Novas da lingua. CURSOS E CONGRESOS

Rexistros1 a 30 de 957
12/11/2026. CURSOS E CONGRESOS

O 13º Congreso Internacional de Lingüística Misioneira atende a salvagarda do patrimonio lingüístico

Xa está aberto o rexistro para o 13º Congreso Internacional de Lingüística Misioneira: Chamada de contribucións para a Salvagarda do Patrimonio Lingüístico e Cultural Mundial, organizado conxuntamente polo Instituto de investigación Lingua da UVigo e o Centro de Estudos en Letras da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro.

A primeira parte vaise desenvolver en Vigo entre o 31 de marzo e o 1 de abril de 2027. A seguir, o congreso trasladarase a Vila Real, onde terá lugar a segunda e última parte entre o 2 e o 3 de abril.

Toda a información sobre a organización e os prazos na web da organización.
09/11/2026. CURSOS E CONGRESOS

Simposio das Letras Galegas de Begoña Caamaño

A Real Academia Galega celebrará o 21 de novembro de 2026, no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO), o Simposio das Letras Galegas 2026. Baixo o título Begoña Caamaño: literatura, xornalismo e vida, unha ducia de voces afondarán na literatura, no xornalismo e na vida da autora homenaxeada. Uxía pechará o simposio interpretando os seus temas dedicados á protagonista das Letras Galegas 2026. Ademais, proxectarase unha peza audiovisual na que o alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas lle dá lectura a fragmentos da obra de Caamaño en distintos idiomas.

A entrada é de balde. Coñece o programa na web da RAG.
03/11/2026. CURSOS E CONGRESOS

Comeza a Master Class "Audiovisual Galego" na Universidade de Vigo

A Facultade de Comunicación da UVigo deu comezo onte a Augal, Master Class Audiovisual Galego. Entre o 2 de novembro de 2026 e o 25 de marzo de 2027, o estudantado e os profesionais deste ámbito van gozar da proxección de películas, curtas, un documental e encontros con profesionais e empresas do sector.

A inscrición é de balde e obrigada, xa que hai límite de prazas. No caso do público xeral, non é precisa. Para máis información, consulta a convocatoria e o programa.

21/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Faladoiros Vigo 2026-2027: sesións de conversas en galego

A Asociación Faladoiros Vigo pon en marcha o curso 2026-2027, creando, un ano máis, espazos de conversa en galego que xuntan a persoas voluntarias que falan habitualmente en galego con outras que desexan practicar e mellorar a súa fluidez e competencia comunicativa no noso idioma.

Nesta edición hai tres sesións semanais; dúas delas presenciais (unha no café De Catro a Catro e outra na cafetería da EOI) e unha terceira que se organiza en liña, entre os meses de outubro de 2026 e xuño de 2027.

A asistencia aos faladoiros é de balde. Se o desexas, podes inscribirte no formulario que atoparás na páxina web da asociación.
21/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

A Universidade de Vigo organiza a II Conferencia Internacional de Investigación en Linguas

Os días 19 e 20 de novembro de 2026, no edificio Redeiras, vai ter lugar a segunda edición da Conferencia Internacional de Investigación en Linguas.

O congreso abordará contidos que se axustan ás liñas de investigación do instituto iLingua: lingüística interna e variación lingüística; relación entre sociedade, ideoloxía e política lingüística; linguas, cognición e educación; tradución e interpretación; lingua e literatura; lingua e accesibilidade; e humanidades dixitais.

Ademais das conferencias plenarias, esta edición ofrece máis de 60 comunicacións de autores e autoras procedentes de universidades e centros de investigación de ata once países diferentes.
21/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

IX Xornadas “Educación e linguas en Galicia”

O Servizo de Normalización Lingüística da USC e a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación organizan a novena edición de Educación e linguas en Galicia, xornadas que van ter lugar na Facultade de Ciencias da Educación (edificio do Campus Vida) o 5 e 12 de novembro de 2026.

