Xosé Velo Mosquera
Celanova, Ourense, 21/ 4/1916 - São Paulo, 30/1/1972Autoría: Aser Álvarez González
A vida como un incendio a 37 graos
Xosé Velo Mosquera foi un notábel político, escritor galeguista e activista antifranquista, nacido o 21 de abril de 1916 e falecido o 30 de xaneiro de 1972. É o cuarto fillo de Lino Velo (76 anos), un abastado comerciante que chegou a ser alcalde de Celanova, e de Manuela Mosquera (32 anos), a filla do secretario do xulgado, que ficou viúva en 1926, cando Pepe Velo tiña dez anos.
Rematada abruptamente a infancia coa morte do pai, aquel mozo vello
cursa nos escolapios os seus primeiros estudos e faise amigo de Celso Emilio Ferreiro, co que funda o Cartafol de Poesía, o Semanario Adiante e as Mocedades Galeguistas de Celanova, chegando a ser membro do primeiro Consello Nacional da Federación de Mocedades Galeguistas e mesmo secretario xeral desta organización en 1935, como destacado representante da corrente arredista.
En outubro de 1935, con 19 anos, Velo casa con Xovita Pérez González, unha compañeira galeguista e filla dun taberneiro da vila, sendo testemuña do enlace Celso Emilio entre outras outras amizades. Os namorados pasan a noite de vodas en Xunqueira de Ambía, á beira do río Arnoia, preto de Celanova. O nome desta vila será, anos despois, o alcume de Velo, cando se descubra que Carlos Junqueira de Ambía era o sobrenome do misterioso líder do Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación (DRIL), o promotor e principal ideólogo e promotor da operación para a toma do barco portugués Santa María, en 1961, para denunciar internacionalmente a existenciua das anacrónicas ditaduras ibéricas.
A guerra e a posguerra: 1936-1948
Velo cursa Filosofía e Letras en Santiago, sen chegar a obter o título. O 28 de xuño de 1936 nace o seu primeiro fillo, Lino. Tras o alzamento militar, o 21 de xullo é detido en Celanova, negándose a entregar as fichas dos militantes das Mocidades Galeguistas da vila, e incorpórase ao exército sublevado, tentando pasarse ao bando republicano en dúas ocasións, sen éxito.
Volve á casa en 1938 mais a súa nai convénceo para ir a Guinea, ficando en África case até a fin da guerra, cando enferma e regresa a Celanova coa idea de abrir unha academia. O feito de que unha familia ben relacionada co franquismo quixera montar outro centro de ensino privado, impediu que Velo puidese gañarse a vida na vila. En 1939 nace a súa segunda filla, Manuela, e tres anos despois morre a súa nai.
Velo trasládase coa familia a Vigo, a cidade na que nace o seu fillo máis novo, Víctor, en 1944. Abre unha academia co seu curmán Castor Velo (irmán do cineasta Carlos Velo) pero dous anos depois é detido nunha gran redada contra a guerrilla antifranquista, xunto co seu amigo Mariano Otero Castelao (curmán de Castelao), con quen pasa uns meses no cárcere, en Vigo e Coruña, onde foron brutalmente torturados.
Durante unha breve saída en liberdade condicional, os dous compañeiros foxen e despois de estaren agochados durante uns meses en Celanova e na aldea próxima de Moreira, na casa duns amigos, en 1948 por fin conseguen pasar clandestinamente a Portugal, por Mugueimes e Tourem, camiño do primeiro exilio en Venezuela, grazas ás redes de solidariedade antifranquista que operaban na raia seca.
En Portugal son acollidos por Luís López, un amigo da familia que daquela tiña o English Bar, un coñecido restaurante de Estoril. Velo e Castelao foron detidos pola policía política de Salazar e estiveron no cárcere de Caxias até que, grazas á mediación do Unitarian Service e o apoio de Rómulo Gallegos, a quen Velo coñecera durante as estadías de verán do venezolano en Beluso (Bueu), conseguen finalmente un pasaporte de emerxencia para viaxar, primeiro a Nova York, onde fixeron escala, e logo xa a Venezuela.
