Inocencio Schmidt de las Heras
A Coruña, 23/ 9/1897 - A Coruña, 11/12/1975Autoría: Vítor Vaqueiro
Un dos grandes representantes da fotografía pictorialista
fotografía artísticaou, con maior frecuencia,
pictorialismo. Efectivamente, o pictorialismo, cuxas primeiras mostras habería que procuralas por volta dos anos sesenta do século XIX, constituíu, por boca dun dos seus máximos representantes, Henry Peach Robinson, unha ferramenta que permitía, e aconsellaba, obter fotografías de grupos non nunha única tomada, mais mediante a combinación dun número de negativos obtidos previamente de maneira illada, tan amplo como for posíbel e cuxa estrutura final se decidise con anterioridade por medio dun esbozo con lapis ou carbón, nun proceso que lembra con clareza os procedementos propios da pintura. Ao mesmo tempo, dun punto de vista conceptual, os pictorialistas defenderan un tipo de fotografía que dese conta dos distintos matices —amor, soidade, morte, inquedanza, ironía, etc.— da peripecia humana.
Esta perspectiva íase concretar en dúas fases, correspondentes ao que se ten chamado a primeira e segunda vagas pictorialistas. A primeira, que se manifestou por volta dos anos sesenta e setenta, apoiaba, na teoría, o emprego de figuras como a alegoría ou a metáfora, en canto na práctica utilizaba os cadros fotográficos, formas iniciais —aínda que de gran calidade, como no caso de Oscar Gustav Rejlander— de fotomontaxes, historias alicerzadas na Biblia, no conto marabilloso ou na lenda, ben como o positivado por combinación de distintos negativos, aspecto que se evidencia con claridade na fotografía de paisaxe, onde é frecuente a unión de dúas imaxes distintas, unha con exposición para os ceos e outra para o resto da fotografía. A segunda vaga, que sobrancea o panorama fotográfico por volta de 1900 e que, practicamente, morrerá de maneira xeneralizada en todo o mundo coa I Guerra Mundial, defendeu as chamadas impresións nobres, produciu copias con foco suave, para lle outorgar aparencia pictórica, e contou con George Davison ou Peter Henry Emerson como representantes fundamentais. No Estado español, porén, a tendencia pictorialista vai continuar, por mor do isolamento cultural do franquismo, até case o final da ditadura e ten grandes figuras como o guadalaxareño José Ortiz Echague, o catalán Pla i Janini e o coruñés Schmidt de las Heras.
Profesionalmente, Schmidt de las Heras, pertencente ás clases acomodadas coruñesas —en cuxo seo nacera— estivo sempre ligado aos sectores bancarios, sendo membro do Banco Pastor, do consello de administración do Banco da Coruña e figurando na directiva do Casino da capital herculina. Persoa de perfil conservador, católico afervoado con militancia diaria na misa e no xogo do billar, persoa de costumes fixos e sistemáticos, probabelmente cazador, o seu nome aparece nas listas de axudas económicas a sectores socialmente desfavorecidos, do que son un exemplo as importantes doazóns para campañas como a de
Navidad del Necesitado. Bon leitor, abandonara unha das súas paixóns, a literatura, para substituíla pola fotografía, disciplina na que atinxirá notoriedade na cultura galega e cuxa práctica comezará a exercer nos anos finais da década dos vinte. Á práctica fotográfica de natureza creativa acrecentou a de carácter organizativo, chegando a ser un dos fundadores e a ocupar a presidencia da Sociedade Fotográfica da Coruña, ou a formar parte de xuris, como no caso do Salón Nacional de Fotografia, que se celebra na Coruña en 1965.
O seu camiño fotográfico estivo coroado polos éxitos: en 1936, gañou o 5º Premio do certame estatal de Bilbao, honra que repetiu nos mesmos certames celebrados en dita cidade en 1945 e en 1949, ano en que acadou o Premio de Honra. Entre o 1947 e o 1950 foi premiado en tres ocasións pola Asociación Fotográfica Gallega, e en 1953 obtivo o primeiro premio na Exposição Internacional de Fotografia Artística de Lisboa e no da Sociedad Fotográfica de Zaragoza, esta última unha das máis activas do Estado Español, segundo as súas palabras, xunto coas de Barcelona e Madrid. O recoñecemento da obra de Schmidt de las Heras ultrapasa as fronteiras galegas, como o demostra a súa pertenza á Federation International de L’Art Photographique de Suíza. As súas fotografías puideron ser vistas, ademais dos salóns e certames que vimos de sinalar, n'A Coruña, Vigo, Palma de Mallorca, Donostia, Barcelona, Madrid, Málaga ou As Palmas, entre outras cidades.
