Biblioteca Nacional Española pódense atopar moitas delas nos seus fondos.
Debido á súa adicción a fumar en pipa enfermou de cancro de larinxe e morreu en 1951. Ao quedar viúva, Horentina decidiu volver á Arxentina coa súa filla. Chegaron a Bos Aires a bordo do vapor Salta o 31 de decembro de 1951. Lamentablemente, malia o grande éxito que tivo en vida, a figura de Federico Mediante Noceda quedou esquecida.
Bibliografía
Altabella, J.: Ventura y Aventura de un novelista aventurero. [S.l.: Misión, s.a.]
Cora, J. d.: «Federico Mediante Noceda», El Progreso, (13 de julio de 2021). Accesible en: https://www.elprogreso.es/articulo/album-de-los-lucenses/federico-noceda/202106121147091508307.html [Consulta: 2021-12-13]
Mediante, F. (sen data): Vida aventurera y fecunda de un gallego inquieto (J. Altabella, Entrevistador)
Salas, D. S.: «La figura del explicador en los inicios del cine español», Biblioteca virtual Miguel de Cervantes, (xaneiro de 1998). Accesible en: http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/la-figura-del-explicador-en-los-inicios-del-cine-espanol--0/html/ff8c2250-82b1-11df-acc7-002185ce6064_4.html [Consulta: 2021-12-13]
Chaves, A. S.: «Federico Mediante Noceda, el explicador», (8 de junio de 2016). Bolsilibros, (8 de xuño de 2016) Accesible en: https://bolsilibrosmemoriablog.wordpress.com/2016/06/08/federico-mediante-noceda-el-explicador/ [Consulta: 2021-12-13]
Como citar: Martínez Loredo, Ana Rosa : Federico Mediante. Publicado o 14/12/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=29855. Recuperado o 30/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Certificado que acredita a adhesión do escritor ao réxime franquista emitido polo director do xornal Riberas del Eo e que lle facilitou o reencontro con Tina en Madrid. 1939
Fonte: Arquivo persoal de Ana Rosa Martínez Loredo
Carné de redactor do xornal Las Riberas del Eo. 1936
Fonte: Arquivo persoal de Ana Rosa Martínez Loredo
A visión de Galicia, de Federico Mediante, en Eco de Galicia da Habana. 1935
Mediante Noceda, Federico: «Madre Galicia», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, n.º 378 (marzo de 1935), p. 10
Fonte: Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000283875
Cinco relatos de Federico Mediante publicados na sección «Cuento semanal» da revista madrileña La Unión Ilustrada
Fonte: Mediante Noceda, Federico: «El ídolo», n.º 1116 (25 de xaneiro de 1931), p. 6; «Donde menos se piensa...», n.º 1117 (1 de febreiro de 1931), p. 6; «Un don nadie...», n.º 1121 (1 de marzo de 1931), p. 6; «La venganza del gañán», n.º 1123 (15 de marzo de 1931), p. 6; «Rehenes…», n.º 1126 (5 de abril de 1931), p. 6
Hemeroteca Digital. BNE
Federico Mediante escribe sobre Ribadeo en Eco de Galicia da Habana. 1930
Fonte: Mediante Noceda, Federico: «España pintoresca: Ribadeo», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, n.º 359 (10 de xuño de 1930), p. 14
Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000283857
Colaboración de Federico Mediante en Eco de Galicia da Habana. 1930
Fonte: Mediante Noceda, Federico: «Temas regionales, repoblación forestal, escuelas y caminos», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, n.º 357 (7 de marzo de 1930), p. 6
Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000283856
Artigo de Federico Mediante na revista Eco de Galicia da Habana. 1929
Fonte: Mediante Noceda, Federico: «Estampas gallegas: pinceladas», Eco de Galicia: revista ilustrada y de información de la colonia gallega en Cuba, n.º 354 (1 de decembro de 1929), p. 25
Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000283853
Carné de Federico Mediante como membro da Sociedad Argentina de Autores. 1923
Fonte: Arquivo persoal de Ana Rosa Martínez Loredo
Carta que acredita a condición de Federico Mediante como correspondente literario das revistas argentinas Lo que canta el pueblo e Pluma y tinta. 1922
Fonte: Arquivo persoal de Ana Rosa Martínez Loredo
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Obras de Federico Mediante Noceda na BNE
Fonte: Biblioteca Nacional de España
Artigo sobre a novela criminal española no que se trata, entre outros autores, a Federico Mediante
Fonte: Valles Calatrava, José R.: «Los primeros pasos de la novela criminal española (1900-1975)», Iberoamericana, II, 7 (2002), 141-149
Ligazóns de interese
Federico Mediante foi, ademais, explicador de cine. Este artigo fala precisamente da figura do
explicadorno cinema mudoSánchez Salas, Daniel: «La figura del explicador en los inicios del cine español», Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes, (19 de novembro de 1921)
Fonte: cervantesvirtual.com
Accesible en: http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/la-figura-del-explicador-en-los-inicios-del-cine-espanol--0/html/ff8c2250-82b1-11df-acc7-002185ce6064_4.html [Consulta: 2021-12-13]
Biografía de Federico Mediante no blog Obiter dicta
Ordaz, José: «Federico Mediante», Obiter dicta: una bitácora con notas, comentarios y reflexiones sobre libros y literatura, (19 de novembro de 1921)
Fonte: http://www.jorgeordaz.com/2021/11/federico-mediante.html [Consulta: 2021-12-13]
Entrada sobre Federico Mediante Noceda no blog La memoria del bolsilibro
Sánchez Chaves, Alberto: «Federico Mediante Noceda, el explicador», La memoria del bolsilibro: un homenaje a los escritores de novela popular, (8 de xuño de 2016)
Fonte: https://bolsilibrosmemoriablog.wordpress.com/2016/06/08/federico-mediante-noceda-el-explicador/ [Consulta: 2021-12-13]
José de Cora trata no seu blog a figura de Federico Mediante
Cora, José de: «Federico Mediante, autor de cien novelas, actor, explicador de películas…», Bitácora de Cora, (13 de xullo de 1921)
Fonte: http://bitacoradecora.galiciae.com/?p=20399