María Luisa Viqueira López-Cortón
Vixoi (Bergondo, A Coruña), 23/ 7/1888 - Cidade de México (México), 2/10/1974Autoría: Patricia Arias Chachero
Da Quinta dos Cortón ao exilio mexicano
Foi a nai de Luisa quen criou os fillos. Era unha das fillas de Pascual López Cortón (1817-1878), o mecenas que patrocinara os primeiros Xogos Florais da Coruña en 1861 e que encargou a Antonio María de la Iglesia a edición de El Álbum de la Caridad (1862), considerado a primeira antoloxía poética do Rexurdimento galego. Educada nun ambiente culto e exquisito, Luisa tratou desde nena algunhas das principais figuras da cultura galega e española que visitaban con frecuencia a Quinta dos Cortón, a fermosa casa que seu avó comprara tras regresar da emigración en Puerto Rico. Nesta suntuosa casa, en Vixoi, residiu tamén a outra filla de Pascual López Cortón, Carmen (1866-1938), tía materna de Luisa, que con 27 anos casou co pedagogo krausista Manuel Bartolomé Cossío, discípulo predilecto de Francisco Giner de los Ríos. A primeira filla deste matrimonio, Natalia, naceu en 1894 na casa familiar de Bergondo.
Francisco Giner de los Ríos e Cossío pasaban temporadas na casa de Vixoi desde o ano 1891, alí os tratou e coñeceu a pequena Luisa que se educou nun ambiente privilexiado, rodeada de libros e de todo tipo de facilidades para aprender. Desde a máis tenra infancia beneficiouse das reformas educativas alentadas pola Institución e do contacto coa natureza. Era, polo que parece, unha persoa extremadamente culta e intelixente. Tamén parece probada a súa identificación coa terra e a defensa da nosa lingua, pois segundo indica Aurora Marco é posible que colaborase cun grupo de mulleres sadenses que fixeron unha importante doazón ás Irmandades da Fala da Coruña ao pouco de ser creadas.
O día 7 de maio de 1917, ás tres da tarde, seu irmán, Xohán Vicente, casou en Badaxoz con Jacinta Viqueira Landa, a quen comezara a tratar en Madrid cando ambos estudaban e traballaban para a Institución Libre de Enseñanza. Quizais foi alí, en Badaxoz, onde Luisa coñeceu o seu cuñado, o avogado Rubén Landa Vaz (1890-1978) con quen casaría polo civil apenas tres anos despois o 23 de xullo de 1920. Pode ser tamén que Rubén Landa e Luisa Viqueira se coñecesen antes, a través de Giner de los Rios, grande amigo do primeiro e visitante habitual da casa familiar da segunda.
O 6 de abril de 1920 Rubén Landa aproba as oposicións e pasa a ocupar a cátedra de Psicoloxía, Lóxica e Ética do Instituto Fray Luis de León de Salamanca. En novembro do ano seguinte a Junta de Ampliación de Estudios concédelle unha bolsa e o matrimonio vive durante 20 meses en distintos lugares de Francia e Inglaterra. De volta a Salamanca, Luisa, lectora atenta, debeu ter relación con Miguel de Unamuno, con quen o seu esposo fraguou unha estreita amizade e con quen se escribiu durante anos. A morte prematura de seu irmán, Xohán Vicente Viqueira, en 1924 e o feito de que a súa viúva, Josefa Landa Vaz, regrese a Madrid cos tres fillos pequenos do matrimonio, Luisa (1918-2014), Jacinto (1921-2014) e Carmen (1923-2010) Viqueira Landa, provoca que o matrimonio formado por Carmen e Rubén tente aproximarse á capital.
En 1927 a parella trasládase a Segovia, en cuxo instituto Rubén dá aulas e onde ambos manteñen unha estreita relación co poeta Antonio Machado, viúvo e triste. Durante a II República, Rubén Landa, militante de Acción Republicana, desenvolveu diversos cargos políticos.
