A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, reuniuse esta mañá co presidente da Xunta de Galicia e presidente de honra do CCG, Alfonso Rueda Valenzuela. Trátase da primeira visita institucional tras o nomeamento de Dolores Vilavedra como presidenta da institución. Durante o encontro abordouse a situación actual da lingua galega, a creación de diversas iniciativas como o Museo das Migracións ou a necesidade de crear máis contidos audiovisuais dirixidos á mocidade, entre outros asuntos.
30/10/2026
30/10/2026
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG), pon en rede unha conferencia de Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 - 1976) dedicada á figura e á obra de Valentín Lamas Carvajal (Ourense, 1849 – 1906), nas vésperas do aniversario do nacemento do escritor: o 1 de novembro. A gravación permite recuperar a mirada dun dos grandes intelectuais galegos do século XX sobre unha figura fundamental das letras galegas e achegarse á súa personalidade, ao seu pensamento e á dimensión da súa creación literaria.
28/10/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, compareceu na tarde deste mércores na Comisión 3ª de Economía, Facenda e Orzamentos, do Parlamento de Galicia, no marco das sesións informativas en relación co Proxecto de Lei de Orzamentos. O orzamento da institución para o próximo ano é de 3.531.091 euros, un 4,51%máis que en 2026. Na súa primeira comparecencia como presidenta, Vilavedra detallou que neste ano se contabilizarán 76 actividades, 7 publicacións, 19 informes e porá en rede máis de dous mil fondos documentais relativos ás súas áreas de traballo. Ao tempo, avanzou que para o vindeiro ano a institución explorará novos formatos, reforzará a asesoría con novas liñas de informes e atenderá ás figuras de Carlos Casares, polo seu 25 cabodano, e de Xosé Neira Vilas, homenaxeado co Día das Letras Galegas. Os voceiros dos grupos parlamentarios expresaron o seu recoñecemento ao labor da institución.
28/10/2026
Xornalista, escritora, promotora de publicacións, activista, pioneira do feminismo, ensaísta, profesora e cineasta, Margarita Ledo Andión (Outeiro de Rei, 1951) é unha creadora polifacética cunha traxectoria decisiva para a cultura galega. O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) do Consello da Cultura Galega (CCG) dedícalle este ano a súa xornada “De pioneiras e andainas” baixo o título “O punto de vista involucrado no feito”. Celébrase este xoves, 29 de outubro, e escritoras, cineastas, xornalistas e investigadoras analizarán distintas dimensións do seu traballo, nun programa que contará cunha entrevista coa propia Margarita Ledo Andión. A sesión é presencial pero pode seguirse en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube.
27/10/2026
O Consello da Cultura Galega acolleu este martes a presentación de Cantares da tía Antonia de Atás, un cancioneiro recompilado por Xosé Lois Foxo, director da Escola Provincial de Gaitas de Ourense, que contribúe á conservación e difusión da memoria musical da Galicia rural. Publicada pola Deputación de Ourense en 2002 e reeditada en 2015, a obra recolle un amplo repertorio de composicións tradicionais que chegaron ata os nosos días grazas á transmisión oral. O vicepresidente do CCG, Alejo Amoedo; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o deputado de Relacións Institucionais da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a musicóloga, Cristina Asenjo Rodríguez; mais o seu autor, Xosé Lois Foxo, participaron na presentación deste material. Na presentación houbo tamén unha recreación dun cantar con gaita e voz a cargo de Marco Foxo e Ana Belén Rodríguez, profesora de cantoi da Real Banda de Gaitas de Ourense.
23/10/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, recibiu este venres o alcalde de Xenebra, o galego Alfonso Gómez Cruz, nun encontro institucional que serviu para establecer un primeiro contacto e explorar posibles vías de colaboración orientadas a reforzar os vínculos coas novas diásporas galegas. Durante a visita, o rexedor asinou no Libro de Honra da institución.
23/10/2026
A aplicación da LOMLOE, a aprendizaxe cooperativa, a carga curricular e burocrática do profesorado, a neutralidade ideolóxica nos centros e a relación entre coñecemento, pensamento crítico e igualdade de oportunidades son algúns dos aspectos que diferentes especialistas en educación abordaron no marco da Xornada “O debate na educación, onde estamos?” que organizou a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG) ao longo deste xoves 22 de outubro. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, reivindicou a importancia de abrir espazos de análise que permitan abordar os problemas educativos desde unha perspectiva ampla e reforzar a comunicación coa comunidade educativa. “Na educación nos acontece un pouco isto: xa non é o momento de cambiar as regras do xogo, senón que é o momento de cambiar de xogo”, afirmou, recuperando unha reflexión da escritora Begoña Caamaño. Canda ela a coordinadora da Sección, Celia Pereira, apuntou á necesidade de ir máis alá das ferramentas e das estratexias concretas para repensar o sentido mesmo de educar e formar. As intervencións da sesión foron gravadas e pódense recuperar desde a canle de YouTube.
