Salvador Pérez Froiz
Gondomar, 7/ 10/1956 - Oroso, 22/10/2011Autoría: Antón Dobao
A intelixencia ao servizo do común, a comprensión das cousas e das formas de dicilas e darlles vida
Salvador Pérez Froiz naceu o 7 de outubro de 1956 en Gondomar, no seo dunha familia de mestres. O seu pai, Salvador Pérez Rodríguez, natural de Lobios, no concello de Sober, levaba nove anos destinado en Gondomar. A súa nai Otilia Froiz Sobrado, natural da parroquia de Cira, en Silleda, era tamén mestra de profesión. A parella tivo cinco fillos, todos nacidos en Gondomar entre 1948 e 1963: Inés (1948), Margarita (1952), Salvador (1956), Lucía (1961) e Javier (1963). Dos cinco irmáns, soamente vive Margarita. O cancro de pulmón actuou cunha furia inclemente e brutal contra os outros catro.
En 1962, Otilia aproba as oposicións de mestra. Pouco tempo despois, en febreiro de 1963, marcha destinada aos Ancares, a Quindous, e leva a Salvador con ela, con seis anos, para non estar soa e totalmente arredada da familia, que queda en Gondomar. En Salva esa experiencia ancaresa causa un grande impacto. É un modo de vida distinto, xusto na outra marxe de Galicia, nun medio que se impón sobre o ser humano con toda a súa potencia telúrica. Nos Ancares, nun tempo en que a comunicación é utopía nas zonas montañosas do interior e das marxes de Galicia, a sensación de illamento debe ser moi profunda, principalmente no inverno coas neves e os fríos, moi material e física, e debe pesar sobre a arela de liberdade e de espazos abertos dun neno da idade de Salvador.
A experiencia tamén lle servirá para comprender que hai moitas e diversas Galicias dentro de Galicia e, ao mesmo tempo, moitas e diversas falas dentro da lingua. A fala é o que se fala, expresa Ánxel Fole a súa famosa tautoloxía, e a certeza sérvelle, con seguridade, a Salvador para posuír xa na súa madureza unha idea delicadamente coidadosa do material ao que lle dedicará o mellor da súa actividade profesional, do seu pensamento e do seu compromiso: a lingua e a fala que se fala. Fole e Salvador compartiron Terra Brava, aínda que fose en tempo breve.
Durante os dous cursos posteriores a aquel 1963, Salvador seguiu acompañando a súa nai nos seus destinos como mestra. Primeiro, en Toiriz, no concello de Vila de Cruces, e finalmente en Vilas, de volta en Gondomar. Xa na última parte do ano 1966, apenas a un mes de que Salvador faga os dez anos, toda a familia se traslada a Santiago de Compostela, que será, desde ese momento, a súa cidade, o lugar onde constrúe a súa vida, a súa familia e a súa traxectoria profesional. Ao pai déranlle destino no colexio da Almáciga e á nai nunha escola unitaria de San Lázaro. Nun par de anos, ambos conseguen praza no Quiroga Palacios de Conxo, que será xa definitiva para os dous. A nai de Salvador xubilarase en 1987; o pai, porén, morrerá aos poucos anos, en decembro de 1974, de cancro, cando Salva acaba de facer os 18. Esa primeira experiencia da morte marcouno profundamente. Salvador sempre se sentira moi unido a seu pai.
En Compostela realiza a maioría dos seus estudos. Desde o bacharelato elemental e o superior, que cursa no Instituto Arcebispo Xelmírez, ata a culminación da súa carreira universitaria, que pasará por dúas facultades diferentes. Os estudos superiores iníciaos no curso 1974-75 na Facultade de Medicina. Esa opción talvez non é máis ca o resultado de sentirse atraído pola dedicación a unha disciplina científica de profunda tradición humanista, próxima á súa experiencia na casa con seus pais mestres, a entrega ao benestar dos demais, material e inmaterial, físico e intelectual. Todo a partir dunha conciencia da solidariedade e do ben común que se vai formando desde a nenez. Non debe ser posible separar as súas afinidades electivas dun sentido de lealdade solidaria e de procura do ben común. Toda a traxectoria humana e profesional de Salva así o expoñerá.
