Casto Sampedro Folgar
Redondela (Pontevedra), 15/ 11/1848 - Pontevedra, 8/4/1937Autoría: Xavier Groba González
Arqueólogo, historiador, etnógrafo e primeiro director do Museo de Pontevedra
No persoal, casa con Josefa Mon Landa, pontevedresa de influente familia á vez vencellada coa do podente embaixador e ministro ovetense Alejandro Mon Menéndez. Josefa e Casto terán catro fillas e tres fillos que non deixarán descendencia.
No profesional, Sampedro abre despacho no baixo da casa familiar, situada entre A Peregrina e a praza da Ferrería, e traballa para a elite económica e política con intereses na capital provincial e como avogado do Banco de España en Pontevedra.
No político, en 1883 consta como secretario local do Partido Conservador. Con Alejandro Mon Landa participa do ideario rexeneracionista liderado desde Madrid por Francisco Silvela. Entre 1901 e 1919 foi deputado provincial. En 1921 foi posto de novo nese cargo por decisión gobernamental. Entre o 25 de febreiro e o 14 de abril de 1930 foi Presidente –provisional– da Deputación de Pontevedra.
O despacho de Casto Sampedro converteuse nun dos afamados faladoiros que caracterizaron a densa vida cultural desenvolta na Boa Vila naquelas décadas de entre séculos. Tiña sona, sobre todo, en cuestións de arqueoloxía, historia, etnografía e artes.
De xeito semellante ao seu tan admirado frei Martín Sarmiento, don Casto publica pouco. A maioría dos seu estudos ficaron sen rematar, tan ineludíbel era o seu devezo de rigor. Tamén cómpre saber que o publicado case nunca o asinou, ou o facía cun X ou con outro recurso que lle permitise manter certo anonimato. Tampouco gustaba de entrevistas, homenaxes nin premios. Apenas aceptou cargos con máis responsabilidades. Dous exemplos: desde 1900 asumiu ser o Cronista Oficial da Provincia de Pontevedra e, desde 1906, foi un dos corenta fundadores da Real Academia Galega.
Como arqueólogo, Casto Sampedro exemplifica ben a transición en Galicia entre os vellos coleccionistas de antigüidades e o que será a práctica da arqueoloxía avanzado o século XX, non tanto por facer escavacións metódicas (actividade non rexistrada) mais si por ter adoptado métodos e actitudes dignas de lembranza. Un exemplo metodolóxico significativo: don Casto, que no privado non gustaba nada de retratos –os poucos que se teñen del foron, todos, feitos de mala gana ou sen permiso– destacou como un dos precursores en España na promoción da fotografía documental.
Entre os feitos arqueolóxicos meritorios, o máis relevante acaso teña que ver coa declaración de Monumento Nacional –o primeiro da provincia– que protexeu as ruínas da igrexa do convento pontevedrés de San Domingos. Dous anos despois, en 1894, participa na fundación da “Sociedad Arqueológica de Pontevedra”, da que foi presidente, e desde onde axuda a salvagardar outros moitos bens arqueolóxicos. Nesta materia, Casto Sampedro iniciou varios estudos e potenciou que outras persoas os continuasen. Tiña especial querenza polas aras, os miliarios, as vías romanas e pola daquela acabada de descubrir arte rupestre galega.
Douto en numismática, epigrafía, diplomática, heráldica e xenealoxía, Sampedro traballou nos tres tomos publicados –un cuarto perdeuse– con documentación rescatada, transcrita e glosada
para la Historia de Pontevedra. Asinada pola citada sociedade arqueolóxica, esta descomunal obra só ten o defecto de contar cunha pobre e única edición. Outros traballos semellantes, insistimos, ficaron inconclusos. Por exemplo, o estudo do arquivo do gremio de mareantes de Pontevedra sairá do prelo, en 1946, da man de quen foi o seu derradeiro discípulo: Xosé Filgueira Valverde.
