Juan Antonio Saco Arce
Alongos, Toén (Ourense), 8/ 3/1835 - Ourense, 14/9/1881Autoría: Xosé A. Fernández Salgado
A lingua como alma da nación
Juan Antonio Saco Arce naceu o 8 de marzo de 1835 na chamada “casa grande”, en Alongos, no concello ourensán de Toén, terra de pazos e vides, a poucos quilómetros da capital provincial, no seo dunha familia fidalga. Seu pai era don José Mª Saco Noguerol, farmacéutico, emparentado coa casa dos Bendoiro de Lugo; e súa nai, dona Juana Justa Arce, coruñesa de nacemento, filla dun dos cortesáns do Palacio Real en tempos de Fernando VII. Cando menos, un irmán seu, Julio, foi avogado e outro, Francisco María, relixioso franciscano.
Fixo os primeiros estudos co cura da parroquia, don Ignacio Carreras, para pasar xa en 1845 ó Instituto de segunda ensinanza de Ourense, daquela acabado de inaugurar no edificio do Seminario Conciliar de San Fernando. Alí completará os tres primeiros cursos de Filosofía para en 1848 trasladarse a Santiago, onde se graduará de Bacharel en Filosofía en 1850. No ano seguinte faría o preparatorio para Xurisprudencia e Teoloxía, carreira esta que acabará cursando entre 1851 e 1854 no Seminario Conciliar ourensán, ó ser suprimida temporalmente a Facultade de Teoloxía compostelá. Reposta esta, volverá a Santiago e proseguirá os seus estudos eclesiásticos ata obter o grao de Bacharel en Teoloxía en 1856 e o de Licenciado en 1858, este con premio extraordinario. É nestes anos en Santiago cando o estudante Saco data os seus primeiros poemas, ata unha ducia deles, todos en castelán, como «A Compostela», que se publicaría no coruñés El Ateneo (1858).
Os seus dotes para a docencia xunta o seu excelente expediente favoreceu que fose proposto como profesor substituto para a cátedra de Latín e Grego no Instituto de Pontevedra, a onde chegou no Nadal de 1858 e onde vai permanecer ata 1863. Neste tempo, Saco entrará en contacto co grupo provincialista pontevedrés, nucleado entorno a Fernández Anciles, os irmáns Rodríguez Seoane e López de la Vega, que canalizan as súas angueiras nas páxinas de El País e nas reunións do Liceo Artístico e Literario. Saco participará en varias delas ben pronunciando algún discurso ben declamando algunhas das súas poesías, como «A un canario», reproducida xa daquela en El País (1858) e que, coidamos, é a súa primeira composición publicada.
A súa vea poética agrandarase en Pontevedra en máis dunha vintena de títulos, xa reflexo da súa fonda relixiosidade, vocación que quedará manifesta no Nadal de 1861 ó se ordenar de presbítero.
Xa no curso 1862-1863 completará a súa formación académica na Universidade Central en Madrid facendo o doutoramento en Teoloxía, ó tempo que perfecciona o seu coñecemento de idiomas estranxeiros. Ademais, segue compoñendo poesías de inspiración mística, como «A una montaña», que ve luz no madrileño El Museo Universal (1863). Tamén prepara agora as oposicións á cátedra de Latín e Grego, que se celebrarán en xullo de 1863 e nas cales conseguirá o primeiro lugar entre 19 aspirantes. Será nomeado para ocupar a praza do Instituto de Castellón, aínda que de inmediato consegue o traslado para o de Ourense, onde toma posesión en outubro de 1863. No que lle resta de vida, Saco xa vai desenvolver a súa carreira docente neste Instituto, ben que no curso 1865-1866 cambiará a súa cátedra pola de Retórica e Poética.
Saco foi un profesor moi querido polo seu alumnado, como o testemuñan as composicións que os estudantes lle dedicaron por mor do cambio de cátedra ou da súa prematura morte, e asemade moi recoñecido e respectado polo claustro de profesorado. Alí impartían o seu maxisterio, amais de Saco, coñecidos catedráticos, como J. García Mosquera (autor da tradución ó galego do «Beatus ille» que Saco incluirá no apéndice de «Poesías escogidas» da súa gramática), J. Mª. Paz Novoa, J. Sieiro ou J. Gaite; un claustro preocupado non só pola docencia senón tamén por manter viva a vida cultural e intelectual ourensá, xa fose coa súa participación na fundación ou redacción de xornais, como El Heraldo Gallego, El Orensano, El Eco de Orense, La Nacionalidad etc, xa na organización e convocatoria de actos e certames.