Schmidt de las Heras —defensor da autonomía da imaxe fotográfica, aínda considerando que esta posúe certos puntos de conexión coa pintura— mostra un indiscutíbel interese, en primeiro lugar, pola paisaxe, onde os temas mariños ocupan un posto sobranceiro. A paisaxe, na súa obra, maniféstase de maneiras variadas, podendo aparecer baixo fasquías estritamente rurais, como feitío case abstracto que procura a análise de formas, como reflexos de masas vexetais en correntes de auga, que lembran algúns temas tratados polos impresionistas, ou como estruturadora de elementos que enuncian a intervención humana na natureza: valados, casas ou pontes poden constituír algúns exemplos. Neste grupo non podemos deixar de nomear un conxunto de fotografías que constitúen o que noutro lugar temos cualificado como a estética do
piñeiro e a auga, un conxunto de imaxes que a plástica galega repetiu até fartar, quer na súa vertente fotográfica, como mostran Ksado ou Pacheco, quer na pictórica, como revela Castelao no cadro Vento mareiro. Por veces, é a figura humana quen se introduce, humanizándoa, na paisaxe, en forma de paseante ou a través dalgunha actividade laboral. Neste caso, débese salientar a presenza de embarcacións ligadas aos procesos pesqueiros ou as redes, cuxa envergadura lembra os camiños tripados anteriormente, con diferentes perspectivas estéticas, por Jaime Pacheco ou José Suárez.
Alén da paisaxe, existen na herdanza de Schmidt de las Heras outras categorías que requiren atención. Entres elas pódense salientar as imaxes de estatuas, en xeral femininas, que recollen peitos espidos e cuxas tomadas mostran contrapicados ou escorzos. Igualmente rexistrou o resultado do traballo dos oleiros ou o que na altura se nomeaban
recantos típicosdas cidades, significando baixo tal denominación lugares que non se viran aínda alagados polas construcións da contemporaneidade e mantiñan, polo tanto, evidentes ancoraxes co arquitectura tradicional. Dentro deste sector debe subliñarse un importante grupo de fotografías nocturnas, presentes, por certo, no panorama da fotografía galega desde décadas antes —segundo mostra o traballo de Ksado na cidade de Compostela— que Schmidt de las Heras reformulou baixo perspectivas pictorialistas, achegándolles novos significados. Exemplos deste grupo realizáronse en cidades como Compostela, A Coruña, Ourense, Córdoba ou Ponferrada.
Schmidt de las Heras tratou temas que se inserían de maneira máis directa na sociedade industrial do seu tempo, como grandes obras públicas, fábricas, ferrocarrís ou guindastres, aspectos en xeral refugados polo outro gran pictorialista, Ortiz Echagüe, mergullado na descrición dos aspectos máis definitorios do
español. Neste sentido é de interese subliñar a consideración que o coruñés concede á situación da fotografía no Estado, aceptando que o estatuto teórico e práctico da fotografía é moi inferior ao que esta arbora en lugares como Alemaña, Estados Unidos, Francia ou Inglaterra. É notábel, non obstante, a explicación que xustifica o atraso galego e español. Na altura de 1949, nos momentos máis noxentos da ditadura, Schmidt non acredita seren as condicións políticas, sociais e culturais existentes as responsábeis do atraso, senón
a falta case absoluta de material axeitado. É igualmente orixinal a hipótese proposta para xustificar a creatividade existente que, segundo el, alicerza nun
temperamento artístico innato, afirmación na que latexa o mito do
carácter nacional.
Formalmente, o fotógrafo coruñés resolve as súas fotografías mediante o emprego dunha técnica, e un resultado, coñecidos polo nome de
bromóleo, un proceso descrito na primeira década do século XX. O bromóleo, hoxe xa en desuso, tiña como base de partida papeis especiais ao bromuro de prata que incluían unha capa de emulsión de xelatina, moi mol, que, ao inchar, xeraba relevo na superficie fotográfica. Despois da impresión mergullábase a copia en auga fría durante varias horas, proceso que facía aparecer dito inchamento. Posteriormente realizábase un proceso de tinxido mediante un pincel ou un rolete, para, finalmente, eliminar con auga o colorante sobexo. O resultado era unha copia de matices suaves, con aparencia pictórica e escaso detalle. Ás veces, a copia húmida, antes de os pigmentos secaren, transportábase a outro papel, empregando un método de contacto e presión, nun procedemento que lembraba a obtención de gravados e que recibiu o nome de
bromóleo transportado.
