Paz López Facal
Toba, Cee (A Coruña), 2/ 11/1938 - Vidán, Santiago de Compostela (A Coruña), 21/10/2020Autoría: Berta López Villamel
Mestra, compañeira, contista, bibliófila. Activista na sociedade e na cultura que habita en favor da xustiza
Paz López Facal naceu na aldea de Toba, no concello de Cee, o 2 de novembro de 1938. Foi a segunda de nove irmáns e mantivo unha relación especial coa súa irmá maior, Alcázar, coa que compartiu todo o seu período de formación. Casada co dirixente político Camilo Nogueira, de quen foi unha compañeira infatigable, faleceu en Vidán (Santiago de Compostela) o día 21 de outubro de 2020.
A súa educación comezou en Lalín, de onde era orixinaria a súa familia materna. Asiste á escola infantil de Julia Blanco, nai de Gonzalo Navaza, onde xa agromaron as características da súa personalidade (curiosidade, humor, inquedanza...). Logo, sempre con Alcázar, pasou á escola pública de Dona Ramonita. Ao acabar a Primaria ambas as dúas cursaron o Bacharelato tamén en Lalín. Rematado este ciclo, trasládanse cos seus avós maternos a Santiago, con casa na praza compostelá de Cervantes, para estudar Maxisterio na Escola Normal.
En 1960 Paz aprobou a oposición e tivo o seu primeiro destino provisional no curso 1960-1961 en Calo, Vimianzo. Acadou logo destino definitivo en Brión de Abaixo no Cruceiro de Roo, e proseguiu a súa carreira con destinos en escolas unitarias como educadora de Ensino Primario. Formaba parte do colectivo de mestras que ocupaban a meirande parte das Escolas Unitarias galegas e que xogaron un importante papel nas aldeas ás que foron destinadas porque, máis alá do traballo co alumnado, achegaban á comunidade novos coñecementos entre os que podemos contar a alfabetización, a hixiene, a alimentación, a loita polo progreso e a maneira de entender a cultura.
Paz e Camilo casan en 1967 e un ano despois nace en Toba a súa primeira filla, Alba. En 1970 a familia estaba asentada en Vigo, onde nacería Natalia, a súa segunda filla. Os anos 70, con dúas fillas pequenas e moi comprometida, canda o seu marido, na vida política e sindical de Vigo, foron para Paz un tempo de moita tensión, especialmente durante as grandes mobilizacións de setembro de 1972. A causa daqueles feitos, Camilo é detido, torturado e levado á cadea. Pouco despois tamén foi detido Xaquín, un dos irmáns de Paz.
O desamparo de Paz naqueles días foi moi grande: fun por moitas partes e nada
-diría ela-, pero tamén tivo axuda de obreiros e obreiras, avogados e avogadas (Fernando Randulfe e Elvira Landín) e amizades (Calo Iglesias, Sanseveriano) que lle axudaron a resistir e loitar. Entrevistouse con autoridades, mesmo co bispo de Tui-Vigo, en defensa da liberdade dos presos e contra os inxustos argumentos polos que os retiñan e os torturaban. Isto deixoulle unha fonda pegada para toda a vida que a mantiña sempre alerta fronte á inxustiza.
Desde 1969 Paz formaba parte do claustro do colexio Rosalía de Castro en Vigo que dirixía Antía Cal. Nese contexto, afrontou unha difícil situación derivada da reclamación dunha parte do profesorado ante a conculcación dos dereitos laborais que atinxía, entre outras medidas, á duración da xornada laboral e os horarios de clase. A consecuencia daquelas reivindicacións, tivo lugar o despido dun profesor e seis profesoras de distintas materias por parte da dirección. A información está recollida en varios xornais, entre eles La Vanguardia de Barcelona (12 de setembro de 1973), onde as alegacións do centro están en clara contradición coa executoria da profesora despedida, pois consideraban que destruía la coherencia y conexión del grupo de profesores de la escuela
.
Proseguiu logo a súa carreira profesional na especialidade de Educación Preescolar no colexio de Sar en Santiago, na escola de Raxó en Teo e, de novo en Santiago de Compostela, primeiro no colexio público de Vite, logo no colexio Pío XII e finalmente no colexio público de Fontiñas onde se xubilou.
