Noticias

Arquivo da Emigración Galega (CCG). Rexistros1 a 30 de 191
26/06/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade “El Valle del Oro”

A construción da casa escola da parroquia de Santa María de Vilacampa (no Valadouro), a de Bacoi máis a de Adelán así como numerosas achegas para o funcionamento de escolas de Moucide, Santo Tomé e Santa Cruz son algunhas das contribucións que realizou en Galicia a sociedade "EL Valle de Oro, Sociedad de instrucción, protección y recreo" constituída en 1907 en Cuba por un grupo de emigrantes naturais dos concellos lucense de O Valadouro e Alfoz. Libros de actas, estatutos, a contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación desta sociedade que aínda está activa e que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.
19/06/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega incorpora o boletín da segunda etapa do Consello de Galiza

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de maio do boletín oficial informativo do Consello de Galiza. Son cinco números que van de 1963 a 1967, que se corresponden co intento de refundación da entidade orixinal que fora creada en 1944 en Montevideo por Castelao.
30/05/2025

Unha mesa redonda aborda o teatro galego na diáspora arxentina

O teatro, tanto en galego como en castelán, ocupou unha parte importante do lecer da colectividade galega emigrada en Arxentina a principios do século XX. A mesa redonda “O teatro galego na diáspora: o caso da Arxentina (1900-2025)” que organiza o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) o vindeiro luns, 2 de xuño (18:00 horas), reflexiona desde diferentes ámbitos sobre un dos fenómenos máis rechamantes da cultura galega na diáspora. A xornada presencial, pode seguirse en directo a través do web do CCG e as redes sociais.
29/05/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do “Centro Gallego do Rio de Janeiro”

En 1899 un grupo de galegos emigrados ao Río de Xaneiro decidiu unirse coa intención de crear unha sociedade que servise de referente para a colectividade galega residente no Brasil. Constituíronse un ano máis tarde baixo o nome “Centro Gallego do Rio de Janeiro”. Libros de actas, estatutos, a contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación desta sociedade que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.
15/05/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega suma novos números da publicación Orientación Gallega

O Repertorio da prensa da emigración galega proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de maio trinta números do xornal Orientación Gallega de Bos Aires.
24/04/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos de “Xuventude de Galicia. Centro Galego de Lisboa”

Libros de presenzas, actas, estatutos, libros coa contabilidade e folletos de numerosas actividades conforman a documentación da sociedade “Xuventude de Galicia. Centro Gallego de Lisboa” que o Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Unha iniciativa que permite visibilizar material procedente das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega para axudar a coñecer mellor o fenómeno migratorio.
16/04/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega inclúe varias publicacións do Centro Galego de Lisboa

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de abril varios números de tres publicacións editadas polo Centro Galego de Lisboa en distintas etapas: Juventud de Galicia, O Galego e Galicia ó lonxe.
27/03/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da sociedade Hijos de la Estrada

Varios libros de actas, os estatutos iniciais e o proxecto de reforma dos mesmos, así como varias memorias... son algúns dos documentos da sociedadad Centro Benéfico e Social Hijos de la Estrada que este xoves se soben á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Esta iniciativa do Arquivo da Emigración Galega, centro do Consello da Cultura Galega (CCG), permite visibilizar fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega
20/03/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega amplíase coa publicación Adiante

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de marzo cinco números de Adiante, publicación oficial das Mocedades Galeguistas, filial da sociedade arxentina Irmandade Galega.
27/02/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación “Calo y Viduido”

En agosto de 1920 un grupo de emigrantes en Cuba procedentes das parroquias veciñas de San Xoán de Calo (Teo) e de Santa María de Biduído (Ames), deciden crear unha sociedade para, entre outros fins sociais, financiar a construción de escolas na súa terra natal. Documentación desta sociedade chamada "Calo y Viduido. Sociedad de instrucción, recreo y socorros mutuos" forma parte da nova entrega do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, co que o Arquivo da Emigración Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), visibiliza fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega
13/02/2025

O Repertorio da prensa da emigración galega amplíase coa revista Vivero en Cuba

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de febreiro novos números de Vivero en Cuba, publicación oficial da Sociedade de instrución "Vivero y su comarca". Sociedade que naceu coa vontade, segundo os seus Estatutos, de “construir edificios para escuelas en todas las parroquias de los Ayuntamientos de Vivero, Orol, Muras, Riobarba, Jove y Cervo, y crear una escuela de Artes y Oficios”.
21/01/2025

