Dorothé Schubarth
Basilea (Suíza), 11/ 9/1944 - Basilea (Suíza), 6/9/2023Autoría: Sergio de la Ossa
Investigadora da música tradicional, autora do Cancioneiro popular galego, compositora e profesora
Inadaptada ao sistema escolar, abandona finalmente a secundaria para dedicarse por completo á música. Estuda musicoloxía en Basilea, musicoloxía e dirección coral en Múnic e composición en Salzburgo e mais en Colonia. En 1969 obtén o Diploma en Basilea como mestra de Teoría cun traballo de análise sobre o opus 4 de Alban Berg.
En 1971, Schubarth ingresa como profesora de Harmonía e Contrapunto na Akademie für Schul- und Kirchenmusik de Lucerna. Nestes anos estuda a música tradicional europea e realiza compilacións nos Balcáns e no Poitou, na Francia occitana. (Máis adiante, tamén en Turquía.) En 1977 realiza gravacións de campo en Andalucía e Valencia; un ano máis tarde publica en Lucerna o libriño Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen e chega a Galicia.
Interesada principalmente no canto arcaico, Schubarth vese axiña atraída polas expresións musicais da Galicia rural, onde atopa trazos dese estrato antigo que desaparecera xa doutras rexións europeas. Acode aos cursos de lingua galega que en verán organizaba a Universidade de Santiago de Compostela e alí coñece o lingüista Antón Santamarina, que colabora con ela e a anima a emprender a compilación sistemática.
Tras unha fase de investigación inicial, para a que Schubarth contou cunha contribución institucional desde Suíza, é finalmente a Fundación Barrié de la Maza a que patrocina a realización do proxecto. A meirande parte do traballo de campo lévaa a cabo Schubarth entre 1978 e 1983. Hospédase en Santiago e viaxa polo país en autobuses de liña, a dedo e mesmo andando, por necesidade, aos lugares peor comunicados. Dorme en hostais e ás veces nas casas da xente que entrevista; non é raro que comparta as tarefas do fogar coas anfitrioas. Nas entrevistas, que se desenvolven sen guión previo, amósase próxima e sensible ás distintas situacións que vive. Neste tempo alterna as saídas ao campo coa transcrición de letras e músicas e a ordenación primeira do material. O reconto do material publicado déixanos os seguintes números: arredor de 100 concellos e 250 lugares distintos visitados, 600 informantes e preto de 2000 melodías.
Os sete volumes do Cancioneiro popular galego (CPG) publícanse entre 1984 e 1995. Asínaos Schubarth conxuntamente con Santamarina, quen revisa as transcricións, ordena os tomos das letras e achega compilacións previas. Os últimos volumes complétanse tras o regreso de Dorothé a Basilea en 1987. Tamén ven a luz en 1982, 1983 e 1991 tres pequenas escolmas, destinadas a un público máis amplo. Os tempos pasados en Galicia —as relacións persoais que espertaron durante a procura dos cantos, xunto co estudo e reflexión sobre a música— conformarán o nó central da súa carreira e deixarán unha fonda pegada na súa visión do mundo.
Schubarth entra a formar parte do International Council for Traditional Music a comezos dos anos 80 e intégrase nas actividades do seu Grupo de estudo sobre análise e sistematización con vistas a acometer do mellor xeito posible a clasificación do CPG. Os máis destacados especialistas europeos en corpus musicais nacionais compartían neste grupo os resultados das súas investigacións e discutían sobre problemas comúns. O que no fin de contas sería o derradeiro encontro do grupo celébrase en setembro de 1990 en Santiago de Compostela, no Instituto da Lingua Galega, con Schubarth e Santamarina como anfitrións.
Nas súas investigacións sobre o canto de tradición oral en Galicia, Schubarth describe os principais tipos melódicos, trata en detalle a relación entre letra e melodía, describe xéneros musicais, lanza hipóteses sobre a evolución destes e sobre as conexións coa música do resto da Península e de Europa e ordena sistematicamente as melodías, o que permite o seu rastrexo. A metodoloxía e conceptos que emprega, se ben afíns aos dos principais traballos centroeuropeos da súa clase, resultaban novidosos aquí. A escasa penetración previa da musicoloxía europea na Península, xunto coa progresiva influencia da escola antropolóxica estadounidense nos anos 80 e 90, explican en parte a escasa repercusión que o traballo de Schubarth tivo entre nós.