A inscrición é de balde, ata completar aforo, e a asistencia dá dereito a un diploma co recoñecemento de 9 horas presenciais.
16/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Simposio ILG 2026. Lingua(s) e identidade(s) nas redes sociais: análise discursiva, oportunidade didáctica e revitalización lingüística

O Instituto da Lingua Galega convoca o seu simposio anual centrado, nesta ocasión, na capacidade das redes sociais para construír e negociar as identidades contemporáneas.

Con respecto aos destinatarios, oriéntase ás persoas investigadoras da análise do discurso, da sociolingüística e da didáctica da lingua, xunto con persoas dedicadas á creación de contidos.

As xornadas vanse desenvolver o 24 e 26 de novembro de 2026 na Facultade de Filoloxía da USC. A inscrición debe realizarse a través deste formulario ata o 20 de novembro de 2026.

Toda a información na páxina do Simposio.
16/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

O Concello de Quiroga convoca un curso de iniciación ao galego entre o 26 e o 30 de outubro

O Concello de Quiroga, coa colaboración de Cruz Vermella, organiza un curso presencial de lingua e cultura galegas. O propósito é dobre: fomentar a integración e a inclusión sociocultural efectivas das persoas participantes, así como aproveitar o potencial que supón a chegada de persoas de fóra de Galicia como un xeito de incrementar o número de neofalantes.

Esta formación é de balde, ten unha duración de 20 horas e un límite de 20 prazas, que se cubrirán por orde de solicitude.

A inscrición presencial farase na Biblioteca Municipal da Casa da Cultura (Rúa Real s/n 1º andar).
15/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

IV Xornada sobre variación e cambio lingüístico

O Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela e o Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro organizan a IV Xornada sobre variación e cambio lingüístico, un encontro que reunirá o vindeiro 5 de novembro de 2026 a investigadores e investigadoras para difundir os seus estudos sobre a variación e o cambio lingüístico.

Nesta convocatoria, que terá lugar na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, presentaranse traballos vinculados co tratamento e análise de documentación oral, tanto para a investigación como para a súa aplicación ás tecnoloxías da fala.

Podes informarte sobre o programa e a inscrición nesta ligazón.
15/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Convocada a proba en liña para a obtención do Celga 4 no ano 2026

A Secretaría Xeral da Lingua convoca unha proba en liña para a obtención do Certificado de lingua galega 4 (Celga 4) en 2026. Poderán participar todas as persoas maiores de dezaoito anos ou que os fagan no ano natural da convocatoria.

A proba, para a que se dispoñen 200 prazas, terá lugar o 27 de novembro de 2026, sempre que ningunha circunstancia excepcional o impida.

As persoas que desexen inscribirse nesta convocatoria deberán presentar dúas solicitudes: unha a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para os efectos do rexistro oficial de entrada e a correspondente tramitación administrativa; e outra a través da plataforma de teleformación da Secretaría Xeral da Lingua, pois esta constitúe o soporte técnico indispensable para a realización da proba en liña.

O prazo de inscrición será de dez días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.
07/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso na Escola de Segunda Oportunidade de Santiago de Compostela para acadar o título de Competencias Básicas

As persoas interesadas en presentarse aos exames de Competencias Básicas teñen a posibilidade de recibir formación na Escola de Segunda Oportunidade que xestiona a Concellaría de Dereitos e Asuntos Sociais do Concello de Santiago de Compostela.

As clases, que comezan o 19 de outubro, impartiranse por ámbitos: o científico-técnico (matemáticas, física e química); o lingüístico (galego, castelán e lingua estranxeira) e o humanístico (historia e xeografía). Os exames oficiais convocaranse en abril e xuño.

O prazo de inscrición péchase o 15 de outubro de 2026. Para solicitar praza pódese enviar un correo electrónico a plandeinclusion@santiagodecompostela.gal ou chamar ao teléfono 618212859.

