Daría Vilariño
Santiago de Compostela (A Coruña), 26/ 1/1928 - Santiago de Compostela (A Coruña), 15/10/2020Autoría: María Virtudes Pardo Gómez
Delicadeza, tesón, intelixencia nunha vida presidida pola honestidade e a sinxeleza
Nacida no seo dunha familia fortemente arraigada na sociedade compostelá dende o século XIX, Daría Vilariño foi a segunda dos once irmáns [sete mulleres e catro homes], que alternaron a súa infancia e xuventude entre as casas de Virxe da Cerca e de San Miguel dos Agros. A ledicia desta vida compartida con irmáns, irmás, familiares e amizades soamente se viu ensombrecida pola prematura morte da súa irmá Conchita, que sempre vai permanecer nas súas memorias. A casa da rúa San Miguel vai ser dende 1959 ata o ano 2017, lugar de acollida para propios e estraños, moitos propios e moitos estraños que sempre atoparon alí o mellor e o máis amable dos acubillos.
En 2017, por mor das facilidades de acceso, Daría e a súa irmá María Eugenia trasladáronse á rúa Xeneral Pardiñas á casa que foi e segue a ser o núcleo de xuntanza da familia Vilariño e o seu círculo de amizades.
Daría cursou a súa etapa escolar e o bacharelato [daquela de sete anos de duración con remate nun Exame de Estado], no Colexio das Orfas de Santiago. En 1945 comeza a carreira de Filosofía e Letras, Sección de Historia, na Universidade de Santiago que finaliza en 1950 tras a superación da Reválida de Fin de Carreira e inmediatamente comeza a traballar.
En 1951 vai impartir clases nun colexio de Negreira. Foi unha experiencia que lembrou sempre con agarimo a pesar da súa curta duración porque, no curso 1951-1952, é nomeada Axudante de Clases Prácticas de Historia da Arte na Universidade. Desenvolve esta axudantía ata o curso 1954-1955. En 1956 comeza a traballar na Biblioteca Pública de Santiago. É nomeada Facultativa Interina da dita biblioteca o 5 de xullo de 1957. Ademais, nos cursos 1955-56 e 1957-58 exerce como Axudante de Clases Prácticas no Instituto Arcebispo Xelmírez, e comeza a preparar oposicións para Arquivos e Bibliotecas. Supera en 1957 as de Auxiliar de Arquivos, Bibliotecas e Museos e, en 1959, as do Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos. Incorpórase así á Biblioteca Universitaria de Santiago de Compostela [BUSC] da que foi nomeada Subdirectora o 27 de xaneiro de 1970 e Directora o 1 de febreiro de 1973, posto no que traballou ata a súa xubilación en 1993. Na Universidade foi ademais Axudante de Clases Prácticas de Biblioloxía dende 1960 ata 1971.
Na súa longa traxectoria na BUSC, Daría perseguiu sempre o mesmo obxectivo, conseguir que na Universidade prenda e se desenvolva a idea de biblioteca universitaria
coma un proxecto conxunto cunha actuación uniforme. Non era que a situación na Universidade de Santiago fora distinta ao resto das Universidades, senón que o panorama das Bibliotecas Universitarias españolas nos anos 60 e 70 era moi similar; o concepto biblioteca universitaria
en xeral e aínda que custe crelo, era só iso, un concepto, non unha realidade. O traballo de Daría e de máis profesionais coma ela, moi ingrato e ás veces sen o apoio suficiente pola parte do mundo académico, foi decisivo para a consecución do cambio desexado. Este comeza a se desenvolver para o conxunto das bibliotecas universitarias españolas nos anos setenta e oitenta.
No caso da Universidade de Santiago, en 1979 cubríronse as primeiras oito prazas de Axudantes de Arquivos, Bibliotecas e Museos e en 1985 a dotación de corenta novas prazas permitiu seguir a traballar na liña desexada. Tamén neste último ano, a BUSC aparece por fin nos Estatutos da Universidade e ten o primeiro Regulamento que a define coma unha unidade funcional de apoio á docencia e a investigación
. Comeza tamén a funcionar a Comisión da Biblioteca Universitaria e concrétanse as distintas unidades bibliotecarias. Unha vella aspiración estaba a facerse realidade. Nestes anos Daría aglutina ao seu redor un equipo de traballo excelente e motivado en gran medida polo seu xeito de xestionar os recursos humanos. Non esquece xamais que o persoal da BUSC, ademais de profesionais, son ante todo persoas.
Na década de 1990 a BUSC traballa no desenvolvemento da automatización de procesos e servizos e en 1993 chega o momento da xubilación de Daría por imperativo legal. Chégalle, como ela dicía: no momento xusto
. A voráxine das novas tecnoloxías
non cadraba moito co seu espírito, pero sempre quixo saber dos avances da Biblioteca nesta nova andadura, e sobre todo, sempre quixo saber de todas as persoas que a tiñan acompañado na súa longa traxectoria profesional.
Esta traxectoria faina merecende de varios recoñecementos. No ano da súa xubilación concédeselle a Insignia de ouro da Universidade de Santiago, sendo a primeira vez que unha destas insignias recae sobre unha persoa pertencente ao persoal de Administración e Servizos da institución. No mesmo ano concedéuselle a medalla de bronce de Galicia e, no ano 2009, estivo entre as primeiras distinguidas polo concello de Santiago de Compostela no marco das actividades programadas na celebración institucional do 8 de marzo.
Daría foi membro da Comisión do Catálogo Colectivo Automatizado de Publicacións Periódicas de Galicia, membro do Consello de Bibliotecas de Galicia desde 1995 a 2005 e membro da Comisión Asesora da Xunta de Galicia no proxecto de planificación da Fundación Cidade da Cultura de Galicia desde 1999 ata 2005. Colaborou tamén coa Federación de Libreiros de Galicia.