O exilio en Venezuela: 1948-1961
O 9 de outubro de 1948 aterra Velo no aeroporto de Caracas e anota no seu diario: nada traio comigo máis que unha maleta, cinco dólares e moitas esperanzas arruinadas, pero sobre todo a vocación milenaria de paz e liberdade que nos prohibe facernos vellos
. Rómulo Gallegos ofrecéralle a Velo a cátedra de Filosofía e Letras da Universidade Central, pero antes de que tome posesión, o golpe militar de Pérez Jiménez derroca o goberno. Comeza a traballar como director dun prestixioso colexio privado, chamado Orto.
A finais de 1949, tras unha breve estadía en Estoril Xovita Pérez viaxa a Caracas cos seus tres fillos coa intención de reunirse co seu home, que naquela altura xa tiña comezado unha intensa vida política e social en Caracas, colaborando na loita contra a ditadura venezolana e, xa tras a caída de Pérez Jiménez, asumindo directamente responsabilidades para promover a unión dos colectivos de emigrantes galegos en Venezuela e, con tal fin, fundará en 1952 a Comisión Pro Unidade Galega.
En 1951 preside a Comisión Pro Centenario de Manuel Curros Enríquez. En 1954, como presidente do Lar Gallego en 1954, dirixe a emisión radifónica La Voz de Galicia. Como delegado desta institución, participa no I Congreso da Emigración que se celebra en Bos Aires en 1956, onde se converte na estrela revelación pola súa extraordinaria oratoria. No Lar Gallego creará, en 1959, a Academia Castelao.
En Caracas segue colaborando con Radio Claridad para animar a loita antifranquista dende o exilio e promover a creación de Galeuzka, no ano 1959, coa idea de organizar accións contra as ditaduras ibéricas, chegando a ser nomeado director dos comités de acción desta nova organización política, verdadeiro xerme do DRIL.
Despois de entrar en contacto con Humberto Delgado e co antisalazarismo exiliado en Venezuela, entre 1959 e 1960, no seu apartamento de Caracas, fúndase o DRIL, formado por exiliados españois e portugueses. Liderado por Velo e contando con dous militares, o portugués Henrique Galvão e o galego José Fernández, comezan a organizar unha acción política, que xa Velo tiña ideado dende había meses e mesmo bautizado como Operación Compostela, aínda que finalmente se chamaría Operación Dulcinea.
Na madrugada do 22 xaneiro de 1961, os comandos do DRIL toman o Santa María, o barco portugués que facía a ruta entre La Guaira e Vigo, rebautizado polos revolucionarios como Santa Liberdade. Esta acción de axitación e propaganda fora deseñada orixinalmente para provocar movementos de liberación nas colonias de África e mesmo soñando coa caída das dúas ditaduras ibéricas.
Unha vez tomada a nave, conscientes dos poucos medios dispoñibles no barco para desembarcar en Guinea, e ao producirse accidentalmente un morto e un ferido durante o asalto, Velo fai mudar o plan inicial da operación para que fose considerada en todo momento como unha acción política, dende a perspectiva do dereito internacional, como se recolle en todo momento nos informes do Departamento de Estado de Estados Unidos, e non un acto de piratería, como teimaban en definilo as ditaduras española e portuguesa.
Despois de desembarcar ao ferido na illa de Santa Lucía, os seguintes doce días o Santa Liberdade acapara os titulares da prensa internacional, chegando mesmo a ser obxecto da primeira rolda de prensa de John F. Kennedy como presidente dos EUA. Ante unha enorme expectación e unha crecente corrente de simpatía por parte da opinión pública mundial, o 31 de xaneiro de 1961, Janio Quadros toma posesión como presidente de Brasil e envía unha mensaxe tranquilizadora ao barco ofrecéndolles asilo político aos membros do DRIL.
O exilio en Brasil: 1961-1972
O 2 de febreiro de 1961, día de Yemayá, a deusa do mar da tradición ioruba, o Santa Liberdade entra triunfante no porto brasileiro de Recife, despois de ter denunciado diante da comunidade e da opinión pública internacional a existencia das dúas ditaduras ibéricas e a connivencia das democracias occidentais con Franco e Salazar. O novo goberno brasileiro acolle aos comandos do DRIL como refuxiados políticos cunha extraordinaria recepción oficial. Pois durante aqueles doce días, os activistas galegos e portugueses conquistaran a simpatía de millóns de persoas en todo o mundo cunha acción política espectacular e efectiva, deseñada coidadosamente por Velo para ser considerada en todo momento unha acción política, como así ditaminou finalmente nos seus informes o Departamento de Defensa dos Estados Unidos.
