Novas da lingua

Rexistros1 a 30 de 5363
23/04/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas ás entidades locais para a compra de novidades editoriais en galego

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica unha convocatoria de subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a compra de novidades editoriais en galego en formato físico e para mellorar as coleccións bibliográficas das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9:00 horas do 4 de maio de 2026 e rematará ás 20:00 horas do 4 de xuño de 2026, ambos incluídos.

Podes consultar o texto completo da convocatoria premendo aquí.
22/04/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas para a edición en galego de materiais didácticos curriculares

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude publica a convocatoria de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares, realizados en soporte impreso ou dixital, para niveis non universitarios. As axudas están dirixidas ás empresas mercantís do sector editorial e o prazo para a presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria.
21/04/2026. DINAMIZACIóN

Chega unha nova edición do programa Toponimízate

A Real Academia Galega e a Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia presentaron a novena edición do programa Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, deseñado para preservar e divulgar o patrimonio toponímico galego.

Nesta edición de 2026 as charlas divulgativas (principal acción do programa) desenvolveranse en 12 concellos galegos, entre os meses de abril e outubro de 2026. O encargado de impartir as charlas será Vicente Feijoo, filólogo da Unidade Técnica de Toponimia da RAG. Os/as asistentes terán a ocasión de coñecer a historia e a motivación dos topónimos do seu municipio, así como de familiarizarse coa plataforma colaborativa Galicia Nomeada.

Podes ampliar información sobre esta iniciativa premendo aquí.
20/04/2026. AXUDAS E PREMIOS

A serie “Pensión incompleta” recibe o Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español

Os gobernos de Galicia, Cataluña, Euskadi, Navarra, Valencia e Illas Baleares acordaron outorgar o Premio á Diversidade Lingüística do Estado Español á serie Pensión incompleta, producida polas televisións autonómicas TVG, EITB e 3CAT, e mais por Voz Audiovisual. Trátase dunha serie de ficción rodada en galego, éuscaro, catalán e castelán, que se estreará neste ano 2026.

Na páxina da TVG tes máis información.
20/04/2026. AXUDAS E PREMIOS

A CTNL resolve os VII Premios Mil Primaveras

O xurado dos VII Premios Mil Primaveras fixo públicos os catro proxectos seleccionados como gañadores desta edición, por seren modelos de boas prácticas no ámbito da normalización lingüística. As catro iniciativas galardoadas son As chaves da lingua (proxecto didáctico en liña para mellorar a competencia lingüística, creado pola docente Noemí García); Comando Le (grupo de activismo cultural de Espazo Lectura dirixido a adolescentes); O Dépor é da Coruña (campaña promovida polo alumnado do IES Rafael Dieste para solicitarlle ao Dépor que incorpore o topónimo oficial da cidade no nome do club); e Revolta Galega (iniciativa do CPI As Revoltas para normalizar o uso do galego no centro de xeito integral).

Os Premios Mil Primaveras están organizados pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, coa colaboración económica da Deputación Provincial de Pontevedra.

Podes ampliar esta nova premendo aquí.
17/04/2026. DINAMIZACIóN

A RAG presenta un documental sobre Begoña Caamaño

A Real Academia Galega estrea o documental “Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul”, unha peza na que se fai un percorrido pola vida e a traxectoria xornalística e literaria da autora á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. A obra está realizada por Miramemira, baixo a dirección de Adrián Varela e Alba López.