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación Hijos del Ayuntamiento de Boiro

Un grupo de emigrantes de Boiro, comandados por Benigno del Río, funda en Bos Aires en 1931 a entidade “Sociedad Hijos de Parroquias Unidas del Ayuntamiento de Boiro” co obxectivo de crear unha escola e unha biblioteca circulante para achegar a lectura a todos os veciños da súa terra natal. Documentación desta sociedade, hoxe activa baixo o nome “Hijos del Ayuntamiento de Boiro”, conforma a nova entrega do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega, co que o Arquivo da Emigración Galega, servizo do Consello da Cultura Galega (CCG), visibiliza fondos documentais das entidades microterritoriais creadas na diáspora galega
20/01/2025

Documentación inédita da primeira homenaxe a Castelao abre un espazo web específico

A finais de setembro de 1975, Rianxo converteuse no epicentro dun acto histórico: a homenaxe a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no 25º aniversario do seu pasamento. Este evento non só foi un pioneiro recoñecemento ao legado dun dos maiores símbolos da identidade galega, senón tamén unha demostración de resiliencia fronte aos obstáculos impostos polo réxime franquista. A través de documentación exhaustiva preservada, o Consello da Cultura Galega (CCG) dá a coñecer o complexo proceso de organización que implicou colaboración transatlántica, negociacións con autoridades e unha paixón compartida por honrar a memoria de Castelao. Con este especial o CCG abre o apartado específico no seu web no que concentrará materiais sobre o intelectual.
16/01/2025

Repertorio da prensa da emigración galega inclúe un número especial da sociedade venezolana Hijos de la Estrada

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora este mes de xaneiro un número especial da publicación da sociedade Centro Benéfico Social Hijos de La Estrada, creada en Caracas en 1959. Trátase dun número conmemorativo que permite coñecer a historia da sociedade e inclúe creacións de distintos xéneros entre as que destaca a partitura do pasodobre “Estrada-Caracas” composta para a ocasión polo entón director da Banda da Estrada, Eulogio López Masid.
19/12/2024

O Repertorio de Prensa da Emigración suma 157 novos números do xornal anarquista Cultura Proletaria

O Arquivo da Emigración Galega (AEG), dependente do Consello da Cultura Galega (CCG), acaba de subir ao Repertorio de prensa da emigración 157 números do xornal anarquista Cultura Proletaria. Periódico de Ideas, Doctrina y Combate. É un dos xornais anarquistas de maior difusión, comezou a editarse en marzo de 1927 e estivo operativo ata 1953.
16/12/2024

Unha xornada analiza a Transición en Galicia

O final do franquismo (1973-1977) é o título da xornada coa que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o grupo de investigación da Universidade de Santiago (USC), HISPONA, abordan este martes (a partir das 9:30 horas) os diversos aspectos históricos e sociais que marcaron a Transición en Galicia e no conxunto do Estado. Emilio Grandío coordina esta cita na que investigadores como Manuel Ortiz Heras, Ana Cabana ou Luis Velasco achegarán múltiples perspectivas e reflexións críticas sobre este período histórico. A xornada, que se emite en directo polo web e as redes sociais da institución, pon o ramo ao convenio de colaboración entre ambas as dúas entidades
28/11/2024

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos da asociación bonaerense Casa de Galicia

Libros de actas, estatutos e varios folletos de actividade é o material pertencente á Asociación Casa de Galicia de Bos Aires que o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de subir á rede no marco do proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega. Uns documentos que permiten achegarse ao coñecemento desta sociedade asentada na capital arxentina que continúa a organizar actividades culturais, recreativas e de apoio á colectividade.
21/11/2024

A revista de xadrez Jaque xa se pode consultar no Repertorio da prensa da emigración galega

