Difusión - Dorothé Schubarth. Mércores, 5 de xuño de 2024

Dorothé Schubarth

Dorothé Schubarth

Mércores, 5 de xuño de 2024
Santiago de Compostela
Difusión
Álbum de Galicia

Dorothé Schubarth

Santiago de Compostela

Dorothé Schubarth

Álbum de Galicia

Con música, baile e palabra o Consello da Cultura Galega (CCG), o Museo do Pobo Galego e o Instituto da Lingua Galega da USC (ILG-USC) celebrarán o vindeiro 12 de xuño un acto de homenaxe para lembrar a figura de Dorothé Schubarth (Basilea, Suíza, 1944-2023). A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; a presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego, Concha Losada, e a directora do ILG-USC, Elisa Fernández Rei, destacaron na súa presentación do programa o papel central que esta musicóloga e compositora suíza representou para o folclore galego. “É unha homenaxe que o pobo galego lle brinda a Dorothé polo seu traballo titánico e xeneroso”, apuntou Rosario Álvarez. Concha Losada destacou a importancia deste legado, que inspirou e contribuíu á música actual e que “todas as que colaboran neste inmenso agradecemento de todo o país o fan voluntariamente”. Pola súa parte, Elisa Fernández Rei engadiu que “o programa é unha festa na que lembraremos a muller, pero tamén escoitaremos a súa música”. Ademais, hoxe incorporouse a súa entrada biográfica ao Álbum de Galicia, a colección de biografías do CCG, escrita polo musicólogo Sergio de la Ossa.
Dorothé Schubarth desenvolveu un amplo labor investigador centrado na procura das formas e orixes da música popular europea. Introduciu parámetros de clasificación descoñecidos en Galicia e novidosas metodoloxías de traballo e de recompilación que, aínda hoxe, están a influír nos nosos estudosos. É a responsable da máxima achega xamais realizada para a conservación e coñecemento do folclore musical do país: o Cancioneiro popular galego (CPG), que asinou en coautoría con Antón Santamarina. Este proxecto de recompilación sistemática da música de tradición oral galega foi financiado pola Fundación Barrié de la Maza e consta de sete volumes que se publicaron entre 1984 e 1995. Todas estas facetas están recollidas na homenaxe que terá lugar no auditorio do Museo do Pobo Galego o vindeiro 12 de xuño.

Programa da xornada
A cita arrincará cunha actuación a cargo de Felisa Segade na que se empregará unha selección de músicas e fotografías do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) recollidas por Dorothé. Deseguido, segundo explicou Concha Losada na presentación, a xornada “explicará quen era Dorothé e que traballo fixo no noso país”. Correrá a cargo de Antón Santamarina, coautor do cancioneiro e persoa moi próxima á musicóloga suíza. Completará ese perfil máis persoal Diego Rodríguez, que profundará no traballo de Dorothé en Galicia en relación co apoio da Fundación Barrié. Após esta presentación desenvolveranse tres mesas. Na primeira darase conta do alcance do Cancioneiro popular galego e da súa importancia musicolóxica tanto no contexto español como no panhispánico. Sergio de la Ossa e J. M. Pedrosa serán os encargados de ofrecer esta achega.

Na segunda das mesas, moderada por Alejo Amoedo, falarase do uso da música tradicional como base para a creación contemporánea. Concha Losada intervirá cun relatorio titulado “O traballo de Dorothé despois do Cancioneiro: os arquivos e as institucións”. Pola súa banda, Rebeca Carrera e Luís Costa ofrecerán unha perspectiva máis actual ao falar da difusión e emprego da recolla musical en distintas contornas (didáctica musical, conservatorios e artistas).