A colección Schubarth-Santamarina atopa en 1991 o seu primeiro acubillo no Phonogrammarchiv de Viena, onde se fai copia das casetes. A finais desa década chega ao recentemente creado Arquivo Sonoro de Galicia, onde se remata de dixitalizar o material. No ano 2014 complétase a cesión dos fondos sonoros e visuais orixinais e mais a documentación do CPG ao Museo do Pobo Galego.
Desde 1987, e até o seu retiro en 2005, Schubarth ensina teoría musical, contrapunto e análise, entre outras materias, na Musikhochschule da Musik-Akademie de Basilea. En 1989 casa con Hassan, alauita kurdo perseguido en Turquía, quen pode así permanecer en Suíza. Sepáranse anos máis tarde, mais manterían unha relación amigable.
Rematada a edición do CPG, Schubarth continúa achegando escritos sobre a música galega. Cómpre destacar o seu labor na difusión da cultura galega no exterior, tanto na súa actividade en simposios e xornadas como en textos publicados principalmente en alemán. Tamén nestes tempos ven a luz outros traballos de orientación máis aberta, que dan fe da súa vasta cultura e dos variados campos en que se interesou: desde a arqueoloxía ou a historia antiga, a etimoloxía e a lingüística en xeral, a historia das relixións ou da arte e mais a literatura, ata o simbolismo e a estética. Séntese unha procura do transcendente nestes escritos en certa medida transversais, que incorporan elementos de subxectividade e especulación que non tiñan cabida en obras como o CPG e apelan asemade a un público máis amplo.
Da traxectoria compositiva de Schubarth coñecemos pouco. Deixou máis dunha ducia de obras de duración e formato reducidos, das cales só algunhas chegaron a interpretarse en público. Esta é unha parte da súa traxectoria vital coa que se amosaba desencantada. Escribiu para diferentes conxuntos de cámara, para voz ou coro e instrumentos ou para instrumento solista; nestas obras predomina a temática relixiosa, quizais en parte debido ao medio en que ela se desenvolveu.
Schubarth volveu, máis de 30 anos despois, a algúns dos lugares que visitara para a elaboración do CPG. Algúns dos escritos sobre estas visitas, a modo de diario con impresións persoais, reencontros con informantes ou coa súa familia, lembranzas da primeira estancia e os contrastes coa actualidade, publicáronse na segunda metade da pasada década.
É só nestes tempos que chegarían recoñecementos serodios á súa obra, principalmente de parte de asociacións relacionadas coa música, o feminismo e a literatura popular en Galicia. Tamén minoritario foi o emprego das músicas do CPG por parte do gremio da música tradicional, aínda que repuntou nos últimos anos.
Dorothé era unha persoa próxima, desprendida e leal, unha muller comprometida e de palabra. Esixente, consigo mesma e cos demais, estimaba a súa autonomía e conducíase con determinación; non aceptaba de bo grado a autoridade allea, o que en ocasións lle debeu facilitar enfrontamentos. Demostraba unha curiosidade xenuína que a levaba a afondar no estudo das cuestións máis variadas para formar a súa opinión. Era humilde con respecto á súa obra, ao tempo que a defendía con enerxía e carácter ante quen a cuestionaba sen coñecela. Chegaba ao saber a través do estudo directo, e de igual xeito esperaba que se estudase a obra que ela nos deixara, e así se coñecese e estimase a música e as xentes a que tantos anos dedicara.
Amante da natureza, continuaba a percorrer as montañas nos seus últimos anos malia padecer dunha afección do pulmón. Viaxaba con certa frecuencia a lugares históricos e xeolóxicos, mentres continuaba activa compoñendo música ou participando en conferencias. Tiña un interese xenuíno pola beleza e a vida en toda a súa expresión e transmitía adoito o seu gozo coas pequenas
xoias escondidas—como ela as chamaba— que prendían a súa atención.