Máis información aquí.
01/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

A CTNL convoca un Curso de xestión administrativa para SNL

A Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua organiza unha actividade formativa centrada na nova normativa da tramitación administrativa, co fin de facilitar a xestión cotiá dos servizos de normalización lingüística. O curso impartirao Mónica Legaspi Díaz os días 15, 16 e 22 de outubro na Facultade de Filoloxía da USC.

O prazo para matricularse remata o 8 de outubro. Accede nesta ligazón a toda a información
01/10/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de elaboración de documentos administrativos da Deputación de Ourense

A Deputación Provincial de Ourense convoca un Curso de elaboración de documentos administrativos con linguaxe sinxela para a comunicación eficiente coa cidadanía dende a Administración Local.

Ao curso, que dá dereito a diploma de aproveitamento, terán preferencia de acceso os/as traballadores/as das entidades locais adheridas ao Programa de formación continua da Deputación do ano 2026.

O prazo de presentación das solicitudes rematará o martes 6 de outubro de 2026.

Os detalles dos contidos do curso e de como realizar a solicitude, podes consultalos aquí.
25/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas no Concello de Silleda

Como parte das accións do programa municipal Anduriña, orientado á integración sociocultural de persoas procedentes doutros países, o Concello de Silleda organiza un curso de lingua e cultura galegas.

As sesións terán lugar na Casa da Xuventude entre os días 19 e 27 de outubro, de 17:00 a 20:30 horas.

As persoas interesadas poden anotarse a través do tfno. 986 592 037 ou en info@silleda.gal. Esta formación concede un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.
23/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Chegan os XXVIII Encontros para a Normalización Lingüística: música, orgullo e identidade

Un ano máis, chega a cita cos Encontros para a Normalización Lingüística. Nesta edición, que fai a vinte e oito, poñen a súa mirada nun fenómeno emerxente, a mudanza da escena musical en galego que, por primeira vez en décadas, consegue interpelar de maneira directa á mocidade adolescente, un segmento de poboación moi relevante no mantemento e recuperación do uso da lingua galega.

Nesta xornada, que terá lugar o 20 de outubro de 2026 no pazo de Raxoi, artistas con propostas moi diversas conversarán sobre raíces e vangardas, mercado e compromiso e outros factores que dan forma a este espazo de oportunidade.

Consulta o programa e inscríbete. A inscrición é gratuíta e as prazas (limitadas a 100) cubriranse por orde de chegada das solicitudes.
11/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas en Vilalba

O Concello de Vilalba, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido principalmente a persoas maiores de 16 anos procedentes de fóra de Galicia que queren mellorar as súas competencias lingüísticas básicas en galego e coñecer a cultura de acollida.

O curso, de 20 horas de duración, impartirase na Sala de Xuntas do Concello os días 28, 29 e 30 de setembro, e 2, 5, 6, 7 e 9 de outubro de 2026, en horario de 19:00 h a 21:30 h. As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 25 de setembro.

Podes ampliar información premendo aquí.
11/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Formación en lingua galega para a comunidade universitaria da UVigo

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo presenta a oferta de formación en lingua galega para o primeiro cuadrimestre do curso 2026-2027.
Os cursos, dirixidos á comunidade universitaria da UVigo, son os seguintes: Curso de iniciación á lingua galega (40 h); Os erros máis frecuentes na lingua galega (30 h); A calidade lingüística na universidade (30 h); Linguaxe administrativa e xurídica (40 h); Corrección da escrita coas TIC (30 h).

As sesións desenvolveranse durante os meses de outubro, novembro e decembro de 2026, na modalidade en liña. O prazo de matrícula estará aberto ata o vindeiro 25 de setembro.

No Diario da Universidade de Vigo tes toda a información.
10/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Chamada para presentar comunicacións no V Congreso Internacional en Variación Lingüística nas Linguas Románicas

O Centro de Línguas, Literaturas e Culturas da Universidade de Aveiro e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela coorganizan o V Congresso Internacional em Variação Linguística nas Línguas Românicas, que se desenvolverá presencialmente os días 23, 24 e 25 de xuño de 2027 na Universidade de Aveiro (Portugal).

