Material
Historias de ida e volta
O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
Clases prácticas de agricultura do alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias, anos 20
Detalle
No regulamento da fundación habaneira de 1913 aprobouse a organización da escola agrícola e o proxecto pedagóxico que se quería implementar. As materias debían estar relacionadas coa agricultura seguindo os estudos máis modernos e dispoñía de xeito expreso que tiñan prioridade os coñecementos prácticos e aplicables ao medio en que vivían sobre as clases teóricas, con aulas impartidas por enxeñeiros agrícolas. Como vemos, tratábase dun plan moi ambicioso que, de aplicarse, suporía un grande avance na capacitación agropecuaria dos futuros labregos da comarca ribadense.Pero a realidade foi moi distinta. O primeiro director da escola, Enrique Suárez Couto, cambiou o plan pedagóxico segundo as necesidades que el percibía na comarca. Prevaleceu a gandaría dedicada á produción leiteira, coa mellora das crías a través de cruzamentos con outras razas. Como complemento, a modernización da agricultura estaría baseada na rotación de cultivos das especies máis acordes co clima e o chan da comarca mariñá. Nas terras da escola, o alumnado encargábase da semente cíclica de remolacha, patacas, millo, coles, nabos e avea, moitas veces destinada a alimentar o gando.