No ano 2022, Schubarth sufriu un ictus, a resultas do cal perdeu control sobre o lado dereito do corpo e ficou sen posibilidade de continuar traballo ningún. Tras meses de moito esforzo e determinación para recuperar certa autonomía, puido volver ao seu apartamento, coa axuda dunha coidadora. Sufriu un novo revés por mor da covid, mais, tras unha nova mellora, faleceu a poucos días de cumprir os 79 anos a causa dunha hemorraxia cerebral.
Bibliografía
Monografías
Schubarth, Dorothé (1978): Das Volkslied in Europa: Vielfalt seiner Erscheinungsformen. [A canción tradicional en Europa. Diversidade das súas formas]. Luzern: Schweizer Katholischen Kirchenmusikschule.
Schubarth, Dorothé; Santamarina, Antón (1982): Cancioneiro galego de tradición oral. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.
Schubarth, Dorothé; Santamarina, Antón (1983): Cántigas populares. Vigo: Galaxia.
Schubarth, Dorothé; Santamarina, Antón (1984-1995): Cancioneiro popular galego. 7 vols. A Coruña: Barrié de la Maza.
Schubarth, Dorothé; Santamarina, Antón (1991): Escolma de cántigas do Cancioneiro popular galego. A Coruña: Barrié de la Maza.
Schubarth, Dorothé (2001): Licht - Klang - Raum. Die Sprache der Kunst im Hoch- und Spätmittelalter. [Luz, son, espazo. A linguaxe da arte na Alta e Baixa Idade Media]. Basel: Musikakademie.
Schubarth, Dorothé et al. (2015): Florencio, cego dos Vilares. Santiago de Compostela: aCentral Folque.
Schubarth, Dorothé (2016): Os cantos do mar. Mosaico de anacos de tempos moi remotos refundidos por Dorothé Schubarth. Santiago de Compostela: D. Schubarth. [Tradución: Xoán Babarro].
Schubarth, Dorothé; Hoffmann, Erna (2018): Erinnerung und Vergessen. Erna Hoffmann im Gespräch mit Dorothé Schubarth. Dezember 2011 bis Herbst 2013. [Memoria e esquecemento. Erna Hoffman conversa con Dorothé Schubarth. De decembro de 2011 a outono de 2013]. [Basel]: D. Schubarth.
Artigos
Schubarth, Dorothé (1986): «Arten des spanischen und galizischen Erzähllieds und ihr Verhältnis zu anderen volksliterarischen Gattungen». [Tipos de cancións narrativas españolas e galegas e a súa relación con outros xéneros da literatura popular]. En Shields, Hugh (ed.): Ballad Research: The Stranger in Ballad Narrative and Other Topics. Dublin: Folk Music Society of Ireland.
Schubarth, Dorothé (1990): «Verhältnis von Rhythmus, Akzent und Metrum im galizischen Volksgesang». [Relación entre ritmo, acento e compás no canto tradicional galego]. En Elschek, Oskár (ed.): Rhythmic und Metrik in traditionellen Musikkulturen. Bratislava: Veda; 71-80.
Schubarth, Dorothé (1994): «Relación entre texto y melodía en el canto popular gallego». En Rebés, Salvador (coord.): Actes del col·loqui sobre cançó tradicional: Reus, setembre 1990. Reus: Publicaciones de L'Abadie de Montserrat; 139-154.
Schubarth, Dorothé (1999): «Galicia». En Casares Rodicio, Emilio (ed. e coord.): Diccionario de la música española e hispanoamericana. V. Madrid: SGAE; 327-336.
Schubarth, Dorothé (2000): «Música popular galega no contexto da música popular europea», A Trabe de Ouro: publicación galega de pensamento crítico, 41 : 85-100. [Tradución: Michaela Andrea Kuchenreuther].
Schubarth, Dorothé (2000): «O simbolismo na lírica popular galega», Anuario de estudios literarios galegos, Vigo: Galaxia; 225-245.
Schubarth, Dorothé (2017): «San Martín de Lúa, A Ribeira de Piquín: 1978-1980 e 2015», Adra, Santiago de Compostela: Museo do Pobo Galego, 12 : 19-32.
Schubarth, Dorothé (2017): «Volta a Bande: Decembro 2015». Raigame, Ourense: Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, 41 : 60-73.
