Manuel Rodríguez Alonso
A Groba (Ribadavia. Ourense), 16/ 1/1952 - Pozuelo de Alarcón (Madrid), 22/9/2015Autoría: Héitor Mera
Traballador e resistente por unha filoloxía de País
Asentado en Pozuelo de Alarcón coa súa familia, combina o ensino co labor editorial. Traballa para unha editorial de ámbito estatal para a que produce dicionarios, gramáticas, libros de texto, traducións… Rodríguez Alonso caracterízase por unha actividade filolóxica e divulgativa inxente. Aínda na distancia madrileña, sen mesturarse nos círculos intelectuais e académicos de Galicia, pronto é recoñecido polo seu labor lexicográfico entre outras actividades.
Nos últimos tempos, sen deixar de lado as tarefas comentadas, lánzase á crítica literaria deixando unha pegada fonda. Rigoroso e eficaz, como en calquera outro eido, o labor crítico de Manuel Rodríguez Alonso provoca que sexa un dos máis seguidos en Galicia. A fondura das súas análises, a honestidade fóra de endogamias posibles e o dobre carácter literario e lingüístico do que se impregnan os seus textos, fan que o estilo e metodoloxía do noso autor sexan inconfundibles. As novas tecnoloxías (escribiu no «Cartafol de libros» de Vieiros.com, fundou o seu propio blog, Bouvard e Pecuchet…) facilitan que se poida estender nas súas reflexións e isto ten como resultado un dioivo de coñecemento e erudición que ben merecería a pena xuntar nun volume para organizar o legado de Rodríguez Alonso.
Esa pegada crítica vese tamén nos seus ensaios. Lembramos aquel extraordinario O españolismo lingüístico, publicado en 2004 pola editorial Espiral Maior, que é un soberbio repaso por toda a historia da escola filolóxica españolista que tan ben tiña identificado e confrontado.
Manuel era un home inconformista. Celoso do seu País, da cultura, da lingua, non evitaba o enfrontamento alí onde fose necesario. Non esquezamos que traballaba como profesor asociado no campus da UNED de Madrid. Alí, desde a facultade de Filoloxía, promoveu o nacemento da Revista de Lengua y Literatura Catalana, Gallega y Vasca, foro que deu acubillo a moitos autores externos ás inercias da capital. El mesmo contribuíu cos seus artigos.
Nesta faceta súa da reivindicación necesaria, debemos sobrancear aquel longo episodio de enfrontamento coa UNED pola imposibilidade de presentarse traballos de investigación en lingua galega ou calquera outra que non fose o castelán. Alá polos anos 2001-2002, aproximadamente, presentouse un proxecto para realizar un traballo para o DEA en lingua galega. Non era unha situación inédita na UNED. Outras veces, presentáronse proxectos para ser desenvolvidos en galego e a institución non permitira tal posibilidade. Rodríguez Alonso era coñecedor dos antecedentes e non se engurrou. Ese traballo saíu adiante, defendido en xuño de 2003, e creouse un precedente cargado da teimosía do que en verdade defende a cultura e a lingua de Galicia.
Podemos pensar que despois deste feito a situación quedaría pechada, mais por un lado a teimosía da UNED que non daba o brazo a torcer e, polo outro, a percepción dun profesor asociado demasiado perigoso, levou á institución a negar outra volta a posibilidade de defender, dentro do mesmo proceso de doutoramento, a tese que viría culminar o traballo de todos eses anos. Houbo que recorrer ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento de Galicia para que os deputados do BNG defendesen o dereito de todas e todos os galegos a executar os seus traballos académicos en galego e lingua cooficial. A transcendencia que o asunto tivo nos medios de comunicación volveu facer recuar á UNED e esa tese –todo o proceso de doutoramento versaba sobre a obra de Bernardino Graña– defendeuse un 12 de xuño do ano 2009. Que director de tese estaría disposto a pasar por un problema así…? Estas e outras son as cousas que fixeron de Manuel Rodríguez Alonso unha persoa especial. Valente, afouto, traballador…. Se houbese máis coma el, este noso País iría moito mellor.