A guerra sorprende a María Luisa en Galicia, na praia da Lagoa, a cinco quilómetros escasos de Vixoi. Trasladárase alí coa súa cuñada, os fillos desta e outros nenos de familias republicanas para pasar o verán. Trataban de aproveitar o descanso estival cun pequeno experimento pedagóxico no que, ademais de baños na praia, as rapazas e os rapaces convivisen, repartisen as tarefas e se achegasen á vida dos campesiños galegos.
O inicio da contenda impide que a pequena colonia de verán poida regresar a Madrid. En marzo de 1937 a cuñada e os sobriños embarcan na Coruña rumbo a territorio republicano, Luisa decide quedar en Vixoi coidando da súa nai. Probablemente permaneceu na casa da aldea ata a morte de Luisa López-Cortón Viqueira, en 1941.
Mentres, o seu home, na fronte, deseña un método para ensinar a ler e escribir aos mozos republicanos analfabetos que estaban combatendo e colabora nas Colonias infantís de Villalgordo del Júcar (Albacete) onde tamén traballan as súas sobriñas, Luisa e Carmen Viqueira Landa, fillas de Xohán Vicente. En setembro de 1938, o goberno republicano deu ordes a Rubén Landa para que, con outros mestres, viaxase á URSS para asegurarse de que un grupo de nenos republicanos se afastasen da guerra. Antes de marchar visitou a Antonio Machado na torre del Castanyer e ofreceulle levar as súas sobriñas. As tres fillas dun dos irmáns do poeta acompañarían a Landa no seu exilio.
Tras o pasamento da nai, en 1941, Luisa abandona Vixoi e viaxa a México onde logra reunirse, tras seis anos de separación, co seu home. O matrimonio involúcrase entón na educación dos fillos dos exiliados españois, Rubén Landa traballa na Academia Hispano Mexicana, unha das primeiras institucións educativas creadas polos republicanos españois refuxiados no país e entre 1942 e 1947 dirixiu o Instituto Luis Vives, creado polo Comité Técnico de Ayuda a los Republicanos Españoles e auspiciado por Juan Negrín.
Luisa Viqueira López faleceu o 2 de outubro de 1974 en Cidade de México.
Bibliografía
Bremón, Anunchi (1985): «Carmen Viqueira Landa», Los Cuadernos del norte, 34 (novembro-decembro), 44-52
Domínguez Rodríguez, Emilia (1996): «El institucionista Rubén Landa Vaz, reformador del currículo de la enseñanza secundaria». En El currículum: historia de una mediación social y cultural. IX Coloquio de Historia de la Educación. I. Granada: Ediciones Osuna; 459-463
Marco, Aurora (2020): Irmandiñas. Santiago de Compostela: Laiovento.
Porto Ucha, Ángel Serafín (2005): La Institución Libre de Enseñanza y la renovación pedagógica en Galicia (1876-1936). Sada (A Coruña): Ediciós do Castro.
Como citar: Arias Chachero, Patricia : María Luisa Viqueira López-Cortón. Publicado o 20/9/2022 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=33656. Recuperado o 11/12/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Victor Fernández Freixanes homenaxea ao exilio galego en México e destaca a figura Luisa Viqueira Landa, gran descoñecida para os e as galegas
F. Freixanes, Víctor: «Luisa Viqueira Landa», La Voz de Galicia, (12 de xullo de 2021)
Fonte: Arquivo da autora da biografía
Reivindicación das figuras destacadas de Betanzos no século XX, entre elas a familia López-Cortón Viqueira
Delgado Corral, Concepción: «Figuras importantes de Betanzos no panorama cultural da primeira metade do século XX: Homenaxe a Salvador Mosteiro Pena», Anuario Brigantino, 32 (2009), 489-498.