Como citar: Ossa, Sergio de la : Dorothé Schubarth. Publicado o 5/6/2024 no Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=35176. Recuperado o 04/03/2026
DOCUMENTACIÓN DE
Neste artigo Dorothé Schubarth relata o seu regreso a Bande en 2015, trinta e sete anos despois da súa primeira estadía. Ver Documento. Artigo
Schubarth, Dorothé: «Volta a Bande: decembro 2015». En Raigame: revista de arte, cultura e tradicións populares, 41 (2017), 60-73.
Fonte: Raigame / Dialnet.
https://dialnet.unirioja.es/
Dorothé Schubarth relata as súas estadías en San Martín de Lúa en 1978, 1980 e 2015. Ver Documento. Artigo
Schubarth, , Dorothé: «San Martín de Lúa: A Ribeira de Piquín. 1978 /1980 e 2015», Adra: revista dos socios e socias do Museo do Pobo Galego, 12 (2017), 19-32.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
«Música popular galega no contexto da música popular europea», artigo de Dorothé Schubarth en A Trabe de Ouro. Ver Documento. Artigo
Schubarth, Dorothé: «Música popular galega no contexto da música popular europea», A Trabe de Ouro: publicación galega de pensamento crítico, 41 (xaneiro-marzo de 2000), 85-100.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
DOCUMENTACIÓN SOBRE
Fondos sonoros de Dorothé Schubarth na Biblioteca Nacional de España. Ver Documento
Fondos sonoros de Dorothé Schubarth na Biblioteca Nacional de España
Fonte: BNE / Sergio de la Ossa.
Programa da estrea de Soidade, de Dorothé Schubarth. Ver Documento. Programación
Estrea de Soidade – Einsamkeit [En memoria dos presos do Cárcere Vello] (2020) para voz, clarinete, conga e xilófono de Dorothé Schubarth. Atelier de Helen Balmer, Basilea, 6 de xuño de 2021. Flucht — Das teuflische Gelächter — Einsamkeit.
Fonte: Documento facilitado por Sergio de la Ossa.
Curso Metodoloxías e catalogación de recollida de campo en música tradicional. Dirección, Dorothé Schubarth. Ver Documento. Programación
Programa: Curso Metodoloxías e catalogación de recollida de campo en música tradicional. Dirección, Dorothé Schubarth. Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia. 29, 30 de setembro e 1,2, e 3 de outubro de 2003.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia.
Artigo «Cancioneiro Popular Galego» no Diccionario da Literatura Galega. Ver Documento. Extracto de libro
«Cancioneiro Popular Galego». En Vilavedra, Dolores (coord.): Diccionario da literatura galega. III: Obras. Vigo: Galaxia, 2000; 75-6.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
«O folclore musical galego do final do milenio: o
cancioneirode Schubarth e Santamarina», artigo de Francisco Fernández Rei. Ver Documento. ArtigoFernández Rei, Francisco: «O folclore musical galego do final do milenio: o “cancioneiro” de Schubarth e Santamarina», A Trabe de Ouro: publicación galega de pensamento crítico, 31 (1997), 373-383.
Fonte: Consello da Cultura Galega. Biblioteca.
Jürgen Elsner, no informe sobre o «Study group on analysis and systematisation» publicado no Bulletin of The International Council For Traditional Music, recolle o encontro oganizado e realizado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no Instituto da Lingua Galega entre o 17 e o 22 de setembro de 1990. Ver Documento. Fragmento de publicación impresa
Elsner, Jürgen: «Study group on analysis and systematisation», Bulletin of The International Council For Traditional Music, New York: Columbia University, 77 (outubro de 1990), 17.
Fonte: International Council for Traditional Music.
«Dorothé Schubarth, Antón Santamarina, Cancioneiro Popular Galego III», recensión de Miguel Manzano na Revista de Musicología. Ver Documento. Artigo
Manzano Alonso, Miguel: «Dorothé Schubarth, Antón Santamarina, Cancioneiro Popular Galego III», Revista de Musicología, Sociedad Española de Musicología (SEdeM), 12-1 (xaneiro-xuño de 1989), 317-320.
