Cándida Otero
Pontevedra, 28/ 10/1846 - Vigo, 7/3/1915Autoría: Vítor Vaqueiro
Pioneira da fotografía profesional en Galicia
A elaboración da biografía de Cándida Otero é, antes de máis, un acto de xustiza, xa que a ligazón da súa circunstancia vital á figura do seu home fixo que a súa verdadeira dimensión como fotógrafa ficase oculta. Filla de Isidro Otero e Sebastiana Fontán, naceu no seo dunha familia economicamente abastada e nun ambiente de pendor cultural, con irmáns médicos e irmás mestras. Casou en Pontevedra no ano 1869, á idade de vinte e tres anos, co italiano Filippo Prosperi, vinte e nove anos máis vello ca ela, iniciando a que sería unha longa carreira que se prolongaría durante máis de catro décadas na cidade de Vigo.
Será a partir dos anos 1875 ou 1876 cando, con total certeza, Cándida Otero se incorpore ao gabinete fotográfico que Prosperi abrira na cidade da oliveira ao redor de 1870. Porén, non podemos descartar a hipótese de ela traballar desde o mesmo momento de casar na galería situada na rúa de Sombreireiros, no primeiro local no que a parella estableceu estudio en Vigo, ou mesmo existir a posibilidade de operar como fotógrafa na galería da rúa Parador, en Pontevedra. Sexa como for, neses anos centrais da década de 1870, os xornais vigueses comezaron a facer referencia á súa actividade como fotógrafa, sen nome proprio, baixo a firma comercial de Fotografia italiana F. Prosperi y Señora
, denominación que habería de substituír a anterior de Fotografia italiana Felipe Prosperi
. Nese gabinete, nunha clara división de tarefas en función dos sexos, correspondeulle a Cándida Otero asumir a responsabilidade de fotografar crianzas, en moitos casos pertencentes a familias de posición social elevada, e persoas adultas só cando Prosperi se achar de viaxe por encargos fotográficos.
A data de 1878 é chave para coñecer con exactitude o papel desenvolvido pola fotógrafa. Nese ano celébrase a Exposición da Coruña e, aínda que a súa participación non foi recollida na Crónica da Exposición -que si informa do nome do seu marido- Cándida Otero participa de forma individual cun conxunto de vinte e unha fotografías agrupadas no que, na altura, se nomeaba un cadro
—concepto achegado ao actual de instalación fotográfica
—, co tema do retrato como eixo condutor da súa proposta expositiva.
O 17 de maio de 1888, cando se cumpría exactamente un cuarto de século da publicación de Cantares Gallegos, Felipe Prosperi e Cándida Otero inauguraban, na céntrica rúa pontevedresa da Oliva, un novo gabinete que, segundo as información da imprensa, contaba cos últimos adiantos
en fotografía e onde Otero se encargaría de atender exclusivamente ás clientas, mais parece pouco probábel que isto fose así. O que en realidade debía acontecer era que Otero asumiría toda a responsabilidade desta galería, ficando reservada a Prosperi en exclusiva a actividade no estudio de Vigo, situado nesta altura en Príncipe 31, rúa configurada xa daquela como espazo medular do comercio vigués. Atrás decorreran dez anos do establecemento da parella na rúa Sombreireiros 27, 2º, e cinco na do Triunfo 4.
Inesperadamente, só corenta e cinco días após a apertura, o gabinete pontevedrés foi traspasado, sen que se saiba con garantía o motivo do feche e sen apareceren esclarecementos que xustificasen tal decisión, aínda que debe ficar rexeitada a hipótese de ser a incapacidade técnica a causa do fechamento, atendendo á experiencia previa da fotógrafa e á súa posterior actividade —de volta ao estudio vigués— durante case trinta anos.
Verdadeiramente é a presión dos convencionalismos propios do sistema de sexos existente na época, non só no noso país, senón tamén en toda Europa e nos Estados Unidos, o que fai imposíbel, ou polo menos espiñenta, a exteriorización e o recoñecemento do traballo especializado das mulleres, factor que as empurra a asumiren papeis subordinados, como mostra a propria Otero, que se nomea a si mesma, após a morte de quen fora o seu compañeiro durante trinta anos, como viúva de Prosperi
, segundo mostran os cartóns das fotografías que saen do estudio de Príncipe 31. En realidade, a existencia de Cándida Otero como persoa diferenciada só se recolle na prensa da época ao referenciaren eventos tan afastados da fotografía como as doazóns encamiñadas a obras de beneficencia ou a mención do asasinato dun home que traballara no seu estudio.