O congreso terá como obxecto central de estudo a variación e o cambio lingüístico nas liñas románicas, abranguendo disciplinas como a dialectoloxía, a dialectometría, a fonética, a fonoloxía, a prosodia, a sociolingüística, a morfosintaxe ou a lingüística de corpus, entre outras. As persoas interesadas en presentar comunicacións orais (de 20 minutos de duración) ou pósteres teñen de prazo ata o 1 de febreiro de 2027 para enviar os seus resumos.

Para ampliar información, preme aquí.
08/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de galego na USC para persoas de fóra de Galicia

O Centro de Linguas Modernas da USC presenta a oferta de cursos de galego deste primeiro semestre do curso 2026/2027. Trátase de cursos semestrais de galego (niveis A2, B1 e B2 do Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas) que se desenvolverán nos campus de Santiago de Compostela e Lugo.

Os cursos están dirixidos a persoas maiores de 16 anos procedentes de fóra de Galicia que desexan aprender o noso idioma. Non é imprescindible ser alumno/a da USC.

Para obter máis información sobre horarios e datas de docencia, así como sobre os prazos de matrícula, preme aquí.
03/09/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas en Oleiros

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido principalmente a persoas maiores de 16 anos procedentes de fóra de Galicia que queren mellorar as súas competencias lingüísticas básicas en galego e coñecer a cultura de acollida.

O curso, de 20 horas de duración, impartirase no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo os días 5, 7, 9, 14, 16, 19, 21 e 23 de outubro de 2026. As persoas interesadas teñen de prazo para inscribirse ata o 14 de setembro.

Na páxina web do SNL do Concello de Oleiros tes máis información.

27/07/2026. CURSOS E CONGRESOS

En liña os vídeos do XIX Curso de Verán "Traballando en lingua"

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña xa ten dispoñibles na súa canle de Youtube os vídeos do XIX Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística "Traballando en lingua", que se desenvolveu os días 7 e 8 de xullo deste ano 2026 en Carballo baixo o lema “Memoria democrática e lingua: a quimera da normalización”.

Podes consultalos premendo aquí.
22/07/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas en Narón

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Narón, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido principalmente a persoas maiores de 16 anos chegadas de fóra de Galicia que se achegan por primeira vez ao noso idioma ou queren mellorar as súas competencias básicas.

O curso, de 20 horas de duración, impartirase no local da A.VV Chafarís (no Alto do Castaño) entre o 3 e o 24 de setembro de 2026. O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 28 de xullo.

Na páxina web do SNL do Concello de Narón podes ampliar información.
08/07/2026. CURSOS E CONGRESOS

A relación de Galicia e Brasil será o fío condutor do XV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos

A Universidade Federal Fluminense (Niterói, Rio de Janeiro) acollerá entre os días 30 de xuño e 3 de xullo de 2027 o XV Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos, que reunirá académicos/as do campo das Ciencias Sociais e as Humanidades para reflexionar sobre a especial relación lingüística e cultural de Galicia e Brasil.

O comité organizador convida a comunidade académica dos estudos galegos a inscribir os seus paneis temáticos entre o 15 de xullo e o 15 de outubro de 2026. As comunicacións poderán presentarse entre o 20 de outubro de 2026 e o 31 de xaneiro de 2027.

Para ampliar información e coñecer outras datas de inscrición relevantes, preme aquí.
08/07/2026. CURSOS E CONGRESOS

Aberto o prazo de inscrición na XI Xornada de Onomástica Galega

A Real Academia Galega presenta o programa da XI Xornada de Onomástica Galega, organizada coa colaboración da Deputación Provincial de Pontevedra e o Museo de Pontevedra. Nesta edición os relatorios terán como fío condutor a relación entre onomástica e ecoloxía.

A xornada, coordinada por Ana Boullón e Luz Méndez, terá lugar o 10 de outubro de 2026 no Museo de Pontevedra. O prazo de inscrición remata o 5 de outubro.