Velo e o seu fillo máis novo, Víctor, que tamén participara na acción, con só 18 anos, pasaron uns días en Recife, nun cuartel que lles foi cedido polo goberno rexional de Pernambuco e, despois dun tempo en Campinas, establecéronse en São Paulo, onde foron axudados por Miguel Urbano Rodrigues, o xornalista portugués que foi o grande amigo do “Junqueira”, como aínda hoxe é coñecido e lembrado Velo no Brasil, acolléndoo na súa propia casa e axudándoo e a refacer a vida nesta nova etapa, volvendo a comezar de cero.
En 1962, Xovita Pérez reúnese co seu home, que xa levaba un tempo dando aulas nunha academia, mentres Víctor retomara os estudos de Física na universidade paulista. Os outros dous fillos, Lino e Manuela, fican en Venezuela, viaxando de cando en vez a Brasil. Animado pola súa dona, Velo funda a libraría Nós, no barrio de Paraíso, e a editora Galicia Ceibe, coa que publica unha tradución de Rosalía de Castro ao portugués e coa que tiña pensado tamén editar a súa propia obra, case toda inédita, cando unha doenza mal diagnosticada derivou nun cancro de pulmón letal.
Velo aínda tivo forzas para loitar contra a ditadura no Brasil, crear un xornal de barrio, Paraíso Sete Días, e mesmo comezar o guión dun proxecto audiovisual didáctico para a Fundación Ford, que ía ser unha serie documental sobre a historia da humanidade para o público infantil e xuvenil, titulada A rebelión dos sinais. Pepe Velo morre en São Paulo, rodeado da súa familia, o 30 de xaneiro de 1972, con 55 anos de idade, despois do incendio a 37 graos
que foi a súa vida, segundo a súa propia definición poética.
O seu xacigo está baixo unha árbore do cemiterio de Gethsemaní, nunha ladeira ao solpor, no mesmo lugar onde Miguel Urbano oficiou unha multitudinaria cerimonia civil de despedida ao seu grande amigo, o humanista, o mestre, o poeta, o Don Quixote galaico contemporáneo, aquel libertador ibérico que sempre loitou polas causas xustas e que morreu sen poder regresar nunca á súa amada Celanova.
Como citar: Álvarez González, Aser : Xosé Velo Mosquera. Publicado o 18/1/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30008. Recuperado o 30/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
«Espranza», poema de Xosé Velo. Outubro, 1971
Velo, Xosé: «Espranza». En Ledo Andión, Margarita: «Bitácoras do DRIL», Grial, 162 (2004), p. 54-59
Fonte: Grial
Biblioteca do Consello da Cultura Galega
«Hora xerminal», poema de Xosé Velo datado en 1971 e publicado en A Nosa Terra
Velo, Xosé: «Hora xerminal», A Nosa Terra, 722 (17 de abril de 1996), p. 17
Fonte: A Nosa Terra
Mediateca do Consello da Cultura Galega
Poema de Xosé Velo publicado na revista Nós. Boletín cultural da cultura galega, publicado en marzo de 1935
Velo, Xosé: «Alciprés», 135 (15 de marzo de 1935), p. 44-45
Fonte: Nós. Boletín cultural da cultura galega. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Biografía de Xosé Velo na Gran Enciclopedia Galega
González Martínez, Xosé: «Velo Mosquera, Xosé». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; v. 43, p. 69-70
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ensaio sobre Xosé Velo e o Directorio Revolucionario de Liberación (DRIL)
Martiz Crespo, Xurxo: «Xosé Velo e o Directorio Revolucionario de Liberación (DRIL)», Murguía: revista Galega de Historia, 33 (xaneiro-xuño 2016), p. 21-35
Fonte: Murguía: revista Galega de Historia, 33 (xaneiro-xuño 2016), p. 21-35
Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ensaio literario de Antonio Piñeiro sobre unha conversa entre Xosé Velo e Anisia Miranda, escrita a partir dunha fotografía da clausura do I Congreso Galego da Emigración Galega
Piñeiro, Antonio: «Pepe Velo e Anisia Miranda: dúas historias (apócrifas) cruzadas nunha fotografía», Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, 35 (2011), p. 50-57