A auténtica proxección de Cándida Otero como fotógrafa con indiscutíbel obra propria, só fica rexistrada de forma certa nos oito anos enmarcados entre a morte de Prosperi —1899— e o momento no que a fotógrafa participa na constitución dunha sociedade co portugués Jaime de Sousa Guedes Pacheco (1907). Xustamente, tras o falecemento do seu cónxuxe, e se callar inducida pola formación desta sociedade, prodúcese a mudanza do status profesional de Cándida Otero, como se pode comprobar ao compararmos o padrón de 1905, no que a súa ocupación se define pola categoría de sus labores
, co de 1910, que a identifica como fotógrafa. Aínda en 1911, a sociedade levaba o nome exclusivo de Viuda de Felipe Prosperi
, segundo consta en anuarios que recollen as catalogacións comerciais e industriais.
Contra a hipótese de ser Pacheco o esteo fundamental da sociedade a partir de 1907, érguense datos que, sen negar a importancia do fotógrafo transmontano, afirman a capacidade fotográfica de Cándida Otero e a amplitude do espectro das súas tarefas fotográficas, alén dos xa coñecidos retratos de crianzas. Efectivamente, unha fotografía de estudio de tema futbolístico é decisiva para garantir a dita competencia. A imaxe corresponde ao Atletic Futbol Club e tirouse en 1906, segundo especifica a data que figura, como era costume, no balón, elemento imprescindíbel neste tipo de fotografías, e testemuña, sen sombra de dúbida, a procedencia autorial. Outras fotografías, cuxo carimbo é estritamente o de Viuda de Prosperi
, ratifican a autoría e mesmo outras imaxes, como a do equipo Real Club Fortuna, xa de 1909, suxiren a posibilidade de seren feitas pola nosa autora, ao viren asinadas por Fot. Prosperi
, sen mencionaren o nome de Pacheco. Cómpre sinalar tamén que, entre as fotografías de estudio, existe unha que, pola personalidade do fotografado, Manuel Curros Enríquez, manifesta especial relevo. A imaxe, atribuída de maneira sistemática a Jaime Pacheco, puido ser realizada por Prosperi ou Otero, mais en ningún caso polo fotógrafo portugués, dado que o poeta de Celanova marchara para Cuba, onde faleceu, tres anos antes da chegada de Pacheco a Vigo.
No que toca a fotografías de exteriores, coñécense, nestes anos iniciais do século XX, imaxes de lecer dun sector adiñeirado da sociedade viguesa, ao que pertencía Santiago Ruíz López, comisionista e presidente do Círculo Mercantil e Industrial de Vigo que, nunha reportaxe de varias fotografías, aparece gabándose do seu novo vehículo. No ano 1912, as fotos de festas tradicionais galegas ou infantís publicadas na revista Vida Gallega están asinadas igualmente pola viúva de Prosperi.
Canto ao perfil ideolóxico de Cándida Otero as versións existentes son contraditorias, xa que algunhas noticias, transmitidas oralmente por membros da familia Pacheco, falan do seu carácter moderno e avanzado. Canto ás informacións escritas, estas transmiten a súa pertenza á Venerábel Orde Terceira de San Francisco (VOT), organización de carácter caritativo e asistencial cun estrito perfil ultra-católico, que obriga os seus membros a levaren cordón e escapulario permanentemente, a confesaren e comungaren todos os meses e rezaren diariamente unha ducia de avemarías, nosopais e glorias. Ademais, o pavillón da VOT presidiu o seu enterro e o manto desta orde embrullaba o seu corpo. Tamén é de salientar que o seu confesor fose Emilio Álvarez Martínez, “O Reisiño”, relixioso que, segundo opinións escritas, participaría posteriormente nas tramas falanxistas de 1936. A morte da fotógrafa producírase o día 7 de marzo de 1915, no seu fogar da rúa Príncipe 31, 1º andar, sobre a galería na que desenvolvera o seu labor nas últimas tres décadas de existencia. As súas cinzas repousan no cemiterio vigués de Pereiró, ao carón das de quen fora o seu compañeiro vital e fotográfico.