22/10/2026
O Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) amplía o “Proxecto Memoria Documental das Sociedades da Emigración Galega” coa incorporación de novos documentos do Centro Galego de Barcelona. O fondo, accesible para a consulta pública, reúne libros de actas das xuntas directivas e das asembleas xerais, estatutos, rexistros de socios e socias, libros de contabilidade e documentación da masa coral que permite trazar a vida da sociedade desde a organización e a xestión económica ata a participación dos membros e a programación cultural.
21/10/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantiveron esta mañá un encontro institucional na sede da institución provincial. A reunión, a primeira desde a toma de posesión de Vilavedra como presidenta do CCG, serviu para estreitar a relación entre ambas as institucións e explorar novas vías de colaboración, tanto en proxectos concretos como en iniciativas de carácter máis xeral.
21/10/2026
Cales son as características dun bo sistema educativo? Témolo ou estamos aínda lonxe? De que maneira a liberdade de cátedra contribúe a unha educación rica e plural? Que se pon en perigo cando se pretende guiar esa liberdade por sendas marcadas de “neutralidade”? Por que importa unha educación pública de calidade? Estas son algunhas das cuestións ás que pretende respostar este xoves 22 (a partir das 10:00 horas) a xornada “O debate da Educación: Onde estamos?” que propón a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), que coordina Celia Pereira. Almudena Alonso Ferreiro, Rebeca Baceiredo Pérez, Inger Enkvist, Javier Mestre Marcotegui particinan nesta sesión presencial que se pode seguir en directo desde o web corporativo e a canle de YouTube.
19/10/2026
9Louro, xmaseda, O Rabelo, Laura LaMontagne, Hugo Guezeta, Grande Amore, Fátima Pego, Antía Muíño, MØU, Marta Álvarez, Faia Díaz, Mini, Xurxo Souto e Guadi Galego son algúns dos nomes que compoñen o panorama musical galego actual. Todos eles participan nos XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG), que analizarán o potencial da música para conectar o galego coa mocidade e ampliar a comunidade de falantes. A xornada desenvolverase na Facultade de Ciencias da Información e poderá seguirse en directo desde o web do CCG e a canle de Youtube
16/10/2026
O ciclo «A cultura como refuxio» inaugúrase cunha xornada sobre cultura e reivindicacións feministas
O Consello da Cultura Galega (CCG) inaugura este luns 19 de outubro (a partir das 16:30 horas) o ciclo de pensamento e cultura “A cultura como refuxio” que pretende abrir un espazo de reflexión compartida arredor do papel que desempeña a cultura nun contexto contemporáneo marcado pola incerteza e as desigualdades, pero tamén pola reivindicación da identidade propia. A primeira sesión, titulada “O papel da cultura na (des)igualdade”, conta coa participación de Nuria Varela, Yolanda Domínguez e María Lapido e reflexiona sobre o papel da creación artística fronte ás desigualdades de xénero. A sesión coordinada por Uxía Caride é presencial e pode seguirse en directo no web do CCG e a canle de YouTube.
15/10/2026
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede, no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, os tres exemplares editados de “A Irmandade”, a revista socio-cultural da Hermandad Gallega de Venezuela publicados entre 1993 e 1994.
13/10/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, e o presidente da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega (Alingua), Ramón Varela, asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para impulsar accións conxuntas de promoción e normalización lingüística. O acordo establece un marco de colaboración para desenvolver actividades culturais, elaborar materiais de divulgación e promover investigacións sobre a situación do galego. Entre as primeiras iniciativas figura un estudo sobre a oferta e a demanda de produtos e servizos en galego para a crianza, que terá como punto de partida un encontro o vindeiro 7 de novembro en Santiago.
13/10/2026
O Día das Aves, promovido por BirdLife International, e o Día das Aves Migratorias, coordinado por SEO/BirdLife, inspiran a nova entrega de Proxector, o especial de divulgación en galego impulsado polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC). Baixo o título «As aves: o fascinante mundo dunhas intrépidas viaxeiras», reúne unha ducia de vídeos para identificar especies, descubrir os seus hábitats e coñecer mellor os seus modos de vida e os retos aos que se enfrontan.
