Material
Historias de ida e volta
O indiano Pedro Murias e o seu legado na Devesa
O retorno simbólico do filántropo á súa parroquia natal, ca. 1950
Detalle
Unha das mandas testamentarias do indiano foi que os seus restos mortais repousasen na súa parroquia natal. Deixou disposta unha cantidade de cartos para a construción dun mausoleo no cemiterio da Devesa, onde debía ter "o repouso eterno", pero este desexo non se realizou ata os anos 50.A demora está relacionada cos atrancos que se xeraron arredor da construción dun novo camposanto na Devesa. Nos anos 20, os veciños aproban a súa construción e a xunta de patróns da Habana decide que o mausoleo debía erixirse no novo cemiterio. Este non se remata ata os anos 40 e de novo xorde unha polémica entre a fundación e Maximino Debén, sobriño e herdeiro do filántropo, sobre quen debía encargarse do traslado dos seus restos desde a necrópole de Colón da Habana, onde fora enterrado. Esta disputa xudicial tivo amplo eco nos xornais ribadenses. Finalmente será a xunta de patróns quen sufrague o mausoleo por valor de 13 900 pesetas.
O enterro definitivo de Pedro Murias nos anos 50 converteuse nun verdadeiro acto de homenaxe á súa figura e acudiron gran parte da veciñanza, as autoridades locais, membros da comisión delegada e o alumnado da escola que o indiano fundara.