As inquedanzas intelectuais de Saco tamén se manifestan non só en completar a súa formación, desta vez graduándose de Bacharel en Filosofía e Letras na Universidade compostelá en 1866, senón tamén en involucrarse no rexurdimento cultural, literario e lingüístico que nesta década se está a dar en Galicia. Certamente, seguindo a estela da celebración dos Xogos Florais da Coruña (1861) e a publicación do antolóxico Álbum de la Caridad (1862), dos simbólicos Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro, do primeiro Diccionario Gallego-Castellano (1863) de F. J. Rodríguez (a quen tratara na época universitaria), do Compendio de gramática (1864) de F. Mirás ou da Historia de Galicia (1865) de M. Murguía, Saco Arce, daquela con 33 anos, pero xa cunha boa formación humanística e gramatical en varias linguas, vai contribuír a este renacemento coa redacción dunha simbólica, ansiada e moi meritoria Gramática Gallega. O tomo en cuarto de máis de 300 páxinas en papel satinado francés fora impreso en Lugo en 1868 por Soto Freire e verdadeiramente constituía a primeira descrición gramatical científica do galego. Foi a obra que máis sona e eloxios lle deu, entre deles os de Murguía, malia polemizar con el sobre as preferencias dialectais que o ourensán manifestaba na súa Gramática. Aínda así, o respecto intelectual do historiador e guía do Rexurdimento reflectiuse no encargo ó gramático da redacción dun dicionario galego, segundo se recolle na correspondencia entre deles desta época.
É nesta altura, coas súas reflexións sobre a situación do galego, animando ó seu estudo, cultivo e uso, manifestas no prólogo da Gramática, cando comeza a poetizar tamén en galego: sexa a través das súas pioneiras traducións do latín, sexa con composicións orixinais de asunto relixioso, temática na que el é o primeiro en explorar en galego.
A década de 1870 non comezou ben para Saco. A súa integridade de carácter e a fidelidade ós seus principios morais e éticos non lle permitirán xurar a nova Constitución de 1869, froito do proceso revolucionario iniciado coa “Gloriosa” en 1868. Por mor diso, será apartado da cátedra, aínda que volverá ser restituído nela pola República en 1873. Neste impás, deixará a rúa de Cisneros da capital e retirarase á casa natal de Alongos, como o testemuñan a data de composición de varias poesías deste tempo, todas de inspiración ascética. Alí tamén recibe a boa nova de que foi premiado cun accésit nun “Certamen poético de la Juventud Católica” en Valencia e, sobre todo, do nomeamento de Académico Correspondente da Real Academia Española (RAE) en marzo de 1872, a proposta de Cánovas del Castillo, Hartzenbusch e Valera, que esgrimiron como mérito ser o autor da moi recomendable
Gramática Gallega. Este nomeamento, a súa autoría da Gramática, que é recensionada en 1872 na afamada revista europea Romania, así coma o seu maxisterio dende a cátedra de Retórica e, posteriormente, a publicación nun tomo das súas poesías, van converter a Saco nunha autoridade de referencia en cuestións lingüísticas, literarias e da nacente ciencia do Folk-Lore, e non só nos círculos culturais ourensáns senón tamén galegos, españois e europeos.
Como Correspondente, traballou en cuestións relacionadas co Diccionario da RAE; de feito, en 1874 enviaralle á Academia un traballo en que reflexiona sobre os xiros provinciais e en 1877 outro sobre palabras que se botan en falta no dicionario. Ademais, xa finado Saco, sóubose que tiña redactadas máis de 2500 papeletas como contribución ó Diccionario de Autoridades, material que o sobriño seu J. Saco Marueso fixo chegar á institución en 1963.
