Andrés do Barro
Ferrol (A Coruña), 1/ 10/1947 - Madrid, 22/12/1989Autoría: Fernando Fernández Rego
Catro números un cantando en galego en plena ditadura
Andrés do Barro é un dos grandes mitos da música galega. Nace en Ferrol o 1 de outubro de 1947, froito do matrimonio formado por Nicolás Lapique e Consuelo do Barro. Era o sexto dos sete fillos dun coronel de Intendencia da Armada.
Estuda no colexio Tirso de Molina de Ferrol, no que coincide co tamén cantante Juan Pardo, e múdase na adolescencia a Bilbao e Madrid. Leva a cabo os estudos de Mariña Mercante, pero nunca chega a embarcarse. A música era a súa paixón e pronto pasa a ser a súa profesión.
Tras dar os seus primeiros concertos na segunda metade dos anos 60, loita por conseguir un contrato discográfico. Firma con RCA, selo co que o 3 de novembro de 1969 edita o sinxelo producido por Juan Pardo O Tren / Miña Maruxa (RCA, 1969). «O tren» alcanza o número un das listas de éxitos en plena ditadura, sendo a primeira canción en galego en conseguilo. Un éxito sen igual na historia da música galega, que Andrés repetiría en tres ocasións más, con «Corpiño xeitoso», «San Antón» e «Pandeirada». Os catro números un son composicións propias, letra e música.
Axiña acada o recoñecemento masivo. Con RCA grava dous discos longa duración: Me Llamo Andrés Lapique do Barro (RCA, 1970) e ¡Pum! (RCA, 1971), este último gravado en Roma. O éxito acadado é realmente importante e lévao a realizar xiras por Arxentina e Brasil, a editar os seus discos en países como Portugal, Italia, Alemaña ou México; e a gravar a película En la red de mi canción (Mariano Ozores, 1971), xunto a Concha Velasco e a súa banda de acompañamento, Los Sprinters de Ferrol.
Andrés é o gran responsable da xénese do pop en galego. Un pop melancólico e atemporal con tinguiduras folk e unha importante dose de saudade. Hoxe é reivindicado como unha referencia ineludible da música galega, como unha icona pop, reivindicándose tamén a súa modernidade e o seu labor pioneiro na fusión da música popular co pop.
Tras un ascenso vertixinoso, vén pouco a pouco o descenso. No ano 1973 Andrés decide comezar unha nova etapa nun selo distinto, Belter, ao que chega tras rescindir o seu contrato con RCA. Ese empezar de novo tamén leva a Andrés a cambiar os músicos que o acompañaban. Hasta ese momento a banda ferrolán Los Sprinters eran os encargados. Nesta nova etapa Andrés so mantén a José Luis de Fuente Nogueira “Chupi” (batería).
Presenta as súas novas cancións en varios programas de TVE (Llegada Internacional, Señoras y Señores…), participa no documental de Raúl Peña promovido pola Dirección General de Promoción do Turismo Mosaico de Canciones (1972) e xira por Europa en 1973, concretamente por Alemaña, Bélxica e Holanda.
Un ano despois chega o seu último longa duración, o homónimo Andrés do Barro (Belter, 1974). Estamos ante o seu traballo máis maduro e escuro. Aínda que nos encontramos co misticismo, a tristeza e a saudade en cortes como «Amor, amor», Andrés mostra máis atrevemento ca nunca e amplía recursos e estilos.
O contrato de Andrés do Barro con Belter remata co single Señora Mía / Hoxe Vai Chorar (Belter, 1975) e cun conxunto de discos que se editan entre 1975 e 1976 compostos polos temas deste terceiro LP e cancións inéditas cun gran valor artístico que, lamentablemente, non chegaron ao gran público. Nestas cancións inéditas Andrés abarca estilos como o gospel ou o country. E faino con acerto e lévanos pensar en todo o que perdemos, no que podería dar de si a súa carreira se esta tivese continuado.
Nin o éxito nin as vendas son as esperadas, polo que Andrés e a súa familia deciden probar fortuna en México, país no que viven entre 1976 e 1980. Elixe o país azteca porque gardaba un bo recordo da xira que realiza polo país en 1972 pero ao final non se cumpren as súas expectativas profesionais e decide volver a España.
Á súa volta de México, Andrés grava en Madrid, nun estudio situado na rúa Alonso Cano, o máster do seu cuarto LP, un traballo que non chega a editarse e que Andrés non logra ver publicado. En 2020 Rama Lama recupera todas as súas gravacións en Belter e catro cancións inéditas procedentes do máster do seu cuarto LP, e edítaas en dobre LP e dobre CD: Andrés do Barro. Su Disco Perdido y Todas Sus Grabaciones en Belter (1973-1975) (Rama Lama).
Tras o seu falecemento, o 22 de decembro de 1989 en Madrid, sofre durante anos un inxusto esquecemento. Son as novas xeracións as que comezan a reivindicar a súa figura con forza e a loitar por colocar a Andrés no lugar que merece, que non é outro que o do gran trobador galego do século XX. En 2007 é reivindicado como unha icona pop a través do Manifesto do Dobarrismo, movemento que desemboca no disco homenaxe Manifesto Dobarrista: Un Disco Tributo a Andrés do Barro (Falcatruada), no que interveñen ata trinta grupos da escena galega da época, e nunha gran gala no teatro Jofre de Ferrol o 15 de maio do 2007. Logo viría o documental O Tren que me leva (Anxo Fernández, 2008). En 2015 edítase a súa biografía oficial, Andrés do Barro. Saudade (LaFonoteca), obra de Fernando Fernández Rego; e en 2021 un novo disco homenaxe: Andrés do Barro. Pop, Saudade e Memoria. Unha Ollada dende Ferrolterra (Ferror Records / Concello de Ferrol) e unha exposición no Centro Torrente Ballester de Ferrol.