Digamos, para concluír, que a práctica fotográfica de Schmidt de las Heras, como a de Ortiz Echagüe, encaixa á perfección na estética conservadora que inevitabelmente a ditadura franquista propugnaba. Dita estética, traballando conxuntamente coa perspectiva salonística e as agrupacións fotográficas, era unha, non a única por certo, das responsábeis das creacións simbólicas e imaxinarias do proxecto cultural franquista, constituíndo en moitas ocasións unha activa ferramenta na propaganda ideolóxica do réxime nacido o 18 de xullo de 1936. O beneplácito do franquismo perante esta corrente estética é especialmente certo nos louvores á obra de Ortiz Echagüe, cualificado como
el hombre de todas las provincias y de todos los tiempos, o autor que ultrapasa os máis
locos desvaríos de la poesía épica, o fotógrafo no que latexa un
sentimiento patriótico (...) sin concesiones a liberalismos de importación, afirmacións que recordan a unidade de destino da que falara Otto Bauer e —apoiándose neste— a unidade de destino no universal da Falange e de José António. Detrás da escola pictorialista áchase, polo tanto, de maneira moi notábel, unha visión específica da sociedade e, tamén, da fotografía que, no longo período 1936-1975, rendeu proveitosos beneficios á ditadura. Sexa dito isto sen esquecer que se deben recoñecer, ollados en perspectiva, os intentos do pictorialismo de liberar a fotografía da escravitude de
copia do reale establecer a hipótese de considerala como unha forma de
interpretaciónda realidade.
Bibliografía
Monografías
Clerc, Louis Philippe (1975): Fotografía. Teoría y Práctica. Barcelona: Omega.
Enciclopedia Práctica de Fotografía. II (1979). Barcelona: Salvat; 342.
King, Carl S. (1995): «A fotografía de Schmidt de las Heras. O pictorialismo en Galicia». En Schmidt de las Heras, Inocencio: Schmidt de las Heras. Fotografías 1944-1960. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, CGAI.
López Mondéjar, P. (1992): Las fuentes de la memoria. Fotografía y sociedad en España, 1900-1939. Barcelona: Lunwerg.
Robinson, H.P. (1984): «Propósito pictorial en fotografía». En Fontcuberta, Joan: Estética fotográfica. Barcelona: Blume.
Sánchez Vigil, Juan Miguel (2007): Del daguerrotipo a la Instamatic. Autores, tendencias, instituciones. Gijón: Trea.
Publicacións periódicas
Boletín oficial de la provincia de La Coruña (1939), El Correo Gallego (1957), El Ideal Gallego (1949 e 1950), La Noche (1965), La Región (1948)
Como citar: Vaqueiro, Vítor : Inocencio Schmidt de las Heras. Publicado o 5/6/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=34624. Recuperado o 22/01/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Entrevista con Schmidt de las Heras en El Ideal Galelgo. Ver Documento. Artigo
«Galicia es la región que proporciona más motivos fotográficos», El Ideal gallego: diario católico, regionalista e independiente, 10019 (29 de decembro de 1949); 8.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=3910 [Consulta: 2023-06-01]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Schmidt de las Heras no Diccionario de fotógrafos españoles: del siglo XIX al XXI . . Ver Documento. Artigo
Fonte: Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
Introdución de S. Carl King ao catálogo da exposición Schmidt de las Heras. Fotografías 1944-1960. Ver Documento. Artigo
King, S. Carl: «A fotografía de Schmidt de las Heras. O pictorialismo en Galicia». En Schmidt de las Heras, Inocencio: Schmidt de las Heras: fotografías, 1944-1960. A Coruña: Centro Galego de Artes da Imaxe , D.L. 1999; 12-33.
Fonte: Schmidt de las Heras: fotografías, 1944-1960. A Coruña: Centro Galego de Artes da Imaxe , D.L. 1999; 12-33.
Biblioteca do Consello da Cultura Galega.
A obra de Schmidt de las Heras estivo presente na II Fotobienal organizada polo Centro de Es tu dos Fotográficos. Vigo, 31 de outubro a 30 de novembro de 1986. Ver Documento. Artigo
Carballa, Xan: «II Fotobienal: Sete exposicións simultáneas con Klein e Parr de estrelas», A Nosa Terra, 302 (23 de outubro de 1986), 17.
