Material
Historias de ida e volta
O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
Lembranza dos ribadenses á memoria de Pedro Murias, ca. 1934
Detalle
A comisión delegada da Devesa foi creada pola fundación habaneira en 1919 para ter un maior control sobre as obras e o funcionamento da escola agrícola pois, debido á distancia, era moi difícil desde Cuba organizar os traballos, controlar os gastos e lograr que se impuxesen as súas ideas para a boa marcha do proxecto. Estivo integrada ao longo dos anos por persoeiros políticos e económicos da Mariña, moitos deles emigrantes enriquecidos retornados de Cuba, polo que se pode considerar que a escola agrícola foi tamén obra destes "habaneiros". O seu nomeamento como membros da comisión era unha honra e sentían como un deber axudar para que o legado do indiano chegase a bo fin. Supoñía, ademais, acadar prestixio social e unha reafirmación na elite da comarca. Desde 1934 e ata 1949, a comisión estivo presidida por Ramón Maseda Villamil, emigrante retornado de Cuba.Nesta imaxe podemos ver varios membros desta comisión delegada con autoridades e persoeiros da sociedade ribadense posando ante o monumento a Pedro Murias.