Na páxina web da RAG podes ampliar información.
16/04/2026. OUTRAS

A USC presenta o Dicionario esencial de psicoloxía (galego-español-inglés)

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela presentan o Dicionario esencial de psicoloxía, unha obra que define arredor de 1500 conceptos esenciais relacionados coa docencia dos estudos de grao e máster que se imparten nesta Facultade, xunto coas súas respectivas denominacións en galego, español e inglés. A maiores, a ferramenta tamén está deseñada como un apoio lingüístico para os profesionais que xa exercen nos diferentes ámbitos da psicoloxía (clínico, educativo, intervención social, deporte...).
13/04/2026. CURSOS E CONGRESOS

III Xornada das linguas, tradución e cousas xurídicas

Hoxe, 13 de abril de 2026, a partir das 16:00 h, terá lugar na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo a terceira edición da Xornada das linguas, tradución e cousas xurídicas, na que se falará do réxime lingüístico e do traballo de tradución xurídica no ámbito das institucións da UE. Tamén se tratarán, tanto desde a perspectiva teórica como práctica, cuestións relacionadas co uso da lingua na práctica xurídica.

A xornada está organizada pola Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a Facultade de Filoloxía e Tradución, o Instituto de Investigación Lingua e a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo.

Podes ampliar información premendo aquí.
13/04/2026. EMPREGO

Bolsa de emprego para a contratación de normalizador/a lingüístico/a no agrupamento A Baña e Negreira

O Concello da Baña publica as bases para a creación dunha bolsa de emprego, mediante o sistema de concurso-oposición, para a contratación laboral temporal de técnico/a de normalización lingüística (equivalente ao grupo A1 no caso de persoal laboral), ao abeiro do programa de subvencións FONL/2026 da Deputación da Coruña. O/a técnico/a prestará os seus servizos nos termos municipais da Baña e de Negreira, xa que os concellos de Negreira e A Baña asinaron un convenio de colaboración para compartir o Servizo de Normalización Lingüística.

As persoas interesadas en participar no proceso selectivo deben estar en posesión do grao en Lingua Galega, ou dalgunha das seguintes licenciaturas: Filoloxía Galego-Portuguesa, Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués). Así mesmo, tamén deben acreditar o CELGA 5 ou equivalente. O proceso de selección será o concurso-oposición.

O prazo para a presentación de solicitudes é de quince días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
10/04/2026. CURSOS E CONGRESOS

A UVigo debate sobre o potencial da IA xerativa no ámbito académico

O vindeiro 21 de abril de 2026 terá lugar no Edificio Redeiras (Praza do Berbés, 11. Vigo) a xornada “A IA xerativa tamén en galego”, organizada pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e a Área de Normalización Lingüística da UVigo. A iniciativa está dirixida principalmente ao profesorado universitario e ao persoal investigador das áreas técnicas (enxeñaría, informática, telecomunicación e humanidades dixitais), co obxectivo de que empreguen o galego como lingua académica á hora de incorporar a intelixencia artificial xerativa na súa práctica docente e investigadora.

O prazo de inscrición estará aberto ata o vindeiro 16 de abril de 2026.

Para consultar o programa completo da xornada e obter máis información sobre os trámites de inscrición, preme aquí.
08/04/2026. CURSOS E CONGRESOS

Xornada sobre a traxectoria do galego nos medios de comunicación públicos

A Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega organiza a xornada “Corenta anos de voces e pantallas multiplicando o galego. E agora que? I. A dobraxe”, que terá lugar o vindeiro 20 de abril de 2026 na sede do CCG, en Santiago de Compostela.

Catro décadas despois da creación da Radio Galega e da Televisión de Galicia, na xornada analizarase desde diferentes perspectivas (profesionais da lingua, analistas dos medios, actores e actrices de dobraxe, tradutoras e tradutores, docentes e persoas creadoras) a traxectoria do idioma galego neste espazo de comunicación pública, prestando especial atención ao ámbito da dobraxe, co ánimo de pór de relevo os avances acadados, así como as ameazas e os retos futuros.

A asistencia é gratuíta e as prazas cubriranse por orde de inscrición.
08/04/2026. DINAMIZACIóN

A primavera chega a Moaña, Pontevedra e Santiago con rechouchíos e apego á lingua

Os servizos de normalización lingüística (SNL) dos concellos de Moaña, Pontevedra e Santiago de Compostela ofertan novas actividades de dinamización lingüística dirixidas a público infantil e familiar, organizadas no marco do proxecto Apego.