12/10/2026
A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este martes 13 de outubro (a partir das 16:30 horas) a xornada “Perspectivas do coleccionismo na arte contemporánea“. O encontro, enmarcado en Aberto 2026, reunirá a José Luis Pérez Pont, María José Rodríguez e Paulo Tavares, tres voces con experiencias diferentes no ámbito artístico, para reflexionar sobre os retos do coleccionismo e a súa contribución ao desenvolvemento artístico e cultural. A presidenta de Contemporánea, Lucía Suárez, é a encargada de coordinar esta sesión presencial, que se pode seguir en directo desde o web do CCG.
07/10/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) vén de poñer en marca o estudo sobre a lectura en Galicia. Na tarde deste martes a biblioteca da institución acolleu a primeira reunión de traballo á que asistiu máis dunha vintena de profesionais de ámbitos diversos relacionados coa lectura (biblioteca, asociación, narradores orais, ensino, edición, creación) que trasladaron a súa experiencia profesional e reflexión sobre a situación da lectura en galego. Ao mesmo tempo, a institución acaba de poñer en rede o último informe do Observatorio da Cultura Galega. Co título *O libro en Galicia: produción editorial, lingua e mercado* analiza a edición galega nos últimos anos e conclúe que conta cunha produción estable, cunha dimensión económica reducida e unha forte dependencia de determinados segmentos do mercado. O estudo tamén destaca que a fortaleza do sistema non reside “na dimensión industrial, senón na función cultural que cumpre dentro do ecosistema galego”.
07/10/2026
Aida Fernández Ríos. Da produtividade das rías á acidificación oceánica, é o título da publicación que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) lembran a traxectoria desta oceanógrafa, homenaxeada co Día da Ciencia en Galicia 2026 e que presentaron este mércores en presentaron este mércores en Vigo. “Non pretende ser unha biografía convencional nin un catálogo da súa produción científica senón ofrecer unha visión 360 grados dunha profesional que xuntou a dimensión científica e humana” en palabras do presidente da RACG, Juan Lema. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, salientou a capacidade de Aida para “manter simultaneamente a mirada sobre Galicia e sobre os grandes procesos globais, cun ollo posto nas rías galegas e outro nos océanos”. Na presentación estaba tamén Beatriz Novoa, directora do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC), centro que Aida Fernández Rios foi investigadora e directora. A publicación xa está disponible para descarga desde o web do CCG.
29/09/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra o Día Internacional da Tradución, que se conmemora cada 30 de setembro, coa actualización de novos textos literarios en galego e inglés no proxecto “Seara. Discover Galician literature through its texts/Descubre a cultura galega a través dos seus textos”. Esta nova entrega diversifica estilos e preocupacións estéticas cun feixe de textos de María Xosé Queizán, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e María Mariño. Conta tamén cunha remodelación do seu deseño que facilita o acceso aos contidos e posibilita a lectura comparada.
28/09/2026
A presentación do libro Un demócrata fronte á barbarie fascista: vida e martirio de Enrique Peinador Porrúa, republicano galeguista (1902-1940), de Francisco Xavier Redondo Abal (Pontevedra, 1964 - Santiago, 2026), converterase nun acto de homenaxe e lembranza ao seu autor, finado o pasado mes de febreiro. O encontro, que terá lugar no Consello da Cultura Galega (martes 29, 18:30 horas), reunirá amizades, comunidade académica e universitaria para reivindicar a figura e o legado dun investigador profundamente comprometido coa recuperación da memoria histórica de Galicia.
24/09/2026
A sociedade “Hijos del Ayuntamiento de Oleiros” foi creada en 1918 por un grupo de persoas do concello coruñés de Oleiros residentes en Bos Aires. Libros de actas, revistas e outros documentos que permiten coñecer a traxectoria e actividade desta entidade súbense hoxe á rede no marco do proxecto “Memoria documental das sociedades da emigración galega”. Unha iniciativa do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) que pon en valor estes fondos e facilitan o coñecemento da historia e da actividade das sociedades da diáspora galega.