O remate da súa biografía profesional ten que pasar necesariamente pola mención do traballo que compartiu e desfrutou co Equipo de Investigación Galicia ata 1500. Fontes e Bibliografía
, dirixido polo Profesor Doutor Manuel C. Díaz y Díaz, e composto polo profesor José García Oro e as bibliotecarias Araceli García Piñeiro, Pilar del Oro Trigo, María Virtudes Pardo Gómez e a mesma Daría. O Equipo traballou desde 1981 ata 2008, ano do pasamento de D. Manuel Díaz.
As palabras foron para Daría unha das súas máis prezadas querenzas, máis que ler diseccionaba os xornais á caza dos erros de titulares e textos. Admiradora e sempre curiosa das novidades no campo das artes gustou especialmente da escultura galega e, na súa casa de Esteiro (Muros) pódense ver pezas de Buciños, Camilo Seira, David Soengas Ben ou Luis de las Cuevas, entre outros.
Firme defensora do labor de Arquivos e Bibliotecas, e sabedora de que unha importante parte da documentación da familia Vilariño tiña especial relevancia para a historia de Santiago de Compostela desde o século XIX a principios do século XX, chegou ao acordo coa súa familia de facer unha doazón ao Arquivo de Galicia no ano 2015. Neste mesmo ano, a doazón foi obxecto dunha coidada e expresiva exposición nas dependencias do dito Arquivo na Cidade da Cultura. Tamén contando co acordo da familia Vilariño, obxectos persoais, traxes e mobles foron doados ao Museo do Pobo Galego no ano 2017.
Daría faleceu no seu domicilio de Santiago de Compostela o 15 de outubro de 2020
Obra
Vilariño Pintos, Daría (1959): «La Biblioteca Pública de Santiago», Boletín de la Dirección General de Archivos, Bibliotecas y Museos, 51.
Vilariño Pintos, Daría (1980) : «La Biblioteca Universitaria y sus riquezas». En La Universidad de Santiago. Santiago de Compostela: Universidade. Servizo de Publicacións e Intercambio Científico; 217-223.
Vilariño Pintos, Daría; Pardo Gómez, María Virtudes (1981): O Libro Galego onte e hoxe. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.
Vilariño Pintos, Daría; Pardo Gómez, María Virtudes (1994) : «Un manuscrito sevillano en la Biblioteca Universitaria de Santiago». En De Libros y Bibliotecas. Homenaje a Rocío Caracuel. Sevilla, Universidad; 431-435.
Couce Cachaza, Celia; Díaz de Bustamante, José Manuel; Pardo Gómez, María Virtudes; Vilariño Pintos, Daría (2000) : Guía do Fondo Antigo de Monografías da Biblioteca Xeral da Universidade : Literaturas Hispánicas (séculos XV-XVIII) . Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico.
Publicacións do Equipo Galicia hasta 1500: Fuentes y Bibliografía, nas que participou Daría Vilariño Pintos
(1983): Hechos de Don Berenguel de Landoria, Arzobispo de Santiago. Introducción, edición
crítica e traducción. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e
Intercambio Científico.
(1986): Vasco de Aponte. Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia. Introducción y
edición crítica con notas. Santiago de Compostela: Consellería da Presidencia da Xunta de
Galicia, Servizo de Publicacións.
(1990): Ordoño de Celanova. Vida y Milagros de San Rosendo. Edición, traducción y estudio.
A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.
(2002): «Alcalá de Henares, academia bíblica y renacentista». En Sub Luce Florentis Calami:
Homenaje a Manuel C. Díaz y Díaz. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de
Publicacións e Intercambio Científico; 636-657.
(2002): «La Diócesis de Tuy hasta 1100». En Iglesias de Santiago de Compostela y Tuy-Vigo.
Madrid: Biblioteca de Autores Cristianos; 537-548.
Bibliografía
Memorias de familia: O Fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia: Exposición do 8 de xuño ao 9 de setembro 2015 / Textos María del Mar García Miraz. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, 2016.
Como citar: Pardo Gómez, María Virtudes : Daría Vilariño. Publicado o 13/3/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34268. Recuperado o 27/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
PARDO GÓMEZ, María Virtudes: «Bonhomía»
Artigo dedicado a Daría Vilariño. Publicado en Fonseca : Blog da Biblioteca Universitaria (22/10/2020)
Fonte: busc:wordpress.com [data de descarga: 09-03-2023]
«Memorias de familia : O Fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia» (2015)
Nova publicada sobre a exposición homónima. Publicada no web do Arquivo de Galicia
Fonte: arquivosdegalicia.xunta.gal [data de descarga: 09-03-2023]
AGRA ROMERO, María Xosé: «Entre o silencio e o discurso» (1993). En Homenaxe a Daría Vilariño, Santiago de Compostela: Servizo de Publicacións da USC; 19-25.
Fonte: exemplar de María Xosé Agra Romero
PARDO GÓMEZ, María Virtudes; VARELA OROL, Concha: «Daría Vilariño»
Artigo publicado en Homenaxe a Daría Vilariño. Santiago de Compostela, Universidade. Servicio de Publicacións e Intercambio Científico, 1993. 27-30
Fonte: biblioteca do CCG
Ligazóns de interese
Daría Vilariño en Dialnet
[última consulta: 09-03-2023)
Visita virtual á exposición Memorias de familia : O Fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia
[última consulta: 14-03-2023]
Videos
Mulleres de Compostela. Daría Vilariño
A historiadora Encarna Otero fai unha lembranza de Daría Vilariño [09/12/2002]
[última consulta: 09-03-2023]
Audios
Daría Vilariño Pintos. Locución da historiadora Encarna Otero