Don Casto tampouco publicará moito do abundante traballo etnográfico reunido. Por exemplo, o citado Filgueira laiábase de que non deixara rematada a antropoloxía cultural de Redondela tan profusamante documentada por el. De feito, Sampedro nunca se desentendeu da súa vila natal onde, entre outras propiedades, tiña casa –aberta no verán– nas inmediacións do pazo do Pousadouro, en Reboreda. Do pouco publicado nesta materia, Casto Sampedro destaca por ser un dos raros investigadores galegos que se interesaron polas tradicións, os costumes e os traballos propios das xentes do mar.
A parte mellor coñecida do legado de Casto Sampedro ten que ver coa música. Se ben nunca tocou en público, grazas a reputados testemuños –como os do citado Xosé Filgueira Valverde e os de Carlos Sobrino Rivas ou Antonio Blanco Porto– consta que o erudito avogado era bo organista e aínda mellor pianista.
De maior relevancia para a cultura galega resulta que, cando menos desde 1870, interesouse por coleccionar cantos, tocatas, bailes, danzas e instrumentos populares, con especial atención pola zanfona. Tamén coleccionou partituras eruditas e música popular doutras comunidades, por comparar. Sen contar co auxilio de aparatos de gravación e reprodución sonora, don Casto demostra ter unha pericia na transcrición da oralidade musical que, na Galicia do seu tempo, só pode ser comparada coa de Juan Montes. En 1895 obsérvase un punto de inflexión neste labor de recolla musical ao establecer unha rede dun cento de colaboradores que lle remiten datos desde outras partes de Galicia.
O interese pola música foi mantido por Sampedro toda a vida, se ben, segundo Filgueira, abandonou a compilación en 1924 ao falecer o seu fillo Ricardo. Antes, cómpre destacar como, en coautoría con Víctor Said Armesto, gaña o concurso convocado en 1909 pola Academia de Bellas Artes de San Fernando, de Madrid. De novo, foi Filgueira quen en 1942 consegue reconstituír aquel manuscrito premiado e publicalo co título de Cancionero musical de Galicia, sen dúbida unha das obras capitais da cultura galega de todos os tempos.
Unha tese de doutoramento –defendida en 2011 na Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela e publicada un ano despois polo concello de Redondela– ten actualizado o que sabemos do legado musical de don Casto. En especial, no relacionado co proceso de formación da colección, os escritos musicais do colector e as variantes e versións musicais escritas dos setecentos vinte cantares de tradición oral galegos rexistrados. Fican pendentes o estudo crítico e a reedición das máis de trescentas tocatas, bailes e danzas populares, e outros xéneros musicais coleccionados.
Casto Sampedro Folgar viu culminada a súa dilatada traxectoria intelectual en 1927 ao ser aclamado Director –fundador– do Museo de Pontevedra. A ese labor dedicou os once derradeiros anos de vida. Nesa relevante institución museística, don Casto deixou unha forte pegada inmaterial e alí se custodia a súa herdanza documental -a Colección Sampedro-, un descomunal tesouro, en tantos aspectos aínda por estudar e divulgar.
Bibliografía
Filgueira Valverde, Xosé (1987): «Don Casto Sampedro y Folgar», Guía didáctica para escolares, Redondela: Concello, n.º 7.
Groba González, Xavier (2012): Casto Sampedro e a música do cantigueiro galego de tradición oral. Vol. I: Personaxes e contido da colección musical. Vol. II: Documentario: cartas, escritos musicais e partituras. Redondela: Concello.
Valle Pérez, X. Carlos [coord] (2011): X Memorial Filgueira Valverde. Casto Sampedro Folgar (1848-1937) e o seu tempo. Pontevedra: Universidade de Vigo, Museo de Pontevedra. (Publicacións da Cátedra Filgueira Valverde)
Ricón Virulegio, Amado et al. (2012): Casto Sampedro. Arqueoloxía e memoria. 75 aniversario do seu pasamento. Redondela: Concello; Pontevedra: Museo de Pontevedra.