24/09/2026
O ciclo “Mulleres, Patrimonios, Sociedade”, impulsado polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Camões - Instituto da Cooperação e da Língua, I.P. , celebra este venres e sábado en Vigo a súa oitava edición. O programa que, emprega o cinema como espazo de encontro entre Galicia e Portugal explorando as relacións entre mulleres, patrimonio, memoria e territorio, contará coa estrea de Crías, de Xiana do Teixeiro, un obradoiro coa directora e as proxeccións de Cienfuegos, 1913, de Margarita Ledo, e Mulheres, Terra, Revolução, de Rita Calvário e Cecília Honório.
23/09/2026
A intelixencia artificial está a transformar a maneira na que traballamos, creamos, nos informamos e nos relacionamos coa tecnoloxía. Sobre as preguntas que suscita sobre nós mesmos e sobre a sociedade que estamos construíndo, dialogarán o xornalista e escritor Pedro Vallín e a especialista en intelixencia artificial Alba Meijide na nova sesión do ciclo “Pensarmos” (xoves, 24 de setembro, ás 18:00 horas) organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). A sesión presencial, que leva por título “IA: hai alguén ao outro lado?”, poderá seguirse tamén en directo a través do web do CCG e da canle de YouTube.
22/09/2026
A creación de espazos de participación cidadá para a cogobernanza das institucións culturais, a incorporación de mecanismos de avaliación independente e a acreditación dos museos foron algunhas das medidas apuntadas no segundo encontro sectorial sobre A xestión dos espazos expositivos en Galicia, co que a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega (CCG) pretende achegar reflexións e propostas ante a situación producida en Galicia na xestión dos espazos expositivos tras o proceso de designación da dirección do CGAC. Na apertura da sesión, a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, destacou que o encontro pretende «achegar reflexións sobre boas prácticas adaptadas a cada momento», unha tarefa que, subliñou, «é unha das funcións como institución pública». Canda ela, a coordinadora da sección, Paula Cabaleiro, apuntou que este segundo encontro visibiliza o papel da crítica, da xestión e das políticas, ademais de convidar á participación no cuestionario que está aberto ata o 27. O proceso culminará no último trimestre do ano coa presentación dun informe final.
22/09/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, recibiu na mañá deste luns a visita de João Cardoso Rosas, vice-reitor para a Cultura, Inclusão e Responsabilidade Social da Universidade do Minho. No encontro repasáronse as principais liñas de colaboración entre ambas as institucións e abordáronse novas vías de cooperación e futuras iniciativas no ámbito da cultura, o patrimonio e a relación entre Galicia e Portugal.
21/09/2026
O Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este martes 22 (16:00 horas) o segundo encontro sectorial sobre *A xestión dos espazos expositivos en Galicia*, unha iniciativa promovida pola Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas que ten como obxectivo abrir un espazo de reflexión compartida sobre o funcionamento das institucións culturais, os modelos de dirección e xestión e as políticas públicas que determinan o desenvolvemento do sistema artístico galego. A presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, e a coordinadora da sección, Paula Cabaleiro abren esta sesión presencial que se pode seguir en directo desde o web do CCG e a canle de YouTube.
18/09/2026
A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Dolores Vilavedra, recibiu na mañá deste venres a visita do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, nun encontro no que abordaron diferentes cuestións relacionadas coa situación e a proxección da cultura galega.
18/09/2026
Cultura impresa: materialidades, paradigmas e retos epistémicos, é o título da monografía que acaba de editar o Consello da Cultura Galega (CCG). Reúne os textos presentados no XXIV Simposio do Instituto da Lingua Galega, celebrado os días 27 e 28 de novembro de 2024 na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Doce relatorios que abordan a cultura impresa desde perspectivas que van da filoloxía e a historia do libro aos estudos visuais, culturais e sociais. Iago Casas Neo, Elisa Nieves Barreiro e Dolores Vilavedra son os editores desta publicación impresa que tamén se pode descargar desde o web do CCG.
17/09/2026
A Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega recibiu na mañá deste xoves os representantes do Grupo Parlamentario do Partido Socialista de Galicia-PSOE (PSdG-PSOE). A situación da cultura, o cambio climático, a lectura en galego e a IA son algúns dos temas que se abordaron no marco da xuntanza. O encontro fai parte da rolda de contactos que a presidenta do CCG, Dolores Vilavedra, está a manter cos diferentes grupos políticos con representación no Parlamento de Galicia. Este venres terá lugar o encontro co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco.
17/09/2026
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede, no marco do proxecto “Repertorio da prensa da emigración galega”, novos exemplares de Cultura Proletaria. Nesta xeira difúndense 156 números publicados entre 1938 e 1940 desta cabeceira que comezou a editarse en 1927.