Fonte: Revista de Musicología
«Dorothé Schubarth, Antón Santamarina, Cancioneiro Popular Galego I-II», recensión de Miguel Manzano na Revista de Musicología. Ver Documento. Artigo
Manzano Alonso, Miguel: «Dorothé Schubarth, Antón Santamarina, Cancioneiro Popular Galego I-II», Revista de Musicología, Sociedad Española de Musicología (SEdeM), 11-1 (xaneiro-xuño de 1988), 289-292.
Fonte: Revista de Musicología.
«Cancioneiro galego de tradición oral», artigo de Joám Trilho en La Voz de Galicia. Ver Documento. Artigo
Trilho, Joám: «Cancioneiro galego de tradición oral», La Voz de Galicia, (7 de xullo de 1983).
Fonte: La Voz de Galicia
«Dorothé Schubart[h]. Etnomusicóloga suíza investiga a nosa tradición», artigo de L. Labandeira en A Nosa Terra. Ver Documento. Artigo
Labandeira, L.: «Dorothé Schubart[h]. Etnomusicóloga suíza investiga a nosa tradición», A Nosa Terra, 174 (28 de xaneiro-4 de febreiro de 1982), 19.
Fonte: A Nosa Terra / Consello da Cultura Galega. Mediateca
Rosa e Adolfina, texto de Richi Casás coas letras e músicas da Vila da Igrexa (Cerceda) rexistradas por Dorothé Schubarth en 1980. Ver Documento
Fonte: Richi Casás.
Programa de concerto Os textos bíblicos cantados. Dirección de Dorothé Schubarth. Ver Documento. Programación
«Os textos bíblicos cantados». Velada de música sacra na igrexa protestante, Laufen. 10 novembro 1968. Solistas, coro e conxunto instrumental. Dirección: Dorothé Schubarth. (Das gesungene Bibelwort. Geistliche Abendmusik in der reformierten Kirche. Laufen, Suíza.)
Fonte: Documento facilitado por Sergio de la Ossa.
Programa de radio «Musik der Welt». Ver Documento. Artigo
Presentación sobre música tradicional europea no programa de radio «Musik der Welt». SRF (Radiotelevisión suíza)
Fonte: Documento facilitado pola familia Schubarth.
Ligazóns de interese
VI Día do Orgullo Gaiteiro, 11-12 de decembro de 2009. Conferencia de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina
Fonte: UVIGO / TV.
https://tv.uvigo.es
Acceso ao Cancioneiro popular galego, froito do traballo de recolleita que entre 1978 e 1983 levou a cabo Dorothé Schubarth, coa axuda de Antón Santamarina
Fonte: Consello da Cultura Galega. Mapa Sonoro de Galicia.
http://mapasonoro.consellodacultura.gal/
Entrevistas a Dorothé Schubarth realizadas por Antonio Reigosa
Entrevistas a Dorothé Schubarth realizadas por Antonio Reigosa. Sección de literatura de tradición oral. Asociación escritores en lingua galega.
Fonte: AELG
https://www.aelg.gal/
Laudatio de Antón Santamarina no premio como Mestra da Memoria 2019 da AELG
Fonte: AELG
https://www.aelg.gal/
Laudatio de Antón Santamarina a Dorothé Schubarth. Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019
Laudatio de Antón Santamarina a Dorothé Schubarth. Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019. Salón de actos do Centro Cultural Vello Cárcere (Lugo)
Fonte: Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2019 / AELG
https://www.aelg.gal
Descrición da colección Schubarth-Santamarina no APOI, Museo do Pobo Galego
Fonte: Museo do Pobo galego.
http://apoi.museodopobo.gal/
Fondos de Dorothé Schubarth no APOI. Museo do Pobo Galego
Fonte: Museo do Pobo Galego.
http://apoi.museodopobo.gal/
Colección Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no Arquivo Sonoro de Galicia
Fonte: Consello da Cultura Galega. Arquivo Sonoro de Galicia.