Como citar: Groba González, Xavier : Casto Sampedro Folgar. Publicado o 7/12/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=5332. Recuperado o 29/09/2023
DOCUMENTACIÓN DE
Casto Sampedro escribe na revista madrileña Finisterre sobre a procesión do Corpus en Pontevedra
Fonte: Sampedro y Folgar, Casto: «Una procesión del Corpus en Pontevedra en el siglo XVII», Finisterre: revista de Galicia, Madrid, n.º 29 (xuño de 1946), p. 17-18
Biblioteca Digital Hispánica. Biblioteca Nacional
Prólogo de Casto Sampedro para o Corpus Petroglyphorum Gallaecia: opera et studio, de Sobrino Buhígas. O texto, con anotacións manuscritas posiblemente do presidente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, está asinado o 26 de abril de 1933
Fonte: Fundación Filgueira Valverde
Artigo de Casto Sampedro sobre lápidas funerarias no Boletín da RAG
Fonte: Sampedro, Casto: «Lápidas funerarias en el Museo Arqueológico de Pontevedra», Boletín de la Academia Gallega, tomo 20, n.º 235-240 (1931), p. 351-364
Biblioteca do Consello da Cultura Galega. PP-BRAG
Colaboración de Casto Sampedro no Libro de oro de la provincia de Pontevedra
Fonte: Sampedro, Casto: «Aras romanas en el Museo de la Sociedad Arqueológica de Pontevedra”, Libro de Oro de la Provincia de Pontevedra. Vigo: PPKO, 1931; p. 31-34.
X [Casto Sampedro] escribe sobre a muiñeira de Monterrei en Almanaque Gallego
Fonte: X [Sampedro, Casto, atribuído]: «En la Ría de Pontevedra, Galicia. Escena de pesca. La Entallada de Combarro», Almanaque Gallego. Buenos Aires: Manuel Castro López, 1922; p. 44-49.
Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Artigo de Casto Sampedro sobre a ría de Pontevedra asinado como X
Fonte: X [Sampedro, Casto, atribuído]: «En la Ría de Pontevedra, Galicia. Escena de pesca. La Entallada de Combarro», Almanaque Gallego. Buenos Aires: Manuel Castro López, 1918; p. 62-66.
Consello da Cultura Galega
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía de obras atribuídas a Casto Sampedro, elaborada por Xavier Groba González
Biografía de Casto Sampedro na Gran Enciclopedia Galega
Fonte: Filgueira Valverde, X.: «Casto Sampedro y Folgar». En Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Lugo: El Progreso, D.L. 2003; v. 39, p. 183
Biblioteca do Consello da Cultura Galega
Instrumentos musicais: a gaita
O 25 de febreiro de 1985, organizada pola Asociación Cultural Terra Meiga e por Caixa Galicia de Ferrol, e dentro do ciclo Folclore e Etnografías Galegas, Xosé V. Ferreirós pronuncia a conferencia «Instrumentos musicais: a gaita». Virtuoso gaiteiro e membro do grupo musical Milladoiro dende a súa fundación, Ferreirós aproveita a clasificación de Said Armesto e os estudos de Casto Sampedro para guiarnos polos instrumentos tradicionais galegos ata chegar á gaita. Dun xeito sinxelo pero erudito, percorre as representacións iconográficas do instrumento «máis importante de Galicia», a súa presenza na nosa lírica e os contratos laborais de gaiteiros en Notas viejas galicianas de Pérez Costanti, ao tempo que nos explica os distintos xeitos de tocar e cita polo camiño os gaiteiros históricos e os artesáns actuais. Ferreirós propón ollar cara a fóra e aprender e descubrir doutras músicas en que a gaita é a protagonista. En definitiva: unha clase maxistral.