Fonte: Anuario Birgantino. Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Artigo de María Obelleiro n'A Nosa Terra sobre o ronsel de X.V. Viqueira a través das súas fillas e o seu fillo
Obelleiro, María: «O legado de Viqueira a través dos seus fillos», A Nosa Terra, 1298 (12 a 20 de febreiro de 2008), 39.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega
Aurora Marco recolle a Luisa Viqueira López-Cortón no seu Dicionario de mulleres galgas
Marco, Aurora: «Viqueira López Cortón, María Luisa». En Dicionario de mulleres galegas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2007; 468.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Entradas das irmás Carmen e Luisa Viqueira Landa no Dicionario de mulleres galegas de Aurora Marco
Marco, Aurora: «Viqueira Landa, Carmen» e «Viqueira Landa, Luísa». En Dicionario de mulleres galegas. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2007; 467-468.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Sobre Jacinta Landa e Luisa Viqueira López-Cortón
Marco, Aurora: «Unhas notas de lembranza sobre Jacinta Landa Vaz». En Irmandiñas. Santiago de Compostela: Laiovento, 2020; 27-30.
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Ligazóns de interese
Biobibliografía de Luisa Viqueira Landa, sobriña de Luisa Viqueira López-Cortón, no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega
Presentación d'O Legado Sonoro de Jacinta Landa Vaz, d'aCentralfolque, por Aurora Marco
Fonte: https://sites.google.com/view/projetojacinta/documentos/presentaci%C3%B3n-de-o-legado-sonoro-de-jacinta-landa-vaz
Luísa Viqueira, e outras familiares vencelladas á Quinta dos Cortón, entre as mulleres republicanas recuperadas por Lola Ferreiro para a revista Areal
Ferreiro Díaz, Lola: <«Republicanas: nin vencidas nin desarmada», Areal: revista cultural de Sada, (14 de abril de 2016)
Fonte: https://areal.gal/2016/04/republicanas-nin-vencindas-nin.html [Consulta: 2022-06-13]
Homenaxe do concello de Bergondo á familia Viqueira
Abelairas, Bea: «Bergondo homenajea a su filósofo», www.lavozdegalicia.es, (19 de marzo de 2010)
Fonte: La Voz de Galicia
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/coruna/2010/03/19/bergondo-homenajea-filosofo/0003_8365488.htm [Consulta: 2022-09-19]
Con motivo do centenario da J.A.E. a Revista galega de educación publica un artigo sobre Xohán V. Viqueira e a súa familia
«Panoraula: Xoán V. Viqueira e o centenario da J.A.E. (1907-2007)», Revista Galega de Educación: publiación de Nova Escola Galega, 39 (2007), 164-167.
Fonte: http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/RGE/39%20RGE.pdf [Consulta: 2022-06-13]
A escritora e xornalista Anunchi Bremon trata neste artigo o exilio da familia Viqueira
Bremon, Anunchi: <«Los cuadernos del diálogo: Carmen Viqueira Landa», Los Cuadernos del Norte, 34 (novembro-decembro de 1985), 44-52
Fonte: Cervantes Virtual.
https://cvc.cervantes.es/literatura/cuadernos_del_norte/pdf/34/34_44.pdf [Consulta: 2022-06-09]
Entrevista a Manuel Rodríguez Viqueira, fillo de Luisa Viqueira Landa
«Entrevista a Manuel Rodríguez Viqueira», Terra e Tempo, 5 (xaneiro-xuño de 1910), 5-10
Fonte: http://www.terraetempo.gal/media/documentos/TeT_153_154_Entrevista_Manuel_Rodriguez_Viqueira.pdf [Consulta: 2022-06-09]
Entrada biobibliográfica de Xohán Vicente Viqueira no Álbum de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega
Carmen López-Cortón no Álbum da J.A.E. do Consello da Cultura Galega
Fonte: Consello da Cultura Galega
Ficha de Luisa Viqueira López-Cortón en Pares: portal de archivos españoles
Fonte: http://pares.mcu.es/MovimientosMigratorios/detalle.form?nid=34261 [Consulta: 2022-09-19]
Videos
Homenaxe do concello de Bergondo á figura de Luisa Viqueira Landa
Fonte: Concello de Bergondo: Bergondo en feminino: Luisa Viqueira Landa (1918-2014) https://www.youtube.com/watch?v=Wyusqpljf9I [consulta: 2022-06-07]