Probablemente pesa máis o interese polo ben común ca a medicina na súa decisión, porque o seu traxecto por esa disciplina non goza de éxito nin el sentirá que lle achegue demasiado. A medicina non era para el, recoñecía co seu sentido irónico da existencia e das afinidades electivas, un sentido do humor extraordinariamente áxil e gran capacidade de facer carnaval de si mesmo. Era un signo luminoso da súa comprensión da realidade, a intelixencia ao servizo do común, a comprensión das cousas e das formas de dicilas e darlles con iso vida.
Ao carón do impulso que levou a Salvador á ciencia médica debeu convivir o resultado daquel período de formación substancial da nenez e a adolescencia, o coñecemento de lugares, formas de vida e culturas diversas que fixese arraigar unha conciencia de pertenza e identificación coas xentes que mediante o traballo se repoñen a duras condicións e articulan o oficio de vivir. Por aí debeu repousar a súa entrega amorosa a unha lingua que, coma todas as linguas do mundo, expresa con exactitude os universos materiais e inmateriais dos seus usuarios. Unha lingua que explica e narra, que interpreta e interpela, que constrúe o mundo e a historia que nos define. Nas expresións de Salva, nas súas conversas, na súa maneira de concibir o mundo, era imposible non detectar o eco de todas as xentes que configuraron os anos da súa formación, as súas arelas, os seus universos.
Da aprendizaxe da medicina non consta que conservase demasiado. Talvez, a comprensión do método científico, a asunción da ciencia como principio superior a toda concepción mítica ou fantasiosa da historia e da realidade, a defensa radical da súa necesidade para o benestar común, esa función de analxésico existencial que sempre a acompaña. A ciencia como proba racional de que a vida é unha experiencia continxente que cobra sentido no colectivo e no mesmo acto de existir, despoxada, por fortuna, de finalidade transcendente, radicalmente libre na súa beleza e nas súas traxedias. Toda esa conciencia do mundo e da existencia, que se nutre tamén nun exquisito coñecemento musical e literario e nunha memoria prodixiosa, fará de Salvador Pérez Froiz un filólogo do inmediato, material, alérxico a unha idea transcendente, mítica, idealista e antihistórica da lingua. Salvador é un científico, a súa conciencia da lingua como corpo vivo que se transforma historicamente nace dun profundo respecto e admiración polos suxeitos falantes e sitúase nun respectuoso concepto do instrumento lingüístico como ferramenta de infinidade de posibilidades. Aquelas notas cargadas de humor e sarcasmo en que explicaba aos profesionais da TVG como conviría redactar deberían incorporarse aos manuais de aprendizaxe.
Salvador abandonou os estudos de medicina no curso 1981/82. O salto á filoloxía non debeu ser traumático; máis ben, unha corrección de rumbo, que arrinca no curso 1984/85. Termina a carreira, desta vez si, en tempo e forma no curso 1988/89. E xa pouco despois de licenciarse, o 18 de decembro do mesmo ano, iniciará a actividade profesional da súa vida na Televisión de Galicia. Chega con trinta e tres anos, é o lingüista da TVG máis veterano e máis novo ao mesmo tempo. Un dato sen importancia, pero que dalgunha forma enriqueceu o propio desenvolvemento profesional dunha actividade que transitaba os primeiros tempos, da que non había experiencia á que acudir, que contaba con dificultades e atrancos en todos os niveis da institución. A incorporación de Salvador Pérez Froiz contribuíu a especializar o traballo dos servizos de asesoramento lingüístico da TVG e a fixar necesidades que ían máis aló das urxencias do día a día. Empezábase a concibir estruturalmente o servizo lingüístico que un medio de comunicación público en Galicia esixía. E nesa busca dunha concepción orgánica adecuada, Salvador terá unha responsabilidade non menor.
