Material
Historias de ida e volta
O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
«Dios dote á Vuelta Abajo de algunos Pedros Murias»
Detalle
O 23 de xuño de 1817 decretouse o desestanco do tabaco en Cuba, a liberación do cultivo, manufactura e comercialización do produto. Este acontecemento propiciou a focalización do negocio do tabaco como mobilizador de grandes capitais. A expansión do cultivo da planta acelerouse na rexión occidental da illa, que alcanzou gran popularidade e foi coñecida co nome de “Vuelta Abajo”. O tabaco de Vuelta Abajo non tiña rival no mundo pola súa calidade. Comezaron a proliferar as manufacturas polo centro e leste do país.A marca de Pedro Murias en tabaco e cigarros estendía a súa sona por Europa e tamén entre certos círculos estadounidenses. O seu consumo elevouse en 1890 a un número aproximado de 6 000 000 de tabacos, distribuídos nunha clasificación de vinte bitolas. Pedro Murias coñecía moi ben o complexas que eran as faenas do agricultor nas veigas, ata poder poñer o tabaco en condicións de elaboración. A tenza das veigas era una garantía da calidade do produto. Posuía miles de hectáreas co fin de consolidar os predios para os seus florecentes negocios de exportación. Non só se limitou á produción dun variado número de produtos, ademais do tabaco, senón que foi un promotor importantísimo do progreso da zona, sobre todo do termo municipal de Mantua, para beneficio dos seus poboadores.