Fonte: Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares. Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Páxina de A Nosa Terra de dicada a Xosé Velo con artigos de Xan Carballa e Miguel Urbano Rodrigues
Carballa, Xan: «Xosé Velo, o exiliado nacionalista que desafiou a Franco»; Rodrigues, Miguel Urbano: «Carlos Junqueira de Ambía», A Nosa Terra, 722 (17 de abril de 1996), p. 17
Fonte: A Nosa Terra
Mediateca do Consello da Cultura Galega
Entrevista a Federico Fernández, fillo de Jorge de Soutomaior, que fala do Santa María e de Xosé Velo
Carballa, Xan: «O fillo do Comandante Soutomaior lembra a epopeia do Santa María. Federico Fernández: Durante catorce días mantiveron en xaque a Franco e Salazar», A Nosa Terra, 542 (5 de novembro de 1992), p. 16-17
Fonte: A Nosa Terra
Mediateca do Consello da Cultura Galega
Crónica especial para El pueblo gallego sobre o Santa María
González Navarro, E.: «El “Santa María” llevaba detro el cáncer de una célula comunista», El pueblo gallego: rotativo de la mañana, n.º 12254 (14 de febreiro de 1961), p. 5
Fonte: El pueblo gallego
Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_ocr.do [Consulta: 2022-01-18]
Noticia en El pueblo gallego sobre a retención en Rio de Janeiro dos autores do secuestro do Santa María. No artigo idenfican a Xosé Velo con Carlos Junqueira de Ambía
«Galvao y sus seguidores, incomunicdos en Rio de JaneiroEl pueblo gallego: rotativo de la mañana, n.º 12252 (1 de febreiro de 1961), p. 2
Fonte: El pueblo gallego
Galiciana. https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/resultados_ocr.do [Consulta: 2022-01-18]
Ligazóns de interese
Entrada sobre o Directorio Revolucionario Ibérico de Liberación na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Directorio_Revolucionario_Ib%C3%A9rico_de_Liberaci%C3%B3n
Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de pontevedra. Curtametraxe documental que divulga a vinculación de Xosé Velo coa guerrilla antifranquista galega
Fonte: Arraianos Producións
http://www.arraianos.com/index.php/os-nosos-traballos/traballos-audiovisuais-de-arraianos-produccions/163-xose-velo-en-vigo [Consulta: 2022-01-18]
Xosé Velo na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Xos%C3%A9_Velo [2022-01-18]
Relación de documentos do Fondo Xosé Velo Mosquera do Arquivo da Deputación de Pontevedra
Fonte: Fondo Xosé Velo Mosquera. Deputación de Pontevedra
Artigo sobre o achado da acta fundacional da Mocidade Galeguista de Celanova, da que Xosé Velo formou parte importante como representante, con Celso Emilio Ferreiro, da corrente arredista
Fonte: Sánchez Martínez, Pablo: «Achada a acta fundacional da Mocedade Galeguista de Celanova», Murguía, Revista Galega de Historia, (27 de agosto de 2021)
http://www.revistamurguia.com/?p=2922 [Consulta: 2022-12-30]
Catálogo en liña da exposición Galicia, de Nós a nós, coordinada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Cidade da Cultura, 2 de outubro de 2020 - 17 de xaneiro de 2021
Fonte: https://www.cidadedacultura.gal/gl/evento/galicia-de-nos-nos
Artigo en Faro de Vigo sobre o documental que lembra, sesenta anos despois, o Santa Liberdade
Martínez, Ramón: «Un documental recuerda a Xosé Velo 60 años después del secuestro del Santa María», Faro de Vigo, (22 de xaneiro de 2021)
Fonte: Faro de Vigo
https://www.farodevigo.es/cultura/2021/01/22/documental-recuerda-xose-velo-60-30136533.html [Consulta: 2022-01-18]
Noticia sobre a presentación dun documental na celebración do sesenta aniversario do Santa Liberdade
Pita, María José: «No 60 aniversario do fito histórico do 'Santa Liberdade', a Deputación publica un documental en aberto», Pontevedraviva!com, (22 de xaneiro de 2021)
