Xosé Mosquera Pérez
Carballal, 18/ 9/1895 - Santiago de Compostela, 30/12/1965Autoría: Aser Álvarez González
Xosé Mosquera Pérez, O Vello dos Contos, primeira estrela mediática galega e impulsor do Padroado Rosalía de Castro
Activo promotor de Unión Radio Galicia, contou co apoio da Cámara de Comercio de Santiago e do concello compostelán para que a radio chegase a Galicia e coloborou cos sectores máis progresistas da cidade e coa Liga Santiaguesa pro Estatuto. Este home humilde e discreto, ademais de ser a alma de diversas iniciativas culturais e políticas sempre vencelladas co galeguismo, foi o socio número dous da emisora compostelá, denominada co distintivo técnico de EAJ‐4, a decana da radio no noso país. Daquela oportunidade de progreso só eran conscientes algunhas persoas visionarias que confiaban no potencial educativo e transformador do novo medio de comunicación.
Xosé Mosquera Pérez, nacido en San Xián do Carballal, Enfesta, en 1895, usou o alcume “O vello dos contos” e converteuse na primeira estrela mediática de Galicia grazas a este popular personaxe que, xunto con Joselín -popularizado polo vigués José Rodríguez de Vicente-, crearía unha escola galega de contadores de contos da que foron representantes, entre outros, Xistral ou Farruco, chegando a facerse moi famoso en toda Galicia e mesmo en América, aínda que ficara despois no esquecemento.
As súas intervencións radiofónicas estiveron en antena entre xaneiro de 1933, cando botou a andar a programación estable da emisora, emitindo nos primeiros meses dende un locutorio improvisado en San Domingos de Bonaval, ata o mes de xullo de 1936, cando os sublevados entraron armados para tomar os estudios da radio, daquela xa na praza da Universidade. Durante este tempo foi o principal altofalante do galeguismo, participando na intensa campaña política a prol do Estatuto de Autonomía de Galicia.
Ademais das sesións de música galega e das conferencias de divulgación cultural e política, das que informa a prensa da época e a revista Nós, xa en 1933, tamén se programaron espazos de divulgación da cultura popular, emitíuse teatro do aire
interpretado por un grupo de teatro radiofónico -do que recuperamos algunhas fotografías para esta entrada biográfica- e seccións de contos e refráns. Todos os xoves había unha sección infantil e xuvenil na emisora, da que “O vello dos contos” foi impulsor e elemento protagonista, seguindo a liña de animación cultural e didáctica que iniciaran as Irmandades da Fala para o adoutrinamento e culturización do pobo galego.
Facer radio na Compostela e na Galicia do seu tempo, cando só algúns galeguistas e progresistas albiscaban que aquela nova tecnoloxía sen fíos estaba chamada a ser o primeiro medio de comunicación de masas, era o xeito de Mosquera e doutros correlixionarios, como Antonio Fraguas, primeiro locutor da emisora, de contribuíren á tarefa colectiva de facer país espallando as mensaxes galeguistas e de concienciación política que caracterizaban a programación da emisora. “O vello dos contos” foi congregando a cada vez máis xente arredor dos receptores de radio e gañando popularidade até converterse na primeira estrela da radio galega.
Despois de cursar os primeiros estudos no Seminario, Mosquera estivo tres anos emigrado en Bos Aires, conseguindo unha boa posición, pero o amor á terra fixo que non tardase en regresar. Xa era un afeccionado ao teatro antes da chegada da radio a Compostela e a Galicia. Mesmo dirixiu o grupo de teatro Cativezas, entre 1923 e 1925, compañía coa que montou varias obras de autores galegos. Tras o seu paso pola Universidade de Santiago, onde estudou Humanidades e Maxisterio, traballou na administración duns almacéns comerciais, na zona vella compostelá, formando parte dunha sociedade con Ángel Estévez, Manuel Beiras e Balbino Viña.
Mosquera e Rosalía de Castro
Ademais de organizar veladas solidarias para persoas sen recursos, o personaxe estrela da radio en Galicia tamén fixo campaña activa a favor do Estatuto de Autonomía. Xosé Mosquera, militante do Partido Galeguista até 1936, abandona esta formación xunto con Manuel Beiras para fundar Dereita Galeguista. Os dous foron os promotores da institucionalización da Misa de Rosalía de Castro, que se celebra cada 25 de xullo, dende 1932, na igrexa de San Domingos de Bonaval, a carón do Panteón de Galegos Ilustres, unha tradición que mesmo conseguiron manter viva durante a guerra civil e o franquismo.
Tras o alzamento militar, Mosquera foi mobilizado e obrigado a facer tarefas de vixilancia dende as torres da Catedral ante un posible ataque aéreo, responsabilidades que lle supoñían unha carga de traballo adicional que trataba de compaxinar co seu emprego no comercio. Xa na posguerra traballou como profesor de francés e xeografía na academia que abriu o seu amigo Antonio Fraguas, despois de ter sido desposuído da súa cátedra de instituto, un traballo que combinaba coa actividade comercial nos almacéns e coas colaboracións no xornal La Noche.