A laboriosidade de Saco tamén se evidencia na participación na vida cultural ourensá. Así, fará parte da comisión de solemnizar o segundo centenario do nacemento do Padre Feijoo e mais do xurado do certame literario convocado para a ocasión en abril de 1876. Nel foi premiado, con moita polémica, un estudo crítico sobre a obra de Feijoo presentado por Emilia Pardo Bazán, que logo se publicou en Madrid en 1877 cun prólogo do propio Saco. E el mesmo presidirá en febreiro de 1877 o xurado doutro certame literario, neste caso o instituído por Modesto Fernández González no que resultaría gañador Curros Enríquez.
Participa tamén na prensa da cidade. Axudou a fundar o católico La Nacionalidad, pero sobre todo colaborou en El Heraldo Gallego, do que era alma mater o seu ex alumno Valentín Lamas Carvajal. Neste xornal publicará en 1876 os artigos «Poesía gallega contemporánea: sus defectos mas comunes» e «El habla gallega ¿es lengua, idioma o dialecto?»; alén dunha decena de poesías, unha delas dentro do suplemento La Aldea de Casdemiro. Album literario (1876), que o xornal dedicou ó Padre Feijoo, e que tamén sería impreso como opúsculo.
Estas composicións e outras aínda inéditas, datadas entre 1855 e 1877, coleccionaraas no volume titulado Poesías, que se imprime en Ourense en 1878, aínda que a licencia eclesiástica é xa do ano anterior. Nel recolle Saco 85 composicións, maioritariamente de tema relixioso e en castelán, aínda que 9 están en galego, 3 delas pioneiras traducións de textos latinos, como a do «Stabat mater dolorosa» (1867). O libro mereceu os eloxios de Emilia Pardo Bazán en El Heraldo Gallego, de J. Catalina García noutra recensión na revista madrileña La Ciencia Cristiana e de G. Laverde Ruiz na súa correspondencia con Menéndez Pidal.
Polo seu prestixio, Saco foi requirido polo seu amigo e antigo profesor de Cánones en Santiago, Xosé Pérez Ballesteros, para que lle prologase os seus Versos en dialecto gallego (1878); nese prólogo, Saco chama ó cultivo do galego e pide amparo e protección para el e os outros idiomas hispánicos. E aínda colaborará igualmente na Revista de Galicia (1880) dirixida pola Pardo Bazán, outra boa amizade coruñesa, co artigo «De los cuentos populares» e coa crítica dun poema de Gaspar Núñez de Arce. Outra recensión súa, neste caso do libro Pascual López de dona Emilia, publicaríase en La Ciencia Cristiana (1880), que logo acompañaría o prólogo da obra a partir da terceira edición.
Tamén se interesou Saco pola recolleita e o estudo da literatura popular. En 1868 xa incluíra na Gramática un apéndice de refráns e na década de 1870 enviaralle mostras populares ó filólogo catalán M. Milá y Fontanals, que este publicará no decisivo artigo «De la poesía popular gallega» (1877), aparecido na Romania. E igualmente colaborará co insigne folclorista sevillano A. Machado y Álvarez, neste caso enviándolle adiviñas para a súa Colección de enigmas y adivinanzas (1880).
Á súa variada e copiosa colección de coplas, vilancicos, romances, contos e refráns, que el mesmo fora recollendo da boca dos paisanos maioritariamente, e nalgún caso axudado por colaboradores insignes como Pérez Ballesteros ou Marcial Valladares, conseguiu darlle forma de libro baixo o título de Literatura popular de Galicia. Os primeiros pregos coa detallada introdución e xa varios centos de mostras estaban comezando a publicarse en Ourense cando lle sobreveu a morte en 1881. Había só uns poucos días que chegara de facer unha viaxe, na que entre outros lugares incluíra unha visita á virxe de Lourdes. A súa colección de mostras populares publicaríaa completamente en 1987 o seu sobriño-neto Juan L. Saco Cid, aínda que unha parte dela xa fora aparecendo de xeito descontinuo no Boletín da Comisión de Monumentos de Orense entre 1910 e 1924.
Saco Arce non gozou de boa saúde e morreu novo o 14 de setembro de 1881; porén, malia os poucos anos vividos, foi quen de nos legar unha pioneira e indespensable obra que debe ser entendida pola súa profunda relixiosidade e polo seu amor a Galicia e á lingua dos seus paisanos, fala que el describiu e prestixiou na Gramática Gallega e que animou a cultivar e a estimar, pois el mesmo deixou escrito, el idioma de una nación es, si así podemos decirlo, su alma
.