Despois de tres anos de contrato en prácticas, pasou a ser traballador fixo tras o primeiro proceso de oposicións públicas na CRTVG. En 1992, cun cadro de persoal que medrara case sen contención ao tempo que os medios públicos se desenvolvían cunha potencia sen límites, convocábanse as primeiras oposicións libres, un proceso moi conflitivo en moitos sentidos, que no caso de Salvador se resolveu de maneira brillante. O 23 de decembro dese ano, asina o seu contrato indefinido. Continuará traballando para os Servizos Informativos da TVG na corrección de textos, o primeiro e principal foco de atención do traballo filolóxico desde o inicio das emisións. Pero a lingua na TVG era máis ca os espazos informativos. O galego, ao ser vehículo de comunicación dunha televisión pública as vinte e catro horas do día, empezaba a reincorporarse a ámbitos dos que fora apartado e accedía a outros aos que nunca accedera. De facto, ampliaba coma nunca o seu repertorio de roles, e iso, á parte dos traballos de corrección, esixía perspectivas a medio e longo prazo en relación con outros aspectos da lingua: a oralidade, a variación, a construción de estilos propios e xenuínos que evitasen a mímese respecto á poderosa gravidade exercida polo planeta da comunicación en castelán sobre os modelos que aínda non posuïamos.
Na altura, Salvador xa empezara a compartir con Mamen Salcedo a experiencia de formar familia. Coñecéranse máis de vinte anos antes; Mamen era moi amiga da súa irmá Lucía e frecuentaba a súa casa. Eran moi novos cando, arredor do 1978, empezaron a relacionarse xa como parella. En 1990 casarían e despois terían dous fillos: Carme Celia, que naceu en outubro de 1995, e Salvador, en xuño de 1998. Para Salva, a familia era o punto exacto ao redor do que gravitaba a súa vida.
A evolución do traballo filolóxico na TVG e o incremento de lingüistas no cadro de persoal propiciaron unha distribución máis eficaz das tarefas e unha especialización tan lóxica como necesaria. Mediados os anos noventa, aproximadamente, despois da chegada de Francisco Campos á Dirección Xeral da CRTVG, Salvador pasa a encargarse do asesoramento lingüístico específico de toda a programación deportiva da TVG, que inclúe retransmisións de diversos deportes. Durante todo o tempo que dedica ao traballo sobre a lingua nos deportes, non soamente revisa textos senón que acomete o labor de articular toda unha gramática de usos e unha estilística da lingua para os diversos espazos deportivos das emisións da TVG. Realiza un traballo sistemático que inclúe léxico específico, terminoloxía, diversos campos gramaticais, adaptación e normas de pronuncia e transliteración de antropónimos e denominacións de entidades deportivas, estadios, etc. O núcleo dese traballo, sistematizado polo propio Salvador, continúa hoxe instalado na Intranet da TVG baixo o título xenérico de Lingua e deporte, estruturado en diversos apartados (notas lingüísticas, vocabularios específicos, dúbidas gramaticais e léxicas, cuestións de estilo, terminoloxías, nomes de equipos e xogadores, etc.). O traballo, que non está ao alcance de todo o público, sería unha importante contribución se puidese ser actualizado, ver a luz e abrirse ao acceso de calquera persoa interesada nas achegas que Salvador Pérez Froiz propuxo e, por tanto, no desenvolvemento dos usos lingüísticos nos ámbitos de múltiples deportes. É un legado que merece difusión.
No ano 2001, Salvador participa na súa calidade de asesor lingüista do Departamento de Deportes da TVG no ciclo de debates organizados pola Facultade de Ciencias da Información Televisión de Galicia: balance de 15 anos. Na súa intervención, expón a visión sobre os avances, as necesidades e os proxectos pendentes no camiño da normalización nun medio público que por esas datas, como indicaba o título do ciclo, facía quince anos de vida. A TVG era xa unha institución consolidada; os labores lingüísticos na institución, por tanto, gozaban xa dunha incidencia social recoñecida e susceptible de reflexión e debate.