Para os máis pequenos/as de Moaña e as súas familias, o Servizo de Normalización Lingüística, o Servizo de Igualdade e a Biblioteca Pública Municipal do Concello de Moaña organizan unha nova edición do programa Rechouchíos, con actividades infantís de teatro, monicreques, narración oral, humor e música que se desenvolverán entre os meses de marzo e abril de 2026.

Pola súa parte, o SNL do Concello de Pontevedra ofrécelles ás familias con nenos/as de 0 a 6 anos recursos, ferramentas e espazos de uso para apoiar a crianza en galego. Neste caso a nova programación de Apego desenvolverase entre os meses de abril, maio e xuño de 2026.

Tamén no marco do proxecto Apego, o Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago deseñou para público infantil de 0 a 6 anos o programa mensual de abril, cunha oferta de actividades lúdicas e didácticas que nesta ocasión teñen como fío condutor a chegada da primavera e o contacto coa natureza.
07/04/2026. AXUDAS E PREMIOS

Axudas da Xunta de Galicia para a promoción do galego na Administración local

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia publica as bases das subvencións ás entidades locais (excluídas as deputacións provinciais) para a promoción do galego durante o ano 2026. As axudas están destinadas á creación, mantemento ou reforzamento de servizos de normalización lingüística; así como ao desenvolvemento de programas de dinamización da lingua galega. Poderán optar a estas axudas os concellos ou os agrupamentos de concellos con poboación igual ou superior aos 3.000 habitantes.

O prazo de presentación de solicitudes é dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no DOG desta convocatoria.
06/04/2026. DINAMIZACIóN

O Concello de Betanzos premia a creatividade literaria e gráfica en galego

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Betanzos convoca dous certames deseñados para fomentar a creación literaria e o deseño de carteis en lingua galega.

O XVI Concurso de carteis das Letras Galegas está dirixido ao alumnado de educación primaria ou con diversidade funcional dos centros educativos de Betanzos, que deberán deseñar un cartel sobre Begoña Caamaño, a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2026. Os traballos presentados estarán expostos durante o mes de maio no edificio Arquivo e o gañador ilustrará o vindeiro programa das Letras Galegas do Concello de Betanzos. O prazo para presentar as propostas está aberto ata o 23 de abril de 2026.

Así mesmo, co gallo da conmemoración do Día Internacional do Libro e a Lectura (que se celebra o 30 de abril), o SNL convoca tamén o XIII Concurso de creación literaria, que inclúe tres categorías: unha dirixida a alumnado da ESO, outra a alumnado de bacharelato e ciclos formativos, e unha terceira aberta para calquera persoa maior de idade. Neste caso, os participantes teñen de prazo ata o vindeiro 30 de abril de 2026 para presentar os seus textos (relato curto ou poesía) en lingua galega, de temática libre.
31/03/2026. DINAMIZACIóN

A Xunta de Galicia aproba o novo Nomenclátor de Galicia

A Xunta de Galicia aprobou, no seu Consello do 30 de marzo de 2026, o novo Nomenclátor de Galicia, ratificando deste xeito a proposta de revisión, corrección e actualización do actual Nomenclátor de 2003 realizada polo Seminario de Onomástica da Real Academia Galega.

O novo Nomenclátor de Galicia de 2026 incorpora 1.665 topónimos (ata chegar a un total de 42.909) e modifica 2.531 topónimos. Catorce destas modificacións corresponden a nomes de concellos, que pasan a denominarse así: A Caniza, A Ribeira de Piquín, Alfoz do Castrodouro, Cangas de Morrazo, Cerdedo Cotobade, Mondariz Balneario, O Campo Lameiro, O Castro de Caldelas, O Porto do Son, O Riós, Oza Cesuras e Pastoriza.