Bibliografía
Obra de Juan A. Saco Arce
-(1868): Gramática gallega. Lugo: Imprenta de Soto Freire.
-(1876): «Poesía gallega contemporánea (sus defectos más comunes)», El Heraldo Gallego, 104, 3-5; 105, 9-11; 106, 17-18.
-(1877): «Prólogo», en Certamen Literario en conmemoración del Segundo Centenario del Nacimiento de Fray Benito Jerónimo Feijoo, autor del Teatro Crítico Universal, celebrado en Orense el 8 de octubre de 1876: obras premiadas. Madrid: Tipografía y estereotipio Perojo.
-(1878a): Poesías de Don Juan Antonio Saco y Arce. Ourense: Imprenta de Gregorio Rionegro Lozano.
-(1878b): ): «Prólogo», en Pérez Ballesteros, José: Versos en dialecto gallego y correspondencia de sus principales voces. Madrid: P. Calleja y Compañía, VII-XIV.
-(1880): «De los cuentos populares», Revista de Galicia, 1 (4/2/1880), 2-3; 2 (11/3/1880), 9-10.
-(1880): «Bibliografía. La visión de Fray Luis, poema, por don Gaspar Núñez de Arce», Revista de Galicia, 9 (10/5/1880), 85-87.
-(1880): «Examen de libros: Pascual López. Autobiografía de un estudiante de Medicina, por Emilia Pardo Bazán”, La Ciencia Cristiana , 13, 161-164.
-[1881] (1987): Literatura popular de Galicia: colección de coplas, villancicos, diálogos, romances, cuentos y refranes gallegos. Ourense: Deputación provincial. [Edición e estudo preliminar de Juan Luis Saco Cid]
Bibliografía sobre Juan A. Saco Arce
Álvarez, Rosario (2019): Gramáticos e Gramáticas. Homenaxe a Juan Antonio Saco Arce. 150 aniversario da publicación da Gramática gallega. A Coruña: Real Academia Galega.
Balbín de Unquera, Antonio (1881): «Un filólogo gallego: D. Juan Antonio Saco y Arce», La Ilustración Gallega y Asturiana, T. III:29 (18 de outubro), 340.
Dubert García, Francisco (2018): «A gramática na Gramática de Saco Arce», Boletín da Real Academia Galega, 379, 365-383.
Fernández Salgado, Xosé A. (2018): «A proposta ortográfica de Saco Arce no contexto do Rexurdimento», Boletín da Real Academia Galega, 379, 385-405.
González Seoane, Ernesto X. (2018): «Descrición e prescrición na Gramática de Saco», Boletín da Real Academia Galega, 379, 407-417.
Henríquez Salido, Mª do Carmo (2010): «Las ideas lingüísticas en la Gramática de Juan Antonio Saco y Arce». En Assunção, C. et al. (eds.): Ideias lingüísticas na Península Ibérica (séc. XIV a séc. XIX) . Münster: Nodus Publikationem, vol. I; 393-410.
López, Teresa (2018):«Con abundancia de razóns: a literatura na Gramática de Saco Arce», Boletín da Real Academia Galega 379, 351-363.
Martínez González, Xurxo (2018): «A obra de Saco Arce no contexto do Rexurdimento», Boletín da Real Academia Galega 379, 419-462.
Ogando Vázquez, Xulio F. (1980): Tres fitos senlleiros na historiografía da lingua galega: 1768, 1868 e 1968. Santiago: Xunta de Galicia.
Saco Cid, Juan L. (2012): «Juan Antonio Saco y Arce (1935-1881)». En Juana López, J. de et al. (eds.): Galegos de Ourense. Ourense: Deputación provincial; 47-68.
Saco Cid, Juan L. (2018): «Perfil biográfico de Juan Antonio Saco Arce: o seu compromiso intelectual», Boletín da Real Academia Galega, 379, 309-328.
Saco Cid, Juan L. (1987): «Edición e estudio preliminar». En Saco Cid, J. L. (ed.), Literatura popular de Galicia: colección de coplas, villancicos, diálogos, romances, cuentos y refranes gallegos recogidos por D. Juan Antonio Saco y Arce. Ourense: Deputación provincial.