Toda esa actividade profesional tamén o leva neses anos a participar na creación da Sociedade Galega de Terminoloxía, fundada o 6 de outubro de 2004, en cuxa primeira Xunta Directiva participa como vogal canda outros investigadores, tradutores e terminólogos.
A finais do ano 2005 prodúcense relevos na dirección da CRTVG tras a investidura do goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG presidido por Emilio Pérez Touriño. Xorde, co novo equipo directivo, a posibilidade de que se faga real unha vella reivindicación dos equipos de asesoramento lingüístico da TVG: a creación dun Departamento de Normalización que, ligado directamente á Dirección Xeral da CRTVG, actúe sobre todos os ámbitos e departamentos tanto no referente ao corpus e aos usos lingüísticos nas emisións coma no tocante ao estatus na institución e aos usos sociais da lingua tanto entre os profesionais como nas relacións co exterior, co conxunto da sociedade galega, cos diversos grupos de espectadores e espectadoras, etc. A creación dun Departamento de Normalización foi compromiso do novo equipo, con Benigno Sánchez na Dirección Xeral da CRTVG e Suso Iglesias na Dirección da TVG. E Salvador Pérez Froiz é a persoa chamada a asumir a responsabilidade de dirixilo. Mais o proxecto queda a medias. Por unha banda, o Departamento non pasa de Servizo, un nivel inferior no organigrama da CRTVG; pola outra, a súa creación demórase moito máis do necesario, ten que pasar máis da metade da lexislatura para que por fin se cree. O Servizo de Normalización nace en 2007 e Salvador Pérez Froiz é nomeado xefe. O primeiro e único xefe do Servizo de Normalización Lingüística da CRTVG.
A súa principal tarefa como xefe do Servizo de Normalización consistiu en darlle vida, razón e contidos, en definir tarefas e posibles actuacións. O primeiro proxecto que Salvador formula é a elaboración dun Libro de Estilo para a CRTVG —outra vella arela permanentemente inalcanzable— , que elaboraría un equipo de lingüistas e xornalistas. Por desgraza, o proxecto non foi posible, non pasou dunha proposta inicial de contidos, estrutura, coordinación, equipo e metodoloxía. As reticencias e os bloqueos en certos ámbitos da dirección evitaron que puidese cristalizar un proxecto tan interesante como necesario.
Durante estes anos, en concreo en 2007, Salvador tamén participa como lingüista na rodaxe da película A mariñeira. Nela, encargarase de preparar o grupo de actores e actrices catalás que, coma o resto de intérpretes, rodarán en galego. Fai con eles labor de aprendizaxe e adestramento fonético, prosódico e mesmo de comprensión da lingua. E ese labor tamén constitúe un fito extraordinario —e nunca máis repetido— nunha cultura atoutiñante cando no mundo do audiovisual normalizado non deixa de ser un feito ordinario. No audiovisual galego que nacía ás apalpadas e quería dar algúns pasos certos, a colaboración dun lingüista na rodaxe simbolizaba o proxecto dun sector cultural e artístico erixido sobre a os alicerces da propia lingua e non contra ela. Salvador Pérez Froiz tamén tivo aí un labor de primeira liña.
O Servizo de Normalización Lingüística da CRTVG que Salvador Pérez Froiz dirixiu quedou suprimido en 2009, apenas dous anos despois da súa creación. O equipo directivo da CRTVG que xorde do triunfo do Partido Popular de Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas de 2009 elimina o Servizo de Normalización e destitúe a Salvador Pérez Froiz nunha das primeiras medidas de reestruturación organizativa da corporación. Foi o final dunha experiencia intensa pero breve.
Por desgraza, o percorrido posterior de Salvador como lingüista da CRTVG sería demasiado curto, traxicamente breve. Pouco tempo despois da súa destitución, no ano 2010, Salva enferma gravemente. Ao outro ano, o día 22 de outubro de 2011, falece. O mesmo cancro que acabara coa vida de dúas irmás e acabaría coa do seu único irmán pon unha dolorosa fin á súa existencia.