No percurso polas escolas, Paz aplica as teorías pedagóxicas de Celestin Freinet, Maria Montessori, Cecília Meireles, Paulo Freire, Francesco Tonucci e Gianni Rodari, entre outros e outras, que alumeaban ensinanzas vivificantes e modernizadoras para a comunidade educativa (alumnado e docentes) daquel tempo. Paz poñíaas en práctica con reflexións sobre o seu traballo escolar e a importancia do contorno, no que a lingua galega e as variantes dialectais de cada lugar (especialmente da parroquia de Toba) tiveron un papel moi singular.
Outro aspecto do método de traballo de Paz foi a incorporación de textos de literatura infantil en distintas linguas que ela ía adquirindo durante as súas viaxes. Estas achegas externas servíanlle a Paz para enriquecer as actividades escolares e motivar ao seu alumnado.
No verán do ano 1970 acode, como moita outra xente de toda España, á Escola de Estiu Rosa Sensat
de Barcelona, un lugar aberto á exploración e investigación das vías máis anovadoras da Didáctica e da Pedagoxía dentro e fóra do país, e que coas súas achegas contribuíu de forma aberta e enriquecedora ao desenvolvemento cultural, social e político. Das súas propostas e experiencias naceu para unha boa parte de ensinantes como Paz, a necesidade de afondar no coñecemento e exploración do medio no que está inserida a escola como recurso para unha aprendizaxe máis experimental.
Ademais, a partir de 1976, os modelos de reflexións e propostas da escola Rosa Sensat comezan a se desenvolver noutros puntos do estado. Máis concretamente en Galicia, están vinculados á organización e celebración en dito ano das primeiras Xornadas do Ensino, e ao desenvolvendo de asociacións pedagóxicas como Nova Escola Galega ou o Seminario Galego de Educación para a Paz.
Ao longo da súa vida Paz compaxinou a práctica profesional do ensino coa escritura. Xunto con Berta López Villamel e María Josefa Villar López, conforman o Equipo Xirimbao e elaboran diversos textos escolares en galego para Edicións Xerais de Galicia datados entre 1988 e 1992. Son: Labia,1 e 2, materiais de lectoescritura para o ciclo de Educación Infantil de 3 a 6 anos; Canles, 1 e 2, Libros de Lingua Galega e Novelos de papel 1 e 2, propostas globalizadas para o primeiro ciclo de Educación Primaria (6 a 8 anos). Estas publicacións van sempre acompañadas doutros materiais complementarios para o profesorado en forma de guías, libros de lecturas e exemplificacións didácticas para o Ciclo de Educación Infantil e para o Primeiro Ciclo de Educación Primaria. Tamén elaborou, en colaboración con María Josefa Villar, a unidade didáctica A Auga, orientada ao Primeiro Ciclo de Educación Primaria e publicada nas Exemplificacións Didácticas da Consellería de Educación en 1993. Todos estes traballos experimentais naceron ao amparo das consultas realizadas polo goberno central ás autonomías, co fin de incorporar as achegas dos distintos territorios á redacción final da Lei Orgánica de Ordenación do Sistema Educativo, LOGSE, aprobada o 3 de outubro de 1990.
Paz, como autora, tamén produce textos literarios. Nos azarosos tempos vigueses publicou na revista Grial o relato breve «Tamén hai lobos tristes», no que incorpora o léxico e a expresividade da fala de Toba. Trata dun lobo que sucumbe ao engado da vida de can pola súa proximidade aos humanos, que percibe como amables e acolledores, nunha evocación dos contos de tras do lume tan habituais nas noites das cociñas galegas. Alén deste conto, permanecen inéditos algúns cadernos que mostran as súas inquedanzas literarias.
Paz reuniu durante a súa vida unha importante colección de literatura infantil que se converteu nunha fonte inesgotable de recursos para a escola. Foi ademais unha gran viaxeira, unha grande afeccionada ao cine e unha lectora afervoada ata o punto de que, na fase final da súa vida, na que xa non podía ler, se autodefinía como unha viúva dos libros. Viúvo ficou tamén o maxisterio galego coa súa morte.
Obra
López Facal, Paz (1971): «Tamén hai lobos tristes», Grial, 31 (xaneiro, febreiro, marzo), 74-76.