Bibliografía
Xornais e revistas
Distintas informacións contidas en Actualidades (Madrid, 1910); Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración (1884); Crónica de Pontevedra: diario político (1888); El Diario de Pontevedra (1915); Faro de Vigo (diversos números entre 1876 e 1915); Vida Gallega (1910 a 1914).
Monografías e artigos
González Martín, Gerardo: La Voz de Galicia, (10 de abril de 1988)
Miranda Suárez de Fuga, Roque (1878): Crónica de la Exposición local celebrada en la Coruña en 1878. A Coruña: Establecimiento tipográfico de V. Abad; 51.
Rosenblum, Naomi (1994): A History of Women Photographers. New York: Abbeville Press Publishers; 45-6.
Traba, A. (2010): «A representación feminina no Arquivo Pacheco». En Vaqueiro, V. (ed.): Mulleres. Vigo: Concello; 25-50
Vaqueiro, Vítor (2002): Pacheco, a memoria dun tempo e dun país. Barcelona: Lunwerg; 17-26
Vaqueiro, Vítor (2004): «Achegamento ás orixes da actividade fotográfica do casal Prosperi-Otero na cidade de Vigo (1872-1882)», A trabe de ouro, ano XV, IV, 487-501
Recursos de internet
Padín Ogando, Fernanda: Fotógrafas pioneiras. Accesible en: http://www.fotografaspioneiras.com [Consulta: 2022-02-23]
https://circulomercantilvigo/el-circulo/juntas-en-la-historia
www.franciscanos.org/historia/Iriarte-HistoriaFranciscana-31.htm
Como citar: Vaqueiro, Vítor : Cándida Otero. Publicado o 1/3/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30050. Recuperado o 31/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Fotografías realizadas polo estudio de Otero e Pacheco publicadas en Vida Gallega
«Fiestas en Galicia», Vida Gallega, 25 (31 de agosto de 1910), 21-22
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Teresa Cuíñas sobre a dixitalización de 4000 imaxes fotográficas do Arquivo Pacheco
Cuíñas, Teresa: «Postales de la ciudad perdida», El país, (26 de xullo de 2009)
Fonte: Centro de Documentación da AELG
https://www.aelg.gal/centro-documentacion/autores-as/vitor-vaqueiro/paratextos/7488/postales-de-la-ciudad-perdida [Descarga: 2022-05-02]
Artigo de Vítor Vaqueiro sobre a actividade fotográfica de Cándida Otero e Filippo Prosperi
Vaqueiro, Vítor: «Achegameno ás orixes da actividade fotográfica do casal Prosperi-Otero na cidade de Vigo (1872-1882)», A trabe de ouro, 60 (2004), 487-501.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Información sobre o pasamento do fotógrafo Jaime Pacheco, que compartiu estudio con Cándida Otero
«D. Jaime Sousa Pacheco», El pueblo gallego, (1 de maio de 1954), 3
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Ao final da segunda columna, baixo o título «Necrología», comeza o obituario dedicado a Cándida Otero en Noticiero de Vigo
«Necrología», Noticiero de Vigo, (9 de marzo de 1915), 3
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Nota no xornal El diario de Pontevedra sobre o falecemento, en Vigo, de Cándida Otero.
«Los que murieron», El diario de Pontevedra, ( 8 de marzo de 1915), 2
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Fotografías do estudio de Otero e Pacheco para a Festa da Flor en Vigo. 1913
«La hermosa fiesta de la Flor en Vigo», Vida Gallega, 45 (30 de setembro de 1913), 19-20
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Agradecemento ao estudio fotográfico de Cándida Otero e Jaime Pacheco pola cesión de imaxes á revista Galicia
«Muy reconocidos», Galicia, revista semanal ilustrada, 10 ( 7 de marzo de 1911), 8
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Noticia da apertura do estudio de fotografía de Prosperi na rúa da Oliva en Pontevedra. 1888
«Pontevedra y Galicia», Crónica de Pontevedra: diario político, 603 (16 de maio de 1888), 3
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Información sobre o asasinato do suicidio dun fotógrafo empregado no estudio de Cándida Otero, tras asasinar a súa amante
«Horrible desgracia», Gaceta de Galicia (data)....