En 1946, Xosé Mosquera soubo que vendían a casa de Rosalía de Castro en Padrón e mobilizouse para adquirila e convertela nun símbolo da galeguidade e da memoria da máis grande poeta de Galicia. Despois de moitas angueiras e mesmo chegando a hipotecar o seu patrimonio persoal -malia os esforzos do seu grande amigo, Jose´Villar Granjel, por disuadilo- convoca en Santiago a un grupo de galeguistas cos que constitúe o Padroado Rosalía de Castro co propósito de mercar o inmoble e de transformar a casa nun museo rosaliano, do que Mosquera foi alma e motor. Para mercar a casa da Matanza contaría coa contribución económica de Villar Granjel quen, durante toda a súa vida, axudaría cos gastos do Padroado.
Definido por Otero Pedrayo coma un dos máis transparentes e fidalgos corazóns da Nosa Terra
, Mosquera participa na fundación de Galaxia e mesmo foi elixido membro correspondente da RAG en 1952. Tras varios meses enfermo, falece en Santiago de Compostela o 30 de decembro de 1965. O concello compostelán deulle o seu nome a uns xardíns, nos que en 1995 se irixiu un busto seu realizado por Fernando García Blanco, un dos discípulos do escultor Franciso Asorey. Tamén se instalou unha placa conmemoriativa na súa casa da rúa do Franco e os primeiros premios internacionais de podcast que se crearon en Galicia levan o seu nome, converténdose nunha merecida homenaxe das novas xeracións á primeira estrela mediática do noso país e nun exercicio de memoria para recoñecerlle, a este home bo e xeneroso, o seu amor a Galicia e os camiños de esperanza que nos ten aberto.
Anexamos na galería de fotos desta entrada biográfica unha imaxe moi especial da primeira homenaxe popular que se lle fixo ao personaxe radiofónico creado por Mosquera, pertencente ao seu arquivo familiar. Para dar conta da enorme popularidade que chegou a ter a primeira estrela mediática de Galicia, abonda con botarlle unha ollada a esa foto de Ksado que recolle a multitudinaria xuntanza, celebrada o 18 de xuño de 1933, no hotel Compostela, apenas seis meses despois da creación do persoanaxe de ficción “O Vello dos contos”, inspirado na estética e na ética dos labregos e dos paisanos da súa Enfesta natal e da contorna de Santiago de Compostela, que cada semana acudían á feira que se celebraba na carballeira de Santa Susana.
Como citar: Álvarez González, Aser : Xosé Mosquera Pérez. Publicado o 10/6/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6256. Recuperado o 26/03/2023
Ligazóns de interese
Espazo web dedicado a Xosé Mosquera, O vello dos contos, e ao certame escolar internacional de podcasts que leva o seu nome
www.ovellodoscontos.gal
Fonte: http://www.arraianos.com/index.php/proxectos-singulares-de-arraianos-produccions/o-vello-dos-contos-arraianos
Artigo sobre O vello dos contos en Faro de Vigo
Fonte: https://www.farodevigo.es/sociedad/2019/12/07/primera-estrella-mediatica-gallega-15444900.html
López, R.: «La primera estrella mediática gallega», Faro de Vigo (7 de decembro de 2019)
Información no web do concello de Santiago de Compostela sobre a homenaxe a Xosé Mosquera, O vello dos contos
Fonte: http://santiagodecompostela.gal/hoxe/nova.php?lg=gal&id_nova=14690
Colocación da placa conmemorativa na vivenda de Xosé Mosquera na rúa do Franco
«Placa en O Franco en recuerdo de Xosé Mosquera Pérez, 'O vello dos contos'», El Correo Gallego (13 de xuño de 2016)
Fonte: https://www.elcorreogallego.es/hemeroteca/placa-franco-recuerdo-xose-mosquera-perez-vello-dos-contos-HSCG1002498
Audios
Ofrenda a Rosalía de Castro no Centro Galego de Bos Aires 02: Presentación de Xosé Mosquera Pérez a cargo de Eduardo Sánchez Millares
Ofrenda a Rosalía de Castro no Centro Galego de Bos Aires 03:Discurso de Xosé Mosquera Pérez
Libros do ccg sobre Xosé Mosquera Pérez
Ofrenda a Rosalía de Castro no Centro Galego de Buenos Aires.
1995 | Afonso Cid González, Locución. Ramón Otero Pedrayo, Autoría. Eduardo Sánchez Millares, Autoría. Manuel Suárez, Coordinación. Afonso Vázquez-Monxardín, Edición. Vidal López, Son. Xosé Mosquera Pérez, Autoría.
24/7/59