Fonte: https://pontevedraviva.com/cultura/71449/xose-velo-santa-liberdade-maria-documental-memoria-historica-deputacion/?lang=gl [Consulta: 2022-01-18]
Marcos Pérez Pena escribe sobre o 60 aniversario de secuestro do Santa María
Pérez Pena, Marcos: «60 anos do secuestro que mudou o 'Santa María' polo 'Santa Liberdade' clamando pola fin das ditaduras de Franco e Salazar», praza.gal, (22 de xaneiro de 2021)
Fonte: https://praza.gal/acontece/60-anos-do-secuestro-que-mudou-o-santa-maria-polo-santa-liberdade-clamando-pola-fin-das-ditaduras-de-franco-e-salazar [Consulta: 2022-01-21]
A revista Nós en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia
Fonte: https://revistanos.galiciana.gal
Homenaxe a Xosé Velo Mosquera
González Martínez, Xosé: «Homenaxe a Pepe Velo», galiciaconfidencial.com/, (28 de outubro de 2019)
Fonte: http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/107666-homenaxe-pepe-velo [Consulta: 2022-01-24]
Artigo sobre Xosé Velo publicado no xornal publico.es
Mariño, Henrique: «El maestro republicano que secuestró un transatlántico para hundir el franquismo», publico.es, (22 de xaneiro de 2016)
Fonte: https://www.publico.es/politica/pepe-velo-secuestro-santa-liberdade.html [Consulta: 2022-01-21]
Artigo sobre Xosé Velo no web da Associaçom de Estudos Galegos (www.aeg.gal)
Rodrigues, Miguel Urbano: «José Velo Mosquera, revolucionário puro e cavaleiro da utopia», aeg.gal, (29 de maio de 2016)
Fonte: Associaçom de Estudos Galegos.
https://www.aeg.gal/opiniom/item/111-jose-velo-mosquera-revolucionario-puro-e-cavaleiro-da-utopia [Consulta: 2022-01-24]
O escritor Alberto Ramos lembra a figura de Xosé Velo en praza.gal
Ramos, Alberto: «O silencio sobre Xosé Velo en Galicia é escandaloso; está todo por facer», praza.gal, (22 de xaneiro de 2016)
Fonte: https://praza.gal/cultura/lo-silencio-sobre-xose-velo-en-galicia-e-escandaloso-esta-todo-por-facerr [Consulta: 2022-01-21]
Noticia sobre a cesión de dous poemas de Xosé Velo Mosquera á Fundación Penzol
Lamas, Jorge: «A Penzol recibe dous poemas autografados de Xosé Velo Mosquera», La Voz de Galicia, (29 de outubro de 2014)
Fonte:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/celanova/2014/10/29/penzol-recibe-dous-poemas-autografados-xose-velo-mosquera/00031414595261509550752.htm [Consulta: 2022-01-24]
Lembranza de Xosé Velo e da
operación Dulcineano blog Venezuela en la memoriaDíaz Lorenzo, Juan Carlos: «Galvâo y la Operación Dulcinea. 50 años del secuestro del trasatlántico Santa María», Venezuela en la memoria, (2011-01-22)
Fonte: https://venezuelaoctavaisla.wordpress.com/tag/jose-velo-mosquera/ [Consulta: 2022-01-25]
Artigo sobre Jorge de Soutomaior e o Santa María en Revista das Letras
Dopico, Montse; Lopo, Antón: «O comandante Soutomaior: o noso home na revolución», Revista das Letras, n.º 658 (1 de marzo de 2007), p. 1-8
Fonte: https://www.aelg.gal/resources/publications/2007_03.pdf [Consulta: 2022-01-24]
Videos
Documental Xosé Velo Mosquera no 60 aniversario da toma do Santa María. Discurso de Xosé Velo pronunciado o vinte e cinco de xaneiro de 1961 tralo secuestro do buque Santa María, rebautizado como Santa Liberdade para protestar contra o franquismo
Fonte: Arraianos Producions. http://arraianos.com/
https://www.youtube.com/watch?v=60tePP7rbS8 [Consulta: 2022-01-18]
Xosé Velo en Vigo. A guerrilla antifranquista na provincia de Pontevedra. Documental sobre Xosé Velo
Fonte: Arraianos Producións. http://arraianos.com/
https://www.youtube.com/watch?v=YnKPKuOiwNE [Consulta: 2022-01-18]
«Non teño amores», poema de Xosé Velo musicado por Moisés Quintas Suárez, recitado por Aser Álvarez González, con montaxe de Aldán Delgado Fernández, realizado para Arraianos
Fonte: Arraianos Producions. http://arraianos.com/
https://www.youtube.com/watch?v=khjEmnkE7Sw