Foise Salvador un día tristísimo de outubro de 2011. Pero quedou para sempre un ronsel, un legado que sería imposible non identificar, na lembranza dos seus compañeiros e compañeiras, das súas amizades, da súa familia, da xente que tanto o quixo e a quen el tanto amou. Permanece a memoria do que foi, da persoa, do seu compromiso, da súa entrega, da súa enorme capacidade de traballo. E tamén toda unha obra, máis abundante en calidade e en efectos que en cantidade, resultado de máis de vinte anos de dedicación, imposible de medir. Unha obra que espera e merece coñecemento, difusión e recoñecemento público.
OBRA
-Lingua e deporte, inédito. Edición dixital na intranet da CRTVG. Actualizada para a liga de fútbol na temporada 2010-2011.
- Profesionaliza a túa lingua. Deportes. Léxico castelán-galego. A Coruña: Universidade da Coruña, 2006.
Como citar: Dobao, Antón : Salvador Pérez Froiz. Publicado o 17/1/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=33422. Recuperado o 27/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Artigo sobre a creación do Servizo de Normalización Lingüística da CRTVG e as súas funcións, publicado na revista CRTVG en marzo de 2008
Pérez Froiz, Salvador: «Sobre o Servizo de Normalización Lingüística», CRTVG (marzo de 2008).
Fonte: doazón de Antón Dobao.
Vocabulario bilingüe castelán-galego de termos deportivos elaborado por Salvador Pérez Froiz en 2006 no marco da campaña da UDC «Profesionaliza a túa lingua»
Pérez Froiz, Salvador (2006): Profesionaliza a túa lingua. Deportes. A Coruña: Servizo de Normalización Lingüística, Universidade da Coruña.
Fonte: Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña
https://www.udc.es/export/sites/udc/snl/_galeria_down/terminoloxia/Deportes.pdf [consulta: 2022-06-15]
Vocabulario básico castelán (inglés)-galego do golf
Documento de traballo inédito, distribuído en 2004 por Salvador Pérez Froiz na rolda de terminoloxía do Consello da Cultura Galega.
Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Consello da Cultura Galega.
Coloquio entre Salvador Pérez Froiz, Antón Dobao, Xosé Luís Regueira e Charo Pena sobre a lingua na Televisión de Galicia
Pérez Froiz, Salvador et al. (2003): «A Televisión de Galicia e a lingua». En Seoane Pérez, Francisco (coord.): Televisión de Galicia: balance de 15 anos. Actas do Ciclo de Debates celebrado en Santiago de Compostela do 2 ó 5 de abril de 2001. Santiago: Universidade de Santiago de Compostela; 57-77.
Fonte: Biblioteca de Galicia.
Certificados do labor como conferenciante e docente de Salvador Pérez Froiz na década dos 90
Fonte: arquivo familiar de Salvador Pérez Froiz.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Antón Dobao en lembranza de Salvador Pérez Froiz, con motivo do seu falecemento
Dobao, Antón (2012): «Salvador Pérez Froiz "Salva". Irreparable», Papeis da Academia Galega do Audiovisual (xuño 2011-xullo 2012); 165.
Fonte: Academia Galega do Audiovisual
https://papeisdaacademia.org/papeis-da-academia-2011-2012/ [consulta: 2022-11-29]
Ligazóns de interese
O equipo do programa En Xogo da TVG recibe en 2017 o premio honorífico José Sellier, que outorga a Academia Galega do Audiovisual.
Vídeo que recolle o discurso do xornalista Alfonso Hermida ao recibir este premio, no que fai mención ao seu compañeiro Salvador Pérez Froiz (xa falecido), recoñecendo o seu traballo pioneiro de divulgación da terminoloxía dos deportes. [Ver minuto 3:30]
Fonte: Televisión de Galicia
https://www.crtvg.es/crtvg/noticias-corporativas/en-xogo-recolleu-o-premio-jose-sellier-da-academia-do-audiovisual-polo-seu-destacado-labor-durante-30-anos [consulta: 2022-12-01]