Para consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición preme aquí.
30/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas en Valga

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga, en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, convoca un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido principalmente a persoas maiores de 16 anos chegadas de fóra de Galicia que se achegan por primeira vez ao noso idioma ou queren mellorar as súas competencias básicas.

O curso, de 20 horas de duración, impartirase entres os meses de setembro e outubro de 2026. O prazo de inscrición estará aberto ata o 29 de xullo de 2026. As persoas interesadas poden anotarse presencialmente nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 986 55 94 56 (extensión 2016).

Na páxina web do Concello de Valga podes ampliar información.
29/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

O CCG organiza unha xornada sobre a traxectoria dos Centros de Estudos Galegos

O vindeiro 17 de xullo de 2026 terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega (CCG), en Santiago de Compostela, a xornada Os Centros de Estudos Galegos a debate, organizada pola Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG. O obxectivo da xornada é analizar as máis de tres décadas de traxectoria desta rede de centros que funcionan como axentes relevantes na difusión exterior da lingua e a cultura galegas, sen perder de vista outras experiencias de difusión exterior de linguas minorizadas, como as desenvolvidas polo Institut Ramon Llull e o Etxepare Euskal Institutua.

Para coñecer o programa completo e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
25/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de introdución á lingua e cultura galegas no Concello da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello da Coruña e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia organizan este verán un curso de introdución á lingua e cultura galegas, dirixido a persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao noso idioma.

As sesións terán lugar no Edificio Administrativo Monelos (rúa Vicente Ferrer, 2) do 20 ao 30 de xullo de 2026, de luns a xoves en horario de tarde (das 16:00 ás 18:30 horas).

Na páxina web do SNL do Concello da Coruña podes ampliar información sobre os trámites de inscrición.
25/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de formación en lingua galega para o PDI da Universidade da Coruña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da Universidade da Coruña convoca tres cursos de formación en lingua galega para o persoal docente e investigador da UDC, que se desenvolverán en liña a través do Campus Virtual entre o 21 de setembro e o 23 de novembro de 2026.

Os cursos, deseñados segundo o nivel de competencia previa do alumnado, son os seguintes: Curso Básico de Aproximación á Lingua Estándar, Curso de Actualización de Competencias Lingüísticas e Curso Superior de Competencias Lingüísticas. O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de setembro de 2026.

Na páxina web do SNL da UDC podes obter máis información sobre os contidos e mais os trámites de inscrición.

23/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Cursos de linguaxe administrativa e mais preparatorios para o Celga nas EEOOII

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca cursos de linguaxe administrativa galega en liña (niveis medio e superior) e mais cursos preparatorios para a obtención dos certificados de lingua galega dos niveis Celga 2, 3 e 4, que se impartirán nas escolas oficiais de idiomas de Galicia no curso 2026/2027. Os cursos de linguaxe administrativa están dirixidos ao persoal das administracións autonómica e local galegas, así como ao da Administración periférica do Estado en Galicia, exceptuando o persoal docente e sanitario. Aos cursos preparatorios dos Celga poderán asistir todas as persoas maiores de dezaseis anos interesadas.

O prazo para a presentación das solicitudes abranguerá desde o 29 de xuño ata o 10 de xullo de 2026, para os cursos do primeiro cuadrimestre; e desde o 2 ata o 13 de novembro de 2026, para os cursos do segundo cuadrimestre.

Para consultar o texto da convocatoria, preme aquí. [Corrección de erros, que modifica a oferta de cursos Celga ofertados na EOI de Pontevedra]
08/06/2026. CURSOS E CONGRESOS

Curso de linguaxe xurídica para persoal da USC

A Facultade de Dereito e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela organizan un curso de linguaxe xurídica galega e accesibilidade comunicativa, dirixido a persoal docente e investigador (PDI) e a persoal técnico de xestión de administración e servizos (PTXAS). O curso, de 8 horas de duración, impartirase na modalidade presencial os días 16 e 17 de xuño de 2026 na aula de civil da Facultade de Dereito.

Na páxina web do SNL da USC tes toda a información.