Fonte: Galiciana. Biblioteca de Galicia
Ligazóns de interese
Entrada de Filippo Prosperi no Álbum de Galicia
Vaqueiro, Vítor: «Filippo Prosperi», Álbum de Galicia, (3 de maio de 2022). 10.17075/adg.2022.23796
Fonte: Consello da Cultura Galega. Álbum de Galicia
http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=30932
Entrada de Cándida Otero na Galipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/C%C3%A1ndida_Otero [Consulta: 2022-02-23]
A fotógrafa Cándida Otero no web Do gris ao violeta
«Cándida Otero Fontán», www.dogrisaovioleta.gal
Fonte: https://www.dogrisaovioleta.gal/wp-content/uploads/2018/11/Candida-Otero-Fontan.pdf [Consulta: 2022-02-23]
Xurxo Martínez escribe sobre Cándida Otero no seu blog O murmurio das ondas
Martínez González, Xurxo: «Cándida Otero a contraluz», omarmuriodasondas.wordpress.com, (31 de xaneiro de 2019)
Fonte: https://omarmuriodasondas.wordpress.com/2019/01/31/candida-otero-a-contra-luz/ [Consulta: 2022-02-23]
Cándida Otero e Filippo Prosperi nun artigo de Milagros Bará en www.diariodepontevedra.es
Bará, Milagros: «Cándida Otero, la primera fotógrafa de Pontevedra», www.diariodepontevedra.es, (5 de agosto de 2018)
Fonte: https://www.diariodepontevedra.es/blog/milagros-bara/candida-otero-primera-fotografa-pontevedra/20180805195651994361.html [Consulta: 2022-02-23]
Cándida Otero biografada por Fernanda Padín Ogando no web Fotógrafas Pioneiras
Padín Ogando, Fernanda: «Cándida Otero (1846-1915)», www.fotografaspioneiras.com, (26 de novembro de 2017)
Fonte: https://www.fotografaspioneiras.com/index.php/2017/11/26/candida-otero-ii/ [Consulta: 2022-02-23]
O estudio fotográfico de Jaime Pacheco e Cándida Otero realiza a reportaxe do primeiro concurso de xinetes de Vigo. Coia, agosto de 1910
Lamas, Jorge: «La alta sociedad se va a la hípica», www.lavozdegalicia.es, (20 de xullo de 2015)
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2015/07/20/alta-sociedad-va-hipica/0003_201507V20C8994.htm [Consulta: 2022-02-28]
Artigo sobre a foto da fragata
Almansano porto de VigoLamas, Jorge: «Vigo saluda a los héroes de El Callao», www.lavozdegalicia.es, (28 de abril de 2015)
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/vigo/vigo/2015/04/28/vigo-saluda-heroes-callaola-reina-paga-polvora/0003_201504V28C6991.htm [Consulta: 2022-02-28]
Filippo Prosperi e Cándida Otero, pioneiros da fotografía en Vigo
Pardo, Pablo: «A lembranza do ollar (III): Reconstruíndo a Prósperi e Otero», culturagalega.gal, (11 de setembro de 2014 )
Fonte: http://culturagalega.gal/noticia.php?id=24595 [Consulta: 2022-02-28]
Filippo Prosperi nos fondos do Arquivo Pacheco
«Non só vigués: Vigo abre ao público o Arquivo Pacheco para reconstruír o pasado fotográfico da cidade», www.cuturagalega.gal, (3/8/2009),
Fonte: Consello da Cultura Galega
http://culturagalega.gal/noticia.php?id=15181 [Consulta: 2022-05-02]
Artigo de Teresa Cuíñas sobre a exposición do Arquivo Pacheco, no que recolle o traballo fotográfico de Cándida Otero
Cuíñas, Teresa: «Postales de la ciudad perdida: Vigo abre al público 4.000 imágenes digitalizadas del Archivo Pacheco» www.elpais.com, (26 de xullo de 2009)
Fonte: https://elpais.com/diario/2009/07/26/galicia/1248603498_850215.html [Consulta: 2022-02-28]
Videos
Pablo Prado elabora para culturagalega.org este documental sobre os pioneiros da fotografía viguesa: Cándida Otero e Filippo Prosperi
Fonte: https://www.youtube.com/watch?v=qsZXWKxrRvo [Consulta: 2022-02-28]