Na páxina web da RAG podes consultar o documento que explica as razóns lingüísticas que xustifican as modificacións dos nomes destes catorce concellos, así como a publicación que recolle o traballo completo de revisión e actualización da toponimia oficial realizado polo Seminario de Onomástica e aprobado polo plenario da RAG o 20 de xuño de 2025.

No DOG do 10 de abril de 2026 publicouse o Decreto 27/2026, do 30 de marzo, polo que se aproba o Nomenclátor de Galicia.

Para ampliar información, preme aquí.
31/03/2026. DINAMIZACIóN

Campamento de inmersión lingüística no Barco de Valdeorras

O Concello do Barco de Valdeorras organiza un campamento de inmersión lingüística en galego dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 12 anos, que se está a desenvolver entre o luns 30 de marzo e o mércores 1 de abril de 2026. A iniciativa ten como obxectivo crear espazos propicios para o uso do galego fóra do ámbito escolar e, ao mesmo tempo, contribuír á conciliación familiar nestes tres días que non son lectivos, pero si son laborables para os maiores.

No xornal O Sil tes máis información sobre esta iniciativa.
27/03/2026. DINAMIZACIóN

Volve a Pontevedra o Galegote Rock

O Concello de Pontevedra presenta o programa da nova edición do Galegote Rock, deseñado para promocionar os grupos musicais que cantan en galego e crear espazos de uso para o noso idioma no ámbito do lecer. O cartel desta edición inclúe as seguintes bandas e artistas: Michu da Rocha; Dogo; Portosanto; Flip Corale; Law; Duendeneta Dilleis; Kid Mount; Eladio y los Seres Queridos; Allada; Chicharrón; e Montedapena. As actuacións terán lugar os días 24 e 25 de abril de 2026 en diferentes locais e prazas da cidade.

Na páxina web do Concello de Pontevedra podes ampliar información.
26/03/2026. CURSOS E CONGRESOS

En liña os vídeos do Curso de Verán “Traballando en lingua con inmigrantes”

O Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña estrea a súa nova canle de Youtube coa publicación dos vídeos da pasada edición do Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística “Traballando en Lingua”, que se desenvolveu os días 15 e 16 de xullo do pasado ano 2025 en Carballo baixo o lema “Traballando en lingua con inmigrantes”.

Ademais deste material audiovisual, tamén podes consultar en liña as conclusións dos grupos de traballo.
26/03/2026. CURSOS E CONGRESOS

Xornada no CCG sobre a recolla da memoria oral desde a escola

O Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega organiza a xornada Recoller a memoria oral desde a escola: experiencias e retos, que terá lugar o vindeiro 9 de abril de 2026 na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Na xornada reflexionarase sobre o valor pedagóxico do traballo de recolla das manifestacións propias da oralidade popular e presentaranse algunhas experiencias desenvolvidas no ámbito educativo.

A asistencia é gratuíta e as prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.

Para consultar o programa completo e acceder ao formulario de inscrición, preme aquí.
26/03/2026. DINAMIZACIóN

Guía para a normalización lingüística nos centros de ensino

CIG-Ensino publica a Guía para a normalización lingüística desde os equipos de normalización e dinamización da lingua galega (ENDLG), elaborada pola docente Valentina Formoso Gosende. A guía está dirixida ao profesorado que coordina ou participa nos ENDLG, e contén unha serie de reflexións, recomendacións e propostas de actividades que poden servir de inspiración e facilitar o traballo que se desenvolve nestes Equipos.

A iniciativa enmárcase na campaña Eu ensino en galego, que botou a andar en outubro do ano pasado co obxectivo de fomentar o compromiso do colectivo docente para que se converta en axente activo da normalización lingüística no ámbito educativo.