Escoita a conferencia:
Datos do fondo:
Sinatura: NCFE-0464
Duración: 1:07:21 h
Colección Caixanova. Ferrol. Arquivo Sonoro de Galicia. Consello da Cultura Galega
Recursos en liña:
Biografía de Victor Said Armesto no Álbum de Galicia
Biografía de Casto Sampedro no Álbum de Galicia
Explora o catálogo Os instrumentos musicais na tradición galegaXosé V. Ferreirós guíase polas investigacións de Said Armesto e Casto Sampedro para explicar, de xeito sinxelo pero erudito, a gaita e os gaiteiros na nosa cultura.
Celebracións do centenario do nacemento de Casto Sampedro
Fonte: «El centenario de D. Casto Sampedro en Pontevera», , n.º 7917 (17 de novembro de 1948 novembro), p. 2
Galiciana. http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/resultados_ocr.do?general_ocr=on&id=40109&tipoResultados=PAG&posicion=701 [Consulta: 2021-11-02]
Lembranza de Casto Sampedro no seu segundo cabodano
Fonte: Vará: «Figuras pontevedresas: Don Casto Sampedro Folgar en el segundo aniversario de su muerte», El Pueblo gallego : rotativo de la mañana, n.º 4855 (13 de abril de 1939 ), p. 6
http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/resultados_ocr.do?general_ocr=on&id=40109&tipoResultados=PAG&posicion=701 [Consulta: 2021-11-02]
A revista Vida gallega informa sobre o pasamento de Casto Sampedro
Fonte: «Ha muerto en Pontevedra el ilustre historiador D. Casto Sampedro», Vida gallega: ilustración regional, n.º 686 (15 de maio de 1937), p. 19
Galiciana. Biblioteca de Galicia
Necrolóxica de Casto Sampedro en El Diario de Pontevedra
Fonte: «Don Casto Sampedro», El Diario de Pontevedra: periódico liberal, n.º 15117 (8 de abril de 1937), p. 2
Galiciana. Biblioteca de Galicia
Casto Sampedro, Francisco Zalaga e Luis Sobrino forman parte dos inicios dos estudos do románico na provincia de Pontevedra. Parcitiparon na excursión que a Sociedade Arquolóxica fixo ao mosteiro de Carboeiro o 24 de agosto de 1897
Valle Pérez, José Carlos: «Notas sobre la arquitectura románica en la provincia de Pontevedra», https://www.romanicodigital.com/
Fonte: https://www.romanicodigital.com/ [Descarga: 2023-03-30]
Ligazóns de interese
Documentación de Casto Sampedro no Museo de Pontevedra. Fondo Casto Sampedro
Fonte: El Museo de Pontevedra https://atopo.depo.gal/Search/Results?join=AND&bool0%5B%5D=AND&lookfor0%5B%5D=[Fondos]CASTO%20SAMPEDRO&type0%5B%5D=treeFull&sort=year [Consulta: 2021-13-03]
Biobibliografía de Casto Sampedro na DB-e da Real Academia da Historia
Fortes Alén, María Jesús: Casto Sampedro Folgar, DB-e, Real Academia de la Historia.
Fonte: https://dbe.rah.es/biografias/53247/casto-sampedro-folgar. [Consulta: 2021-11-02]
Artigo en Faro de Vigo sobre Casto Sampedro
Regueira, Susana: «El erudito que odiaba las fotos y amaba la cultura», Faro de Vigo, (2012-04-08)
Fonte: https://www.farodevigo.es/pontevedra/2012/04/08/erudito-odiaba-fotos-amaba-cultura-17668670.html [Consulta: 2021-11-02]
O enigmático señor X: Casto Sampedro
Martínez, Iago: «O enigmático señor X da cultura galega», El pais, (23 de marzo de 2012)
Fonte: El pais https://elpais.com/ccaa/2012/03/22/galicia/1332449027_479318.html [Consulta: 2021-11-03]
Audios
O Cuarteto Caramuxo interpreta dúas melodías recollidas no Cancioneiro Musical de Galicia de Casto Sampedro: a n.º 467, «Cabalgata de Ribadavia»; e a n.º 467, «Pasodoble de los Gigantes. Corpus. A Garda»