O Repertorio de prensa da emigración galega, proxecto do Arquivo da Emigración Galega (AEG) para a dixitalización e difusión de medios impresos promovidos pola diáspora, vén de incorporar a revista Jaque. Trátase dunha publicación editada pola "Peña de Ajedrez Alexandre Bóveda", fundada no Lar Gallego de Caracas en 1955. Esta revista, que viu a luz en xaneiro de 1960, tiña como obxectivo manter informados aos seus lectores sobre o "mundillo do xadrez” e divulgar esta práctica tanto dentro como fóra da Peña. Nesta entrega incorpóranse 19 números, do ano 1960 ao 1961. Xa se poden consultar dende o web corporativo do Consello da Cultura Galega (CCG).
24/10/2024

Caligrafías musicais céntrase na figura de José Arriola no seu 70 cabodano

O 24 de outubro de 1954 morre José Arriola (Betanzos, 1895-Barcelona, 1954), pianista prodixio do primeiro terzo do século XX. Con motivo do seu septuaxésimo cabodano, o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) do Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede a conferencia de Luis Mera Naveiras que ofrece unha panorámica da vida musical e familiar deste intérprete e compositor. É unha nova entrega do proxecto Caligrafías musicais, co que o CCG recupera conferencias de especialistas sobre figuras musicais destacadas do noso patrimonio sonoro.
24/10/2024

O Arquivo da Emigración Galega pon na rede fondos do Lar Gallego de Caracas

O Arquivo da Emigración Gallega do Consello da Cultura Galega (CCG) vén de incorporar ao proxecto Memoria documental das sociedades da emigración galega os fondos dispoñibles desta asociación da diáspora creada no ano 1945 e que perdurou ata 1960. O Lar Gallego foi unha institución pioneira dentro da colectividade galega no país, con eventos políticos e culturais. O CCG pon a disposición do público os libros de actas dende a súa fundación ata 1959, así como as actas das xuntas xerais de socias e un informe da Xunta Directiva. Toda a información está accesible no web corporativo da institución.
17/10/2024

O xornal estradense El emigrado incorpóranse ao Repertorio da prensa da emigración galega

O xornal El emigrado, editado pola Sociedad Hijos del Ayuntamiento de la Estrada en Cuba, xa forma parte do Repertorio da prensa da emigración galega, unha iniciativa do Arquivo da Emigración Galega (AEG) dependente do Consello da Cultura Galega (CCG). Nesta ocasión súbense 57 exemplares editados entre 1923 e 1924. Nas súas páxinas colaboraron persoeiros como Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Antón Villar Ponte, Antón Losada Diéguez, Basilio Álvarez ou Enrique Labarta Pose.
10/10/2024

Expertos destacan as dificultades dos emigrantes que retornan

"Os números de migrantes non palían o envellecemento da poboación nin tampouco axudan a reverter o despoboamento do rural", afirmou Antía Pérez Caramés, unha das tres coordinadoras do seminario celebrado hoxe, baixo o título Os retornos da emigración galega: unha ollada multidisciplinar. Organizado polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), profesionais da historia, demografía e socioloxía analizaron as características, perfís e o impacto social e económico das persoas emigrantes que regresan a Galicia. Na inauguración, o historiador e vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, destacou o traballo que a institución leva realizando na análise deste fenómeno desde hai un cuarto de século. Xunto con el, Begoña Solís Domínguez, subdirectora xeral de Retorno da Xunta de Galicia, salientou que "o retorno é unha oportunidade para Galicia, porque incorpora redes de contactos que poden xogar un papel clave". Os relatorios foron gravados e pódense consultar no web corporativo e na canle de YouTube.
09/10/2024

Un seminario analiza o retorno da emigración galega

O Arquivo da Emigración Galega (AEG), centro documental do Consello da Cultura Galega (CCG), organiza este xoves 10 de outubro (9:30 horas) o seminario “Os retornos da emigración galega: unha ollada multidisciplinaria”, no que se abordan as características, perfís e impacto social e económico das persoas emigrantes que regresan a Galicia. A xornada, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, pretende poñer o foco nas condicións de retorno dos emigrantes á luz dos resultados de investigacións recentes cun panel de expertos que abordará as diferentes caras do fenómeno. O vicepresidente do CCG, Xosé M. Núñez Seixas, e a subdirectora xeral do Retorno, María Begoña Solís Domínguez, inauguran esta actividade coordinada por Belén Fernández Suárez, Antía Pérez Caramés e Raúl Soutelo. O seminario pódese seguir en directo dende o web corporativo e as redes sociais do CCG
26/09/2024