A mañá rematará cunha sesión vermú a cargo de Caamaño e Ameixeiras, que ofrecerán unha selección de pezas sobre material recollido por Dorothé.
A última das mesas, moderada por M. Xosé Fernández Cerviño, afondará no traballo de Schubarth que vai máis alá do Cancioneiro. Lucía Cedrón fará comentario e lectura doutros libros da homenaxeada, Carme Campo afondará na acción educativa e cultural no Museo do Pobo Galego e Alejandro Gándara tratará o cinema sobre Dorothé e o seu traballo. A mesa rematará cunha intervención de Antonio Reigosa titulada “Dorothé Schubarth, mestra da memoria”.

Logo dun intermedio musical no que Cástor e Félix Castro interpretarán un tema musical en lembranza de Dorothé, terá lugar, na igrexa de Bonaval, o concerto de peche da homenaxe. O cuarteto Alicerces (Jorge Montes, Roberto Santamarina, María José Pámpano e Carlos García Amigo) xunto con Alberto Aneiros ao clarinete e Marcos Mato na percusión ofrecerán un concerto en que se inclúe Transformacións, unha peza clásica composta pola propia Dorothé Schubarth.


Entrada do Álbum de Galicia
Ademais, este mesmo mércores o Álbum de Galicia, a colección biobibliográfica de figuras relevantes para a cultura galega, inclúe a entrada de Schubarth. O musicólogo Sergio de la Ossa destaca a formación en musicoloxía e dirección coral en Múnic e en composición nas cidades de Salzburgo e Colonia. Tras obter o diploma de mestra de Teoría en 1969, ingresou dous anos despois como profesora de Harmonía e Contrapunto na Akademie für Schul- und Kirchenmusik (Lucerna). Trátase dn aspecto destacable xa que, segundo explica Sergio, “nestes anos estuda a música tradicional europea” e “realiza compilacións nos Balcáns e na Francia occitana” primeiro e, posteriormente, en Turquía.

Conta que chegou a Galicia en 1978 e axiña se viu “atraída polas expresións musicais da Galicia rural”, continúa. Por este motivo, e animada polo lingüista Antón Santamarina, decidiu emprender un proxecto de recompilación sistemática da música de tradición oral galega, que foi financiado pola Fundación Barrié de la Maza. Saídas de campo, realización de entrevistas e a transcrición de letras e música foron os piares fundamentais deste traballo, cuxo resultado se plasmou na publicación entre os anos 1984 e 1995 dos sete volumes que conforman o Cancioneiro popular galego (CPG), que asinou en coautoría con Santamarina.

A entrada de Dorothé Schubarth no Álbum de Galicia subliña a novidade da metodoloxía e dos conceptos que empregou. “Nas súas investigacións sobre o canto de tradición oral en Galicia, Schubarth reflicte os principais tipos melódicos, trata en detalle a relación entre letra e melodía, describe xéneros musicais, lanza hipóteses sobre a evolución destes e sobre as conexións coa música do resto da Península e de Europa e ordena sistematicamente as melodías, o que permite o seu rastrexo”, explica Sergio de la Ossa. O autor da súa biografía subliña tamén o percorrido do material recompilado, dende o Phonogrammarchiv de Viena, “onde se fai copia das casetes” en 1991, ata a súa chegada ao Arquivo Sonoro de Galicia a finais desa mesma década, “onde se remata de dixitalizar o material”.

Unha vez concluída a edición do Cancioneiro popular galego, Schubarth proseguiu “achegando escritos sobre a música galega” e difundindo “a cultura galega no exterior, tanto na súa actividade en simposios e xornadas como en textos publicados principalmente en alemán”, indica Sergio de la Ossa. A entrada inclúe tamén documentación e outros materiais que permiten afondar na figura de Dorothé.
 
Difusión
Álbum de Galicia
Dorothé Schubarth
Data de publicación
Mércores, 5 de xuño de 2024
Onde
Santiago de Compostela
Autoría
Sergio de la Ossa
Obxeto de estudo
Dorothé Schubarth
Ámbito
Arquivo Sonoro de Galicia (CCG)