Equipo Xirimbao [Paz López Facal, Berta López Villamel e María Josefa Villar López]:
- 1988: Canles. Lingua Galega, Ciclo inicial, 1º e 2º de EXB. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- 1992: Labia. Materias de Lectoescritura, Cadernos de traballo, 1,2,3. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- 1992: Labia, Proposta Didáctica, Ciclo Inicial e Educación Primaria. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- 1992: Labia, Lingua. Lecturas, Educación Primaria, 1º e 2º cursos. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- 1992: Labia, Lingua. Unidades Didácticas, Educación primaria, 1º e 2º curso. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- 1989: Lingua galega. Guía do mestre. Ciclo inicial, 1 e 2º curso. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- 1988: Novelos de papel, 1ºde EXB. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. [2ª edición, 1992]
- 1989: Novelos de papel, 2º de EXB. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. [2ª edición, 1992]
- 1989: Novelos de papel. Guía do Mestre , Ciclo Inicial. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
- 1992: Novelos de papel. Proposta Didáctica, Ciclo Inicial. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
López Facal, Paz; Villar López, María Xosefa (1993): A Auga. Unidade didáctica, Santiago de Compostela: Consellaría de Educación. Xunta de Galicia. [Exemplificacións Didácticas. Primeiro ciclo de Primaria, 2 v.]
Bibliografía
Freinet, Célestin (1972): Los métodos naturales. III: El aprendizaje de la escritura. Barcelona: Laila.
Freinet, Célestin (1973): Parábolas para una pedagogía popular: (Los dichos de Mateo). Barcelona: Laila.
Freire, Paulo (1973): ¿Extensión o comunicación?: La concienciación en el medio rural. Buenos Aires: Siglo XXI.
Freire, Paulo (1975): Pedagogía del oprimido. Madrid: Siglo XXI de España.
Meireles, Cecília (2016): Problemas da literatura infantil. São Paulo: Global Editora.
Rodari, Gianni (1979): Gramática de la fantasía: Introducción al arte de inventar historias. Barcelona: Ferran Pellisa.
Tonucci, Francesco (1990): Enseñar o aprender: La escuela como investigación quince años después. Barcelona: Graó; (Biblioteca del Maestro).
Toro, Suso de (1991): Conversas con Camilo Nogueira. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Como citar: López Villamel, Berta : Paz López Facal. Publicado o 13/2/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34164. Recuperado o 22/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Fichas para a aprendizaxe do «P, p» na composición de palabras, do Equipo Xirimbao
Equipo Xirimbao [Paz López Facal, Berta López Villamel e Maria Josefa Villar López]: Labia. Materias de Lectoescritura. Caderno de traballo, 1. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1992.
Fonte: biblioteca de Berta López Villamel
Algúns materiais de traballo para 2º de EXB, segundo trimestre. Elaborados polo Colectivo Xirimbao
Colectivo Xirimbao [Paz López Facal, Berta López Villamel, Ánxela Loureiro Fernández, César Pita Carretero, María Josefa Villar López]: Nobelos de papel. 2º EXB. Vigo: Edicións Xerais, 1989.
Fonte: Biblioteca de Berta FErnández Villamel
Materiais de traballo para 1º de EXB, primeiro trimestre. Elaborados polo Colectivo Xirimbao
Colectivo Xirimbao [Paz López Facal, Berta López Villamel, David Otero Fernández, César Pita Carretero, Maria Josefa Villar López]: Nobelos de papel. 1º EXB. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, 1989.
Fonte: Biblioteca de Berta López Villamel
Único conto publicado de Paz López Facal
López Facal, Paz: «Tamén hai lobos tristes», Grial, 31 (xaneiro, febreiro, marzo de 1971), 74-76.
Fonte: cervantesvirtual.com
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Marilar Aleixandre dedicado a Paz López Facal
Aleixandre, Marilar: «Paz López Facal: A beleza está na ollada», Nós Diario, (24/10/2020)
Fonte: nosdiario.gal [Descarga: 03/02/2023]
Artigo de Pilar Sampedro dedicado a Paz López Facal
Sampedro, Pilar: «Paz López Facal. Mestra e cidadá, Galicia Dixital, (18/11/2020)
Fonte: galiciadigital.com [Descarga: 03/02/2023]
Ligazóns de interese
Escola de Mestres Rosa Sensat na wikipedia
[última consulta: 06/02/2023]