Súbense á rede fondos documentais da Agrupación Artística Gallega da Habana

A Agrupación Artística Gallega da Habana, creada no ano 1919 e hoxe en activo, é esencial para entender a difusión da música e do teatro galegos en Cuba. Algúns dos fondos desta entidade conforman a nova entrega do especial web Memoria documental das sociedades da emigración galega que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) e xa dispoñible no web da institución.
19/09/2024

Un número especial de El Agrario incorpórase ao Repertorio da prensa da emigración galega

O Repertorio da prensa da emigración galega, proxecto que mantén o Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), incorpora neste mes de setembro un número especial da cabeceira El Agrario. Era o xornal que editou en Bos Aire o Centro Protección Agrícola del Distrito de Salceda.
09/09/2024

Visita do alumnado do instituto arxentino galego Santiago Apóstol

O vicepresidente, Xosé M. Núñez Seixas recibiu esta mañá a un grupo de alumnos de quinto de secundaria do instituto arxentino galego “Santiago Apóstol”, que realiza anualmente unha viaxe de estudos por Galicia. Acompañados polas docentes Macarena Fuentes e Gabriela Rilla, coñeceron a institución, viron a variedade de recursos que poden atopar nas nosas webs e recibiron un pequeno agasallo (o catálogo da exposición “Materiais Seoane” , o volume “Fardel de Eisilado” da Colección Clásicos da Emigarción que contén a reprodución facsimilar do texto e un estudo introdutorio de Gregorio Ferreiro Fente, entre outros materiais). Nese intercambio cultural, o alumnado deixou para o CCG un gravado da artista arxentina Mariana Hoffman (Tandil, 1965).
06/09/2024

Aberta en Guitiriz unha nova itinerancia da mostra O soño cubano da emigración galega

A Casa Habaneira acolleu esta mañá a inauguración da mostra O soño cubano da emigración galega, unha proposta do Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, que ilustra a fortaleza, a continuidade e a visibilidade da presenza galega na Habana. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, destacaron na inauguración a pegada da emigración nesta localidade lucense que se plasma no espazo no que pode ver a exposición ata o vindeiro 30 de setembro.
23/07/2024

O CCG publica a documentación da sección arxentina da Organización Republicana Gallega Autónoma (O.R.G.A.)

En 1929, trala fin a ditadura de Primo de Rivera, fúndase na Coruña a Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), unha entidade que vai ter un destacado papel na política da Segunda República. En 1930, un grupo de galeguistas residentes na Arxentina decidiron crear unha sección desta organización no país americano "para darlle difusión e apoio económico". O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega dixitalizou e puxo a disposición pública a documentación administrativa desta entidade dentro do seu programa Memoria documental das sociedades da emigración galega.
27/06/2024

O CCG pon a disposición pública a documentación do Círculo Habanero de los Naturales de la Devesa, Sociedad de Instrucción y Recreo

O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega pon a disposición pública a documentación recuperada da Habana (Cuba) do Círculo Habanero de los Naturales de la Devesa, Sociedad de Instrucción y Recreo, unha sociedade fundada por veciños do concello de Ribadeo en 1911 na capital cubana. A documentación, que permite estudar a xestión, administración e integrantes da sociedade, pódese consultar en liña e con libre acceso no repositorio do CCG, dentro do programa "Memoria documental das sociedades da emigración galega".
25/05/2024

Especialistas analizan o papel social das igrexas nos fluxos migratorios na Europa da posguerra

Asistencia humanitaria, actividades de lecer, tramitación de documentación... a asistencia social prestada polas diferentes confesións relixiosas durante os movementos migratorios producidos en Europa após a II Guerra Mundial tivo múltiples formas. Sobre elas afondaron especialistas de Italia, Francia, Portugal, Suíza e España na xornada Migracións, asistencia social e igrexas na Europa da posguerra organizada polo Arquivo da Emigración Galega (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG) que se celebrou durante os días 23 e 24 deste mes de maio. Xosé Manoel Núñez Seixas, vicepresidente do CCG e director do Arquivo da Emigración Galega (AEG), subliñou na inauguración a atención que “dentro do CCG sempre se prestou á diáspora galega”. As intervencións pódense consultar desde o web da institución.