Saco Maureso, Juan (1967): «Juan Antonio Saco y Arce. Vida y obras». En Saco y Arce, J. A.: Gramática gallega. Orense: Gráficas Tanco, IX-XXII. 2ª ed.
Santamarina, Antón (2018): «Saco Arce como gramático. Significado e pegada da súa obra», Boletín da Real Academia Galega 379, 329-349.
Vilanova, Alberto (1937): «Gallegos olvidados: Vida y obra de Saco y Arce», Boletín de la Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, 232, 155-164.
Como citar: Fernández Salgado, Xosé A. : Juan Antonio Saco Arce. Publicado o 20/2/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=3558. Recuperado o 27/03/2023
DOCUMENTACIÓN DE
«O neno d’o ceo», poesía publicada en El Heraldo Gallego (1878)
Saco Arce, Juan A. : «O neno d’o ceo», El Heraldo Gallego (31 marzo de 1878)
Fonte: Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. Fondos da Real Academia Galega
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=3905 [2023-01-17]
Tradución do latín ao galego de «Stabat Mater», publicada en El Heraldo Gallego (1874)
Saco Arce, Juan A. : «Stabat Mater», El Heraldo Gallego (2 de abril de 1874)
Fonte: Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=3905 [2023-01-17]
«A una montaña», poesía de inspiración mística publicada no madrileño El Museo Universal (1863)
Saco Arce, Juan A. : «A una montaña», El Museo Universal (23 de agosto de 1863)
Fonte: Biblioteca Virtual de Prensa Histórica
https://prensahistorica.mcu.es/es/consulta/registro.do?id=6108 [2023-01-17]
«A un canario», poesía asinada por Juan A. Saco Arce o 5 de maio de 1858 e reproducida en El País o 24 de outubro dese mesmo ano
Saco Arce, Juan A. : «A un canario», El País (24 de outubro de 1858)
Fonte: Galiciana - Arquivo Dixital de Galicia.
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=9039 [2023-01-17]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Volume dedicado a Juan Antonio Saco Arce, da colección Anexos BRAG da Real Academia Galega
Álvarez, Rosario (ed.) (2019): Gramáticos e Gramáticas: Homenaxe a Juan Antonio Saco Arce. A Coruña: Real Academia Galega.
Fonte: Real Academia Galega
https://doi.org/10.32766/rag.359 [2023-01-18]
Biografía de Saco Arce escrita por Balbín de Unquera e publicada en La Ilustración Gallega y Asturiana en 1981
Balbín de Unquera, Antonio: «Un filólogo gallego: D. Juan Antonio Saco y Arce», La Ilustración Gallega y Asturiana, III:29, 340 (18 de outubro de 1881)
Fonte: Biblioteca Virtual de Prensa Histórica. Ministerio de Cultura e Deporte
https://prensahistorica.mcu.es/es/consulta/registro.do?id=4368 [2023-01-18]
Biografía de Saco Arce asinada por Adolfo V. Calveiro, publicada en Cultura Gallega en 1936
Calveiro, Adolfo V.: «Un centenario glorioso. Juan Antonio Saco y Arce », Cultura Gallega, 1 (5 de abril de 1936), 6-8.
Fonte: Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia. Fondos da Real Academia Galega
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=7214 [2023-01-19]
Artigo de Paulino Pedret Casado sobre Saco Arce publicado na revista Nós en 1935
Pedret Casado, Paulino: «Xoan Antonio Saco Arce. Algunhas notas biográficas», Nós. Boletín mensual da cultura galega, Ano XVII: 135 (15 de marzo de 1935); 41-43.
Fonte. Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia
https://revistanos.galiciana.gal/recurso/ano-xvii-n%C3%BAmero-135---15-marzo-1935/3bc88ea7-299e-4a7f-8936-ca01681fd8e1?pagina=3 [2023-01-18]
Artigo de Vicente Risco sobre Saco Arce publicado na revista Nós en 1927
Risco, Vicente : «Ensaios de phisiognomonía. Don Xohan Antonio Saco e Arce», Nós. Boletín mensual da cultura galega, Ano IX: 48 (15 de decembro de 1927) , 2-4.