Na páxina web de CIG-Ensino tes máis información.
25/03/2026. AXUDAS E PREMIOS

V Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco Grande

A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo convoca a quinta edición do Premio de Investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco Grande. O certame comprende dúas modalidades: unha para o alumnado de calquera grao ou mestrado matriculado no sistema universitario de Galicia e do Estado; e outra para o alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, nos graos en Dereito, PCEO ADE-Dereito e Relacións Laborais e Recursos Humanos, e nos mestrados en Avogacía, Menores en situación de desprotección e conflito, e Dirección e Xestión Laboral. As persoas participantes deben acreditar a súa matrícula nos cursos 2022-23, 2023-24 ou 2024-25.

Outorgarase un premio de 500 euros en cada unha das modalidades e mais un diploma acreditativo. O prazo de presentación dos traballos remata o 10 de abril de 2026.

Para consultar as bases completas da convocatoria preme aquí.
24/03/2026. DINAMIZACIóN

A UVigo presenta a III edición do ciclo “A lingua galega no cinema”

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo organiza a terceira edición do ciclo "A lingua galega no cinema", que se desenvolverá entre o 23 de marzo e o 29 de abril de 2026 na sede do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia (edificio Cambón, Vigo).

O programa inclúe a proxección de catro longametraxes (Ramón Otero Pedrayo, dereito á paisaxe, de María José Bravo Bosch; O meu ilustrísimo amigo, de Paula Cons; San Simón, de Miguel Ángel Delgado; e Decorado, de Alberto Vázquez) e unha selección das curtametraxes galegas máis premiadas dos últimos anos (Hippocampus, de Xaime Miranda; Patios de luz, de Fran Rodríguez Casal; O corpo de Cristo, de Bea Lema; Delincuente, de Alba Domínguez Serén e Nuria Vilán Prado; e Adeus, Berta, de Fernando Tato).

Tras as proxeccións organizaranse unha serie de charlas-coloquio que permitirán reflexionar sobre a presenza da lingua galega no ámbito do cinema.

No Diario da Universidade de Vigo tes máis información.
24/03/2026. DINAMIZACIóN

A USC convoca o III concurso de edición da Galipedia

As comisións de normalización lingüística da Facultade de Matemáticas, da Facultade de Psicoloxía, da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, da Facultade de Enfermaría, da Faculade de Humanidades, da Facultade de Dereito e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC convocan o III Concurso de edición da Galipedia, dirixido á comunidade universitaria da USC no curso 2025/2026. Os obxectivos do certame son promover a produción e a difusión de artigos de calidade contrastada en lingua galega na Galipedia e fomentar a participación da comunidade universitaria nunha iniciativa colaborativa de extensión do saber e o coñecemento en lingua galega.

Os participantes deben editar na Galipedia un artigo ou un conxunto de artigos, ben creándoos de novo, ben mellorando de forma significativa algúns xa existentes. Os artigos deben pertencer a algunha destas áreas temáticas: psicoloxía; matemáticas; enxeñarías química, ambiental e informática, intelixencia artificial; enfermaría; patrimonio cultural galego; dereito e cultura xurídica; física de partículas.

Outorgaranse dous premios (un primeiro premio de 350 euros e un segundo premio de 150 euros) en cada unha das áreas de coñecemento.

O prazo de inscrición remata o 10 de maio de 2026. A data límite para a presentación dos traballos é o 20 de setembro de 2026.
23/03/2026. DINAMIZACIóN

Nova edición do Certame Literario Concello de Ames

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames presenta unha nova edición do Certame Literario Concello de Ames, que ten como obxectivo principal promover a creatividade en lingua galega. O concurso conta con dúas modalidades (narrativa e poesía) e en cada unha delas establece tres categorías, segundo a idade das persoas participantes. Os textos, de tema libre, deben ser inéditos e estar escritos en lingua galega.

O prazo de presentación de orixinais remata o 30 de abril de 2026.