Bibliografía
Fernández Rego, Fernando (2015): Andrés do Barro. Saudade. Madrid: LaFonoteca.
Fernández Rego, Fernando (2019): Unha Historia da Música en Galicia 1952-2018. Vigo: Galaxia.
Como citar: Fernández Rego, Fernando : Andrés do Barro. Publicado o 4/6/2021 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=8273. Recuperado o 26/03/2023
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Artigo de Diego A. Manrique en El pais sobre Andrés do Barro
Fonte: https://elpais.com/cultura/2015/07/26/actualidad/1437925449_862746.html
Última entrega de «Andrés do Barro: Neotrovador gallego del siglo XX», artigo de Fernando Fernández Rego publicado no suplemento «Nordesía» do Diario de Ferrol
Fonte: Diario de Ferrol. Nordesía, (3 de maio de 2009)
Continuación de «Andrés do Barro: Neotrovador gallego del siglo XX», de Fernando Fernández Rego, publicado no suplemento «Nordesía» do Diario de Ferrol
Fonte: Diario de Ferrol. Nordesía, (19 de abril de 2009)
Primeira entrega de «Andrés do Barro: Neotrovador gallego del siglo XX», artigo de Fernando Fernández Rego publicado no suplemento «Nordesía» do Diario de Ferrol
Fonte: Diario de Ferrol. Nordesía, (19 de abril de 2009)
Tese de doutoramento sobre a música popular galega nos anos da transición política, na que se estuda, entre outras figuras da canción, a Suso Vaamonde
Campos Calvo-Sotelo, Javier: La música popular gallega en los años de la transición política (1975-1982): reificaciones expresivas del paradigma identitario. Madrid: Universidad Complutense de Madrid, 2008. [Tese de doutoramento dirixida por Victoria Eli Rodríguez]
Fonte: UniversidadeComplutense
https://eprints.ucm.es/id/eprint/8801/1/T30909.pdf [Descarga: 2023-02-27]
Ligazóns de interese
Entrada de Andrés do Barro na wikipedia
Fonte: https://gl.wikipedia.org/wiki/Andr%C3%A9s_do_Barro
Información sobre o disco tributo a Andrés do Barro Manifesto Dobarrista
Fonte: http://www.falcatruada.com/dobarrismo/inicio.html
Páxina de Andrés do Barro no espazo web da discográfica Rama Lama
Fonte: https://www.ramalama.es/vinilos/629-dobarro-andres-su-disco-perdido-y-sus-grabaciones-en-belter-1973-1975-Doble-LP.html
Artigo de Fernández Rego na revista Luzes
Fernández Rego, Fernando (2015): «Andrés do Barro, Atopando o seu lugar», Luzes, (16 de decembro de 2020)
Fonte: https://luzes.gal/16/12/2020/opinion/andres-do-barro-novo-disco/
Entrevista a Fernando Fernández Rego na homenaxe a Andrés do Barro en Inimitables da Televisión de Galicia,
Fonte: https://www.crtvg.es/tvg/a-carta/saudade-de-andr-s-50-anos-4509872
Andrés do Barro nun artigo de Fernando Fernández Rego publicado en La Voz de Galicia
Fernández Rego, Fernando: «Andrés do Barro, pop en galego», La Voz de Galicia (26 de xuño de 2019)
Fonte: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/cultura/2019/06/18/andres-do-barro-pop-galego/00031560867768231676753.htm
Reportaxe sobre a homenaxe a Andrés do Barro celebrado, en agosto de 2015, na praia da Madalena en Cabanas
Fidalgo Casares, María: «Arrollador éxito del homenaje a Andrés Dobarro en Cabanas», en http://www.galiciaartabradigital.com, (4 de agosto de 2015)
Fonte: http://www.galiciaartabradigital.com
Artigo sobre a biografía de Andrés do Barro escrita por Fernando Fernández Rego
Pato, Alfonso: «Andrés do Barro, entre el éxito y la desgracia», El pais (23 de xullo de 2015)
Fonte: https://elpais.com/ccaa/2015/07/23/galicia/1437653767_120886.html
Andrés do Barro. Pra che falar de amor. 1970. Versión de Ataque Escampe. En: Ídolos adolescentes. 2007-2011.
Fonte:https://ataqueescampe.bandcamp.com/track/para-che-falar-de-amor-2007
Programa de Noiteboa de 2002 no que Juan Pardo, Xosé Manuel Piñeiro e Xosé Ramón Gayoso lle fan unha homenaxe a Andrés do Barro
Fonte: www.crtvg.es en https://www.youtube.com/watch?v=P0fgfGGgOXg
Andrés do Barro interpreta «Teño saudade» na película de 1971 En la red de mi canción
Fonte: Mercury Films en https://www.youtube.com/watch?v=ExNmayEJMk0
Andrés do Barro nun vídeo da RTVE interpretando «Corpiño xeitoso»
Fonte: rtve.es publicado en https://www.youtube.com/watch?v=xv-0rHEPkG0
Andrés do Barro. Que lonxe fun
Vídeo da canción Que lonxe fun, do disco perdido de Andrés do Barro, dirixo e realizado por Lucía Rincón
Cortesía de Rama Lama e herdeiros de Andrés do Barro
Audios
Andrés do Barro. O tren. 1970
Andrés do Barro interpreta Corpiño xeitoso. 1970
Andrés do Barro interpreta Rapaciña, canción de 1970