Como citar: Mera, Héitor : Manuel Rodríguez Alonso. Publicado o 21/2/2023 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=6815. Recuperado o 01/10/2023
DOCUMENTACIÓN DE
A narrativa galega no remate do século xx (1975-2000): intento de sistematización
RODRÍGUEZ ALONSO, Manuel: «A narrativa galega no remate do século XX (1975-2000). Intento de sistematización», Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca, 10 (2004), 119-134.
Fonte: UNED. http://e-spacio.uned.es/fez/eserv.php?pid=bibliuned:19931&dsID=A_Narrativa.pdf [Descarga: 2022-11-25]
O galego e a escola lingüística española
Rodríguez Alonso, Manuel: «O galego e a escola lingüística española», Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca, 8 (2002), 157-182.
Fonte: UNED. http://e-spacio.uned.es/fez/eserv.php?pid=bibliuned:Llcgv-C2DEEB6B-B010-2028-484C-C6AC07F48491&dsID=O_Galego.pdf [Descarga: 2022-11-25]
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Bibliografía de Manuel Rodríguez Alonso
Fonte: Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Consello da Cultura Galega
Artigo homenaxe a Manuel Rodríguez Alonso
Urquizu, Patricio: «Recordando a Manuel Rodríguez Alonso», Revista de Lenguas y Literaturas Catalana, Gallega y Vasca, 26 (2021), 267–269.
Fonte: UNED. https://revistas.uned.es/index.php/RLLCGV/article/view/32139/24225 [Descarga: 2022-11-25]
Ligazóns de interese
Revista de lenguas y literaturas catalana, gallega y vasca. Vol. 25 (2020)
Número en homenaxe ao profesor Manuel Rodríguez Alonso.
Fonte: UNED
https://revistas.uned.es/index.php/RLLCGV/issue/view/1426 [2022-11-25]
Bouvard e Pécuchet
Bitácora persoal de Manuel Rodríguez Alonso.
Fonte: https://web.archive.org/web/20180307054735/http:/bouvard.blogaliza.org/ [arquivada]
Palabras tabelas para Manuel Rodríguez Alonso
Homenaxe de Armando Requeixo, Inma Otero, Francisco Martínez e Montse Penas no blog «Criticalia».
Fonte: Criticalia
https://armandorequeixo.wordpress.com/2015/09/24/palabras-tabelas-para-manuel-rodriguez-alonso/ [2022-11-25]
Manuel Rodríguez Alonso e a «tremenda loita» contra o españolismo lingüístico
Artigo homenaxe de Francisco Fernández Rei a Manuel Rodríguez Alonso na web de Prolingua.
Fonte: Prolingua
http://www.prolingua.gal/voces/manuel-rodr%C3%ADguez-alonso-e-a-tremenda-loita-contra-o-españolismo-lingü%C3%ADstico [2022-11-25]
Hablemos de lenguas
Entrevista en CanalUNED con motivo da presentación do libro «Introducción a las Lenguas y Literaturas Catalanas, Gallega y Vasca».
Fonte: CanalUNED
https://canal.uned.es/video/5a6f788eb1111f3a0e8b4621 [2022-11-25]
Manuel Rodríguez Alonso na Galipedia
Fonte: Galipedia
https://gl.wikipedia.org/wiki/Manuel_Rodr%C3%ADguez_Alonso [2022-11-25]
Audios
Día das Letras Galegas: Manuel Lugrís Freire
Libros do ccg sobre Manuel Rodríguez Alonso
Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo”.
2004 | Xesús Alonso Montero, Edición. Henrique Monteagudo, Edición. Begoña Tajes, Edición.
(Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001 ). Tomo I
Actas do I Congreso Internacional “Curros Enríquez e o Seu Tempo” .
2004 | Xesús Alonso Montero, Edición. Henrique Monteagudo, Edición. Begoña Tajes, Edición.
(Celebrado en Celanova, 13 al 15 de setembro de 2001). Tomo I
A lingua galega, historia e actualidade (v. IV).
2004 | Rosario Álvarez, Edición. Francisco Fernández Rei, Edición. Antón Santamarina, Edición.
Actas do I Congreso Internacional celebrado do 16 ó 20 de setembro de 1996 en Santiago de Compostela