Para ampliar información preme aquí.
23/03/2026. DINAMIZACIóN

Ciclos temáticos para promover a lectura en galego nas bibliotecas de Redondela

O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e as Bibliotecas Municipais promoven unha nova iniciativa destinada a difundir a literatura, tanto galega como internacional, editada en idioma galego. Trátase dunha campaña de promoción da lectura organizada a través de ciclos temáticos que mudarán trimestralmente. A iniciativa botou a andar cun ciclo dedicado aos Estados Unidos, en Redondela, e outro dedicado aos dereitos da muller, en Chapela.

Para ampliar información preme aquí.
23/03/2026. DINAMIZACIóN

Premios para a divulgación científica en galego no ensino medio

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, co apoio do Servizo de Normalización Lingüística, convoca a quinta edición do certame Petiscos de ciencia, co obxectivo de formentar a creación de recursos de divulgación científica en galego entre o estudantado de ensino secundario, bacharelato e formación profesional. O prazo de presentación de traballos remata o 15 de outubro de 2026.

Pola súa parte, a Facultade de Matemáticas da USC, en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística, convoca o XIV Concurso Explícoche Matemáticas 2.0, dirixido tamén a alumnado de ensino medio, para promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes breves nas que se explique en galego un concepto matemático. Neste caso, o prazo de presentación de traballos remata o 30 de abril de 2026.

Na páxina web do SNL da USC podes obter máis información sobre estas inciativas:
-Petiscos de ciencia 2026
-XIV Concurso Explícoche Matemáticas 2.0
23/03/2026. CURSOS E CONGRESOS

A debate o uso do galego na práctica profesional da psicoloxía

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza as IV Xornadas sobre bilingüismo: a lingua na práctica profesional da psicoloxía, nas que se tratarán os beneficios e a necesidade de usar o galego cos pacientes no ámbito profesional da psicoloxía. As sesións terán lugar o 28 de abril de 2026, a partir das 16:30 h, no salón de actos da Facultade de Psicoloxía da USC.

Podes obter máis información sobre o programa e os trámites de inscrición premendo aquí.
18/03/2026. CURSOS E CONGRESOS

Preséntase a vixésimosexta edición do Correlingua

CIG-Ensino, A Mesa pola Normalización Lingüística e a AS-PG presentaron a nova edición do Correlingua, que nesta ocasión levará como lema Co galego no corazón, facemos revolución. As festas Correlingua comezarán o 5 de maio en Santiago de Compostela e percorrerán diferentes localidades galegas ata rematar o 27 de maio en Lugo. Os centros de ensino que desexen participar, teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro 24 de abril.

Igual ca en pasadas edicións, o programa inclúe tamén unha regueifa colectiva, obradoiros de escrita creativa e dous concursos: crealingua (concurso libre de creación artística en galego) e cantalingua (concurso de música en galego).

No sitio web da iniciativa podes ampliar información.
18/03/2026. CURSOS E CONGRESOS

XXXV Xornadas de Lingua e Literatura

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a CIG-Ensino organizan unha nova edición das Xornadas de Lingua e Literatura, unha cita anual deseñada para ofrecer ferramentas didácticas útiles para a docencia da lingua e a literatura galegas, e para reflexionar sobre o proceso de normalización lingüística no ámbito do ensino. As sesións terán lugar o 18 de abril de 2026 no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela).

Podes consultar o programa completo premendo aquí. A inscrición é de balde e podes facela cubrindo este formulario.
16/03/2026. CURSOS E CONGRESOS

III Xeira CLARIAH-GAL

O vindeiro 29 de maio de 2026 terá lugar no salón de graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela a III Xeira CLARIAH-GAL, un espazo que quere servir de punto de encontro para integrantes de proxectos e grupos de investigación galegos que traballen no ámbito das Humanidades Dixitais e das tecnoloxías lingüísticas aplicadas á investigación en Humanidades e Ciencias Sociais.

O prazo de inscrición remata o 22 de maio.

Na páxina web do Instituto da Lingua Galega tes toda a información sobre o evento.