Fonte: A Nosa Terra / Mediateca do Consello da Cultura Galega.
Noticia sobre a proxección de diapositivas en cor de Schmidt de las Heras na
Sociedad Fotográficada Coruña. Ver Documento. Artigo«Esta tarde exposición de fotografías en color», La Noche: único diario de la tarde en Galicia, 13765 (20 de decembro de 1965), 10.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000233572 [Descarga: 2023-06-05]
Exposición de fotografías en Santiago de Compostela na que participa Schmidt de las Heras. Ver Documento. Artigo
Rey F. Alvite, José: «Horas de Compostela: Fotografías», El Correo gallego: diario político de la mañana, 27536 (22 de marzo de 1962), 4.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000325283 [Descarga: 2023-06-05]
O fotógrafo Schmidt de las Heras formou parte do consello de administración do Banco de La Coruña. Ver Documento. Artigo
«Homenaje al director del Banco de La Coruña, en El Ferrol, D. Benito Alvariño Grimaldos», El Correo gallego: diario político de la mañana, (15 de agosto de 1957), 2.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=10000325283 [Descarga: 2023-06-05]
Schmidt de las Heras, elixido presidente da
Sociedad Fotográficada Coruña. Ver Documento. Artigo«Nueva directiva de la Sociedad Fotográfica», El Correo gallego: diario político de la mañana, 25944 (24 de marzo de 1957), 4.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=3910 [Descarga: 2023-06-05]
Catálogo do V Salón Internacional de Fotografía de San Sebastián, no que participou Schmidt de las Heras. Xullo e agosto de 1952. Ver Documento
El Correo gallego: diario político de la mañana, (15 de agosto de 1957), 2.
Fonte: Donostia Kultura. San Telmo Museoa
https://www.santelmomuseoa.eus/index.php?option=com_flexicontent&view=items&cid=58&id=10749&Itemid=255&lang=es
Inocencio Schmidt de las Heras tamén exerceu de bibliotecarido do Casino da Coruña. Ver Documento. Artigo
«El Casino de La Coruña renovó su directiva», El Ideal gallego: diario católico, regionalista e independiente, 10011 (20 de decembro de 1949), 10.
Fonte: Galiciana. Biblioteca Dixital de Galicia.
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=9800 [Descarga: 2023-06-05]
Ligazóns de interese
Unha visión moderna: Schmidt de las Heras. Arquivo de Galicia, xuño de 2021
Fonte: https://arquivogalicia.gal/exposicion/unha-vision-moderna/ [Consulta: 2023-05-23]
Schmidt de las Heras participou en varias edicións dos
Salonesorganizados polas distintas sociedades fotográficas españolas. Neste artigo menciónase a súa participación no Salón Internacional de Fotografía de ZaragozaLázaro Sebastián, Francisco Javier: «Salonismo y Tardopictorialismo en el panorama fotográfico español de la década de los cincuenta. La Sociedad Fotográfica de Zaragoza y su Salón Internacional», AACA Digital: Revista de la Asociación Aragonesa de Críticos de Arte, 17 (2011).
Fonte: Asociación Aragonesa de Críticos de Arte.
http://www.aacadigital.com/contenido.php?idarticulo=592 [Consulta: 2023-05-25]
Biografía de Inocencio Schmidt de las Heras no DBe da Real Academia de la Historia
Camiña Castro, María Reyes: «Inocencio Schmidt de las Heras», Db-e, Real Academia de la Historia. [Consulta: 2023-05-19]
Fonte: https://dbe.rah.es/biografias/53452/inocencio-schmidt-de-las-heras
José Caruncho, nesta entrevista en Leicanistas.com, menciona ao fotógrafo pictorialista Inocencio Schmidt de las Heras
Fonte: https://www.leicanistas.com/component/content/article/60-entrevista-al-fotografo-jose-caruncho.html [Consulta: 2023-06-05]
Entrada na Galipedia sobre o Pictorialismo
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Pictorialismo [Consulta: 2023-06-05]
A técnica do bromóleo no Tesauro de Arte & Arquitectura: TA&A
Fonte: Centro de Documentación de Bienes Patrimoniales.
https://www.aatespanol.cl/terminos/300053505 [Consulta: 2023-06-05]
