https://consellodacultura.gal/
SCHUBARTH, Dorothé [Recensión]: «Galicia: derradeira polavila», Yearbook for Traditional Music, 23 (1991), 157-158. [Trad. ao inglés: Salwa El-Shawan]
Fonte: https://www.jstor.org/stable/768420?origin=crossref
DELCKER, Barbara [Recensión]: «Dorothé Schubarth, Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen», Jahrbuch für Volksliedforschung, 24 (1979), 247
Fonte: https://www.jstor.org/stable/847437
BEUTLER, Gisela [Recensión]: «Cancioneiro Galego de tradición oral by Dorothé Schubarth, Antón Santamarina», Jahrbuch für Volksliedforschung, 30 (1985), 205
Fonte: https://www.jstor.org/stable/848824
HABENICHT, Gottfried [Recensión] «Cántigas Populares by Dorothé Schubarth, Antón Santamarina; Cancioneiro Popular Galego. Vol. 1. Oficios e labores by Dorothé Schubarth, Antón Santamarina», Jahrbuch für Volksliedforschung, 31 (1986), 187-190
Fonte: https://www.jstor.org/stable/848348. [Consulta: 2024/05/21]
HABENICHT, Gottfried [Recensión]: «Cancioneiro Popular Galego Vol. 3. Romances Tradicionais by Dorothé Schubarth, Antón Santamarina», Jahrbuch für Volksliedforschung, 33 (1988), 207
Fonte: https://www.jstor.org/stable/847805
BEUTLER, Gisela [Recensión]: «Cancioneiro Popular Galego by Dorothé Schubarth, Antón Santamarina; Cancioneiro Popular Galego Vol. 4. Romances novos, cantos narrativos, sucesos e coplas locais by Dorothé Schubarth, Antón Santamarina; Cancioneiro Popular Galego Vol. 5. Cantos dialogados by Dorothé Schubarth, Antón Santamarina», Jahrbuch für Volksliedforschung, 36 (1991), 185-186
Fonte: https://www.jstor.org/stable/847688
TALOŞ, Ion [Recensión]: «Cancioneiro Popular Galego. Vol. 6. Coplas diversas, cantos enumerativos e estróficos. Tomo 1: Melodías. Tomo 2: Letras by Dorothé Schubarth, Antón Santamarina», Jahrbuch für Volksliedforschung, 40 (1995), 209-210
Fonte: https://www.jstor.org/stable/847980
PIN, Irene: «Dorothé Schubarth:
Fonte: Nós diarioO pulso do canto galego é como un péndulo», edición dixital de Nós diario, 370 (31 de outubro de 2019)
https://www.nosdiario.gal/
Estrea de Aufbruch der Nacht, Musik zur Vesper (1993) para solistas, coros e órgano, de Dorothé Schubarth. Encarga da Asociación para a Música Eclesiástica Católica de Basilea para as Xornadas de Música Eclesiástica de 1994. Clarakirche, Basilea, 12 de xuño de 1994
Fonte: https://www.kirchenmusik-blbs.ch/geschichte/.
Estrea de Transformacións (2019) para cuarteto de corda, clarinete e percusión, de Dorothé Schubarth. Paraninfo da Universidade, Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2020
Fonte: https://www.usc.gal/gl/xornal/eventos/estrea-transformacions-dorothe-schubarth
Videos
Premio honorífico Martín Códax 2017 a Dorothé Schubarth
Dorothé Schubarth, Premio Honorífico Martín Códax 2017. Entrevista a Dorothé Schubarth e Antón Santamarina no Instituto da Lingua Galega.
Fonte: Premios Martín Códax da Música / YouTube.com
Entrevista coa musicóloga Dorothé Schubarth. Santiago de Compostela, Museo do Pobo Galego, 28 de novembro de 2016
Fonte: Punto e Volta / YouTube.com
Entrega a Dorothé Schubarth do Premio Honorífico Martín Códax da Música galega 2017
Fonte: Premios Martin Codax da Música / YouTube.com
Capítulo 461 de «Ben Falado»: O Cancioneiro popular galego. Dorothé Schubarth e Antón Santamarina
Fonte: Televisión de Galicia / YouTube.com















![<cite>Os cantos do mar: mosaico de anacos de tempos remotos</cite>, refundidos por Dorothé Schubarth. [A Coruña]: Meubook, 2016](../../mediateca/extras/CCG_adg_Schubarth_019.jpg)