Fonte. Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia
https://revistanos.galiciana.gal/recurso/ano-ix-numero-48---15-decembro-1927/8f8e8d43-7b96-4b09-98e4-73467ce9239e?pagina=4 [2023-01-18]
Ligazóns de interese
Sección sobre Juan A. Saco Arce no programa A Revista da TVG, emitido en xaneiro de 2019 [10´ 45´´]
Fonte: Televisión de Galicia
https://www.crtvg.es/informativos/os-segredos-mellor-gardados-con-carmina-blanco-a-gramatica-cientifica-galega-de-saco-arce-4024666 [consulta: 2022-11-16]
Crónica sobre os actos de homenaxe a Saco Arco organizados pola RAG en 2018, no 150 aniversario da súa «Gramática»
Fonte: Real Academia Galega
https://academia.gal/-/a-academia-reivindica-a-saco-arce-como-un-autor-fundamental-do-rexurdimento-no-150-aniversario-da-sua-gramatica?p_l_back_url=%2Fprocura%3Fq%3Dsaco%2Barce%26start%3D1 [consulta: 2022-11-16]
Artigo de Alberto Vilanova sobre a vida e obra de Saco Arce
Vilanova, Alberto (1937): «Gallegos Olvidados: Vida y obra de Saco y Arce», Boletín de la Comisión de Monumentos históricos y artísticos de Orense, 232, 155-164.
Fonte: http://www.albertovilanova.com/Publicaciones/articulo/22/GALLEGOSOLVIDADOSVIDAYOBRADESACOYARCE193638 [consulta: 2023-01-17]
Revista de Galicia (1880) en Galiciana
Fonte: Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=3968 [consulta: 2023-01-17]
Prólogo de Juan A. Saco Arce á obra Versos en dialecto gallego y correspondencia castellana de sus principales voces, de José Pérez Ballesteros (1878)
Saco Arce, Juan Antonio (1878): «Prólogo». En Pérez Ballesteros, José (1878): Versos en dialecto gallego y correspondencia castellana de sus principales voces. Madrid : P. Calleja y Compañía, VII-XIV.
Fonte: Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=8877 [consulta: 2022-11-18]
Copia dixital da obra Poesías de Don Juan A. Saco y Arce (1878)
Saco Arce, Juan Antonio (1878): Poesías de Don Juan A. Saco y Arce. Ourense: Imprenta de Gregorio Rionegro Lozano.
Fonte: Minerva. Repositorio Institucional da USC
http://hdl.handle.net/10347/28401 [consulta: 2022-11-16]
El Heraldo Gallego: semanario de ciencias, artes y literatura (1874-1880) en Galiciana
Fonte: Galiciana-Arquivo Dixital de Galicia
https://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=3905 [consulta: 2023-01-17]
Copia dixital da Gramática gallega de Juan Antonio Saco Arce (1868)
Saco Arce, Juan Antonio (1868): Gramática gallega. Lugo: Imprenta de Soto Freire.
Fonte: Galiciana. Arquivo Dixital de Galicia
http://biblioteca.galiciana.gal/gl/consulta/registro.do?id=4866 [consulta: 2022-11-16]
Juan Antonio Saco Arce no web Historia da Literatura Galega
Fonte: Asociación Socio-Pedagóxica Galega
http://literaturagalega.as-pg.gal/autoras-es/saco-arce-xoan-antonio.html [consulta: 2022-11-16]
Ficha de Juan A. Saco Arce na Biblioteca Virtual Galega
Fonte: Biblioteca Virtual Galega
https://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=Xo%E1Saco&alias=Xo%E1n+Antonio+Saco+Arce [consulta: 2022-11-16]
Entrada sobre Juan A. Saco Arce no Diccionario Biográfico electrónico (DB~e) da Real Academia de la Historia
Fonte: Real Academia de la Historia
http://dbe.rah.es/biografias/53975/juan-antonio-saco-y-arce [consulta: 2022-11-16] [consulta: 2022-11-16]
Entrada sobre Juan Antonio Saco Arce na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Juan_Antonio_Saco_y_Arce [consulta: 2022-11-16]
Publicacións periódicas
Cultura Gallega (1936-1940) .
Publicación quincenal: Literatura, Arte, Historia, Geografía, Gráfica, Informativa
1939: Mensuario Regional Español de Literatura, Arte, Historia, Geografía, Gráficos e Informaciones de Galicia y de la Colonia Gallega de Cuba